Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 25 de xuño de 2015 Páx. 25146

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2015 pola que se aproba o Plan de xestión da centola e do boi 2015-2016.

Feitos.

Tanto a centola (Maja brachydactyla) coma o boi (Cancer pagurus) son dúas especies de crustáceos decápodos presentes nas costas de Galicia e capturadas maioritariamente pola frota artesanal que traballa con aparellos de enmalle (miños maioritariamente), aínda que é necesario subliñar que cobra unha especial relevancia, no conxunto de descargas efectuadas pola frota artesanal, a especie centola.

Para ambas as dúas especies, máis do 70 % das descargas proceden da frota que traballa con miños, mentres que o resto é realizado por embarcacións que pescan con trasmallos, nasas e raeiras. Tradicionalmente, o período de veda anual destas especies foi establecido de xeito coincidente no tempo.

A xestión da pesqueira destas especies de crustáceos decápodos debe basearse no ciclo vital de cada unha delas. Son especies migratorias que realizan desprazamentos a zonas máis profundas para aparearse e, posteriormente, regresan a zonas menos profundas para realizar a posta. No caso da centola, os individuos adultos migran cara zonas máis profundas para aparearse durante os meses de setembro e outubro. Durante os meses de decembro e xaneiro regresan cara á costa. As femias de centola presentan dous períodos de posta ao longo do ano. O primeiro e máis importante prodúcese entre os meses de febreiro e xuño, e nel acádanse os valores máximos de femias ovadas (>25 %). O segundo período de posta ocorre no mes de setembro, xusto ao inicio do outono. Este período é moito máis curto que o da primavera, e xa para o mes de outubro a porcentaxe de femias ovadas diminúe ata o 10 %.

O ciclo migratorio do boi nas augas galegas é menos coñecido, aínda que moi semellante ao da centola, só que o boi é menos abundante nas nosas costas, ademais de ser capturado a maiores profundidades. Esta especie non é obxecto dunha pesqueira específica, senon que constitúe unha especie acompañante capturada con artes que teñen como obxecto a captura doutros crustáceos ou ben no caso de artes multiespecíficas.

Ao longo dos últimos anos demostrouse que a veda da centola, cando inclúe meses en que o número de femias ovadas é elevado, pode axudar a aumentar a biomasa reprodutora e a regular a pesqueira, sempre e cando se establezan cotas diarias de captura no período posterior á veda que eviten a concentración das capturas e a consecuente caída dos prezos no inicio da campaña extractiva.

O particular comportamento reprodutivo e as cambiantes condicións ambientais do medio mariño son os responsables das flutuacións anuais na actividade da frota, que concentra a súa actividade durante os meses de novembro e decembro, período de máximos rendementos (54 % do total da centola capturada no conxunto da campaña). A variabilidade interanual na abundancia do recurso fai necesario que a pesqueira da centola en augas galegas sexa abordada mediante un modelo de xestión adaptativa, con plans anuais que deberán basearse na información obtida do desenvolvemento da actividade extractiva dos anos precedentes.

Para a elaboración do novo plan de xestión da centola e do boi recibíronse propostas da Federación provincial de confrarías de pescadores da Coruña, da Federación provincial de confrarías de pescadores de Lugo e da Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

O Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula o uso da arte nasa para centola nos artigos 134 a 137 (inclusive).

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o Plan de xestión da centola e do boi baixo os seguintes termos e condicións.

1º. Ámbito de aplicación.

Augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para todas as embarcacións con artes menores e con porto base nesta comunidade, así como para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nas ditas augas.

2º. Vixencia do plan.

A época de vixencia do presente plan abranguerá desde o 6 de xuño do 2015 ata a data de inicio da veda do ano 2016, que se fixará no correspondente plan de xestión que se publicará antes da seguinte veda.

3º. Período de veda.

O período de veda para o ano 2015 queda establecido como segue:

– Na provincia de Pontevedra, desde cabo Corrubedo ata A Guarda: do 6 de xuño ata o 7 de novembro de 2015, ambos os dous inclusive.

– Na provincia da Coruña, desde cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares: do 21 de xuño ata o 14 de novembro de 2015, ambos os dous inclusive.

– Na provincia de Lugo desde cabo Estaca de Bares (incluíndo a ría do Barqueiro) ata o río Eo: do 30 de xuño ata o 28 de novembro de 2015, ambos os dous inclusive.

Por tanto, nestes períodos queda expresamente prohibida a captura da centola e do boi por medio de calquera arte en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. As embarcacións dedicadas a captura de centola e boi con nasas deberán retirar estas do seu calado e levalas a porto.

No ámbito deste plan, mentres non estean abertas todas as zonas, as embarcacións con porto base situado nunha zona pechada non poderán desprazarse para realizar labores de pesca a unha zona aberta.

4º. Especies.

As especies de captura obxecto deste plan serán a centola (Maja brachydactyla) e o boi (Cancer pagurus). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

5º. Artes de pesca.

Terase en conta o regulado no artigo 54 do citado Decreto 15/2011, do 18 de xaneiro, que establece a utilización da arte do miño durante todo o ano, salvo no período de veda dalgunha especie ou zona. Non se poderá pescar, en ningún caso, por dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo II, salvo no período de veda da centola e do boi, que deberá empregarse por fóra das liñas de referencia do anexo I.

Así mesmo, e en relación ao uso da arte da raeira, no artigo 58 número 3, establece que, na época de veda da centola e do boi, non se poderá pescar con raeira por dentro das liñas de referencia do anexo I.

As características e o número máximo de nasas permitido para a captura de centola veñen establecidas nos artigos 134 e 135 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

6º. Cotas máximas diarias de captura e desembarco.

A cota máxima será de 35 kg por barco e día, ao cal se engadirán 35 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo.

7º. Puntos de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

8º. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

9º. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

10º. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar