Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 7 de xullo de 2015 Páx. 28141

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de xuño de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, na rúa das Penas número 9 C en Aríns.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación referida e xunta proxecto redactado polo arquitecto Manuel Barrera López, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da CPTOPT do 3.10.2007 (aprobación parcial) e do 1.9.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 27.2.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan informes municipais xurídico e técnico do 17.10.2014 e informe da Secretaría Xeral do Pleno do 20.10.2014, nos cales se propón a aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 31.10.2014. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego, La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia do 10 de decembro). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Ames, Boqueixón, Teo, Vedra, Trazo, Oroso, O Pino e Val do Dubra, así como a diversos afectados. Foron presentadas catro alegacións, segundo o certificado do 11.2.2015.

5. No expediente consta un informe técnico e xurídico municipal do 13.2.2015 no que se propón a aprobación provisional da modificación.

6. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno do 4.3.2015.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta a parcela catastral 0054704NH4405C0001UM, duns 1.750 m2, situada no lugar da Devesa, que é unha subparcela doutra maior de superficie catastral de 3.656 m2. A parcela ten acceso a través dun camiño que arranca da rúa das Penas.

2. O PXOM vixente (follas M-31 e N-31 do plano de ordenación 1/2000) clasifica a parcela como solo urbano na categoría de consolidado e cualifícaa coa Ordenanza 5 de vivenda unifamiliar en ringleira (artigo 142 da normativa do plan xeral).

3. O plano de ordenación grafa especificamente as aliñacións da rede viaria, cunha liña vermella, sen incluír o camiño descrito no número anterior, de xeito que a parcela obxecto da modificación non ten contacto coa rede viaria prevista para o solo urbano no PXOM.

4. A modificación ten por obxecto:

a) Trazar as aliñacións do camiño da rúa das Penas á parcela, na parte clasificada como solo urbano, e establecer a cualificación de vía nun largo de 8 m no camiño e nunha área de aproximadamente 10×10 m no fondo de saco que o remata, de xeito que queda completada a ordenación, xa que a fixación de aliñacións e rasantes é unha determinación necesaria do plan xeral no solo urbano consolidado non remitido a planeamento de desenvolvemento (artigo 54.f da LOUG). No trazado inclúese a totalidade da aliñación co camiño no seu linde sur, que conforma un límite do solo urbano co solo urbanizable non delimitado SUND-21.

b) Recualificar a parcela da Ordenanza 5 de vivenda familiar en ringleira á Ordenanza 6 de vivenda unifamiliar extensiva, variante 6 B, para conseguir unha maior adaptación da ordenación ás características da parcela.

III. Análise e consideracións.

1. Promoción da modificación: a formulación desta modificación (artigo 81.1 da LOUG e a sensu contrario o 79.1 dela) corresponde ao Concello e non ao solicitante que figura no proxecto, e non poderá, en consecuencia, considerarse a modificación como un plan de iniciativa particular para os efectos do artigo 79 da LOUG.

2. Razóns de interese público da modificación (artigo 94.1 da LOUG): a alteración da ordenación do ámbito afectado para non deixar unha parcela en solo urbano como non susceptible de desenvolvemento urbanístico e/ou edificatorio pode conceptuarse como unha razón de interese público suficiente para motivar unha modificación do plan xeral ao abeiro do artigo 94.1 da LOUG.

3. Ordenación: a vía proposta, que se corresponde co camiño existente, pode considerarse xustificada no solo urbano consolidado, cos criterios do artigo 46.1 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela, na rúas das Penas nº 9 C en Aríns.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas