Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 22 de xullo de 2015 Páx. 30571

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 101/2015, do 18 de xuño, polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos e se regula o seu funcionamento.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 29.1, atribúelle á comunidade autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución Española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, polo que asume as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, lle correspóndelle, entre outras, a execución das competencias en materia laboral.

O artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores establece que cando concorran na empresa causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, e non se chegue a un acordo entre a empresa e as persoas representantes dos traballadores e traballadoras para deixar de aplicar as condicións de traballo pactadas en convenios colectivos de sector ou de empresa, as discrepancias xurdidas poderán someterse á Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou aos órganos correspondentes das comunidades autónomas.

Como desenvolvemento do disposto na anterior lei, publicouse o Real decreto 1362/2012, do 27 de setembro, polo que se regula a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos e, pola súa vez, o Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral das persoas traballadoras de maior idade e promover o envellecemento activo, incorpora unha disposición adicional sexta en que sinala que, se nun prazo de tres meses a partir da entrada en vigor do citado real decreto lei, as comunidades autónomas non tivesen constituído e posto en funcionamento un órgano tripartito equivalente á Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, ou subscrito un convenio de colaboración co Ministerio de Emprego e Seguridade Social en que se acorde a actuación da comisión no seu ámbito territorial, a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos poderá, subsidiariamente e en canto non se constitúan os ditos órganos tripartitos equivalentes, coñecer das solicitudes presentadas polas empresas e representantes legais das persoas traballadoras para dar solución ás discrepancias xurdidas por falta de acordo sobre a inaplicación das condicións de traballo presentes no convenio colectivo de aplicación, cando esta inaplicación afecte centros de traballo da empresa situados no territorio dunha comunidade autónoma.

O 15 de outubro de 2013, a Comunidade Autónoma de Galicia subscribiu o correspondente convenio co Ministerio de Emprego e Seguridade Social, publicado no Boletín Oficial del Estado do 7 de febreiro de 2014.

Por medio do presente decreto a Comunidade Autónoma de Galicia quere dotarse dun marco propio de decisión, e para os centros de traballo das empresas situados no territorio da Comunidade Autónoma no que se corresponsabilicen os axentes sociais galegos xunto coa Administración laboral autonómica. Terá a súa sede no Consello Galego de Relacións Laborais, por ser este un ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais, configurado como tal pola Lei 5/2008, do 23 de maio, da súa creación.

Con respecto á estrutura, este regulamento consta de tres capítulos, que conteñen vinte artigos, cinco disposicións adicionais e tres derradeiras.

O capítulo I, baixo a denominación de disposicións xerais, integra tres artigos, que establecen cal é o obxecto do decreto e regulan o tocante á natureza e réxime xurídico do órgano que se crea, e as súas funcións.

O capítulo II consta de dúas seccións. Na primeira, que comprende os artigos 4 a 8, defínese a composición e a organización da comisión, e na sección segunda, que comprende os artigos 9 a 11, establécense as normas de funcionamento en relación coas xuntanzas e adopción de acordos, e regularánse, ademais, os datos de carácter persoal e os consentimentos e autorizacións.

O capítulo III, que comprende os artigos 12 a 20, regula a lexitimación para solicitar a actuación da comisión, o desenvolvemento da actuación decisoria, o inicio do procedemento, a documentación, a tramitación e resolución no seo da propia comisión ou mediante arbitraxe, o procedemento para nomear as persoas que van actuar como árbitros/as e que deberán estar incluídas nunha lista específica, e a designación das persoas que actuarán en cada caso.

De conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, durante a tramitación do proxecto, tras a publicación na páxina web da consellería, emitiron o seu informe os órganos competentes en materia de orzamentos, función pública e igualdade, así como conxuntamente os órganos con competencias horizontais en materia de Administración electrónica e avaliación e reforma administrativa da Xunta de Galicia. O proxecto foi sometido ao ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e emitiu informe pola Asesoría Xuridica.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto crea a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos e regula a súa composición, funcións e funcionamento, en desenvolvemento do establecido no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos é un órgano de carácter colexiado dos previstos na Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, decisorio e de composición tripartita, integrado por representantes da Administración pública autonómica e das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, que non ten carácter de órgano de participación institucional.

2. Está adscrita á consellería competente en materia de traballo, a través da dirección xeral con competencias en materia de convenios colectivos, quen achegará o apoio administrativo e material necesario, exerce as súas competencias con independencia e autonomía funcional propias e terá a súa sede no Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 3. Funcións

A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos desenvolverá, sen prexuízo das atribucións que corresponden á autoridade laboral e á xurisdición competente nos termos establecidos nas leis, así como das previsións recollidas nos sistemas de solución autónoma de conflitos fixados pola negociación colectiva, as seguintes funcións decisorias:

a) Adoptar o acordo e resolver, no seu propio seo, o conflito suscitado, cando, seguindo o procedemento previsto no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, concorran na empresa causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, non se chegue a un acordo entre a empresa e as persoas representantes dos traballadores e traballadoras para deixar de aplicar as condicións de traballo pactadas en convenios colectivos de sector ou de empresa e sempre que só afecten centros de traballo situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Adoptar o acordo de designar unha persoa que arbitrará sobre como se vai resolver a discrepancia xurdida entre a empresa e a representación das persoas traballadoras, en canto á non aplicación das condicións de traballo pactadas nos convenios colectivos referidos anteriormente, se a resolución de desacordo se leva a cabo polo procedemento de designación arbitral regulado neste decreto.

CAPÍTULO II
Composición, organización e funcionamento

Sección 1ª. Composición e organización

Artigo 4. Composición

1. A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos estará integrada por persoas significadas en materia de relacións laborais, que serán representantes da Administración pública autonómica galega e dos axentes sociais galegos de carácter intersectorial máis representativos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte distribución:

a) Presidencia, que corresponderá á persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais.

b) Tres vogais en representación da consellería con competencias en materia de traballo, un/unha deles será a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de convenios colectivos, designados pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo.

c) Tres vogais en representación das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Tres vogais en representación das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A designación das persoas membros, titulares e suplentes, que non pertenzan á Administración autonómica realizarana os órganos de representación da entidade a que pertenzan.

2. Designarase por cada grupo de representación igual número de suplentes para substituír os vogais titulares. As persoas suplentes substituirán as persoas titulares en caso de ausencia, vacante ou enfermidade ou cando concorra causa xustificada.

3. Na designación das persoas integrantes da comisión promoverase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. As persoas membros desta comisión, titulares e suplentes, referidas nas letras c) e d) do parágrafo primeiro, serán nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo, por proposta das organizacións sindicais e empresariais mencionadas no presente artigo.

5. Para os efectos previstos neste artigo, entenderase por organizacións sindicais intersectoriais máis representativas aquelas que reúnan os requisitos sinalados nos artigos 6 e 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e por asociacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia as que reúnan os requisitos sinalados na disposición adicional sexta do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.

6. Cando se produza vacante por renuncia, cesamento ou revogación expresa, procederase ao nomeamento da persoa que a substitúa polo sistema descrito anteriormente.

7. Por iniciativa dos membros da comisión, e logo de autorización da Presidencia, poderán asistir ás deliberacións, con voz e sen voto, persoas expertas designadas por cada unha das organizacións representadas nela.

8. A Secretaría da Comisión, con voz pero sen voto, desempeñaraa a persoa titular da Secretaría do Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 5. Presidencia da comisión

1. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia:

a) Desempeñar a representación da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Exercer o seu dereito ao voto e dirimir con este os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

f) Asegurar o cumprimento das leis.

g) Exercer cantas funcións sexan intrínsecas á titularidade da Presidencia.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Presidencia, será substituída pola persoa que nomee a persoa titular do departamento con competencias en materia laboral.

Artigo 6. Secretaría da Comisión

1. Correspóndelle á persoa titular da Secretaría da Comisión:

a) Asistir ás reunións da comisión con voz, pero sen voto.

b) Preparar o despacho dos asuntos.

c) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da súa Presidencia, así como facer as citacións aos membros desta.

d) Recibir os actos de comunicación dos membros do órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

e) Redactar as actas das sesións e expedir certificacións relativas a actuacións da comisión.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á titularidade da Secretaría.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría, será substituída pola persoa que nomee a persoa titular da Presidencia da Comisión.

Artigo 7. Vogais da comisión

Correspóndelles ás persoas vogais da comisión:

a) Coñecer previamente ás reunións a información precisa sobre os temas obxecto destas.

b) Exercer o seu dereito a voto, abstención ou a reserva de voto, así como o seu voto particular, de ser o caso, en decisións que se aproben por acordo maioritario; na acta poderanse facer constar os motivos que o xustifiquen.

c) Participar nos debates das sesións.

d) O dereito a ser informadas de maneira precisa para cumprir coas súas funcións.

e) Formular suxestións e preguntas.

f) Cantas outras facultades lles sexan intrínsecas pola súa condición.

Artigo 8. Duración nos cargos e causas de cesamento

1. As persoas integrantes da comisión que pertenzan á Administración pública autonómica desempeñarán as súas funcións durante todo o tempo que ocupen o posto no seu centro directivo, e cesarán cando deixen de ocupalo. As vacantes deberanse cubrir nun prazo máximo de dous meses.

2. As persoas que fosen designadas polas organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas desempeñarán as súas funcións mentres non exista unha revogación expresa do seu nomeamento.

Sección 2ª. Funcionamento

Artigo 9. Xuntanzas e adopción de acordos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos

1. A Comisión reunirase, logo de convocatoria da persoa titular da Presidencia, cando menos, unha vez cada seis meses e, ademais, sempre que sexa necesario para o desenvolvemento da súa actividade, por iniciativa propia ou por petición da maioría de calquera das representacións que integran a comisión.

2. A convocatoria de cada reunión da comisión deberá sinalar día, hora e lugar da reunión en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día, que será pechada, e á cal se xuntará a documentación precisa para o estudo previo dos asuntos incluídos nela. Efectuarase sempre por escrito, preferentemente por medios electrónicos, sempre que se cumpra cos requisitos do artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada da convocatoria notificada, así como o acceso ao seu contido e, en todo caso, polos medios máis idóneos para garantir a recepción, cunha antelación mínima de cinco días.

3. A comisión adoptará as súas decisións preferentemente por consenso e, de non ser posible, adoptaranse por maioría absoluta dos seus membros con dereito a voto.

4. Para a validez das deliberacións e acordos da comisión requirirase a presenza da persoa titular da Presidencia, ou de quen a substitúa, e da metade, cando menos, dos seus membros e da persoa titular da Secretaría ou de quen a substitúa.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es .

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

CAPÍTULO III
Procedemento para a inaplicación dun convenio colectivo

Artigo 12. Lexitimación

Estarán lexitimadas para solicitar a actuación da comisión:

a) As empresas que vaian inaplicar as condicións de traballo dun convenio colectivo que afecten un centro de traballo situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A representación legal das persoas traballadoras. Nos supostos de ausencia de representación legal das persoas traballadoras da empresa, estas poderán atribuír a súa representación a unha comisión designada conforme o disposto no artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores, integrada por traballadores e traballadoras da propia empresa e elixida por estes democraticamente, ou a unha comisión de igual número de compoñentes designados segundo a súa representatividade polos sindicatos máis representativos do sector a que pertenza a empresa e que estivesen lexitimados para formar parte da Comisión Negociadora do convenio colectivo que é de aplicación.

Artigo 13. Obxecto e requisitos da actuación decisoria

1. A comisión, en exercicio das súas funcións, resolverá a discrepancia xurdida entre a empresa e a representación legal das persoas afectadas por falta de acordo nos procedementos de inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo aplicable a que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, sempre que concorran as condicións sinaladas no dito artigo.

2. Será exixible que concorran, xunto coa discrepancia, as seguintes condicións:

a) Que non se teña solicitado a intervención da comisión paritaria do convenio ou, no caso de terse solicitado, non se acadase un acordo. Non obstante, será preceptivo solicitar a intervención da comisión paritaria cando así estivese establecido no convenio colectivo.

b) Que non sexan aplicables os procedementos establecidos no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) ou, de seren aplicables, cando se tivese recorrido a eles sen que se resolvese a discrepancia.

3. Recibida a solicitude, a comisión reunirase e decidirá, nun prazo máximo de 48 horas e por maioría absoluta dos seus membros, se resolve a dita solicitude de inaplicación do convenio colectivo no seu seo, de modo directo. Se non fose así, de modo inmediato iniciarase o procedemento de designación da persoa que vaia arbitrar, para que emita un laudo vinculante para as partes que resolva definitivamente a solicitude.

4. En todo caso, a discrepancia resolverase mediante procedemento arbitral cando as partes en conflito o soliciten de mutuo acordo.

5. A decisión arbitral ou a adoptada no seo da comisión terá que ditarse nun prazo non superior a vinte e cinco días, contados desde a data do sometemento da discrepancia á comisión. Tal decisión terá a eficacia dos acordos acadados no período de consultas e só será recorrible conforme o procedemento e con base nos motivos establecidos no artigo 91.2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 14. Inicio do procedemento

1. A presentación das solicitudes deste procedemento realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I a esta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Á solicitude xuntarase a documentación que se detalla no artigo 15, que se presentará electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Na solicitude deberase indicar o motivo da discrepancia e a pretensión de cales son as condicións de traballo que se inaplicarán. Para estes efectos, deberán determinarse con exactitude as novas condicións de traballo aplicables á empresa e o seu período de inaplicación. Así mesmo, indicaranse enderezos de correo electrónico da empresa e de quen represente as persoas traballadoras, para os efectos de recibir notificacións.

4. Unha vez presentada a solicitude e a documentación, a persoa solicitante deberá entregar unha copia desta á outra parte discrepante.

5. No caso de existiren defectos na solicitude, de que estea incompleta a documentación ou de que non se cumpran os requisitos exixidos, os servizos administrativos da dirección xeral con competencias en convenios colectivos requirirá a quen presentase a solicitude para que, nun prazo de dez días hábiles, corrixa os defectos ou faltas observadas, con apercibimento de que, de non facelo así, se lle terá por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Corrixida a solicitude ou a documentación requirida, a persoa que a presentou deberá entregar copia desta á outra parte discrepante.

6. Unha vez completado o expediente, os servizos administrativos da dirección xeral con competencias en convenios colectivos darán vista deste á outra parte, e comunicaranlle o inicio do procedemento para que, no prazo de sete días hábiles, formule as alegacións que considere pertinentes e achegue cantos documentos considere de interese, na sede electrónica da Xunta de Galicia, do mesmo xeito ca o indicado no número 1 deste artigo, unicamente por medios electrónicos, a través da solicitude do procedemento TR861B, documento que figura como anexo II a este decreto.

Artigo 15. Documentación

1. Na solicitude, procedemento TR861A, que figura como anexo I a este decreto, deberá reflectirse a seguinte información:

a) Identificación da persoa solicitante, do/s centro/s de traballo afectado/s e enderezo de correo electrónico.

b) Identificación das persoas representantes dos traballadores e traballadoras afectados/as, con indicación, en todo caso, do nome, documento nacional de identidade e enderezo de correo electrónico para os efectos de efectuar comunicacións.

c) Identificación do convenio colectivo aplicable vixente do cal se pretenden inaplicar determinadas condicións de traballo, con indicación do seu código e a súa vixencia temporal.

d) Declaración responsable de non ser aplicable, á parte que insta o procedemento, o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) ou, de ser aplicable, acreditación de ter sometido a discrepancia a tal procedemento e resultado deste.

e) Relación pormenorizada das condicións de traballo do convenio colectivo que se pretenden inaplicar e a súa incardinación entre algunha ou algunhas das materias previstas nas letras a) a g) do parágrafo segundo do artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, detallando as novas condicións de traballo que se queren aplicar e o período durante o cal se pretenden establecer.

2. Á solicitude deberá xuntarse a seguinte documentación en formato electrónico:

a) Acreditación de terse levado a cabo o período de consultas e, de ser o caso, actas das reunións levadas a cabo e posición da outra parte que dá lugar a discrepancia.

b) No suposto de terse sometido a discrepancia á comisión paritaria do convenio colectivo, acreditación de tal circunstancia e, de ser o caso, pronunciamento desta.

c) Documentación relativa á concorrencia das causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción.

Para estes efectos, tomarase como referencia a documentación que sexa preceptiva na comunicación dos despedimentos colectivos, tendo en conta que cando as causas económicas alegadas consistan nunha diminución persistente do nivel de ingresos e vendas, deberá presentar, ademais, a documentación que acredite que se produciu a dita diminución durante os últimos dous trimestres consecutivos.

d) Acreditación de ter entregado á outra parte discrepante unha copia da solicitude presentada á comisión, xunto coa documentación que se require neste artigo.

e) Número e clasificación profesional das persoas traballadoras afectadas pola inaplicación das condicións de traballo do convenio colectivo en vigor. Cando afecte máis dun centro de traballo, esta información deberá detallarse por centro de traballo e, de ser o caso, por provincia.

f) Conformidade, de ser o caso, das partes discrepantes sobre o procedemento para a solución desta entre os establecidos no artigo 13.3 e, de optar pola designación dun/ha árbitro/a entre persoas expertas imparciais e independentes, de ser o caso, conformidade sobre o seu nomeamento.

g) Información sobre a composición da representación das persoas traballadoras, así como da comisión negociadora, especificando se son representación unitaria ou representación elixida de acordo co artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores.

h) No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.

Artigo 16. Tramitación no seo da comisión

A resolución do conflito procederá no seo da comisión cando así o decidan os seus membros:

1. Unha vez recibida a solicitude polos servizos administrativos postos á disposición pola dirección xeral competente en materia de convenios colectivos e, de ser o caso, despois de ser emendada, enviarase, xunto cun informe emitido pola referida dirección xeral, por medios telemáticos, á Secretaría da comisión, quen lles dará traslado, xunto coa documentación achegada e as alegacións da outra parte, a todas as persoas integrantes desta comisión, así como á Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social. A esta última solicitaráselle informe co fin de que o emita nun prazo de 10 días. Durante este prazo a Secretaría da comisión poderalles solicitar ás partes a documentación complementaria ou aclaracións que se consideren necesarias.

2. Unha vez recibidos os informes a que se refire o número anterior, reunirase a comisión, logo de convocatoria da Secretaría da comisión realizada para o efecto cunha antelación de cinco días. Xunto coa convocatoria remitiranse os informes recibidos. A comisión adoptará a decisión resolutoria e motivada do expediente por consenso e, de non ser posible, adoptarase por maioría absoluta dos seus membros con dereito a voto:

a) No caso de pronunciamento positivo sobre a concorrencia das causas alegadas, a comisión deberá pronunciarse sobre a pretensión de inaplicación, polo que valorará a súa adecuación en relación coa causa alegada e os seus efectos sobre as persoas traballadoras afectadas e autorizará a inaplicación das condicións laborais pactadas. A comisión poderá aceptar a pretensión de inaplicación nos seus propios termos ou propor a inaplicación destas condicións de traballo en distinto grao de intensidade e, así mesmo, pronunciarase sobre a duración do período de inaplicación desas condicións.

b) No caso de pronunciamento negativo pola non concorrencia das causas alegadas, non autorizará a inaplicación das condicións laborais pactadas no convenio colectivo.

3. A comisión resolverá e comunicaralles ás partes afectadas a súa decisión dentro do prazo máximo establecido desde que a solicitude se presentase. A súa decisión será vinculante e inmediatamente executiva, de acordo co que dispón o artigo 91 do Estatuto dos Traballadores, e deberá ser comunicada á autoridade laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o seu depósito, de xeito telemático, a través do programa de rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo Rexcon.

Artigo 17. Supostos nos cales procede a resolución mediante arbitraxe

Cando así o decida a comisión, de acordo co disposto no artigo 13.3, ou cando as partes o decidan de mutuo acordo, a discrepancia someterase ao procedemento de arbitraxe. Cando non exista conformidade entre as partes afectadas pola discrepancia na designación da persoa que vai arbitrar, haberá que aterse á persoa que designe a Comisión, de acordo co procedemento establecido no artigo 19.

Artigo 18. Nomeamento de árbitros/as

1. As persoas que vaian realizar labores de arbitraxe terán que estar incluídas nunha listaxe específica adscrita á Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos. Terán que ser persoas de recoñecido prestixio, imparciais, independentes e expertas en materia de relacións laborais.

2. As organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia, por acordo unánime, comunicaranlle á dirección xeral con competencias en materia de relacións laborais os nomes das persoas que figuren na listaxe.

3. Se pasados 15 días desde a entrada en vigor deste decreto as organizacións sindicais e empresariais intersectoriais non se puxesen de acordo, a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de relacións laborais, oídas as organizacións sindicais e empresariais máis representativas a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, proporaselles ás ditas organizacións unha listaxe con nomes de persoas destas características que poidan realizar labores de arbitraxe, cos requisitos establecidos no número 1 e, se transcorridos outros 15 días, non acadasen un acordo unánime as organizacións sindicais e empresariais, será o/a titular da dirección xeral quen realizará os nomeamentos, e elixirá as persoas que actuarán como árbitro de entre as que figuren na listaxe proposta.

4. As persoas elixidas para realizar os labores de arbitraxe serán nomeadas, mediante resolución, pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de relacións laborais.

5. O nomeamento destas persoas será para un período de tres anos.

Artigo 19. Designación do/a árbitro/a do procedemento

1. Cando exista conformidade entre as partes afectadas pola discrepancia para a designación de árbitro/a de entre as persoas nomeadas, esta será a persoa que actuará como tal.

2. Para os casos nos cales non exista acordo, as partes en conflito procederán ao descarte de entre os/as que figuran na listaxe de árbitros/as a razón de dúas persoas por cada parte representada na comisión.

Artigo 20. Procedemento para a solución de discrepancias, mediante a designación dun/ha árbitro/a

1. Unha vez designada a persoa que actuará como árbitro/a, a Secretaría da Comisión comunicaralle, formalmente, por vía electrónica, o dito encargo, trasladaralle a solicitude a que se refire o artigo 14 e a documentación indicada no artigo 15, e sinalará o prazo máximo no cal debe ser ditado o laudo, que deberá cumprir, en todo caso, co disposto no artigo 13.5.

2. A comisión facilitaralle á persoa que actúe como árbitro/a as medidas de apoio que necesite para o desempeño da súa función arbitral. Este apoio incluirá, sempre que así o solicite o/a árbitro/a, a emisión dun informe da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos.

3. O/a árbitro/a poderá iniciar a súa actividade no momento en que teña recibido o encargo nos termos establecidos no número 1 anterior. Para tal efecto, poderá requirir a comparecencia das partes ou solicitar documentación complementaria.

4. O laudo, que deberá ser motivado, deberá pronunciarse, en primeiro lugar, sobre a concorrencia das causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, que dá lugar á inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo.

5. En caso de non concorrer nas ditas causas, o laudo así o declarará, coa consecuencia de que non procederá a inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo.

6. Cando aprecie a concorrencia das causas, o/a árbitro/a deberá pronunciarse sobre a pretensión de inaplicación das condicións de traballo, para o que valorará a súa adecuación, en relación coa causa alegada e os seus efectos sobre as persoas traballadoras afectadas. O laudo poderá aceptar a pretensión de inaplicación nos seus propios termos ou propor a inaplicación das mesmas condicións de traballo en distinto grao de intensidade. Así mesmo, o/a árbitro/a pronunciarase sobre a duración do período de inaplicación das condicións de traballo.

7. O/a árbitro/a resolverá e comunicará o laudo á Comisión e esta ás partes afectadas pola discrepancia, dentro do prazo máximo establecido de acordo co indicado no artigo 13.5.

O laudo arbitral será vinculante e inmediatamente executivo e será remitido á autoridade laboral competente, a través do programa de rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo Rexcon, para o seu depósito.

Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento

A consellería competente en materia de traballo atenderá os gastos de funcionamento da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, incluídas as compensacións ás persoas que actúen como árbitros/as, cuxa regulación se desenvolverá mediante orde, con cargo ao seu orzamento ordinario, sen que, en ningún caso, supoña incremento do gasto público.

Disposición adicional segunda. Réxime de aplicación ao persoal laboral ao servizo das administracións públicas

1. Non lles serán de aplicación as funcións decisorias atribuídas por este decreto á Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos a aqueles convenios ou acordos colectivos que regulen condicións de traballo do persoal laboral das administracións públicas.

2. O disposto no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo da aplicación do establecido neste decreto ás entidades públicas empresariais, ás sociedades autonómicas, consorcios, fundacións do sector público e entidades de análoga natureza da Comunidade Autónoma de Galicia, e facúltaselles aos órganos competentes da Xunta de Galicia que diten cantas disposicións sexan necesarias en relación coa aplicación das funcións decisorias da comisión ás ditas entidades.

Disposición adicional terceira. Colaboración da Inspección de Traballo e Seguridade Social

A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos poderá solicitar a colaboración e asistencia da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Disposición adicional cuarta. Constitución da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de convenios colectivos

A Comisión constituirase no prazo máximo dun mes a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional quinta. Modificación de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Dereito supletorio

No non previsto no presente decreto, a Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos axustará o seu funcionamento ás normas xerais de actuación dos órganos colexiados recollidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3 do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Facultades de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de traballo para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento e execución deste regulamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente norma entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar