Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 3 de agosto de 2015 Páx. 32036

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 107/2015, do 9 de xullo, sobre a distribución de competencias na aplicación e control das normas da condicionalidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

A reforma da Política Agrícola Común (PAC) do ano 2003 introduciu o concepto de condicionalidade, que incluía as boas condicións agrarias e ambientais da terra e os requisitos legais de xestión en materia de ambiente, saúde pública, zoosanidade e fitosanidade, e benestar animal.

Para o período 2014-2020, o sistema da condicionalidade xunto cos pagamentos directos «verdes» e as medidas de desenvolvemento rural relativas ao ambiente, constitúen un conxunto de medidas máis integradas e que permiten unha actividade máis respectuosa co ambiente.

O Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008, establece no seu artigo 92 que o cumprimento da condicionalidade se aplicará aos beneficiarios que reciban pagamentos directos en virtude do Regulamento (UE) nº 1307/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 637/2008 e (CE) nº 73/2009; pagamentos en virtude dos artigos 46 e 47 (axudas á reconversión e reestruturación do viñedo e á colleita verde, respectivamente) do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á organización común de mercados dos produtos agrarios, e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) nº 922/72, (CEE) nº 234/79, (CE) nº 1037/2011 e (CE) nº 1234/2007; e as primas anuais en virtude dos artigos 21, punto 1, letras a) e b), 28 a 31, 33 e 34 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005.

Non obstante, as normas da condicionalidade non se aplicarán aos beneficiarios que participen no réxime para os pequenos agricultores a que se refire o título V do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. Tampouco se aplicará á axuda a que se refire o artigo 28, punto 9, do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (axudas para a conservación e para o uso e desenvolvemento sustentables dos recursos xenéticos na agricultura).

O Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola, establece as boas condicións agrarias e ambientais da terra e sinala os requisitos legais de xestión que deben cumprir os citados beneficiarios.

O Decreto 106/2007, do 31 de maio, distribúe as competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da política agrícola común na Comunidade Autónoma de Galicia.

En vista das modificacións introducidas pola normativa comunitaria e nacional, considérase necesario derrogar o citado decreto, actualizando os procedementos e responsabilidades de control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na elaboración desta disposición consultáronse os diferentes organismos especializados de control da condicionalidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xullo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto deste decreto é precisar os órganos competentes para desenvolver as funcións de control do cumprimento das normas da condicionalidade a que se refire o artigo 93 do Regulamento (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como a coordinación destas, no marco dos pagamentos directos do Regulamento (UE) nº 1307/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, das axudas á reconversión e reestruturación do viñedo e á colleita en verde dos artigos 46 e 47, respectivamente, do Regulamento (UE) nº 1308/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, das primas anuais dos artigos 21, punto 1, letras a) e b), 28 a 31, 33 e 34 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, da prima ao arrinque e á reestruturación e reconversión do viñedo segundo o disposto nos artigos 85 unvicies e 103 septvicies do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), pagadas nos anos 2012, 2013 ou 2014 así como, das oito medidas de desenvolvemento rural, en virtude do artigo 36, letra a), incisos i a v), e letra b), incisos i), iv) e v) do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

2. As funcións de control e coordinación a que se refire o punto 1 anterior realizaranse consonte o establecido nos regulamentos (UE) nº 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, (UE) 640/2014, da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada de pagamentos e sobre as sancións administrativas aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade e (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado e xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade e no Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas de condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola, así como no Plan nacional anual de controis de condicionalidade elaborado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) e no Plan autonómico anual de controis de condicionalidade elaborado polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 2. Funcións de control da condicionalidade da Consellería do Medio Rural e do Mar.

1. As subdireccións xerais da Consellería do Medio Rural e do Mar competentes nos ámbitos establecidos no anexo I serán os organismos especializados de control para o cumprimento das respectivas obrigas da condicionalidade.

2. Como organismos especializados de control, no marco do establecido no artigo 1, realizarán as seguintes funcións:

a) Seleccionar os beneficiarios obxecto de control sobre o terreo en relación cos requisitos dos que serán responsables e efectuar os controis necesarios.

b) Propoñerlle ao Fogga, no marco do establecido no artigo 1, punto 2, a relación de elementos mínimos que hai que controlar respecto dos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

c) Realizar os labores de divulgación e información aos beneficiarios das axudas suxeitas á condicionalidade, achegándolles información específica sobre os aspectos relativos aos requisitos legais de xestión nas materias competencia da consellería indicadas no anexo I.

d) Remitirlle ao Fogga os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade realizadas, para que a partir destes se calculen e apliquen as penalizacións pertinentes.

e) Comunicar ao Fogga os incumprimentos da condicionalidade detectados noutros controis realizados polo organismo especializado de control, para que se calculen e apliquen as penalizacións pertinentes.

Artigo 3. Funcións do Fogga en relación coa condicionalidade

1. O Fogga será o responsable do control para o cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais da terra indicadas no anexo II do Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, así como dos requisitos legais de xestión indicados no anexo II deste decreto.

2. No marco establecido no artigo 1 realizará as seguintes funcións:

a) Comunicar aos organismos especializados de control a información necesaria sobre os beneficiarios das axudas ás que é de aplicación a condicionalidade, para que aqueles poidan realizar os controis pertinentes.

b) Seleccionar os beneficiarios obxecto de control sobre o terreo en relación cos requisitos e normas dos que será responsable e efectuar os controis necesarios.

c) Calcular as penalizacións dos importes das axudas ás que é de aplicación á condicionalidade e remitilas, se é o caso, aos organismos xestores encargados da concesión destas.

d) Realizar labores de divulgación e información aos beneficiarios das axudas suxeitas á condicionalidade, achegándolles información específica sobre os aspectos de cuxo control é responsable.

e) Establecer con carácter anual o Plan de controis da condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Plan nacional anual de controis da condicionalidade elaborado polo FEGA.

Artigo 4. Cooperación entre os órganos da Administración autonómica

O Fogga, os organismos especializados de control e, se procede, os órganos competentes poderán establecer os mecanismos de cooperación oportunos co fin de revisar os elementos de control, así como os criterios para a valoración da gravidade, alcance e persistencia dos incumprimentos, no marco do disposto no artigo 1, punto 2, deste decreto.

Artigo 5. Comisión de seguimento

1. A comisión de seguimento da condicionalidade, que ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións de control previstas neste decreto, está adscrita ao Fogga, e está presidida polo titular da súa dirección ou persoa en quen delegue. Está composta ademais por seis representantes, tres da Consellería do Medio Rural e do Mar e tres do Fogga.

2. Os membros da comisión poderán propor a asistencia de expertos, con voz pero sen voto, e constituír os grupos de traballo que estimen oportunos para o mellor desempeño das súas funcións.

3. A comisión reunirase, como mínimo, dúas veces ao ano e ten entre as súas funcións a de coñecer e analizar a listaxe de normas relativas á condicionalidade que se proporcionarán cada ano aos beneficiarios das axudas suxeitas a esta, así como coñecer e analizar os resultados dos controis efectuados anualmente. En todo caso, o seu réxime xurídico axustarase ao disposto para os órganos colexiados, nos artigos 14 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Os membros da comisión en ningún caso percibirán ningún tipo de indemnización ou compensación económica pola asistencia ás xuntanzas.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da política agrícola común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a conselleira do Medio Rural e do Mar para ditar as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I
Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control
corresponde á Consellería do Medio Rural e do Mar

a) No ámbito de ambiente, cambio climático, boas condicións agrícolas da terra.

Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias (DOL 375, do 31.12.1991, p.1) (artigos 4 e 5).

b) No ámbito de saúde pública, sanidade animal e fitosanidade.

Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguranza Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguranza alimentaria (DO L 31, do 1.2.2002, p. 1) (artigos 14, 15, 17.1, 18, 19 e 20).

Directiva 96/22/CE do Consello, do 29 de abril de 1996, pola que se prohíbe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tireostático e substancias ß- agonistas na cría de gando (DO L 125, do 23.5.1996, p. 3) (artigo 3 letras a), b), d) e e) e artigos 4, 5 e 7).

Directiva 2008/71/CE do Consello, do 15 de xullo de 2008, relativa á identificación e ao rexistro dos porcos (DO L 213, do 8.8.2005, p.31) (artigos 3, 4 e 5).

Regulamento (CE) nº 1760/2000 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo de 2000, que establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos produtos con carne de vacún (DOL 204, do 11.8.2000, p. 1) (artigos 4 e 7).

Regulamento (CE) nº 21/2004 do Consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa (DO L 5, do 9.1.2004, p. 8) (artigos 3, 4 e 5).

Regulamento (CE) nº 999/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio de 2001, polo que se establecen disposicións para a prevención, o control e a erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles (DO L 147, do 31.5.2001, p. 1) (artigos 7, 11, 12, 13 e 15).

Regulamento (CE) nº 1107/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, relativo á comercialización de produtos fitosanitarios e polo que se derrogan as directivas 79/117/CEE e 91/414/CEE do Consello (DO L 309, do 24.11.2009, p. 1) (artigo 55, frases primeira e segunda).

c) No ámbito de benestar animal.

Directiva 2008/119/CE do Consello, do 18 de decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para a protección de xatos (DO L 10, do 15.1.2009, p. 7) (artigos 3 e 4).

Directiva 2008/120/CE do Consello, do 18 de decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos (DO L 47, do 18.2.2009, p. 5) (artigos 3 e 4).

Directiva 98/58/CEE do Consello, do 20 de xullo de 1998, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras (DO L 221, do 8.8.1998, p. 23) (artigo 4).

ANEXO II
Actos que conteñen os requisitos legais de xestión cuxo control
corresponde ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)

Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres (DOL 20, do 26.1.2010, p. 7) (artigo 3, puntos 1 e 2b, e artigo 4 puntos 1, 2 e 4).

Directiva 92/43/CEE, do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (DOL 206, do 22.7.1992, p. 7) (artigo 6, puntos 1 e 2).