Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 24 de agosto de 2015 Páx. 34438

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2015 sobre ampliación dos prazos establecidos nos artigos 2 e 21 da Resolución do 18 de marzo de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións de aforro e eficiencia enerxética para proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia (ILE) e con financiamento en parte procedente de fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (Diario Oficial de Galicia número 60, do 30 de marzo).

No Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 24 de xullo de 2015, publicouse a Resolución do 17 de xullo desta dirección pola que se concederon subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, aos proxectos de aforro e eficiencia enerxética para a renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) presentados polas entidades locais mencionadas no anexo da resolución.

De acordo co disposto no artigo 2 das bases reguladoras das axudas, o período de execución das actuacións subvencionadas estará comprendido entre o día 31 de marzo e o 15 de outubro de 2015 e, segundo o disposto no artigo 21.3 das mesmas bases, o período para as entidades locais beneficiarias presentaren a documentación xustificativa dos investimentos, rematará o 31 de outubro de 2015.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 285, do 27 de novembro. A ampliación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga das entidades locais beneficiarias, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referidas datas límite por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e de demora nas entregas de materiais polos provedores e ademais non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar as datas límite que figuran nos artigos 2 e 21.3 das bases reguladoras previstas, respectivamente, para a execución das actuacións e a xustificación dos investimentos, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan ata o 31 de outubro de 2015 e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 15 de novembro de 2015.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 59.6.b) Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia