Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35024

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción.

Exposición de motivos

O Consello de Contas de Galicia, o órgano de control e fiscalización externo das contas do sector público autonómico galego, ocupa unha posición especialmente relevante no tecido institucional da Comunidade Autónoma. Creado no propio Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 53.2, desenvolvido por unha das primeiras leis da Comunidade Autónoma (a Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, reformada pola Lei 4/1986), desde que o Consello de Contas se puxo en marcha no ano 1991 ten gañado o merecido recoñecemento da sociedade galega pola súa continuada contribución, a través dos sucesivos informes presentados ao Parlamento, á mellora da xestión dos recursos públicos administrados polo sector público autonómico.

Transcorridas máis de dúas décadas desde o inicio da súa andaina e atendendo as novas circunstancias económicas, políticas e sociais, que teñen mudado para ben das demandas cidadás de transparencia, honestidade e eficiencia no uso dos cartos públicos, considérase oportuno e mesmo necesario proceder a reformar a Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, así como o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coa finalidade de reforzar as competencias do órgano de control externo da Comunidade Autónoma, a súa independencia e a súa propia eficiencia e capacidade de cooperación con outras institucións, unha finalidade que, pola súa vez, lle permite ao Parlamento de Galicia, en representación do conxunto da cidadanía galega, reafirmar a súa vontade de exercer o seu autogoberno no marco da Constitución de 1978 e do Estatuto de autonomía de 1981.

Para isto, en primeiro lugar, nesta norma atribúenselle especificamente ao Consello de Contas as competencias en materia de prevención da corrupción no ámbito da actividade económico-financeira do sector público da Comunidade Autónoma. Seguindo unha suxestión reiteradamente expresada polos comparecentes convocados á Comisión de Estudo de Prevención da Corrupción creada nesta Cámara lexislativa e o modelo que, entre outros, ten adoptado con éxito a veciña República Portuguesa, o Consello de Contas asume a responsabilidade de colaborar coas administracións suxeitas ao seu ámbito de actuación e facerlles propostas na elaboración de manuais de xestión de riscos, de comprobar os sistemas de prevención da corrupción que se poñan en marcha, de asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr e reprimir a corrupción e de fomentar na sociedade civil e, particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público. Créase para iso unha nova sección no Consello de Contas, a de Prevención da Corrupción, que estará presidida polo conselleiro ou conselleira maior e asistida por todo o persoal do Consello.

Paralelamente, e como parte dos mecanismos preventivos, o Consello de Contas asume a competencia de fiscalizar e controlar a actividade económico-financeira das formacións políticas que perciban subvencións da Comunidade Autónoma, no marco establecido na normativa do Estado, e a evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupen altos cargos no sector público autonómico. Así mesmo, establécese un novo mecanismo de inicio dos procedementos de fiscalización a través de denuncias remitidas pola cidadanía ou asociacións con personalidade xurídica co fin de fomentar a participación cidadá na prevención e represión da corrupción. E, finalmente, ábrese a vía para que o Consello, por petición dos órganos competentes, poida emitir informes facultativos que unifiquen os criterios que permiten levantar os reparos que no ámbito da Administración local e en materia económico-financeira se poidan presentar.

O modelo elixido reforza o papel institucional do Consello de Contas, pero tamén evita incorrer nos gastos adicionais asociados á creación de novas oficinas, departamentos ou axencias de prevención da corrupción, e permite á vez aproveitar a experiencia do seu persoal e a proximidade do propio Consello á realidade económico-financeira cuxa integridade se trata de salvagardar.

En segundo lugar, e para reforzar a capacidade do Consello de Contas nas súas funcións fiscalizadoras e de prevención da corrupción, esta norma fortalece a autonomía e independencia do organismo fiscalizador externo da Comunidade Autónoma. Para isto, e o mesmo que noutras institucións autonómicas recentemente reformadas, establécese a obrigatoriedade da comparecencia previa no Parlamento dos candidatos ou candidatas ao Consello de Contas e sométese os conselleiros e conselleiras ao mesmo réxime de transparencia que os membros do Consello da Xunta. Os conselleiros e conselleiras pasan a ser, en canto responsables dos departamentos sectoriais que realizan os informes, novos órganos dentro da estrutura do Consello e, ademais, especifícanse os requisitos necesarios para ocupar o posto de secretario ou secretaria xeral.

A independencia tamén se fortalece coas disposicións que esta norma prevé en materia de persoal: actualízase a lexislación de referencia, garántese o mantemento das condicións laborais do persoal que actualmente desenvolve as súas funcións no Consello e prevese como procedemento habitual para a provisión de prazas o do concurso específico. O Consello asume por lei a competencia para a aprobación da súa relación de postos de traballo. E, no exercicio das súas funcións, as persoas que desempeñan as tarefas de auditoría ven reforzadas as súas capacidades mediante o establecemento da súa condición de axente da autoridade mediante a concreción do seu dereito a solicitar evidencias documentais en calquera tipo de soporte e coas novas obrigas que se establecen para as persoas físicas ou xurídicas suxeitas á actuación de control. Estas últimas persoas, pola súa vez, ven recoñecido nesta norma o seu dereito de audiencia, aínda que cesasen no desempeño do posto directivo ou de traballo no ente fiscalizado.

En terceiro lugar, esta lei introduce instrumentos de cooperación entre o Consello de Contas e outras administracións para o mellor cumprimento das súas finalidades. Primeiro, co Parlamento, xa que o Consello pasa a ser a institución asesora da Cámara lexislativa en materia económico-financeira e asume a competencia de responder ás consultas que se lle formulen sobre a execución e liquidación dos orzamentos autonómicos, así como sobre os proxectos normativos que afecten os ingresos e os gastos. Así mesmo, aprovéitase esta norma para, mediante a reforma do punto 1 do artigo 121 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, adiantar a data de remisión ao Consello de Contas da Conta Xeral da Comunidade Autónoma, que queda fixada no 30 de setembro, o que permitirá ao Consello axilizar o seu traballo de fiscalización.

Créase, para mellorar a colaboración co Executivo, cun enfoque de auditoría única, unha comisión mixta formada por representantes do Consello de Contas e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e recoñécese a capacidade do Pleno do Consello para subscribir protocolos ou convenios de colaboración con outros órganos de control externo ou con entidades públicas ou privadas, sempre coa finalidade de mellorar o exercicio das súas funcións.

En cuarto e último lugar, a modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, permite actualizar, de acordo coas novas dispoñibilidades tecnolóxicas, os medios de comunicación e publicación empregados polo Consello, así como poñer ao día outros aspectos organizativos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción.

Artigo primeiro. Modificación da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas

1. Modifícase o punto 1 do artigo 1 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«1. O Consello de Contas, como órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable, exercerá a súa función en relación coa execución dos programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma e asesorará o Parlamento de Galicia en materia económico-financeira.»

2. Engádese un novo punto 3 ao artigo 1 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«3. Para garantir unha correcta xestión das finanzas públicas, o Consello de Contas asume a competencia de prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma.»

3. Modifícase o artigo 2 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«Artigo 2. Ámbito de actuación

1. Para os efectos desta lei, compoñen o sector público da Comunidade Autónoma:

a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do sector público autonómico previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) As entidades locais e os entes ou organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica, dependentes ou controlados directa ou indirectamente por aquelas.

c) As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia e as entidades nas que no seu capital ou fondo patrimonial equivalente teñan participación maioritaria as devanditas universidades.

d) As corporacións ás que se refire o número 29 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia.

e) Os entes ou organismos, calquera que sexa a súa forma xurídica, nos que a participación das entidades sinaladas nas letras anteriores considerada conxuntamente sexa maioritaria ou comporte o seu control público.

2. Quedan sometidos á actuación do Consello de Contas, na medida necesaria para o axeitado exercicio das funcións deste órgano:

a) As persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións, créditos, avais ou calquera outro tipo de axuda pública outorgada polas entidades previstas no punto 1 deste artigo.

b) As formacións políticas e as fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou vinculadas a elas, exclusivamente no que atinxe á xustificación das subvencións que reciban dalgunha das entidades ás que se refire o punto 1 deste artigo e sen prexuízo das competencias do Tribunal de Contas e do establecido na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos.

3. O Consello de Contas realizará un seguimento e dará conta do grao de cumprimento das recomendacións emanadas dos informes emitidos.»

4. Modifícanse as alíneas b), c) e d), substitúese a alínea f) e engádense dúas novas alíneas i) e j) dentro do artigo 4 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que quedan redactadas como segue a continuación:

«b) Fiscalizar as subvencións, os créditos e as axudas con cargo aos orzamentos das entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como os avais e as exencións fiscais directas e persoais concedidas por aqueles entes, xa sexan percibidas por persoas físicas ou xurídicas.

c) Fiscalizar os contratos celebrados pola Administración autonómica e das entidades previstas no punto 1 do artigo 2 nos casos en que se estableza así ou en que o Consello de Contas o considere conveniente.

d) Fiscalizar a situación e as variacións do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades previstas no punto 1 do artigo 2.»

«f) Emitir ditames e consultas que en materia de contabilidade pública e de xestión económico-financeira lle soliciten as institucións e entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como atender as consultas do Parlamento sobre os orzamentos da Comunidade Autónoma e a súa execución e liquidación e emitir opinión, por solicitude do Parlamento ou da Xunta, sobre proxectos normativos que afecten os ingresos ou gastos públicos.»

«i) Emitir informes facultativos, por petición da consellaría competente en materia de facenda, por instancia do órgano de control competente por razón da materia da Administración que teña atribuída a tutela financeira das entidades locais de Galicia, para resolver as discrepancias que lle sexan elevadas a este órgano polas persoas que ocupen a presidencia das entidades locais a través do procedemento regulado na normativa do Estado.

j) Fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais das persoas que ocupan altos cargos no sector público autonómico.»

5. Modifícase o punto 1 do artigo 5 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«1. Se no exercicio da súa función fiscalizadora o Consello de Contas advirte a existencia de indicios de responsabilidade contable, dará traslado das correspondentes actuacións ao Tribunal de Contas para que este efectúe o axuizamento delas.»

6. Engádese un novo artigo 5 bis na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Artigo 5 bis. Prevención da corrupción

O Consello de Contas desempeña as seguintes competencias en materia de prevención da corrupción:

a) Colaborar coas administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos.

b) Solicitar información ás administracións relativas aos seus sistemas de prevención da corrupción, comprobando o axeitado deseño e implantación das políticas de integridade e propoñendo melloras que garantan a transparencia e reduzan as oportunidades de fraude.

Neste sentido, deberá avaliar de xeito sistemático os plans de prevención de risco da corrupción que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma, nos cales deberán analizar as actividades nas que se constate unha maior incidencia de risco.

c) Asesorar o Parlamento, a Administración autonómica e as administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas sobre os instrumentos normativos ou internos de prevención e represión da corrupción.

d) Fomentar a conciencia e participación cidadá a favor da transparencia e o comportamento ético no sector público e impulsar dentro do sector privado o establecemento de mecanismos de autorregulación co fin de evitar prácticas irregulares, en particular nas empresas licitadoras e adxudicatarias de contratos, concesionarias de servizos públicos e beneficiarias de subvencións e axudas públicas.»

7. Modifícase o artigo 6 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«Artigo 6. Órganos

Son órganos do Consello de Contas:

1. O Pleno.

2. O conselleiro ou conselleira maior.

3. A Comisión de Goberno.

4. As Seccións:

a) De Fiscalización.

b) De Axuizamento.

c) De Prevención da Corrupción.

5. Os conselleiros ou conselleiras.

6. A Secretaría Xeral.»

8. Modifícanse as alíneas g) e l), suprímese a ll) e engádense dúas novas alíneas m) e n) dentro do punto 3 do artigo 7 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«g) Designar os presidentes ou presidentas das seccións de Fiscalización e Axuizamento.»

«l) Subscribir protocolos ou convenios de colaboración ou cooperación con outros órganos externos de fiscalización do sector público ou con entidades públicas ou privadas coa finalidade de mellorar o exercicio das funcións do Consello de Contas.

m) Aprobar o plan anual de traballo do Consello, así como a memoria anual de actividades e a relación de postos de traballo.

n) As demais funcións que por lei se lle encomenden.»

9. Modifícanse as alíneas b) e d) dentro do punto 4 do artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«b) Convocar e presidir o Pleno, a Comisión de Goberno e a Sección de Prevención da Corrupción, así como decidir co seu voto de calidade no caso de empate.»

«d) A execución do estado de gastos, así como a contratación de obras, bens, servizos, subministracións e demais prestacións necesarias para o seu funcionamento.»

10. Engádese un novo punto 2 bis no artigo 10 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«2 bis. Correspóndelle á Sección de Prevención da Corrupción o exercicio das funcións descritas no artigo 5 bis desta lei. Estará presidida polo conselleiro ou conselleira maior e actuará asistida polo persoal do Consello de Contas. A sección elaborará un programa anual de actividades que elevará ao Pleno para a súa integración no plan de traballo do Consello de Contas. Se no exercicio das súas funcións se observan indicios de condutas ou feitos que poidan ser constitutivos de delito, estes poñeranse de forma inmediata en coñecemento do Ministerio Fiscal ou da autoridade xudicial.»

11. Modifícase o punto 3 do artigo 10 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«3. Os presidentes ou presidentas das seccións de Fiscalización e Axuizamento serán designados polo Pleno para un período de tres anos.»

12. Engádese un novo artigo 10 bis na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Artigo 10 bis. Conselleiros ou conselleiras

Os conselleiros ou conselleiras son os competentes para dirixir a actividade fiscalizadora correspondente ao departamento sectorial ao que fosen adscritos polo Pleno do Consello e do que serán responsables.»

13. Engádese un novo punto 3 no artigo 11 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«3. A persoa titular da Secretaría Xeral deberá ser licenciada, ou con título equivalente, en Dereito e funcionaria do grupo A, subgrupo A1, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, doutras comunidades autónomas, da Administración local ou do Estado, ou persoal letrado do Consello Consultivo ou do Parlamento de Galicia.»

14. Modifícanse os puntos 2 e 3 e engádense novos puntos 2 bis, 4, 5, 6 e 7 no artigo 12 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que quedan redactados como segue:

«2. Os conselleiros ou conselleiras de contas son independentes e inamovibles e serán elixidos entre conselleiros ou conselleiras do Tribunal de Contas, censores ou censoras xurados de contas, maxistrados ou maxistradas, fiscais, funcionarios ou funcionarias públicos pertencentes a corpos clasificados no subgrupo A1, e entre persoas licenciadas ou graduadas en Dereito, en Ciencias Económicas ou con títulos equivalentes de recoñecida competencia con máis de doce anos de exercicio profesional nas áreas que son competencia do Consello de Contas.

2 bis. Non poderán ser designados conselleiros ou conselleiras de contas as persoas que, nos seis anos anteriores, estivesen comprendidas nalgún dos supostos seguintes:

a) Teren a condición de membros do Parlamento de Galicia, das Cortes Xerais, do Parlamento Europeo, do Consello de Goberno da Xunta de Galicia ou das entidades locais.

b) Formaren parte dos órganos de dirección de partidos políticos ou de organizacións representativas dos traballadores e traballadoras ou dos empresarios e empresarias.

3. Non poderán ser designados conselleiros ou conselleiras de contas as persoas que, nos dous anos anteriores, estivesen comprendidas nalgún dos supostos seguintes:

a) O persoal directivo e os empregados e empregadas do sector público de Galicia que tivesen ao seu cargo a xestión, inspección ou intervención dos ingresos e gastos do dito sector.

b) Os presidentes ou presidentas, directores ou directoras e membros dos consellos de administración ou asimilados das entidades previstas no punto 1 do artigo 2.

c) Os particulares que, excepcionalmente, administrasen, recadasen ou custodiasen fondos ou valores públicos.

d) As persoas perceptoras das subvencións con cargo a fondos públicos.

e) Calquera outra persoa que tivese a condición de contadante perante o Consello de Contas.

f) Os beneficiarios de avais ou exencións fiscais directas e persoais concedidas por calquera dos entes indicados no punto 1 do artigo 2.

4. Con seis meses de antelación á expiración do mandato dos conselleiros e conselleiras, o conselleiro ou conselleira maior dirixirase á Presidencia do Parlamento de Galicia solicitando que se proceda ao nomeamento de novos conselleiros ou conselleiras. Unha vez recibida tal comunicación, no prazo máximo de seis meses, o Parlamento de Galicia, logo dos trámites oportunos, deberá proceder á votación establecida no punto 1 deste artigo.

5. Os conselleiros e as conselleiras de contas terán como límite máximo de permanencia nos seus cargos a idade de 72 anos.

6. As persoas candidatas propostas polos grupos parlamentarios para seren membros do Consello de Contas deberán comparecer perante a comisión correspondente do Parlamento de Galicia conforme o seu Regulamento co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo.

7. As persoas membros do Consello de Contas están suxeitas ás mesmas obrigas en materia de transparencia que a normativa vixente exixa aos conselleiros e conselleiras da Xunta de Galicia.»

15. Modifícase a alínea g) do punto 2 do artigo 13 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«g) Calquera cargo político ou administrativo do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais ou das súas entidades dependentes, calquera que sexa a súa forma xurídica.»

16. Modifícase a alínea b) do artigo 14 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas coa seguinte redacción:

«b) Ter parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo grao con calquera dos contadantes ou administradores das entidades indicadas no punto 1 do artigo 2.»

17. Engádese unha nova alínea g) no artigo 16 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«g) Ter cumprido a idade fixada no artigo 12 como límite máximo de permanencia.»

18. Modifícase o artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«Artigo 17. Réxime xeral

1. O persoal que preste servizos no Consello de Contas rexerase pola lexislación reguladora do emprego público de Galicia, sen prexuízo das normas específicas que lle sexan aplicables.

2. O desempeño da función pública no Consello de Contas será incompatible con calquera outra función, destino ou cargo, así como co exercicio profesional e coa intervención en actividades industriais, mercantís ou profesionais, mesmo as consultivas e as de asesoramento.

3. O persoal do Consello de Contas deberá gardar confidencialidade e segredo respecto dos asuntos que coñeza por razón do seu traballo.

4. No exercicio das súas funcións de control sobre as persoas físicas ou xurídicas ás que se refire o punto 2 do artigo 2 desta lei o persoal auditor do Consello de Contas gozará da condición de axente da autoridade.

5. Os postos de traballo reservados a persoal funcionario de carreira proveranse ordinariamente polo procedemento de concurso específico.»

19. Engádese un novo artigo 24 bis á Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Artigo 24 bis. Conclusión da fiscalización e dereito de audiencia

1. Unha vez concluídos os procedementos de fiscalización polo Consello de Contas, o anteproxecto de informe, coa inclusión de todas as actuacións practicadas, poñerase de manifesto aos responsables do ente fiscalizado para que nun prazo non superior a trinta días aleguen ou presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Se a fiscalización se refire a períodos nos que fosen outras persoas as responsables do ente fiscalizado ou as titulares do órgano, conferiráselles a estas igualmente a mesma audiencia.»

20. Modifícase o punto 1 do artigo 19 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«1. O resultado da fiscalización farase constar por medio de informes, mocións ou notas dirixidas á autoridade, organismo ou entidade ás que afecten e de memorias ordinarias ou extraordinarias, que se elevarán ao Parlamento de Galicia, con remisión de copias á Xunta de Galicia e mais ás indicadas autoridades, organismos e entidades afectadas, e faranse públicos a través dos medios dixitais do Consello e do Parlamento. O Diario Oficial de Galicia publicará o correspondente anuncio da publicación, no que constará a ligazón que permita acceder ao texto completo dos informes.»

21. Modifícase a alínea d) do punto 1 e engádese un novo punto 4 no artigo 20 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«1.d) Execución dos programas de actuación, investimentos e financiamento e demais plans ou previsións que rexan a actividade das entidades previstas no punto 1 do artigo 2, así como o emprego ou a aplicación de subvencións con cargo ao orzamento da Comunidade Autónoma e das exencións fiscais directas e persoais concedidas.»

«4. A memoria anual conterá un informe das actividades desenvolvidas pola Sección de Prevención da Corrupción.»

22. Modifícase o artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«Artigo 23. Deber de colaboración

1. Todas as entidades e persoas ás que se refire o artigo 2 colaborarán co Consello de Contas no exercicio das funcións deste, estando obrigadas a subministrarlle cantos datos, estados, documentos, antecedentes ou informes lles solicite.

Cando a normativa vixente estableza a obrigatoriedade da auditoría de contas para determinadas entidades do sector público, achegarase o correspondente informe ao Consello.

2. Toda persoa natural ou xurídica, pública ou privada, estará obrigada a proporcionar, logo de requirimento, toda clase de datos, informes ou antecedentes deducidos das súas relacións económicas, profesionais ou financeiras con outras persoas que sexan necesarios para o exercicio das funcións de control previstas nesta lei.

3. O incumprimento dos requirimentos do Consello poderán supoñer a aplicación das multas coercitivas previstas nesta lei. Se os requirimentos se refiren á reclamación de xustificantes de investimentos ou gastos públicos e non son cumpridos no prazo solicitado, iniciarase de oficio o oportuno expediente de reintegro. O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos obrigados a prestarlla.

4. Trasladaranse ao Consello de Contas as auditorías practicadas polos servizos competentes da Administración autonómica ou baixo a dirección desta.

5. O persoal auditor do Consello de Contas terá, no exercicio das súas funcións, libre acceso ás oficinas, centros e dependencias, así como ás autoridades e persoal das entidades suxeitas a control.

En todo caso, a documentación e o acceso dos sistemas contables que sexan necesarios para o exercicio das súas funcións serán facilitados polo órgano controlado.

6. Créase unha comisión mixta formada por representantes do Consello de Contas e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma co obxectivo de intercambiar información implantando a rendición telemática, facilitar o acceso á documentación e mellorar o seguimento das recomendacións contidas nos informes de control. A composición, a organización e o funcionamento da comisión regularanse nun convenio de colaboración.»

23. Engádese un novo punto 3 ao artigo 24 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«3. O procedemento tamén poderá iniciarse de oficio por acordo do Pleno do Consello de Contas, logo da comunicación presentada por persoa física ou xurídica.»

24. Engádese un novo artigo 24 ter á Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Artigo 24 ter. Procedemento específico en relación coa evolución dos bens patrimoniais das autoridades

1. Cando o órgano responsable do Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos da Xunta de Galicia aprecie unha evolución inadecuada da situación patrimonial dun alto cargo do sector público autonómico respecto dos seus ingresos acreditados, poderá solicitar, a través da consellaría competente, nunha petición razoada, que o Consello da Xunta de Galicia se dirixa ao Consello de Contas para que proceda a fiscalizar a evolución dos bens patrimoniais do devandito alto cargo.

2. Para poder cumprir esta función fiscalizadora e unha vez recibida a solicitude do Consello da Xunta, o Consello de Contas terá acceso ao Rexistro de Bens Patrimoniais de Altos Cargos nos termos que regulamentariamente se determinen.

3. O período obxecto de fiscalización coincidirá co do mandato do cargo público, de modo que non alcanzará, en ningún caso, períodos anteriores á toma de posesión do cargo e finalizará cando se produza o cesamento efectivo daquel.

4. O alto cargo cuxa situación patrimonial sexa obxecto de exame deberá achegar toda a información que lle sexa requirida, así como comunicar todas aquelas circunstancias que sexan relevantes para a elaboración do informe.

5. O Consello de Contas, en todo caso, deberá remitir á persoa fiscalizada un borrador previo de conclusións para permitirlle, nun prazo de quince días, presentar alegacións. Superado este trámite, o Consello de Contas remitirá o resultado desa fiscalización á Xunta de Galicia e incorporarao ao informe anual que remite ao Parlamento de Galicia.

6. Se, como resultado da súa fiscalización, o Consello de Contas advirte indicios de responsabilidades administrativas, penais ou doutra índole, deberá poñelo en coñecemento da autoridade ou órgano administrativo ou xurisdicional competente en cada caso.»

25. Modifícase o punto 2 do artigo 25 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactado como segue a continuación:

«2. As entidades locais deberán remitir as contas de cada exercicio directamente ao Consello, sendo a data límite para efectuar a devandita remisión a mesma que a lexislación estatal reguladora das facendas locais estableza para a remisión das súas contas de cada exercicio ao Tribunal de Contas.

O Consello de Contas debe formar e unir a conta xeral das entidades locais, que debe ser recoñecida polo Parlamento.»

26. Modifícase o artigo 26 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Artigo 26. Contadantes

Serán contadantes nas que se deban render ao Consello de Contas:

a) Os funcionarios e funcionarias e demais persoal das entidades do sector público galego que teñan ao seu cargo a xestión dos ingresos e gastos públicos, así como as demais operacións de administración.

b) Os presidentes e presidentas ou os directores e directoras das entidades previstas no punto 1 do artigo 2.

c) Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden ou custodien fondos ou valores da Comunidade Autónoma, sen prexuízo de que sexan intervidas as respectivas operacións.

d) Os perceptores das subvencións correntes a que se refire a lexislación en materia de subvencións.»

27. Modifícanse os puntos 1 e 2 do artigo 28 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que quedan redactados como segue a continuación:

«1. No caso de incumprimento dos requirimentos efectuados, o Consello de Contas de Galicia poderá impoñer multas ata a contía dun mes dos seus haberes ao persoal ao servizo das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 2, e para os particulares ata a cantidade de 600 €, pola primeira vez, e de ata dous meses ou 6.000 €, respectivamente, no caso de reincidencia.

2. Se o requirido ao pagamento for persoal ao servizo das entidades a que se refire o punto 1 do artigo 2 e non o fixer efectivo, ordenarase ao habilitado ou pagador que, baixo a súa responsabilidade, faga efectivo o importe dela deducindo da primeira mensualidade que lle corresponda percibir ou das sucesivas, de exceder, na cantidade que legalmente poida ser descontada.»

28. Engádese unha nova disposición adicional bis na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional bis. Informe preceptivo

Someteranse a informe do Consello de Contas as proposicións de lei e os anteproxectos de lei que versen sobre o seu réxime xurídico ou sobre o exercicio das súas funcións. O Consello de Contas emitirá o seu informe no prazo de trinta días. Se na orde de remisión se fai constar a urxencia do informe, o prazo será de quince días. Excepcionalmente, o órgano remitente poderá conceder unha prórroga do prazo atendendo as circunstancias do caso. No caso dos anteproxectos de lei, a Xunta remitirá dito informe ao Parlamento de Galicia.»

29. Engádese unha nova disposición adicional ter na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional ter. Autorizacións de ampliacións e transferencias de crédito dos orzamentos do Consello de Contas

Con suxeición ás limitacións e aos requisitos establecidos con carácter xeral, as autorizacións de ampliacións e transferencias de crédito que se lle atribúen á persoa titular da consellaría competente en materia de facenda pola lexislación vixente entenderanse referidas ao órgano competente do Consello de Contas en relación co orzamento deste. As modificacións autorizadas deberanlle ser comunicadas para a súa instrumentación á dirección xeral competente en materia de orzamentos.»

30. Engádese unha nova disposición adicional quater na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, que queda redactada como segue a continuación:

«Disposición adicional quater. Medios electrónicos

A comunicación e a remisión dos documentos elaborados polo Consello de Contas realizaranse, de xeito preferente e con carácter ordinario, a través de medios electrónicos, co obxectivo de minimizar o uso do papel, impulsar as novas tecnoloxías e axilizar o funcionamento do Consello de Contas.»

Artigo segundo. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro

Modifícase a alínea 1 do artigo 121 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactada como segue:

«1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma de cada ano remitirase, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, antes do 30 de setembro do ano seguinte ao que se refire.»

Disposición adicional única. Modificación da relación de postos de traballo

Co fin de dar cumprimento ao disposto no novo punto 5 do artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, introduciranse as oportunas modificacións na relación de postos de traballo do Consello de Contas.

Disposición transitoria primeira. Persoal con destino no Consello de Contas

O persoal que actualmente teña destino no Consello de Contas manterá o mesmo réxime xurídico e as condicións laborais que teña no momento da entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Límite máximo de permanencia no Consello de Contas

As disposicións contidas no artigo primeiro.14 desta lei referidas ao límite máximo de permanencia no cargo de conselleiro ou conselleira do Consello de Contas non lles serán aplicables aos que fosen elixidos antes da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria terceira. Procedementos de fiscalización en curso

Os procedementos de fiscalización en curso continuaranse rexendo pola norma en vigor no momento de se iniciar o procedemento, agás que aínda non fosen obxecto de informe pola Sección de Fiscalización, caso en que se aplicará o previsto na lei sobre o dereito de audiencia.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogada a disposición derradeira da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, así como as normas de igual ou inferior rango en canto contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Adaptación do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas

O Consello de Contas elaborará e remitiralle ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación un proxecto de adaptación do seu Regulamento de réxime interior ao disposto nesta lei nun prazo non superior aos seis meses desde a entrada en vigor desta.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de agosto de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente