Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 7 de setembro de 2015 Páx. 36055

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de agosto de 2015 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.

A Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2015, establece na súa parte expositiva que o financiamento destas axudas se efectuará con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, a través dos créditos consignados na aplicación 11.05.312B.480.0, polo importe global de 1.800.000 euros.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda da axuda, deben artellarse as medidas necesarias para garantir o dereito das persoas solicitantes e que cumpren os requisitos determinados na orde a poder recibir as axudas que lles corresponden, polo que parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das ditas prestacións económicas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. A Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015 queda modificada como segue:

Un. Engádese unha disposición adicional cuarta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional cuarta

Increméntase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015 polo importe de 140.000 euros, na aplicación orzamentaria 11.05.312B.480.0.

O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que aínda sexa insuficiente para atender a todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos na dita orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo».

Dous. Engádese unha disposición adicional quinta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional quinta

De acordo co previsto no artigo 30.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia, procédese á apertura dunha nova convocatoria, sen prexuízo de que sexan tidas en conta e resoltas as solicitudes presentadas ao abeiro da dita Orde do 30 de decembro de 2014.

O prazo de presentación de solicitudes desta nova convocatoria será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

A tramitación destas solicitudes realizarase de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 30 de decembro de 2014».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar