Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 10 de setembro de 2015 Páx. 36377

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso de contratación administrativa no sector público para persoal da Administración local de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 2 de xaneiro de 2015, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Deputación Provincial de Ourense, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de contratación administrativa no sector público para persoal da Administración local de Galicia,

RESOLVO:

Publicar a convocatoria do curso para persoal da Administración local de Galicia que figuran no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal ao servizo da Administración local de Galicia, e en caso de vacante, persoal da Administración autonómica e estatal, que se atopen en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e o tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, darase prioridade no proceso de selección dos participantes aos solicitantes que presten servizos na Administración local da provincia de Ourense.

2. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento da actividade na parte de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións presenciais.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación. As datas e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Deputación Provincial de Ourense reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Deputación Provincial de Ourense garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV15035

Curso de contratación administrativa no sector público

Cualificación: aproveitamento

1. Obxectivos.

– Coñecer a sistemática da Lei de contratos do sector público, delimitando o ámbito subxectivo e obxectivo da lei.

– Comprender todos os aspectos procedementais, desde a preparación do contrato ata a extinción deste, prestando especial atención aos requisitos que deben concorrer nas dúas partes dun contrato administrativo.

– Actualizar os coñecementos dos participantes relacionados coa solvencia e a clasificación contractual.

– Instruír os participantes no procedemento a través do cal se xera o expediente de contratación e estudo dos documentos básicos que o integran.

– Comprender os procedementos de selección do contratista por parte da administración e identificar as singularidades en materia de execución respecto á contratación administrativa.

– Instruír os participantes no réxime de revisión de prezos en contratación administrativa.

– Estudo tanto das formas en que se produce a extinción dos contratos, coma das causas de nulabilidade e anulabilidade dos contratos.

– Identificar as peculiaridades dos contratos administrativos de obra, subministración e servizos.

2. Destinatarios.

– Funcionarios con habilitación de carácter estatal dos grupos A1 e A2, que presten servizo na Administración local de Galicia.

– Persoal técnico das entidades locais que preste servizos nas áreas de administración e de secretaría xeral.

– Funcionarios ao servizo das corporacións locais responsables da xestión técnica e administrativa das entidades locais.

– Profesionais das corporacións locais que realicen labores de asesoramento e xestión en materia de contratación, así como tarefas de organización e coordinación de servizos públicos.

– Traballadores das entidades locais, con responsabilidades na dirección e xestión de unidades administrativas e de servizos.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixto.

Duración: 110 h (20 presenciais e 90 en liña).

Datas das sesións presenciais: os mércores 7, 14, 21, 28 de outubro; 4, 18, 25 de novembro e 2, 9, 16 de decembro de 2015.

Proba final presencial: o 16 de decembro de 2015.

Horario: das 17.00 ás 19.00 horas.

Lugar: aulas de formación da Deputación Provincial de Ourense (rúa Progreso, nº 30, 2º, Ourense).

Prazas: 35.

4. Contido.

1. Disposicións xerais en materia de contratación pública: réxime xurídico dos contratos administrativos. O contrato.

1.1. Introdución.

1.2. Obxecto e finalidade da Lei de contratos do sector público.

1.3. Ámbito de aplicación.

1.4. Ámbito subxectivo.

1.5. Negocios e contratos excluídos.

1.6. Clasificación dos contratos. Contratos administrativos e contratos privados.

1.7. Obxecto dos tipos contractuais.

1.8. Contratos mixtos.

1.9. Contratos suxeitos a unha regularización harmonizada.

1.10. Réxime aplicable aos contratos do sector público.

1.11. Xurisdición competente.

1.12. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.

1.13. Outros elementos do contrato: obxecto, prezo e contía do contrato, forma.

2. As partes do contrato. Órgano de contratación. O empresario; condicións xerais de capacidade.

2.1. A Administración. Organización administrativa para a xestión da contratación.

2.2. O empresario.

2.3. Unións de empresarios.

2.4. Prohibicións de contratar.

2.5. Solvencia.

2.6. Clasificación das empresas.

3. Actuacións preparatorias do contrato. O expediente de contratación.

3.1. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.

3.2. Preparación dos contratos.

3.3. Pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas.

4. A adxudicación dos contratos administrativos. Procedementos de adxudicación.

4.1. Procedementos de adxudicación.

4.2. Publicidade das licitacións.

4.3. Proposicións dos interesados.

4.4. Criterios de valoración para a selección do adxudicatario.

4.5. Poxa electrónica.

5. A execución dos contratos. Revisión de prezos.

5.1. A execución dos contratos.

5.1.1. Modificación dos contratos.

5.1.2. Suspensión dos contratos.

5.2. Revisión de prezos dos contratos das administracións públicas.

6. Extinción do contrato. Cumprimento e resolución. Réxime de invalidez.

6.1. Extinción dos contratos.

6.2. Réxime de invalidez.

7. Especial referencia aos contratos de obras.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE núm. 267, do 8 de abril, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 1,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 1,40 puntos.