Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36849

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 23 de xaneiro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Acibal, situado nos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/6-4).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de xaneiro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Acibal, situado nos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/6-4), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan as instalacións,
se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto,
do parque eólico Acibal, situado nos concellos de Barro, Moraña e Campo
Lameiro (Pontevedra) e promovido pola sociedade Norvento, S.L.
(expediente IN661A 2010/6-4)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Acibal (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 12 MW.

Segundo. O 16 de abril de 2011, Norvento, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 27 de xuño de 2011 o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

Cuarto. O 17 de agosto de 2011 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. Por Resolución do 8 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra (en diante, a xefatura territorial), sometéronse a información pública para autorización administrativa, declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, aprobación do proxecto de execución, proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica, estudo ambiental e da solicitude de acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións referidas ao parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2011, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 1 de decembro de 2011 e no xornal Faro de Vigo do 30 de novembro de 2011. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e dos concellos afectados (Barro, Moraña e Campo Lameiro).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 9 de decembro de 2011, Juan Carlos Fontán Fontán, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Perdecanai, presentou escrito en que alega o seguinte:

• Mostra o seu desacordo coa superficie do camiño de acceso ao parque eólico, afectado pola servidume de paso; a superficie afectada é de 20.365 m2 e non de 2.907 m2, como figura na separata do proxecto. Aclara que todos os camiños que atravesan o monte son de propiedade comunal.

• O límite municipal entre os concellos de Barro e Moraña, que coincide co límite entre a CMVMC de Perdecanai e a de Rebón, non se representou correctamente nos planos do proxecto, o que implica que a medición dos bens afectados tampouco é correcta. A liña correcta é a que reflicte o deslindamento do Instituto Xeográfico Nacional, a cal ratificaron os dous concellos.

• Nin no proxecto nin na separata para a comunidade de montes se representan as áreas afectadas arredor das pistas en que exista un uso restrinxido (por exemplo plantar árbores). Tampouco se concreta nos planos a posición das conducións para a evacuación da enerxía eléctrica xerada nin a súa afección superficial, se a houber.

• Por todo o anterior, solicita que se realice a identificación correcta do terreo pertencente á CMVMC de Perdecanai e, consecuentemente, se recoñeza a afección real do proxecto. Así mesmo, solicita que se detallen no proxecto todas as afeccións provocadas pola existencia do parque eólico e que se midan estas sobre os terreos do monte veciñal. Por último, solicita que se conte coa colaboración da comunidade para realizar calquera tipo de aclaración sobre o terreo ou para presentar a documentación que se considere oportuna.

2. O 15 de decembro de 2011, Eloi Carramal Escudeiro, en calidade de presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Amil, presentou un escrito de alegacións en que expón as seguintes cuestións:

• Os planos presentados non permiten determinar exactamente os espazos e as superficies correspondentes ao monte comunal de Amil que se pretende ocupar como servidumes de paso para o parque eólico. Por isto, solicitan a marcaxe e traza do terreo antes do inicio do procedemento expropiador.

• Os peches con postes de pedra, arame e malla gandeira de varias parcelas, en especial o da 1193, veríanse afectados nunha lonxitude de 1.500 m, polo que terían que ser repostos.

• A zona de acampada e a área recreativa do pasteiro veríanse afectadas parcialmente, sendo necesaria a reposición dos elementos afectados e a adecuación dos espazos á nova situación, especialmente os peches de protección, os portelos de acceso, pasos canadenses e outras instalacións.

• Catro das leiras afectadas pola expropiación parcial están plantadas de piñeiro e eucalipto en fase de crecemento, polo que debe definirse a superficie efectiva que se vai expropiar para determinar o valor das plantacións e o lucro cesante.

• A superficie destinada á plataforma e accesos, que afecta dúas parcelas, está situada nas minas de captación de augas protexidas por unha concesión de Augas de Galicia e as minas e pozos de captación e canalizacións para a área recreativa do curro e a área de acampada. Por tanto, solicita que, antes da emisión da declaración de utilidade pública, se emita informe sobre a non afección ou se modifique o punto de instalación desta plataforma a fin de evitar a contaminación dos mananciais e os posibles danos ás canalizacións.

• O proxecto afecta parcialmente elementos protexidos como a Cara de San Pedro, que deben ser obxecto de protección e conservación.

3. O 26 de decembro de 2011, Santiago Bas López, en representación da Asociación Lobo, presentou un escrito en que alegou o seguinte:

• É suficiente un único acceso ao parque eólico desde a estrada de Ponte Bora a Moraña. Debe evitarse a comunicación coa estrada de Barro, o que pecharía as brañas de Amil. Estas brañas son un ecosistema sensible, con moita diversidade de anfibios e onde se atopan especies botánicas raras. O gando vacún e os garranos son abundantes. Na actualidade morren moitos anfibios por atropelamento nas pistas que rodean as brañas.

• Inclúe unha relación de todos os anfibios e réptiles observados nas brañas e na súa contorna, así como herbáceas de ambientes higroturbosos peculiares ou raras.

• Nos planos do informe de impacto ambiental non se indica a localización dos pasos da fauna, particularmente os imprescindibles para os hérpetos no contorno das brañas.

• O informe de impacto ambiental ten unha grave carencia ao non considerar entre os hábitats da serra do Acival as fragas (bosque caducifolio atlántico). Estas veranse afectadas moi seriamente pola liña de alta tensión, a cal, segundo o proxectado, atravesa a fraga da Picota. Isto suporá unha perda de máis do 50 % da biodiversidade, que é o límite que fai inaceptable o proxecto.

• O proxecto da liña de alta tensión é subsidiario do proxecto do parque eólico, polo que a súa división en dous proxectos independentes pode conculcar a normativa vixente. Entende que o informe de impacto ambiental e o de impacto visual deben abranguer a liña de alta tensión.

• Solicita que se realicen uns novos informes de impacto ambiental e de impacto visual que consideren a unidade indivisible do proxecto do parque eólico e a liña de alta tensión. Así mesmo, solicita que se teñan en conta os espazos sensibles polos cales cruzará a dita liña e que non foron tidos en conta no informe de impacto ambiental do parque eólico.

• Conclúe pedindo que sexa retirado o proxecto pola súa ínfima rendibilidade enerxética en comparación co enorme impacto ambiental que causará.

4. O 30 de decembro de 2011, Jesús Castro Castro, en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santo André de Xeve, alega o seguinte:

• Que na relación de bens e dereitos afectados publicada no BOP do 1 de decembro de 2011 non figura a comunidade que el representa como afectada, pois que os aeroxeradores non se atopan fisicamente en terreos da súa propiedade. Mostra o seu desacordo con isto, xa que os aeroxeradores se sitúan no linde das propiedades da comunidade.

• Que, ao contrario dos concellos que se consideran, o concello de Pontevedra, e esa parroquia en concreto, presentan un crecemento vexetativo positivo, polo que a contaminación acústica xerada polo parque eólico podería crear problemas tanto na actualidade como no futuro pola proximidade de dous núcleos rurais en expansión que o proxecto non ten en conta.

• Por último, destaca que o máis importante e lesivo para a súa comunidade son os 3,40 metros de pistas que necesita o proxecto. Entende que os camións de gran tonelaxe e os servizos de mantemento do parque non van circular polas pistas propiedade da súa comunidade, xa que non figuran como afectados. De ser así, emprenderán accións legais polo dito mal uso.

5. O 31 de decembro de 2011, Xosé Lois Rey Muñiz, en nome e representación da Sociedade Galega de Historia Natural, alega o seguinte:

• A disposición dos accesos é excesiva, sendo suficiente un único acceso pola marxe do leste para evitar os efectos negativos que suporía a ampliación e trazado dos da marxe oeste. Nas pistas que rodean actualmente as brañas morren moitas especies protexidas por atropelamento e a área está parcialmente pechada pola construción doutra estrada.

• Nos planos do informe de impacto ambiental non se indica a localización dos pasos da fauna, sendo imprescindible a construción de pasos para hérpetos na contorna das brañas.

• Nas brañas de Amil e arredores atópanse diversas especies protexidas pola lexislación de aplicación ou de interese local.

• Considera que a liña de alta tensión denominada LAT 66 kV Tibo-San Xurxo é subsidiaria do proxecto do parque eólico. Esta liña pretende unir a presa de San Xurxo de Sacos coa subestación de Tibo, en Caldas de Reis. Se este fose o único obxectivo desta liña o seu trazado discorrería máis cara ao norte, evitando a serra do Acival. Considera que esta liña debe incluírse nos informes de impacto ambiental e de impacto visual do parque eólico. A súa división en dous proxectos diferentes pode conculcar a normativa vixente.

• Manifesta que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu, o 19 de novembro de 2009, non someter a liña ao tramite de avaliación de impacto ambiental (na alegación transcribe algúns dos fundamentos da dita decisión). Consideran que se evitou o control ambiental desta instalación, xa que, xunto co parque, forma parte dun único proxecto e, por tanto, debería terse sometido conxuntamente a avaliación de impacto ambiental.

• No informe de impacto ambiental non se tivo en conta, por non incluír a liña, a afección ás fragas da Picota e de San Mamede. Afirma que estas afeccións suporán unha perda moi importante da biodiversidade, que en especies legalmente protexidas superaría o 50 %, limite que fai inaceptable o proxecto tal e como declara o propio informe de impacto ambiental.

• Por todo o anterior, solicitan que se estableza un único acceso ao parque eólico desde a estrada de Ponte Bora a Moraña e que na apertura de novos camiños, onde sexa necesario instalar pasos canadenses, estes conten con saídas para a fauna que cae dentro, así como unha drenaxe axeitada. Por outra parte, solicita que sexan rexeitados os dous proxectos, o parque eólico e a liña e, de non ser así, se tomen medidas para evitar o paso da liña polo seu actual trazado, así como as complementarias para a protección da fauna e da flora afectada polos dous proxectos. Así mesmo, solicita que se elaboren uns novos informes de impacto ambiental e de impacto visual que consideren a unidade indivisible do proxecto do parque eólico e da liña.

Sexto. O 9 de marzo de 2012, Retegal, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado, Retegal, S.A. comunica que, ben que non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto nalgunha entidade de poboación do contorno do parque eólico.

Por tanto, establece que o promotor se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno e se se detectar perda ou degradación desta, proporcionará os medios necesarios ou emprenderá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Sétimo. O 27 de abril de 2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., o promotor presentou un escrito en que manifesta que coincide coas conclusións expostas no condicionado establecido por Retegal, S.A., e considera que o parque eólico non afectará directa ou indirectamente os sinais de televisión TDT. Por tanto, entende que, con independencia de calquera condicionado que puider establecer ao respecto a Administración na autorización da instalación, non resulta necesaria a realización dunha campaña de medidas nas localidades do contorno para comprobar as medidas de cobertura.

Oitavo. Con data do 7 de maio de 2012, a xefatura territorial informou de que a documentación técnica presentada polo promotor cumpre os requisitos regulamentarios para o acordo favorable á continuación do procedemento.

Noveno. O 18 de xuño de 2012, a Xefatura Territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Décimo. Con data do 15 de outubro de 2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 16 de outubro de 2012 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG nº 230, do 3 de decembro de 2012).

Décimo primeiro. O 14 de xaneiro de 2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Décimo segundo. O 21 de outubro de 2013, o Servizo de Montes de Pontevedra emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, considérase que foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15 de outubro de 2012.

Ademais, cómpre aclarar que a liña de alta tensión que mencionan a Asociación Lobo e a Sociedade Galega de Historia Natural nas súas alegacións é un proxecto diferente ao do parque eólico, xa que non ten como obxecto dar servizo ás instalacións deste nin está promovido pola mesma sociedade.

– No que atinxe ás alegacións referidas aos bens e superficies afectadas polo proxecto, estas deberán determinarse na fase de levantamento de actas previas correspondente ao procedemento expropiador, recollido no artigo 150 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e regulado no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Será nesta fase cando se determinen con exactitude as características e titulares dos bens obxecto de expropiación, tendo en conta todas as alegacións e documentos presentados polas partes.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Acibal, situado nos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 12 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Acibal asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ribadeo, 2, entresollado, 27002 Lugo.

Denominación: parque eólico Acibal.

Potencia instalada: 12 MW.

Concellos afectados: Barro, Moraña e Campo Lameiro (Pontevedra).

Produción anual: 33.802 MWh/ano.

Orzamento total: 15.412.483,52 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

V1

534.303,00

4.710.000,00

V2

532.000,00

4.710.000,00

V3

532.000,00

4.706.000,00

V4

534.335,70

4.706.000,00

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

AC01

532.936

4.708.336

AC02

532.587

4.708.846

AC03

533.091

4.708.048

AC04

532.725

4.708.521

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 4 aeroxeradores Vestas V-112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 119 m e cun diámetro de rotor de 112 m.

– 4 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, en interior do aeroxerador.

– Rede subterránea a 20 kV de interconexión entre as máquinas existentes e destas coa subestación transformadora.

– Subestación transformadora equipada cun transformador de 9/12 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 20/66 kV cos correspondentes equipamentos de medida, protección, telemando, grupo electróxeno e demais equipamento auxiliar.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Norvento, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 261.228,53 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución por contrata do proxecto de execución que por este acordo se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 115.594 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por este acordo se aproba, cun orzamento de 15.412.483,52 euros.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de sete meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 12 de agosto de 2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.