Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36665

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento de Chave365, servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O servizo á cidadanía, principio fundamental das administracións públicas segundo o artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, compleméntase na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Do mesmo xeito, o artigo 4 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, consagra, como outro dos principios fundamentais da organización administrativa autonómica, a boa administración, a calidade dos servizos públicos e o de proximidade á cidadanía.

Nesta liña, a Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, creou o sistema de identificación e sinatura electrónica Chave365 baseado no uso de claves concertadas.

Este sistema facilita aos usuarios a utilización dos servizos electrónicos ofrecidos pola Xunta de Galicia nas actuacións que concorran circunstancias que fagan aconsellable a admisión de sistemas de identificación e sinatura electrónicos alternativos. Así, Chave365 permite un acceso áxil e seguro tanto á información recollida na carpeta do cidadán como á realización de moitos dos trámites dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen a necesidade do uso de certificados electrónicos.

Para utilizar este servizo, as persoas interesadas poderán darse de alta en Chave365 electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos órganos ou unidades administrativas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que realicen as funcións de rexistro de usuarios Chave365.

A disposición adicional primeira da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En definitiva, unha Administración cada vez máis próxima require, pois, conxugar un conxunto de esforzos e sinerxías orientadas ao logro da eficacia, a eficiencia na asignación de recursos, o impulso da transparencia, a axilización dos procedementos administrativos e a potenciación do acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos. Todo isto nun marco xeral caracterizado pola calidade, a mellora continua e o impulso da participación da cidadanía nos asuntos públicos.

Á vista do exposto,

ACORDAN:

Primeiro. Posta en funcionamento de Chave365

Apróbase a posta en funcionamento de Chave365, servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Segundo. Órganos responsables

A actividade de prestación do servizo é asumida pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia como propia.

A titularidade e responsabilidade do servizo Chave365, que se pon en funcionamento mediante a presente resolución, é da consellería con competencias en materia de administracións públicas como titular da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A responsabilidade do desenvolvemento e execución do sistema Chave365 corresponderá á entidade con competencias en administración electrónica. Esta entidade adoptará as medidas necesarias para que a accesibilidade, dispoñibilidade, integridade e seguridade respondan ás exixencias normativas vixentes.

A Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación segundo o establecido na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Terceiro. Ámbito de actuación

Chave365 poderá ser utilizado polas persoas maiores de idade nos procedementos administrativos, servizos e actuacións da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia nos que concorran circunstancias que fagan aconsellable a admisión de sistemas de identificación electrónica alternativos baixo criterios de proporcionalidade, segundo o recollido no artigo 4 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

A sede electrónica da Xunta de Galicia recollerá as actuacións electrónicas nas que é posible o uso de Chave365 como sistema de identificación e sinatura.

Cuarto. Procedementos Chave365

As persoas interesadas poderán solicitar a alta, a baixa e a modificación dos seus datos en Chave365:

1. Por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Presencialmente, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela) e nas restantes oficinas de rexistro que se habiliten para estes efectos, e que se publicarán na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste caso, a persoa interesada deberá acudir persoalmente e acreditar a súa identidade mostrando o documento nacional de identidade (DNI) ou a tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE). Os cidadáns comunitarios que non teñan a tarxeta de residencia presentarán o Certificado de rexistro de cidadáns da Unión e o seu pasaporte.

Despois da identificación das persoas interesadas, desencadearase un proceso automatizado que xerará e comunicará unha clave de acceso que será enviada ao teléfono móbil da persoa solicitante do servizo.

A sede electrónica da Xunta de Galicia terá á disposición das persoas interesadas a información relativa aos distintos mecanismos para a xestión do bloqueo, desbloqueo ou rexeneración das claves.

Quinto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes de Chave365, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto da xestión e rexistro do presente servizo. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a lopd@xunta.es

Sexto. Formularios de alta, baixa e modificación

Apróbanse os modelos normalizados previstos para a alta, baixa e modificación no servizo Chave365, que se inclúen para efectos informativos como anexos I, II e III a esta resolución.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a Chave365, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file