Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36701

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2015 pola que se convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, un curso medio de linguaxe administrativa galega para o persoal que preste servizos na Administración autonómica de Galicia.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. Ademais, para facer efectivo ese dereito, mándalles aos poderes públicos autonómicos que vaian capacitando, progresivamente, no uso do galego o persoal que traballa ao servizo da Administración pública en Galicia.

Entre as funcións e competencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de formación de lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, aos funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública, segundo o que establece a Lei 4/1987.

A estrutura e o contido destes cursos regúlaos a Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG do 24 de xuño).

Mediante acordo asinado o 10 de agosto de 2015 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a EGAP establécense as condicións polas que se rexerá a colaboración entre ambos os organismos para potenciar actividades de normalización do uso do galego na Administración autonómica, especialmente no campo da formación do persoal ao servizo da Administración pública autonómica.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un curso de formación de nivel medio de linguaxe administrativa galega para o ano 2015 cuxas bases, características e contido son detallados no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeiro. Obxecto

Convócase, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o seguinte curso de linguaxe administrativa galega: na modalidade de teleformación, cinco edicións de nivel medio. O número de prazas por curso será de 30.

O curso desenvolverase nas datas que se sinalan no seguinte cadro:

Curso de linguaxe administrativa galega de nivel medio

Modalidade

Datas

Horario

Horas

TF

13 outubro-13 decembro

Teleformación

75

TF

13 outubro-13 decembro

Teleformación

75

TF

13 outubro-13 decembro

Teleformación

75

TF

13 outubro-13 decembro

Teleformación

75

TF

13 outubro-13 decembro

Teleformación

75

Segundo. Requisitos dos participantes

a) Os cursos van dirixidos aos empregados públicos e ás empregadas públicas destinados na Administración autonómica de Galicia e que se atopen en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar. Exceptúase o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

b) Para solicitar os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio deberá ter aprobado ou validado algún destes cursos: o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccioamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

Terceiro. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es/matricula non serán admisibles outros modelos de solicitude. Faise recomendable facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos solicitantes.

Só se poderá solicitar unha edición por persoa.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes de cursos de linguaxe administrativa galega que se impartirán na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Computador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Micrófono.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo: xestion.egap@xunta.es , sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a alínea g) da presente base.

g) O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

h) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

i) As dúbidas, dificultades técnicas ou solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono: 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es . A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Cuarto. Criterios de selección

a) Dado que o contido do curso ten relación directa con todos os postos de traballo, aplicaranse os criterios establecidos con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos últimos dous anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

c) Para os cursos de nivel medio quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación ou diploma dos cursos equivalentes (de linguaxe administrativa, de linguaxe xurídica galega e de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta de Galicia) expedidos pola Escola Galega de Administración Pública ou homologados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou por calquera dos certificados aos que se refire a Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG do 24 de xuño).

Quinto. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web: http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a publicación.

Ademais, para unha maior difusión, será informado da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica quen facilite os seus datos na solicitude. Entenderase que as persoas que non figuren na relación non foron seleccionadas, ben porque ocupan un posto máis afastado na lista de reservas ou ben porque foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web:

http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexto. Presentación da documentación

Nun prazo de tres días hábiles desde a publicación da listaxe definitiva de admitidos, as persoas seleccionadas deberán achegar a través do enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.es , durante os tres primeiros días do curso, xunto cunha copia do formulario de solicitude, a seguinte documentación:

– Unha copia escaneada da certificación que acredite a superación ou a validación do curso Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

A falta de presentación destes documentos acreditativos dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada.

Sétimo. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP mediante o modelo de renuncia publicado na páxina web da Escola cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio do curso. Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

• O enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es .

• O número de fax: 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia:

– É obrigatoria a asistencia puntual á proba presencial final do curso.

– As faltas de asistencia:

A falta de asistencia á proba de avaliación final deberá xustificarse documentalmente ante os responsables do curso nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización da actividade.

– As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b):

Perderán o dereito ao certificado de participación no curso.

4. Seguimento das actividades:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitavo. Contido e avaliación dos cursos

a) O curso terá unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño).

b) A avaliación que se efectúe neste curso será progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia e a realización das actividades e das tarefas propostas. Ao remate de cada curso outorgaráselles aos participantes que superaron as distintas fases de avaliación un certificado de aproveitamento coa cualificación de apto expedido de forma conxunta pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola EGAP.

c) Para poder superar os cursos de linguaxe xurídica é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A axeitada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso.

A non presentación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– O alumnado deberá realizar dúas probas finais, unha escrita e outra oral, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP.

– Para ter dereito ao diploma é necesario superar o conxunto das partes do curso (traballo na plataforma e probas finais) segundo o sistema de avaliación que estableza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.

– As probas de carácter presencial que se desenvolverán ao remate dos cursos de teleformación realizaranse o 19 de decembro de 2015.

Noveno. Profesorado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística designará o profesorado encargado de impartir os cursos entre as persoas que figuren na súa lista de profesorado colaborador para im-partir cursos de galego.

Décimo. Normativa aplicable

Todas as actividades que se realicen neste curso faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003. Respectarase escrupulosamente a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da Lei de normalización lingüística.

Décimo primeiro. Incidencias

a) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e xestión dos cursos, e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Correspóndelle á EGAP, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

b) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións dos cursos, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A realización dos cursos queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

e) As reclamacións presentadas en relación coa cualificación outorgada nas actividades formativas serán obxecto de estudo por unha comisión técnica de avaliación, formada pola subdirectora xeral de Política Lingüística, polo coordinador dos cursos de linguaxes específicas e por unha lingüista da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os informes elaborados pola comisión seranlle remitidos á EGAP, que resolverá en consecuencia.