Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36687

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso medio de linguaxe xurídica galega para persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, establece entre os seus fins o da difusión e normalización do idioma galego na Administración autonómica, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega. Polo tanto, en cumprimento do dito fin, prevese a realización dun curso medio de linguaxe xurídica galega, dirixido ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste os seus servizos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante convenio de colaboración asinado o 10 de agosto de 2015 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a EGAP establécense as condicións polas cales se rexerá a colaboración entre ambos os dous organismos para potenciar actividades de normalización do uso do galego na Administración de xustiza, especialmente no campo da formación do persoal ao servizo desta Administración.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un curso medio de linguaxe xurídica galega, cuxas bases, características e contido son detallados no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

Anexo

Primeira. Destinatarios

Maxistrados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial que na data desta resolución estean a prestar servizos efectivos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Modalidade e datas de realización

Convócase tres edicións do Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio, que se impartirá na modalidade de teleformación, e 30 o número de prazas por cada edición do curso será de 30.

A organización e execución do curso levarase en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O curso impartirase segundo se indica a seguir:

FX15023 Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio

Localidade da proba presencial

Datas

Horario

Horas

Santiago de Compostela

13.10.2015 ao 13.12.2015

Teleformación

75

Santiago de Compostela

13.10.2015 ao 13.12.2015

Teleformación

75

Santiago de Compostela

13.10.2015 ao 13.12.2015

Teleformación

75

Terceira. Contido e avaliación dos cursos

a) A duración do curso de linguaxe xurídica medio será de 75 horas.

b) Os contidos docentes serán os sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño).

c) A avaliación será un proceso progresivo e continuo.

Para poder superar o curso de linguaxe xurídica de nivel medio na modalidade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non presentación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– O alumnado deberá superar unha proba escrita e outra oral final, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado en ambas as dúas probas e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.

– Data de realización do exame: as probas de carácter presencial que se desenvolverán ao final do curso de teleformación serán o día 19 de decembro de 2015.

Cuarta. Requisitos que deben reunir os solicitantes.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: para poder acceder ao curso é necesario ter superado ou validado algún destes cursos: o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, e non serán admisibles outros modelos de solicitude.

Só se poderá solicitar unha edición por persoa.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Micrófono.

e) As solicitudes cubertas axeitadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Xunto co formulario de solicitude xuntarase a seguinte documentación:

– Validación ou certificación acreditativa de ter superado o nivel de coñecemento do idioma galego para poder ser admitido no curso que se solicita (de acordo co especificado no número 4).

– Documento que acredite a antigüidade no corpo.

Os interesados deben presentar a documentación complementaria que acredite circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección. Remitirán á EGAP a dita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A mencionada documentación deberá presentarse dentro do prazo ao que fai referencia o número 6 da presente base.

Sexta. Prazo para presentar as solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo: http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Sétima. Publicación das relacións de alumnos seleccionados

a) A EGAP publicará na páxina web da EGAP www.egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica a aqueles que faciliten os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación ou ben non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así se acrediten documentalmente.

Oitava. Criterios de selección

• Antigüidade nos distintos corpos da Administración de xustiza.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

Novena. Incidencias

a) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e a xestión do curso, e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten á súa organización ou docencia. Correspóndelle á EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos do curso, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e a autorización correspondente do gasto.