Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 28 de setembro de 2015 Páx. 37888

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de setembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 12 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Orde do 12 de agosto de 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, regula os programas dirixidos a incrementar a ocupabilidade das persoas mozas que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia española de activación para o emprego 2014-2016, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, coa pretensión de chegar ao maior número de beneficiarios posible. Por este motivo e tendo en conta a data de publicación da orde, considérase conveniente modificar a orde de convocatoria coa finalidade de ampliar o prazo xeral de presentación de solicitudes así como incrementar a contía dos incentivos establecidos.

Por isto, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e en aplicación das competencias atribuídas no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de agosto de 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015

A Orde do 12 de agosto de 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, queda modificada como sigue:

Un. O punto 6 do artigo 6 queda redactado do seguinte modo:

«6. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 31 de outubro de 2015».

Dous. O punto 8 do artigo 6 queda redactado do seguinte modo:

«8. As axudas establecidas nesta orde polas contratacións subvencionables formalizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral e, en todo caso, respectando o prazo xeral do 31 de outubro de 2015 establecido no punto 6».

Tres. O punto 1 do artigo 19 queda redactado do seguinte modo:

«1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 31 de outubro de 2015 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil».

Catro. O artigo 21 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 21. Contías dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda equivalente ao 100 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social e calculado sobre dúas anualidades. Esta subvención non poderá ser superior á contía do salario establecida no convenio colectivo sectorial ou de empresa aplicable ao contrato que se subvenciona.

2. A contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

3. Os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 100 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona».

Cinco. Engádese unha letra f) ao punto 1 do artigo 24 co seguinte contido:

«f) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se achegen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables, e a indicación específica do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos».

Seis. O artigo 27 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 27. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións de carácter temporal realizadas desde o 1 de outubro de 2014 ata o 31 de outubro de 2015 formalizadas con persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, así como as súas transformacións en contratos indefinidos».

Sete. O artigo 29 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 29. Contías dos incentivos

1. As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda equivalente ao 50 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social. No suposto de que a persoa contratada sexa muller, persoa discapacitada ou unha persoa na que concorra algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, o incentivo será equivalente ao 60 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo será unha axuda equivalente ao 65 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

En ningún caso a contía destas subvencións poderá ser superior á contía do salario establecida no convenio colectivo sectorial ou de empresa aplicable ao contrato que se subvenciona.

2. A transformación de contratos temporais en indefinidos incentivaranse cunha axuda equivalente ao 60 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social e calculado sobre dúas anualidades. No suposto de que a persoa contratada sexa muller, persoa discapacitada ou unha persoa na que concorra algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, o incentivo será equivalente ao 70 % do custo salarial, establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social e calculado sobre dúas anualidades.

No caso de que a contratación sexa realizada para prestar servizos en empresas pertencentes a sectores estratéxicos, segundo se define no artigo 3 desta orde, a contía do incentivo será unha axuda equivalente ao 75 % do custo salarial establecido no contrato que se subvenciona, excluídas as cotizacións empresariais á Seguridade Social e calculado sobre dúas anualidades.

En ningún caso a contía destas subvencións poderá ser superior á contía do salario establecida no convenio colectivo sectorial ou de empresa aplicable ao contrato que se subvenciona.

3. Se a transformación se produce con anterioridade ao remate da duración inicial dun contrato temporal xa subvencionado, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado, reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

O cálculo da contía que se vaia minorar da subvención que lle correspondería á transformación farase do seguinte xeito:

i. Divídese a subvención concedida polo contrato temporal entre o número de meses de duración deste contrato.

ii. Calcúlase o número de meses que resta para o cumprimento do contrato temporal, a partir da data da transformación do contrato temporal en indefinido.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses que restan por cumprir do contrato temporal. A contía resultante descontarase do importe total da subvención que corresponde á transformación, tendo en conta que o mes no que se leve a cabo a transformación do contrato en indefinido non será computado para efectos da compensación, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice».

Oito. Engádese unha letra f) ao punto 1 do artigo 32 co seguinte contido:

«f) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables, e a indicación específica do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos».

Nove. Modifícanse parcialmente os anexos I-A e II-A.

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados

As entidades que solicitaron as axudas previstas na Orde do 12 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, entre o 21 de agosto e a data de publicación desta orde, non terán que presentar unha nova solicitude; a solicitude xa presentada resolverase conforme o disposto no novo texto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file