Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 2 de outubro de 2015 Páx. 38493

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 24 de setembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e se convocan para o ano 2015.

O 12 abril de 2013 publicáronse no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras da Orde do 3 de abril de 2013 pola que se estableceron as axudas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria e se convocaron as ditas axudas para o ano 2013, de cara a inxectar liquidez a estas explotacións para compensar a difícil situación económica destas explotacións.

O sector lácteo galego está a experimentar unha situación delicada, derivada de distintos feitos acaecidos nos últimos meses sobre este sector, onde o máis significativo se pode considerar que é a desaparición das cotas lácteas, situación que está a aproveitar a maior parte das explotacións da UE, ao estaren nestes momentos todos os países europeos nunha situación de exceso de produción. Non hai que esquecer que a UE é a maior produtora de leite mundial, polo que unha vez que desapareceron as cotas lácteas a produción nela experimentou grandes aumentos con respecto á produción existente baixo o réxime de cotas.

Non hai que esquecer a gran volatilidade que experimentan os prezos do leite habitualmente a nivel mundial, coincidindo estes meses con momentos en que os importes percibidos polos produtores están nun momento cíclico de baixos prezos, o que unido a un exceso de leite producido fai que o momento para os importes percibidos polos produtores lácteos sexa de ingresos inferiores a outros momentos do ano.

Constátase ademais una baixada do consumo nun 4 % aproximadamente, que unido aos incrementos de produción, fai que nestes momentos haxa máis leite dispoñible que o que o consumo pode absorber. Esta situación está a facer que as industrias lácteas teñan que destinar parte das súas recollidas de leite á produción de leite en po, produto que serve para absorber excedentes, aínda que neste intre este leite en po tampouco está tendo saída no mercado, xa que os prezos de intervención pública están nuns niveis moi baixos, co que non se activan as medidas de intervención pública de leite, é dicir, a retirada de leite do mercado por compra por parte da Administración.

Dada esta especial problemática que se está a vivir nestes meses, cómpre publicar unha nova convocatoria para este ano 2015.

A medida regulada nesta orde réxese polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que se acolle expresamente ao procedemento de concesión en concorrencia non competitiva, conforme o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

Por outra banda, estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), e quedan condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2015 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecidas no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o pagamento do importe dos xuros que correspondan ata dous anos de carencia na amortización dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, concedidos con base nas convocatorias desde o ano 2007 ata o ano 2015, ambos inclusive, da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras.

As ordes a que se fai referencia no parágrafo anterior son as seguintes:

– Convocatoria 2007: Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 94, do 16 de maio).

– Convocatoria 2008: Orde do 15 de febreiro de 2008 (DOG nº 38, do 22 de febreiro).

– Convocatoria 2009: Orde do 17 de decembro de 2008 (DOG nº 248, do 23 de decembro).

– Convocatoria 2010: Orde do 31 de maio de 2010 (DOG nº 105, do 4 de xuño).

– Convocatoria 2011: Orde do 29 de decembro de 2010 (DOG nº 3, do 5 de xaneiro).

– Convocatoria 2012: Orde do 8 de maio de 2012 (DOG nº 90, do 11 de maio).

– Convocatoria 2013: Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG nº 118, do 21 de xuño).

– Convocatoria 2014: Orde do 30 de decembro de 2013 (DOG nº 14, do 22 de xaneiro de 2014).

– Convocatoria 2015: Orde do 30 de decembro de 2014 (DOG nº 15, do 23 de xaneiro de 2015).

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE nº L 352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento estas axudas non poderán ser:

a) Axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados;

b) Axudas a actividades relacionadas coa exportación;

c) Axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite que soliciten un período de carencia de ata dous anos de duración na amortización do préstamo concedido no seu día ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos ás axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e que non fosen beneficiarias destas mesmas axudas á moratoria dos préstamos nas convocatorias anteriores.

2. Os prestameiros que soliciten a carencia deberán ter certificada, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda a que fai referencia esta orde, a execución dos investimentos subvencionados nas axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria. Non obstante, no caso de non ter certificados os investimentos, estes deberán estar no prazo de execución establecido nas bases reguladoras polas que se aprobaron as axudas vinculadas a este préstamo, e terán que ser certificadas con anterioridade ao remate dese prazo de execución.

3. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Características

1. Durante o período de carencia solicitado, que afectará o vencemento ou vencementos de principal posteriores á solicitude do prestameiro á entidade financeira, o prestameiro non deberá aboar nin o principal nin os xuros correspondentes ao capital pendente de amortizar.

2. Unha vez finalizada a carencia do préstamo restableceranse as obrigas do prestameiro nos termos establecidos nos convenios subscritos.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará os xuros que correspondan, se aboará ás entidades financeiras por cada carencia concedida en función do capital pendente e do tipo de xuro establecido nos convenios.

Artigo 5. Xestión das axudas

1. A tramitación destas axudas realizarase no marco dos convenios de colaboración establecidos coas entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos á mellora de explotacións e á incorporación das persoas mozas á actividade agraria. As ditas entidades financeiras teñen a condición de entidades colaboradoras, e asumen así as obrigas que a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, lles impón.

2. A solicitude de subvención presentarase no mesmo documento en que se solicite a carencia na entidade financeira en que se formalizou o préstamo.

3. A entidade comunicaralle á Consellería do Medio Rural e do Mar a relación de solicitudes presentadas, con indicación das carencias aceptadas.

4. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

6. Xunto coa solicitude presentarase a declaración das axudas solicitadas ou concedidas por calquera concepto suxeitas ao Regulamento nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, así como a declaración do cumprimento dos requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. O prazo de presentación, establecido no número 2, será dun mes desde a publicación da orde.

8. A Consellería do Medio Rural e do Mar transferirá ás entidades financeiras os importes correspondentes ao financiamento destas axudas unha vez que estas presenten a correspondente liquidación, no marco do establecido nos referidos convenios de colaboración.

9. No caso de esgotamento do crédito, en cumprimento do disposto no artigo 32 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez comprobados os requisitos do solicitante polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural e do Mar, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elevará a proposta de resolución á conselleira, en canto a que é o órgano encargado da resolución das axudas.

2. Na resolución de concesión de axuda farase constar a contía da axuda concedida en forma de subvención do tipo de xuro dos préstamos vixente no momento da solicitude, sen prexuízo de posibles actualizacións deste ao final de cada período de carencia e indicarase o seu carácter de minimis, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1408/2013.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. O prazo para resolver será de tres meses desde a publicación desta orde.

Artigo 7. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Se transcorrese o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante a conselleira no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 8. Publicación

A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, onde figurarán os datos do beneficiario, finalidade da axuda, contía e aplicación orzamentaria, polo que a formalización do préstamo leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

Artigo 9. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio de obxectivos así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da Consellería do Medio Rural e do Mar, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

Artigo 10. Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 11. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural e do Mar, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 12. Incompatibilidade

As axudas financeiras previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 13. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.712B.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2015, por un importe de cen mil euros (100.000), para o ano 2016 por un importe de catrocentos mil euros (400.000), e para o ano 2017 por un importe de cincocentos mil euros (500.000).

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que tal incremento orzamentario implique a apertura de novo prazo para a presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición adicional primeira

Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda

Modificacións dos convenios para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria:

A Consellería do Medio Rural e do Mar realizará, co acordo das entidades financeiras, as modificacións nos convenios vixentes para a instrumentación dos préstamos para a mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria que sexan necesarias, no marco do disposto nesta orde.

Nas modificacións incluiranse polo menos os seguintes aspectos:

a) O mecanismo de amortización posterior á carencia.

b) O tipo de xuro aplicable.

c) Os procedementos de xestión destas actuacións.

d) A garantía do cumprimento dos requisitos relativos á petición de datos e documentos exixidos aos cidadáns, persoas físicas ou xurídicas, establecidos nos artigos 4 e 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

e) A garantía do cumprimento da normativa sobre racionalización administrativa, administración electrónica, seguridade e protección de datos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar