Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 5 de outubro de 2015 Páx. 38754

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de setembro de 2015 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2015/16.

O capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. De igual maneira, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

De conformidade co Decreto 254/2012, do 13 de decembro, que regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos, e co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, garántese unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais e asegúrase a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades.

Por isto, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular os criterios, os requisitos e o procedemento para a concesión de axudas económicas aos centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2015/16.

2. Enténdese por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motórica, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e a conduta.

Artigo 2. Vixencia

Esta orde terá vixencia temporal para o curso académico 2015/16, desde o día 1 de setembro de 2015 ata o 31 de agosto de 2016.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Os centros docentes privados que teñan concerto vixente coa Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio e superior.

2. Exclúense desta convocatoria de axudas os centros concertados específicos de educación especial e os centros con unidades concertadas de educación especial.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 13 de xuño).

4. Para obter estas axudas, os centros docentes privados que as soliciten terán que estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas

A presente axuda é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes

1. Lugar de presentación.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. Coa solicitude formulada conforme o modelo anexo I desta orde, achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa en que consten as necesidades específicas do centro para atender o alumnado que requira apoio educativo, xunto cunha certificación asinada pola persoa responsable do centro docente que acredite as circunstancias das persoas afectadas.

b) No caso de que o centro solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, achegará unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, declaración de non telas solicitado.

c) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, de conformidade co artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As declaracións, se é o caso, das letras b) e c) faranas segundo o modelo do anexo I.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxcentros@edu.xunta.es .

Artigo 8. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención das necesidades do centro, para os seguintes fins:

– Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

– Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda.

– Compra de material específico ordinario non inventariable.

Artigo 9. Criterios de valoración

Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado no curso 2015/16 que reúna os requisitos establecidos no artigo 73 da Lei orgánica de educación, debidamente xustificados. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 8 puntos.

b) Alumnado cos mesmos requisitos da letra a) deste artigo matriculado no curso 2014/15. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 4 puntos.

c) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe á cal se aplicará a seguinte puntuación:

%

Puntos

Menor ou igual a 0,1

0

Máis do 0,1 e ata o 0,3

4

Máis do 0,3 e ata o 0,5

8

Máis do 0,5 e ata o 1

12

Máis do 1

16

d) Grao de discapacidade do alumnado:

%

Puntos por alumno/a

Ata o 33

8

Máis do 33 e ata o 66

12

Máis do 66

16

Artigo 10. Distribución das axudas

1. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, segundo o artigo anterior, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

2. A distribución das axudas farase por niveis educativos, cos límites establecidos no artigo 12 desta convocatoria, agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e ESO.

b) Formación profesional e formación profesional básica.

3. A asignación que recibirá cada centro será, como máximo, de 10.000,00 €.

Artigo 11. Comisión de valoración

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polas persoas que desempeñen os seguintes postos de traballo:

– Subdirección Xeral de Centros.

– Servizo de Centros.

– Servizo de Xestión de Programas Educativos.

– Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

As persoas integrantes desta comisión deberán absterse de intervir cando concorran nelas as circunstancias de abstención previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez rematada a valoración das solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, que incluirá a cantidade asignada a cada centro e os que son excluídos, contra a que os/as interesados/as poderán formular as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días naturais e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Esta resolución provisional tamén será comunicada aos/ás solicitantes a través do correo electrónico.

2. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a proposta de resolución provisional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación motivada das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algúns dos requisitos da convocatoria.

3. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

Contra a dita resolución poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo primeiro deste punto sen que se publique a resolución definitiva, os/as solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 13. Orzamento

1. As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.60.422A.482.3, por unha contía total máxima de 95.845 € para o período setembro-decembro do ano 2015 e de 191.689 € para o período xaneiro-agosto de 2016.

2. Para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.422M.482.3, por unha contía total máxima de 4.155 € para o período setembro-decembro do ano 2015 e de 8.311 € para o período xaneiro-agosto de 2016.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

1. Os beneficiarios das axudas presentarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados, para o que terán en conta que, a que presenten, en relación co importe anticipado, deberá corresponder ao ano 2015:

a) Facturas expedidas a nome do centro, nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas, así como xustificante de que o pagamento do seu importe foi efectuado. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente e, no caso de que se trate de fotocopias, deberán estar compulsadas por persoal funcionario. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida que sexa xustificada de forma correcta.

b) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme a memoria presentada coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se é concedida a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto, segundo o modelo do anexo II.

d) Para o suposto de que a persoa solicitante tivese denegada a autorización a que se fai mención no artigo 6.1 desta orde, deberá achegar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Prazo.

A xustificación achegarase, coa data límite do 31 de agosto de 2016, á Subdirección Xeral de Centros da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

3. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño), polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento das subvencións.

4. O pagamento das axudas concedidas será realizado do seguinte xeito:

a) Por tratarse de entidades sen fins de lucro e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas, unha vez resolto o expediente, farase un anticipo que será proporcional ao importe da axuda concedida a cada centro segundo o establecido no artigo 9 desta orde e pola contía consignada para o exercicio do 2015, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. Isto realizarase de oficio e, en ningún caso, excederá o 80 % da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario, segundo establece o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Réxime de garantías en pagamentos anticipados.

Consonte co establecido no artigo 65.4.f) e i) do antedito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

c) O resto do importe ou parte do total da subvención concedida para o curso 2015/16 librarase logo da completa xustificación do cumprimento das condicións e da finalidade para a cal se concedeu.

Artigo 15. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde a resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 16. Perda total ou parcial do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá de forma total ou parcial o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario/a de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou un recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Delegación de competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file