Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 7 de outubro de 2015 Páx. 39186

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2015 pola que convocan dúas edicións do curso Condución de vehículos en servizo de urxencia, dirixido aos corpos da Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do día 23 de decembro de 2014, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse dúas edicións do curso de Condución de vehículos en servizo de urxencia, cuxas bases se especifican a continuación:

Obxectivos.

– Formar o alumnado na prevención de riscos nos desprazamentos de urxencia, facendo especial fincapé nos procesos cognoscitivos.

– Instruír o alumnado nas técnicas de condución en servizos de urxencia, coa finalidade de ser efectivos neste tipo de desprazamentos, coa máxima seguridade.

– Coñecer as técnicas de detención de vehículos, abandono e localización segura dos vehículos en servizo de urxencia.

Desenvolvemento do curso.

– O curso consta dunha parte teórica común para todos os alumnos de 4 horas. A parte práctica (4 horas) realizarase en grupos de 6 alumnos mañá e 6 tarde (3 alumnos por vehículo).

– Dependendo do lugar de procedencia dos alumnos, poderanse seleccionar dous concellos por cuxas rúas se realizará a parte práctica.

– Para a realización do curso equiparanse dous vehículos de acordo coa Orde do 29 de decembro de 2010, de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos á disposición das policías locais e vixilantes municipais.

– Por parte da Agasp cursarase comunicación á Subdelegación do Goberno en Galicia e aos concellos onde se realice a parte práctica advertindo da realización de prácticas vehículos en servizo de urxencia.

Contido do curso.

– Normativa de vehículos en servizo de urxencia.

– Técnicas de condución en servizo de urxencia.

– Análise de puntos de especial prevención pola súa perigosidade.

– Práctica de condución de emerxencia en tráfico aberto.

Destinatarios.

1. Persoal funcionario dos corpos da Policía local da CC.AA. de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 24 por edición.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matricula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Admisión.

A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, con, polo menos, tres días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídas por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reservará o dereito de solicitar os concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

O alumnado seleccionado deberá asistir as clases co uniforme regulamentario.

Datas e horario.

– 1ª edición.

Teoría: luns 26 outubro (4 horas).

Práctica: do martes 27 ao venres 30 de outubro.

– 2ª edición.

Teoría: martes 3 de novembro (4 horas).

Práctica: do mércores 4 ao luns 9 de novembro.

Duración.

8 horas por edición.

Lugar.

A parte teórica do curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade e a parte práctica en concellos aínda por determinar.

Avaliación.

Co fin de determinar o nivel de aproveitamento do curso e grao de consecución dos obxectivos propostos, realizarase unha proba sobre o contido, sendo obrigatoria a súa superación, obter o correspondente diploma de aproveitamento.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de setembro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública