Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 9 de outubro de 2015 Páx. 39533

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2015 pola que se convoca a segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da segunda práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispor de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Segunda. Destinatarios/as

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, en que se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Terceira. Solicitudes

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se encontra na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 28 de outubro de 2015.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp número 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Cuarta. Medios

Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e da munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Quinta. Determinación da data das prácticas

A segunda práctica do plan terá lugar os días 9, 10, 11,12, 16, 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro, das 16.00 ás 20.30 horas.

Os días 23 e 30 de novembro será das 10.00 ás 20.30 horas.

Os días 13, 20 e 27 de novembro realizarase das 10.00 ás 14.30 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicaráselles aos concellos coa finalidade de que pola súa vez informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Sexta. Control e cartilla de tiro

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos cales irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Sétima. Lugar

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Oitava. Modificacións

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de setembro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública