Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 23 de outubro de 2015 Páx. 41106

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establece a data de inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) na zona demarcada das Neves.

Desde o ano 1999 véñense realizando prospeccións e controis para evitar a entrada na nosa Comunidade Autónoma da praga coñecida como nematodo da madeira do piñeiro (NMP), causada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e presente en Portugal desde ese mesmo ano.

Esta praga que se propaga mediante o insecto vector Monochamus galloprovincialis é obxecto, ademais, dunha vixilancia extrema por parte das autoridades nacionais e comunitarias para evitar que se expanda polo resto do territorio nacional, impoñendo ás zonas afectadas unhas medidas drásticas de erradicación.

Transcorrido o devandito prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación entenderase producida desde o día seguinte ao da súa finalización.

A finais do ano 2010 confirmouse a presenza do nematodo nunha masa forestal do termo municipal das Neves (Pontevedra).

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería do Medio Rural publicou, logo dunha primeira resolución declarando o foco, o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto establécese unha área demarcada nun raio de 20 km ao redor do punto en que se detectou o nematodo, na cal se tomarán as medidas necesarias para evitar a súa dispersión.

Unha das medidas recollidas no número 2 do artigo 5 do dito decreto é que as autorizacións de cortas na área demarcada están suxeitas a unha autorización especial («autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria»).

O 29 de marzo de 2012 publicouse no DOG a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus, na cal se especifica que os períodos en que se permitirán as cortas na zona demarcada serán autorizados polo secretario xeral do Medio Rural e Montes logo de consultados os informes técnicos e científicos do seguimento sobre os voos do insecto vector.

O día 18 de maio de 2015 publicouse no DOG a Resolución do 29 de abril de 2015, da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, que establece as restricións ás autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) na zona demarcada das Neves.

O día 9 de outubro publícase no DOG o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o cal establece na súa disposición adicional 7ª que as referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación se entenderán realizadas aos órganos que os substitúen ou asumen as súas competencias, polo que se entende que as ditas competencias están na Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Tendo en conta os informes técnicos e científicos consultados sobre o seguimento dos voos do vector Monochamus galloprovincialis e do foco, así como das condicións meteorolóxicas,

RESOLVO:

Declarar como data de inicio das autorizacións de cortas de especies sensibles ao nematodo do piñeiro dentro da zona demarcada das Neves o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias