Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 12 de novembro de 2015 Páx. 42902

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2015 pola que se convoca un curso sobre plans de emerxencia exterior (PEE), cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Este curso desenvólvese ao abeiro do marco de colaboración entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e a Academia Galega de Seguridade Pública, para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, asinado o 26 de setembro de 2011.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre plans de emerxencia exterior (PEE), con 1 edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Plans de emerxencia exterior (PEE)

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

15

Prazas por edición

30

2. Obxectivos e contido.

2.1. Obxectivos:

• Recibir información xeral sobre os plans de emerxencia exterior (PEE).

• Adquirir formación sobre as medidas de prevención e de información, así como a organización dos procedementos de actuación e coordinación dos medios e recursos.

2.2. Contido:

• Os plans de emerxencia exterior e a súa normativa reguladora.

• Situación actual dos PEE en Galicia. Empresas galegas afectadas pola normativa PEE.

• Análise do comportamento individual e sinérxico dos diferentes produtos en caso de accidente grave.

• Operatividade: categoría de accidente, activación do plan, activación dos grupos operativos.

• Operatividade: aviso ao CAE 112 Galicia, protocolos de actuacións, técnico de garda.

• Descrición dun plan de emerxencia interior (PEI) e dun PEE nunha empresa concreta.

• Operatividade dos PEE e a súa coordinación pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e a Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

• Implantación do PEE en diferentes empresas.

• Funcionamento dos distintos grupos operativos: grupo de intervención, grupo sanitario, grupo de seguridade industrial e grupo de loxística e seguridade.

• As/os técnicas/os do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) como membros dos grupos de seguimento e avaliación: obrigas e funcións.

3. Destinatarias/os.

• Persoal técnico do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

• Técnicas/os dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas: 1 e 2 de decembro.

Horario: mañá e tarde.

Uso da residencia: os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa habitacións dispoñibles.

5. Inscrición.

5.1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

5.2. As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta na mesma, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

5.3. O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

5.4. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es , que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5.5. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

5.6. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

5.7. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios en unha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

6. Criterios de selección.

6.1. Terán preferencia na selección os seguintes colectivos e na orde indicada:

• Persoal técnico do Issga que realice funcións relacionadas co obxecto do curso.

• Demais persoal técnico do Issga.

• Técnicas/os dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia.

6.2. Dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso, teñen preferencia as mulleres ata alcanzar o 50 % das prazas convocadas (artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes). Se non houbese suficientes solicitudes de participación de mulleres, estas prazas acrecentarán as da quenda xeral.

7. Admisión.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es , unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 4 de novembro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública