Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 18 de novembro de 2015 Páx. 43523

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Coa publicación do Decreto 116/2015, do 4 de outubro, fixouse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Mediante o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fixouse a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Co Decreto 116/2015 preténdese o reforzo do ámbito rural, para os efectos de aproveitar a potencialidade deste sector estratéxico de Galicia, e créase, para tal efecto, a Consellería do Medio Rural separada da Consellería do Mar.

Atendendo principalmente ás modificacións practicadas nesa estrutura, procede ao mesmo tempo determinar a estrutura orgánica e funcional necesaria para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á Consellería do Medio Rural, respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa, así como os compromisos de austeridade e eficiencia asumidos polo Goberno galego.

Exclúese a regulación da estrutura orgánica do Fondo Galego de Garantía Agraria, xa que o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, xa contén a súa estrutura orgánica, segundo o disposto no artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Así mesmo, complétase a relación de órganos colexiados adscritos á consellería e creados por normas anteriores no tempo.

En consecuencia, procede agora aprobar a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, cos informes previos da Consellería de Facenda, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil quince

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Competencias

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal baixo a superior dirección da persoa titular do departamento lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española e no Estatuto de autonomía, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) Secretaría Xeral Técnica.

c) Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

d) Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

e) Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

2. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades públicas instrumentais do sector público autonómico:

a) O organismo Fondo Galego de Garantía Agraria.

b) O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

c) O ente público Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

CAPÍTULO II
Órganos centrais

Sección 1ª. O/a conselleiro/a

Artigo 3. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Sección 2ª. A Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. A Secretaría Xeral Técnica

1. A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería e é a autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural (PDR).

2. A Secretaría Xeral Técnica estará integrada polos seguintes órganos baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

a) Subdirección Xeral de Persoal.

b) Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

d) Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos.

e) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativo-Forestal.

f) Servizo de Réxime Interior.

3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do dito decreto en relación coas súas respectivas áreas funcionais e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 5. Subdirección Xeral de Persoal

1. Á Subdirección Xeral de Persoal correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) O control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral.

b) A organización da documentación procedente do rexistro e, en xeral, a asistencia técnica e a coordinación administrativa dos servizos da consellería en materia de persoal e réxime interno.

c) A encarga de todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, e suplir esta nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

d) O apoio técnico e administrativo da Secretaría Xeral Técnica.

e) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos a estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

f) O asesoramento e a realización de estudos e informes en materias de competencia do departamento que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica.

g) A interlocución coas organizacións sindicais nos asuntos competencia da consellería.

2. Para o exercicio das súas funcións organízase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.;

2º. Análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

3º. Ordenación e control da xestión de todo o persoal da consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

4º. Programación das necesidades de persoal e a formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo.

5º. Mantemento e actualización da base de datos de persoal e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

6º. Control da asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais.

b) Servizo de Recursos e Reclamacións. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións e recursos que se formulen.

2º. Elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación na materia.

3º. Estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios e de responsabilidade.

4º. Tramitación da execución das sentenzas.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria

1. Á Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria compétenlle as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos de dirección da consellería, e elaborar as instrucións necesarias para que os ditos órganos efectúen unha correcta execución orzamentaria.

b) A confección do anteproxecto de orzamentos da consellería.

c) O informe e tramitación das propostas de modificacións orzamentarias.

d) O control e seguimento da xestión económica e a execución do gasto da consellería.

e) O seguimento, tramitación e control dos expedientes de contratación da consellería.

f) Tamén se encargará daqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polo/a secretario/a xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións organízase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Contratación, que efectuará a tramitación, o seguimento e o control de toda a contratación administrativa da consellería e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

b) Servizo de Xestión Orzamentaria, que exercerá, en coordinación cos órganos afectados, as funcións relativas á elaboración do anteproxecto dos orzamentos da consellería, así como a xestión dos orzamentos, incluída a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria, as funcións de habilitación de material da consellería, a preparación, elaboración e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

Artigo 7. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administratio terá ao seu cargo:

a) O estudo e seguimento das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros de dirección da consellería.

b) A preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións delegadas, e o traslado de acordos destas.

c) As actuacións relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes desta consellería.

d) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e organismos e entes adscritos que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

e) A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor/a do Pobo e outras institucións.

g) A tramitación dos requirimentos entre administracións públicas e da revisión de actos administrativos.

h) A tramitación da fase final dos expedientes sancionadores da consellería cuxa resolución corresponda aos directores/as xerais, ao conselleiro/a ou ao Consello da Xunta nas materias competencia da consellería.

i) As actuacións necesarias para tramitar os expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda, e dos procedementos de reintegros e perdas de dereito de subvencións.

j) As competencias da Consellería sobre designación de membros de órganos colexiados e entidades do sector público autonómico de Galicia.

k) A elaboración de informes relacionados coas anteditas funcións, así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións contará co Servizo Técnico-Xurídico, ao cal lle corresponderá a tramitación e a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda, dos requirimentos entre administracións públicas, dos reintegros e perdas de dereito de subvencións, da revisión dos actos en vía administrativa e dos expedientes sancionadores especificados no punto anterior; así como todos aqueles asuntos que pola súa natureza lle sexan encomendados.

Artigo 8. Subdirección de Planificación e Coordinación de Fondos

1. Esta subdirección asumirá as seguintes tarefas:

a) O apoio técnico, seguimento e consolidación da información técnica e financeira dos distintos centros directivos da consellería e dos organismos e entes dependentes, xestores de fondos comunitarios e de programas coordinados co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e impulsar a coordinación de todos eles.

b) A xestión, coordinación, seguimento e implementación do Programa de desenvolvemento rural co fin de garantir a xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa e a calidade na súa aplicación por todas as unidades xestoras das medidas nel recollidas.

c) Prestaralles apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e aos distintos centros superiores e directivos en todas aquelas materias relacionadas cos fondos comunitarios e co PDR.

2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Seguimento do PDR, ao cal lle corresponderá o seguimento e implementación do Programa de desenvolvemento rural, asistindo a todos os órganos e unidades da consellería.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativo-Forestal

A Subdirección Xeral de Coordinación Administrativo-Forestal exercerá, dentro das actuacións transversais que corresponden á Secretaría Xeral Técnica e respecto do ámbito forestal, as seguintes funcións:

1. As actuaciones relativas á tramitación, seguimento e control das encomendas de traballos e actividades forestais e dos convenios de colaboración nesta materia.

2. O seguimento da execución orzamentaria do órgano competente nesta materia.

3. A coordinación entre órganos da Secretaría Xeral Técnica e os órganos da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal para os efectos da elaboración e seguimento das actuacións, plans e programas propios deste ámbito.

Artigo 10. Servizo de Réxime Interior

O Servizo de Réxime Interior, baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, realizará as seguintes funcións:

1. O apoio técnico e administrativo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e mellora da xestión.

3. As cuestións relativas ao réxime interno de funcionamento, incluída a xestión e coordinación do parque móbil da consellería.

4. As funcións relativas ao mantemento, inventariado, xestión e control dos bens inmobles e mobles adscritos á consellería.

5. A xestión e control das comunicacións telefónicas.

6. A elaboración de plans de formación e riscos do persoal adscrito á consellería.

7. O seguimento, tramitación e control das encomendas de traballos e actividades que propoñan os distintos órganos da consellería, distintos dos de carácter forestal, precisas para o exercicio das súas competencias e funcións.

Sección 3ª. Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal

Artigo 11. Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal

1. Á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á ordenación, fomento e mellora da produción forestal, as medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Correspóndenlle tamén, no ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario, as funcións de programación, coordinación e impulso da innovación e investigación e a innovación tecnolóxica, en coordinación co departamento desta administración competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a formación, a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da Consellería que melloren a súa capacitación e o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias en materia de formación doutros departamentos desta administración.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

Como Administración ou órgano forestal, no ámbito das súas competencias e baseada en métodos de xestión integrada de pragas, velará pola protección dos montes promovendo as medidas de prevención, protección e tratamento, tanto silvícolas como sanitarias, que favorezan a súa vitalidade e a utilización de axentes biolóxicos que impidan o incremento das poboacións de axentes nocivos, así como o control e certificación de sementes, materiais forestais de reprodución e producións forestais.

2. A Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal conta, para o exercicio das súas competencias, cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

b) Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

c) Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.

Artigo 12. Subdirección Xeral de Recursos Forestais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais exercerá as funcións relativas:

a) Á conservación e fomento dos recursos forestais.

b) Á sustentabilidade da xestión forestal.

c) Á regulación e ordenación dos seus aproveitamentos.

d) Ao asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes veciñais en man común.

e) Ao fomento de fórmulas de agrupación de propietarios/as forestais.

f) Á xestión dos rexistros públicos en materia de montes.

g) Ás accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade dos bosques.

h) Ao fomento e mellora da produción forestal.

2. Para iso contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Xestión Forestal, que se encargará da ordenación e da xestión dos montes pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos desta Administración, e exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e daqueles que sexan obxecto de contratos públicos de xestión, e promoverá a certificación forestal dos montes galegos e o control e seguimento do aproveitamento dos recursos forestais.

b) Servizo de Fomento Forestal, que se encargará do fomento das accións de mellora da produción forestal; o fomento das agrupacións dos/as propietarios/as forestais e a mellora da xestión e competitividade das empresas do sector forestal.

c) Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais, ao cal lle corresponde o asesoramento técnico e administrativo das comunidades de montes veciñais en man común (MVMC) e das sociedades de fomento forestal (Sofor) e demais agrupacións de propietarios/as forestais, e velará pola conservación e integridade dos MVMC e o resto das funcións que legal e regulamentariamente procedan en relación cos MVMC e coas Sofor, e levará os rexistros públicos administrativos.

d) Servizo do Medio Forestal, ao cal lle corresponde:

1º. O seguimento, análise e planificación das accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade das masas forestais, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos desta administración.

2º. A prevención, seguimento e control do estado sanitario das masa forestais e o estudo dos axentes nocivos, pragas e enfermidades das especies vexetais forestais e dos produtos da micoloxía en Galicia, excluíndo os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito.

3º. A planificación e execución das accións para a mellora e control da calidade do material forestal de reprodución e o control e seguimento da adaptación e resistencia dos bosques fronte ás variacións climáticas.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais

1. A Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, á cal lle corresponderá:

a) A realización das actuacións encamiñadas á protección e á defensa dos montes contra os incendios forestais.

b) O exercicio das funcións de planificación, programación, avaliación e seguimento, medidas e accións de defensa dos montes contra os incendios forestais.

c) A elaboración de estudos de análises de causalidade e de planificación preventiva, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

2. Para iso contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Coordinación, que se encargará da organización dos sistemas de comunicación, vixilancia e detección de incendios forestais; da elaboración de plans de formación e riscos do persoal vinculado á prevención e defensa contra incendios forestais; da planificación e equipamento dos medios utilizados na prevención e extinción de incendios forestais, así como dos programas de colaboración con outras administracións públicas, asociacións e organizacións de carácter privado.

b) Servizo de Programación e planificación preventiva, que se encargará da programación orzamentaria da prevención e extinción dos incendios forestais, da dotación de infraestruturas e medios de defensa, así como da análise da causalidade e a elaboración dos datos estatísticos en materia de incendios forestais e da planificación na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Artigo 14. Subdirección de Formación e Innovación Agroforestal

1. A Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal exercerá as funcións de:

a) Programación e coordinación da formación agroforestal e a divulgación dos resultados da investigación agraria e alimentaria para conseguir a incorporación das innovacións tecnolóxicas aos sistemas produtivos primarios e de transformación, así como a realización de estudos, publicacións e estatísticas agroforestais.

b) Promoción, impulso e programación da investigación en materia agroforestal.

c) Coordinación dos distintos centros de investigación e laboratorios da consellería en materia agroforestal, tendo en conta os obxectivos, programas e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento en Galicia.

d) Impulso e execución dos traballos de investigación nas materias asignadas e, en colaboración coa dirección xeral competente, atención ás demandas de análises relativas a seguridade alimentaria vexetal e a acreditación do bo estado das augas e solos de cultivo.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Formación Agroforestal, que desenvolverá as funcións de:

1º. Formación das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e industrias agropecuarias, agroalimentarias e forestais, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, do persoal dependente da consellería en materias técnicas en colaboración, de ser o caso, con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades.

2º. Coordinación dos centros de formación e experimentación agroforestal.

3º. Coordinación e seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito de actuación dos servizos centrais e periféricos en materia agroforestal e dos organizados por entidades privadas no marco que especifique a correspondente normativa.

b) Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións, que desenvolverá as funcións de:

1º. Coordinación entre os centros de investigación e experimentación agraria e forestal e o sector agroforestal e o industrial asociado, co fin de realizar a divulgación dos resultados experimentais e a adopción das innovacións tecnolóxicas na materia, para o cal contará co apoio e colaboración das oficinas agrarias comarcais e dos distritos forestais para estudar e indagar nas necesidades e inquedanzas do sector co obxecto de promover a investigación nas materias que este demande, asumindo as funcións de asesoramento ao sector agrario e forestal nas cuestións de innovación e uso das novas tecnoloxías.

2º. En colaboración cos centros de investigación e experimentación, correspóndenlle as funcións de publicar e divulgar os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación de demostración no ámbito agroforestal, así como a realización dos estudos relativos ao sector agroforestal que se lle encomenden.

3º. Adicionalmente, responsabilizarase da dirección e elaboración das estatísticas en materia agroforestal, en coordinación co Instituto Galego de Estatística, así como da coordinación das publicacións e edicións audiovisuais que se realicen.

4º. Levará a cabo, así mesmo, as funcións que se lle encomenden en relación cos observatorios de prezos de produtos agrarios.

c) Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña), do cal dependen a Estación Experimental de Gandaría de Montaña Marco da Curra (Monfero-A Coruña), a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (Lugo) e a Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño en Salceda de Caselas (Pontevedra).

d) Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), da cal depende a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra).

e) Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

f) Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que exercerá todas as funcións que en materia de experimentación lle sexan encomendadas, especialmente as relativas á ecoloxía de especies autóctonas, á mellora xenética forestal, fitopatoloxía das especies forestais e aos incendios forestais.

Sección 4ª. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura
e Industrias Agroalimentarias

Artigo 15. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

1. Á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices de política agraria da consellería en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, e executar, entre outras, as medidas de apoio ao sector lácteo e gandeiro de Galicia.

b) A protección e control da sanidade animal e vexetal, incluíndo a dirección das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, e de procedementos relacionados coa seguridade alimentaria.

c) A formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro.

d) A elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora da estrutura das explotacións agrarias.

e) Así mesmo, compételle a ordenación, fomento e os procedementos relacionados coas industrias agroalimentarias, así como todo o relacionado coa promoción e o fomento dos produtos agroalimentarios, as denominacións de orixe e de calidade do sector agroalimentario e o control da calidade comercial dos alimentos.

2. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para o exercicio das súas funcións, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Gandaría.

b) Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

c) Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

d) Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios.

e) Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria.

f) Servizo de Análise e Informes.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Gandaría

1. Á Subdirección Xeral de Gandaría correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Análise e planificación da execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades dos animais, epizootias e zoonoses, así como das alertas sanitarias animais, e outras medidas para o establecemento de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras.

b) Estudo da planificación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da produción gandeira en xeral.

c) Proposta de ordenación, fomento e control das condicións hixiénico-sanitarias dos medios de produción gandeiros e do benestar animal.

d) Planificación do control da seguridade alimentaria na produción primaria.

e) Planificación das actividades do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

f) Control da calidade e unicidade de criterio do exercicio da función inspectora dos servizos veterinarios oficiais.

Exclúense en relación con estas materias todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Sanidade Animal, que se encargará das seguintes materias:

1º. Execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades animais, epizootias e zoonoses, e da xestión das alertas sanitarias dos animais.

2º. Identificación e rexistro dos animais, o rexistro das explotacións gandeiras e dos vehículos de transporte dos animais vivos, o movemento pecuario, e o control sanitario e inspección dos medios de produción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

3º. Xestión das axudas e indemnizacións, cando procedan, relacionadas cos citados programas sanitarios.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

b) Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. Desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción gandeira.

2º. Organización e control dos programas relacionados co benestar animal.

3º. Control da rastrexabilidade do leite cru.

4º. Planificación e execución dos programas de mellora xenética do gando, a organización e control das condicións sanitarias e zootécnicas aplicables ao material xenético animal e o desenvolvemento e control das actuacións de apoio á conservación, uso e desenvolvemento sustentable dos recursos xenéticos na gandaría.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

c) Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. As actuacións necesarias para garantir a seguridade alimentaria das producións primarias gandeiras.

2º. O establecemento e control das condicións sanitarias aplicables ás empresas e operadores no sector da alimentación animal, o seu rexistro e o control do emprego neste sector, incluída a alimentación dos animais de granxa, de determinadas substancias e os seus residuos, así como a presenza de substancias contaminantes ou indesexables.

3º. O control oficial dos medicamentos veterinarios e o seu emprego.

4º. O control oficial dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (SANDACH) xerados nas explotacións gandeiras con usos distintos da fertilización, ou relacionados coa alimentación de animais de produción, a proposta de autorización e control oficial das plantas de almacenamento e transformación destes subprodutos, así como a xestión do Rexistro de Establecementos SANDACH e do Rexistro de Explotadores que se dedican ao transporte deles.

5º. A execución dos programas de control e mellora da calidade do leite cru nas explotacións gandeiras.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

d) Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal corresponderá a realización de análises e estudos de investigación en relación coa sanidade e hixiene dos animais, as producións gandeiras e os medios de produción gandeiros; a coordinación das actuacións realizadas polos laboratorios de sanidade animal de Mabegondo (A Coruña) e Salcedo (Pontevedra), integrados nun sistema da calidade único; e o control daqueles laboratorios privados recoñecidos pola Consellería e dedicados ás materias sinaladas.

e) Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponde a elaboración e o desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

Artigo 17. Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

1. A Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, coas funcións de execución das accións tendentes á mellora das explotacións agrarias e das accións referentes aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural, así como a xestión dos rexistros de explotacións. Ademais, realizará a programación e a planificación das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, das actividades para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral, e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de produción agrícolas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, ao cal lle corresponderán as funcións relativas á:

1º. Mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias.

2º. Xestión do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

3º. Xestión dos servizos de asesoramento, xestión e substitución ás explotacións, e o rexistro das entidades de aconsellamento.

4º. Promoción e fomento das cooperativas agrarias en Galicia, tendentes ao seu redimensionamento.

5º. Xestión dos programas relativos ao cooperativismo agrario, tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación.

6º. Xestión dos programas de formación e promoción das asociacións agrogandeiras.

b) Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, coas funcións de:

1º. Desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación produtiva de cultivos e aproveitamentos.

2º. Xestión, control e inspección dos medios de produción agrícolas e os seus rexistros.

3º. As actividades necesarias para o control e inspección da produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro de calidade.

4º. Fomento, programación e desenvolvemento de sistemas produtivos agrícolas respectuosos co ambiente e da xestión integrada de pragas e a produción integrada.

5º. Análise da planificación, organización, dirección, inspección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito.

6º. Xestión e control dos medios de defensa sanitarios dos vexetais.

7º. Mantemento dos rexistros da consellería en materia de sanidade vexetal.

8º. Supervisión e coordinación das agrupacións de defensa en materia fitosanitaria, así como dos avisos fitosanitarios.

9º. A aplicación da normativa de utilización de lodos de depuradora no sector agrario, e o control oficial dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (SANDACH) xerados nas explotacións gandeiras destinados á fertilización, así como os plans de xestións de xurro, para a consecución dunha agricultura compatible co ambiente e a saúde das persoas consumidoras.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria

1. Á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria compételle a ordenación, fomento, coordinación, asesoramento e vixilancia das industrias agroalimentarias, a promoción e o fomento da comercialización dos produtos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade do sector agroalimentario, así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas e a inspección e defensa contra as fraudes á calidade alimentaria.

2. Para o desenvolvemento das ditas funcións conta cos seguintes servizos:

a) Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as accións de ordenación e fomento das industrias agroalimentarias.

b) Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, ao cal lle compete a xestión e a elaboración dos programas de promoción e fomento dos produtos agroalimentarios galegos, así como as propostas de recoñecemento das denominacións de calidade.

c) Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá todas as actuacións en materia de defensa contra as fraudes á calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesa materia.

Artigo 19. Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios

1. Á Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios correspóndelle a adecuada planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas da dirección xeral, así como o seguimento da execución financeira de todos os programas da dirección xeral. Tamén xestionará a adquisición de todos os medios materiais que sexan necesarios na dirección xeral para levar a cabo os seus programas, así como a preparación dos convenios e contratos necesarios para a consecución dos citados programas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Dotación de Medios, encargado da elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade e produción agropecuaria. Encargarase da proposta da adquisición e loxística dos medios necesarios para a realización dos ditos plans e programas, tanto no referente a traballos de campo como ao diagnóstico de laboratorio. Tamén se encargará da elaboración dos convenios, contratos e encomendas correspondentes á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 20. Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria

O Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria, que dependendo directamente da dirección xeral para garantir a súa independencia sobre as unidades que se deberán auditar, exercerá as funcións previstas no artigo 4.6 do Regulamento (CE) 882/2004, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais.

Artigo 21. Servizo de Análise e Informes

O Servizo de Análise e Informes, con dependencia directa da dirección xeral, exercerá as funcións de análise de toda a información recibida na dirección xeral, e da elaboración dos correspondentes informes en materia de agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias. Tamén exercerá a coordinación e o seguimento dos distintos plans e programas de actuación da dirección xeral.

Sección 5ª. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Artigo 22. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural é un órgano de dirección ao cal lle corresponde:

a) A elaboración, proposta e desenvolvemento das actuacións de fomento do desenvolvemento socioeconómico do territorio rural galego, da dinamización das áreas rurais de Galicia, da formulación de iniciativas e programas de desenvolvemento das zonas rurais e da execución das accións que contribúan á diversificación económica no medio rural.

b) A coordinación e xestión do Plan de desenvolvemento comarcal e a proposta de configuración das distintas comarcas nas cales se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora e modernización das infraestruturas rurais e do medio rural, mobilidade de terras con vocación agraria e xestión de zonas regables, todo iso sen prexuízo das funcións atribuídas pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, para o exercicio das súas funcións, contará coa Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias.

Artigo 23. Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias

1. A Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, responsabilizarase de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, desenvolvendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestrutura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como das actuacións en materia de modernización e creación de regadíos, así como todos os asuntos referentes á reforma das estruturas agrarias e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de reforma das estruturas.

2. Para o desenvolvemento desas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos, que exercerá o estudo da planificación, a supervisión, coordinación, control da execución e seguimento das obras de todos os proxectos de obras e servizos técnicos da dirección xeral e doutros centros directivos e departamentos cando así llo encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia. Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos das obras.

b) Servizo de Reforma das Estruturas, que desenvolverá as funcións relativas á mellora das estruturas rurais, arrendamentos rústicos e as demais actuacións para reorganizar a base territorial das explotacións agrarias e todas as accións materiais relacionadas coa modificación das estruturas.

c) Servizo de Apoio Xurídico-Administrativo de Estruturas e Infraestruturas, que levará a cabo as funcións xurídico-administrativas de estudo, informe e elaboración das propostas de resolución no ámbito competencial da dirección xeral, en materia de infraestruturas agrarias e reforma das estruturas, e a coordinación nestas materias coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo e os servizos de Infraestruturas Agrarias das Xefaturas Territoriais, e cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias en materias propias desta.

CAPÍTULO III
Órganos periféricos

Artigo 24. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Medio Rural organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais en que se integren, salvo a Xefatura Territorial de Pontevedra que desenvolverá tamén as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/a cal dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da xefatura, o inventario de bens mobles e inmobles adscritos, a información ao público, o control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen, así como a elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán cos seguintes servizos:

a) Servizo Xurídico-Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia competencia da consellería e elevar a resolución ao xefe ou xefa territorial naqueles supostos en que a normativa vixente lle atribúa a facultade de resolver; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda; o impulso, tramitación e participación nas fases dos procedementos de mellora das estruturas que así o requiran; a elaboración de informes sobre os actos administrativos emanados da xefatura territorial e, en xeral, a tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encargados polo xefe ou xefa territorial.

b) Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e tamén lle corresponderá a coordinación das actuacións dos servizos agrarios da estrutura de área e comarcal.

c) Servizo de Infraestruturas Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

d) Servizo de Gandaría, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Así mesmo, corresponderalle a coordinación das actuacións dos servizos técnicos veterinarios da estrutura de área e comarcal.

e) Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

f) Servizo de Montes, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de xestión de montes da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

g) Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de prevención, defensa e extinción de incendios forestais que correspondan á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Artigo 25. Oficinas agrarias comarcais

As oficinas agrarias comarcais, integradas na estrutura territorial da consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente do xefe ou xefa territorial e terán como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da consellería en materia agraria, así como a de prestar apoio técnico e administrativo aos organismos e entes adscritos a ela, sen prexuízo do establecido no artigo 24.3.b) e d) e do disposto no artigo 14 deste decreto.

Artigo 26. Distritos forestais

Os distritos forestais, integrados na estrutura territorial da consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente da xefa ou xefe territorial e funcionalmente da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, e exercerán, no ámbito territorial do distrito forestal, as funcións en materia de xestión de montes e de prevención, defensa e extinción de incendios forestais.

CAPÍTULO IV
Órganos colexiados

Artigo 27. Órganos colexiados

1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de montes veciñais en man común. A presidencia dos xurados será asumida polas respectivas xefas ou xefes territoriais e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités territoriais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos/as respectivos/as xefes ou xefas territoriais da Consellería do Medio Rural e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

3. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Forestal de Galicia, de conformidade coas funcións e composición establecidas no Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

4. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Agrario Galego, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Disposición adicional primeira. Xefaturas territoriais

1. As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e non previstas neste decreto, enténdense atribuídas aos xefes ou xefas territoriais da consellería.

2. Corresponderá aos xefes territoriais a adxudicación dos alleamentos dos aproveitamentos forestais, regulados no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 que o desenvolve.

Disposición adicional segunda. Designación de cargos compatibles

De conformidade co previsto no artigo 4.1º.a) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, as persoas titulares dos órganos sinalados no artigo 2 deste decreto poderán ser designadas, por razón do seu cargo, persoas directoras ou cargos asimilados nas entidades instrumentais adscritas a esta consellería, e percibirán unicamente as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, e sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados, agás as excepcións previstas na normativa de aplicación ás entidades instrumentais.

Disposición adicional terceira. Medidas ou axudas financiadas con cargo a fondos agrarios europeos

Aqueles centros de dirección das distintas consellerías e entidades instrumentais dependentes, aos cales se lles asigne a competencia para a xestión de medidas ou axudas cuxo financiamento sexa total ou parcialmente con cargo aos fondos agrarios europeos, instrumentarán coa dirección do organismo pagador as resolucións conxuntas a que se refire o último parágrafo do artigo 1.2 do Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

Disposición adicional cuarta. Igualdade entre homes e mulleres

1. Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería do Medio Rural, así como dos/das titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector publico autonómico pertencentes ao seu ámbito competencial, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

2. No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Readscrición de persoal que ocupe postos de subdirección xeral e xefatura de servizo

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase á conselleira/o do Medio Rural, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para readscribir ao persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura no presente decreto.

No caso de amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública

Disposición transitoria segunda. Readscrición de unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto, e especialmente o Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, no que afecte as competencias en materia de medio rural.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural