Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 24 de novembro de 2015 Páx. 44455

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de outubro de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade da Resolución do 29 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Maceda-Orois (Melide-A Coruña).

O 29 de setembro de 2015 o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Maceda-Orois (Melide-A Coruña), que se transcribe a continuación:

O acordo de concentración parcelaria da zona de Maceda-Orois (Melide-A Coruña) foi aprobado pola Dirección Xeral competente por razón da materia, con data do 12 de xaneiro de 2009, publicado na forma legalmente establecida, e encóntrase na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Melide solicitou a cesión da titularidade dos predios e para os fins que se indican a continuación:

• Os predios nº 10, 99, 102-2, 231, 270, 535-2, 477-2, 715-3, 764-2, 859-1, 883, 892, 909 e 918, para cargadoiros de madeira.

• Os predios nº 396 e 597, para espazo de estacionamento de vehículos e maquinaria pesada.

• Os predios nº 348 e 831, para ampliación de cemiterio.

• Os predios nº 598 e 826-2 para captación de auga en cisternas.

• Os predios nº 821 e 865 para destinala á área de lecer dos muíños.

• O predio nº 744 para contorno do campo de fútbol.

• Os predios nº 19 e 191 para destinalas a canteira e punto limpo.

• O predio nº 279, para destinala a punto limpo.

• O predio nº 174-2 para campo de festas de Orois.

• O predio nº 698 para ampliación do camiño situado na zona sur.

Vista a proposta da Xunta Local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Non é posible a cesión do predio nº 698 dado que non forma parte do Fondo de Terras, porque está atribuído a un terceiro.

Á vista dos destinos para os cales se solicitan os referidos predios, e respecto dos que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Maceda-Orois (Melide-A Coruña), e adxudicar ao Concello de Melide a titularidade dos predios nº 10, 19, 99, 102-2, 174-2, 191, 231, 270, 279, 348, 396, 477-2, 535-2, 597, 598, 715-3, 744, 764-2, 821, 826-2, 831, 859-1, 865, 883, 892, 909 e 918 –que causan baixa no Fondo de Terras da zona– para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de Terras da zona, o patrimonio da comunidade autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Melide.

Contra a dita resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio ou da recepción da comunicación, segundo o caso.

A Coruña, 21 de outubro de 2015

Enrique Luis de Salvador Sánchez
Xefe territorial da Coruña