Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 3 de decembro de 2015 Páx. 45474

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 19 de novembro de 2015 pola que se actualizan os modelos oficiais de declaración responsable e comunicación de inicio de actividade relativos a actividades de servizos turísticos.

A Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, supón o inicio do proceso de harmonización da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia eliminando os obstáculos que se opoñen á liberdade de establecemento e a circulación dos prestadores de servizos en Galicia.

Deste xeito, o artigo 41.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece, agás para os campamentos de turismo, que a empresaria ou empresario turístico que vaia iniciar e exercer unha actividade turística ou prestar un servizo turístico deberá presentar, antes do inicio das súas actividades, unha declaración responsable do cumprimento das condicións que resulten exixibles para o exercicio da actividade e a clasificación do correspondente establecemento e do seu mantemento durante o tempo en que desenvolva a súa actividade.

Os actuais modelos de declaración responsable foron publicados pola Orde do 10 de maio de 2010 da Consellería de Cultura e Turismo, modificada pola Orde do 30 de maio de 2011.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou as «Guías para a habilitación electrónica de procedementos e formularios» que teñen o obxectivo de axudar aos órganos e unidades da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e facilitar o cumprimento da normativa en materia de Administración electrónica, a simplificación administrativa e a utilización de novas ferramentas de tramitación administrativa.

De acordo co anterior, procedeuse a unha revisión, de conformidade coas previsións recollidas nas guías para a habilitación electrónica de procedementos, dos formularios de inicio dos procedementos regulados na Orde do 10 de maio de 2010 pola que se aproban e se dá publicidade aos modelos oficiais de declaración responsable e comunicación previa relativos a actividades de servizos turísticos, modificada pola Orde do 30 de maio de 2011.

En concreto, actualízanse os modelos oficiais de declaración responsable e comunicación de inicio de actividades relativas a restaurantes ou cafetarías, axencias de viaxe e establecementos de turismo rural.

Así mesmo, modifícanse os formularios relativos a comunicación de baixa ou cambios que non afectan a clasificación turística; modificación ou reformas substanciais que afectan as condicións dos establecementos turísticos, e modelos de aval e de seguro de caución que presentarán as axencias de viaxe.

Á vista do exposto, e en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto actualizar os modelos oficiais de declaración responsable e comunicación previa relativos a actividades de servizos turísticos, que figuran no anexo I desta orde.

2. Os modelos normalizados publícanse para efectos exclusivamente informativos, e insírense como anexos a esta orde.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 4. Notificacións relativas a este procedemento

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, co que continuará o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.turismo@xunta.es

Disposición adicional única. Formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 10 de maio de 2010 pola que se aproban e se dá publicidade aos modelos oficiais de declaración responsable e comunicación previa relativos a actividades de servizos turísticos, modificada pola Orde do 30 de maio de 2011, salvo o anexo I (Declaración responsable de inicio de actividade de establecementos hoteleiros e solicitude de clasificación); anexo III (Declaración responsable de inicio de actividade de apartamentos turísticos) e anexo IV (Declaración responsable de inicio de actividade de vivendas turísticas).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Anexo

Código

Denominación

Anexo II

TU984E

Declaración responsable de inicio de actividade de establecementos de turismo rural

Anexo V

TU984B

Declaración responsable de inicio de actividade de restaurantes ou cafetarías

Anexo VII

TU984A

Declaración responsable de inicio de actividade de axencias de viaxe

Anexo VII A

Modelo de aval

Anexo VII B

Modelo de certificado de seguro de caución

Anexo VIII

TU996B

Declaración responsable de modificación ou reformas substanciais que afectan as condicións dos establecementos turísticos

Anexo IX

TU996A

Comunicación de baixa ou cambios que non afectan a clasificación turística

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file