Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 17 de decembro de 2015 Páx. 47179

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Casa para persoas residentes no exterior, durante o ano 2016.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Segundo o do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se regula e se convoca o programa de viaxes a Galicia Reencontros na Casa, que permite a persoas emigrantes galegas e fillos e fillas de persoas emigrantes galegas maiores de 65 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos coas súas familias residentes aquí.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Casa para o ano 2016, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país, das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2016.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galega.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

1.4. Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.

2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de persoa galega e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8 e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.

4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan coa persoa solicitante.

5. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. A condición de persoa beneficiaria quedará supeditada ao compromiso de acollida da familia da persoa solicitante residente en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión. A Secretaría Xeral da Emigración poderá verificar estes aspectos en calquera momento.

2. As persoas participantes poderán permanecer coas súas familias en Galicia ata completaren un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivados da súa estadía en Galicia.

3. As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.

4. As persoas beneficiarias deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para realizar a viaxe. Entenderase que quen non cumpra con este requisito desiste da súa solicitude.

5. A prestación de asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función do número de persoas galegas residentes en cada país e das necesidades e demandas constatadas nas últimas convocatorias deste programa, queda fixada para o ano 2016, do seguinte xeito:

Países Nº de prazas

Arxentina 90

Brasil 19

Cuba 12

Uruguai 60

Venezuela 14

Outros países 9

Total 204

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 204 prazas, poderanse distribuír proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 2, puntos 1 e 2, e o 10 % restante ás persoas que cumpran os requisitos do punto 3 do mesmo artigo. Se non se completar unha destas cotas, as prazas vacantes poderán engadirse á outra.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción, por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Datas de realización.

As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da pasaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida en América fixados pola Secretaría Xeral da Emigración ata o lugar de destino designado en Galicia e do retorno.

Naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade para o ano da convocatoria non supere os 3.000 euros anuais, a secretaría xeral farase cargo do 90 % do custo da pasaxe.

Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que deba aboar a persoa beneficiaria, debido a dificultades na política de cambio, poderá sufragarse o 100 % do custo da pasaxe.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

4. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Rio de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instrução de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberán remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos dous días seguintes ao final do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web http://emigracion.xunta.es.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados de xeito electrónico accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 29 de febreiro de 2016.

Artigo 8. Documentación

1. A solicitude irá acompañada da documentación que a seguir se relaciona:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, o pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade da persoa solicitante ou unha certificación consular da persoa solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

b) A documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten o programa por aplicación do numero 3 do artigo 2 deberán acreditar ser fillos ou fillas de persoa emigrante galega e ter a condición de persoa galega mediante a inscrición no censo de residentes ausentes nun concello galego.

c) A documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

d) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar. No caso de que non teñan a obriga de realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e un certificado ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.

e) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto dos membros da unidade económica familiar.

h) Una fotografía recente, tamaño carné.

i) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.

2. O/a cónxuxe acompañante da persoa solicitante ou persoa unida a ela de feito ou relación análoga de afectividade, de ser o caso, deberá presentar, debidamente completado o anexo III, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

DNI do/da cónxuxe acompañante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta no anexo III. Para o resto, o pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) O certificado médico segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Unha fotografía recente, tamaño carné.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezarán a contarse desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que avaliará as solicitudes que non fosen valoradas nos países de orixe e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación propias, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia respectivas. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, á vista do número de solicitudes presentadas, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o final do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.es para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da súa solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición, e procederase ao seu arquivamento nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerar, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes e os resultados obtidos deberán terse en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor remitirá á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 8, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Criterios de selección

1. En primeiro lugar seleccionaranse as persoas solicitantes que nunca participasen en edicións deste programa. Dentro deste grupo, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

2. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta as persoas solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

4. A selección dunha solicitude realizada por persoa emigrante galega levará implícita a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos nesta resolución.

5. A selección dunha persoa solicitante fillo/a dunha persoa emigrante galega non implicará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade.

6. Seguindo os puntos 1, 2, 3, 4 e 5 anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de persoas seleccionadas e de reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, CP 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.es.

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file