Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 22 de decembro de 2015 Páx. 47704

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procédese á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN852A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece, no artigo 149.1º.15, que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento. Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva, e Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para ser cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

Trátase duns obxectivos que se asocian directamente aos obxectivos temáticos (OT) que aparecen recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013); e as prioridades de investimento fixadas no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1301/2013).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, atribuíndolle, no seu artigo 15.3, a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

O primeiro Plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este Plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013 e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 e para a selección de prioridades de investimento, subobxectivos temáticos e actuacións do Obxectivo temático 1 do Feder e prevé entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o programa Peme innova en que os proxectos de innovación aberta teñen o propósito de subministrar incentivos á cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, particularmente cos axentes xeradores de coñecemento e con outras empresas, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado.

As axudas que agora se convocan están, pois, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación «Horizonte 2020» co fin de procurar, a medio e longo prazo, a obtención de retornos sociais.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; e favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

A presente orde é coherente coa normativa comunitaria e coas directrices elaboradas pola Comisión Europea sobre as opcións de custos simplificados que teñen por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias, e redución da posibilidade de erro e a carga administrativa aos promotores do proxecto. Esta orde acolle na súa regulación a posibilidade recollida no artigo 68 do Regulamento (UE) 1303/2013 distinguindo entre custos directos de persoal, suxeitos ao réxime de custos simplificados a través de custos unitarios; outros custos directos, suxeitos ao réxime ordinario de xustificación por medio de documentos xustificativos do gasto e pagamento e custos indirectos, suxeitos ao réxime de custos simplificados a través dun tanto por cento alzado.

Esta convocatoria tramítase de xeito anticipado ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, o director da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN852A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Definicións

1. Agrupación de empresas beneficiarias: para os efectos desta resolución, enténdese por agrupación de empresas beneficiarias aquelas que participan de xeito conxunto no proxecto obxecto da subvención, existindo entre elas un acordo regulador que recolla polo menos os mínimos establecidos no artigo 5.6 desta resolución. Unha das empresas da agrupación asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante o órgano convocante, denominándose, en diante, o líder.

2. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 del Regulamento (UE) no 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249 de 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Gran empresa, enténdese toda empresa que non cumpre cos requisitos para ser considerada como peme nos termos establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº  651/2014.

5. Pequena e mediana empresa: segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o calculo destes efectivos deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

6. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación), segundo a definición do artigo 2. 83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

7. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Actividades subvencionables

Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos. Para os efectos desta resolución, entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que podan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nun contorno de laboratorio ou nun contorno con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír, tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que no estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

Artigo 4. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos estarán en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia de acordo coa definición destes que se realiza no artigo 2 desta resolución e coas súas liñas prioritarias que se detallan no anexo V.

2. Os proxectos de I+D+i subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación con pemes e ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1.500.000 euros dividido nas distintas actividades que realizará cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros e a repartición da participación de cada empresa deberá ser equilibrada, e non superará en ningún caso, a participación dunha única empresa (ou empresas vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

Poderán incluírse grandes empresas A súa participación limitarase a un máximo do 25 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

3. Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma Galega. Todos os membros da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que deberán ter na comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter axuda. De non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar declaración da entidade solicitante que acredite que se establecerá en Galicia antes de iniciarse o proxecto.

4. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade en que a empresa incorrería de todos os xeitos nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio do proxecto presentado non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.

5. A duración mínima da actividade será de dúas anualidades e a máxima estenderase ata o 31 de decembro de 2018.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no artigo 2.

2. As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por dúas empresas non vinculadas entre si das que unha deberá ser peme e, como máximo, por seis empresas. O tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz. Na agrupación poderá participar só unha grande empresa coa participación máxima sinalada no artigo 4.2 desta resolución. No caso de que na agrupación non participe ningunha pequena empresa, será necesario que, como mínimo, unha destas sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D+i dentro do proxecto.

3. Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

4. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto. O líder recibirá a axuda concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia Galega de Innovación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá prever, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela e perceptor da axuda.

c) Compromiso de distribución da axuda percibida polo líder entre todos os participantes da agrupación conforme o gasto aprobado e a resolución de pagamento da Axencia Galega de Innovación tras a xustificación finalmente admitida.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.

f) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

g) Designación dun xefe técnico do proxecto.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

5. A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

6. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, (en diante, Decreto 11/2009) no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas subvencións á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación Medida
CE_Actividade

Aplicación

Código do proxecto

2016

2017

2018

Total

01

1.2.1

Grandes empresas

002_64

09.A3.561A.770.0

2016 00002

1.125.000,00

1.687.500,00

937.500,00

3.750.000,00

01

1.2.1

Pemes

064_65

09.A3.561A.770.0

2016 00011

6.375.000,00

9.562.500,00

5.312.500,00

21.250.000,00

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, e será posible, incluso, a incorporación de novas aplicacións, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias sen incrementar o crédito total.

2. As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 1 «Potenciar a investigación o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación», Prioridade de investimento 1.2 «O fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes», Obxectivo específico 1.2.1. «Impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora».

Artigo 7. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario da agrupación e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014, de acordo coa seguinte táboa:

Pequena empresa

Mediana empresa

Grande empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas

80 %

75 %

65 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas

60 %

50 %

40 %

Innovación en materia de procesos e organización

50 %

50 %

15 %

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles coa percepción de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade ou os mesmos custos procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. O total da axuda non superará o custo subvencionable.

Artigo 8. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2016, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 36 desta resolución. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

3. Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas.

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.

2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

4. Adquisición de patentes.

5. Servizos tecnolóxicos externos.

6. Subcontratacións.

b) Custos de carácter indirecto: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

Artigo 9. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar os custos de persoal propio e os do persoal de nova contratación que se incorpore á empresa para a realización do proxecto (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividade de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento das actividades de I +D+i do plan de traballo do proxecto. Cando a imputación ao proxecto non sexa do cen por cento, na memoria que se xunte á solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos para desenvolver no proxecto, sen que sexa suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

2. Poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de investigación no proxecto cunha dedicación máxima do 70 % xustificando detalladamente na memoria que se xuntará á solicitude as funcións de investigación que desenvolverá e que deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

3. De acordo coa posibilidade prevista no artigo 67.1.b) en relación co artigo 68.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, establécese un baremo estándar de custo unitario para os custos de persoal, que se calcularán partindo dun custo unitario por hora de traballo efectivo realizado polo persoal dedicado ao proxecto cun máximo de 1.720 horas para 12 meses, que se corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa.

Os módulos que se aplicarán son os seguintes:

a) 36,42 euros/hora acreditada para o xefe técnico do proxecto que figure no grupo de cotización 1.

b) 25,85 euros/hora acreditada para as persoas tituladas universitarias que figuren no grupo de cotización 1 ou 2.

c) 20,75 euros/hora acreditada para os técnicos e persoal de apoio que figuren, como mínimo, nos grupos de cotización 3 a 9.

d) 15,46 euros/hora acreditada para as persoas con formación secundaria ata a segunda etapa e figuren, como mínimo, nos grupos de cotización 3 a 8.

e) 9,63 euros/hora acreditada para as persoas con formación ata a primeira etapa de secundaria e figuren no resto dos grupos de cotización 9 a 11.

4. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolva o proxecto e os de persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios da empresa que traballen baixo o réxime de autónomos. No caso de traballadores autónomos, a súa dedicación mensual estará limitada ao 50 %.

b) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto.

c) As contratacións en formación, as de bolseiros, as contratacións a tempo parcial agás os supostos de redución voluntaria da xornada previstos no Estatuto do traballadores, nin as contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que establece a Seguridade Social ao regular as bases de cotización por continxencias comúns e que se indican a continuación:

Titulación/categoría profesional

Grupo de cotización

Enxeñeiros/licenciados/persoal de alta dirección

1

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados

2

Xefes administrativos e de taller

3

Axudantes non titulados

4

Oficiais administrativos

5

Subalternos

6

Auxiliares administrativos

7

Oficiais de primeira e segunda

8

Resto de oficiais

9

Peóns

10

Traballadores menores de 18 anos

11

5. As modificacións no cadro de persoal asignado ao proxecto deberán ser aprobadas pola Axencia Galega de Innovación. Só se admitirán os cambios dunha persoa por outra con idéntica ou equivalente titulación, ou aquelas substitucións debidamente xustificadas no marco do proxecto.

Entenderase que a Axencia Galega de Innovación ten aprobado a modificación pretendida no cadro de persoal se non a rexeita expresamente no prazo dun mes desde a data de entrada no rexistro da Axencia da notificación. O rexeitamento ou a falla de notificación da modificación pretendida levará consigo unha redución no custo concedido para os traballadores afectados.

Artigo 10. Outros custos directos

Os resto dos custos directos correspondentes a custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, material funxible, adquisición de patentes, servizos tecnolóxicos externos e subcontratacións calcularanse como custos reais con documentación soporte do gasto e pagamento.

Artigo 11. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición

1. Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.

Se o equipamento e material se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberá xustificarse na memoria do proxecto a vida útil do equipamento ou material.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil da duración del, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

2. As novas licenzas e as renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

3. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

b) Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

c) As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data da presentación da solicitude da subvención, podendo imputarse só as cotas pagadas dentro do período de xustificación de cada anualidade.

d) Non serán gastos subvencionables á marxe do arrendador os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.

Artigo 12. Custos de material funxible

Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades de investigación. Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto.

Artigo 13. Adquisición de patentes

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á agrupación, sempre e cando a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

Artigo 14. Servizos tecnolóxicos externos

1. Consideraranse servizos tecnolóxicos externos aquelas actividades distintas á investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes. Se a actividade para realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación.

2. Os servizos tecnolóxicos externos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades do proxecto e estar debidamente xustificados na memoria técnica.

Artigo 15. Ofertas

No caso de adquisición de bens de equipamento, ou contratación de servizos ou subministracións cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere os 18.000 euros, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, achegando unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 16. Subcontratacións

1. Consideraranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución dunha parte da actividade investigadora que constitúe o obxecto da subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica.

2. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución de convocatoria poderán subcontratar, como máximo, ata o 50 % do importe da actividade subvencionada.

3. Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre o beneficiario e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar beneficiario da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data inicio e duración total, identificación dos investigadores participantes, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. Este contrato deberá ser autorizado pola Axencia Galega de Innovación.

4. En ningún caso o beneficiario poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, sen prexuízo da excepción regulada no artigo 17 desta resolución en relación coas empresas vinculadas.

Artigo 17. Participación na agrupación de empresas vinculadas

1. Cando nun proxecto interveñan empresas vinculadas, consonte coa definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución e no artigo 43.2 do Regulamento 11/2009, só poderán facelo como membros da agrupación. Se empresas vinculadas participan como entidades subcontratadas, como provedores ou prestadores de servizos, ou dalgún outro xeito, a súa actividade non será subvencionable.

2. Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a subcontratación de empresas vinculadas a unha entidade beneficiaria, cando sexa imprescindible para a execución do proxecto, sempre que se realice de acordo coas condicións normais do mercado e sempre que se produza unha imposibilidade material para que a entidade que se vai subcontratar poida ser membro da agrupación. Nestas mesmas condicións poderá autorizar a participación no proxecto de empresas vinculadas como provedores ou prestadores de servizos.

Artigo 18. Gastos indirectos

En aplicación da opción prevista no artigo 68.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o custo subvencionable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 10 % aos custos directos de persoal imputados ao proxecto, segundo o solicitado nel.

Artigo 19. Solicitudes

1. Entregarase unha única solicitude expresando claramente o título do proxecto que deberá ser presentada pola empresa líder de cada agrupación e na cal estará integrada a información de todos os membros da agrupación. Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, que deberá corresponder ao representante legal ou apoderado da empresa representante da agrupación solicitante da axuda. Ademais dos formularios normalizados, será necesario achegar á aplicación a memoria en formato PDF (máximo 3MB) e xuntarlle o resto de documentación necesaria.

3. De conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren. A persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá, previamente, dixitalizar os orixinais para obter arquivos en formato PDF. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica (20 MB), permitirase a presentación destes documentos de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto cos documentos que se presentan, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, e deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas presentadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Documentación da solicitude

1. Xunto coa solicitude (anexo I) presentada polo líder do proxecto, deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a continuación se relaciona distinguindo a documentación xurídico-administrativa e a documentación técnica.

2. Documentación xurídico-administrativa:

a) Acordo regulador da agrupación. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada membro da agrupación co contido mínimo sinalado no artigo 5.4 desta resolución.

b) Contratos de subcontratación con organismos e empresas.

c) Informe de vida laboral de cada unha das empresas integrantes da agrupación posterior á data de inicio do prazo de presentación de solicitudes.

d) Declaracións de conformidade de participación no proxecto, asinadas polos representantes legais de cada unha das empresas da agrupación, en que se outorgue ao líder do proxecto a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e canalizar a súa relación coa Administración segundo anexo II.

e) Declaración responsable do representante legal de cada membro da agrupación segundo o anexo III.

f) No caso de que se denegue expresamente a consulta de verificación de documentación, deberá presentar a requirida no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

g) No caso de que non se autorice a verificación da capacidade no rexistro mercantil, deberá presentar a escritura de constitución verificada polo a súa suficiencia polo letrado da Xunta de Galicia.

h) No caso de non autorizar a verificación de datos de identidade, deberá presentar copia do DNI ou NIE da persoa física solicitante ou representante legal cando corresponda, así como de cada un dos membros da agrupación.

i) No caso de denegar expresamente a verificación, deberá presentar copia do NIF en vigor da entidade líder que solicita a axuda.

l) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

m) No caso de poder mancomunado, autorización acompañada da/s copia/s do/s DNI do/s socio/s que dan a súa autorización.

3. Documentación técnica:

a) Memoria do proxecto segundo o índice que se inclúe como anexo V. Nesta memoria deberá incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicarase o seu perfil, a súa porcentaxe de dedicación e a motivación da porcentaxe, así como a duración do seu contrato. Respecto dos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material ou, se é o caso, o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.

b) Currículos en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación, incluíndo a certificación da súa titulación.

Artigo 21. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 74 37, 981 95 73 86, 981 95 78 72 e 981 54 15 87 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico gain@xunta.es

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.es .

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 22. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 23. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá deberá achegar coa solicitude estas certificacións que deberán estar en vigor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. Coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. Así mesmo, informarase aos beneficiarios de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación, onde figurarán os nomes dos beneficiarios, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada, así como da outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

5. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

6. Consonte o disposto no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na base nacional de subvencións non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Conecta pemes 2016», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A, 6º, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a gain@xunta.es .

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

2. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista nos artigos 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Artigo 25. Publicación

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, que se realizará a través do líder da agrupación.

Artigo 26. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nesta convocatoria e non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 27. Órganos competentes

A unidade competente en materia de xestión de axudas da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

Artigo 28. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, ou non se acompaña da documentación exixida requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fai terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992. Este requirimento remitirase exclusivamente ao líder do proxecto que canaliza a relación de todos os participantes coa Axencia Galega de Innovación. Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O instrutor formulará proposta de resolución de inadmisión daquelas solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, e indicará as causas. A inadmisión dun dos membros da agrupación por non reunir algún dos requisitos establecidos na resolución de convocatoria suporá a inadmisión de todos os participantes no proxecto.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 29. Comisión de avaliación

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e estará composto por:

a) O director/a da Área de Xestión, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Dous xefes de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa/s en quen deleguen.

c) Un funcionario da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a súa avaliación mediante a comparación das solicitudes vistos os informes de avaliación dos asesores científicos externos e o informe sobre a idoneidade da solicitude presentada do xestor técnico da Axencia Galega de Innovación ao cal se encomende cada proxecto. Os asesores científicos externos nomearanse entre doutores ou profesores de universidades situadas fóra de Galicia que sexan especialistas na materia á cal o proxecto se refira. Deberán absterse de avaliar un proxecto cando estean vinculados con el por calquera circunstancia e seranlles de aplicación ademais as causas de abstención e recusación previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992. Para a realización do seu labor a comisión poderá solicitar todos os informes técnicos que considere precisos.

3. A comisión de avaliación, consonte os criterios sinalados no artigo 28, emitirá un informe final en que se concretará o resultado da avaliación efectuada e remitirao ao órgano instrutor.

Artigo 30. Criterios de valoración

A valoración de cada proxecto, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo a aspectos científico-técnicos e económico-financeiros do proxecto, así como á súa potencialidade para xerar valor económico coa explotación dos seus resultados segundo os seguintes criterios de valoración:

1. Excelencia científico-técnica do proxecto: ata 25 puntos.

a) Calidade científico-técnica da proposta e o seu grao de innovación da mesma (máximo 13 puntos).

1. Grao de innovación, novidade (máximo 5 puntos).

2. Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte (máximo 2 puntos).

3. Obxectivos do proxecto: concreción e exposición da proposta (máximo 6 puntos).

b) Viabilidade da proposta (máximo 12 puntos).

1. Valoración da metodoloxía (máximo 6 puntos).

2. Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto. Plan de traballo (máximo 3 puntos).

3. Adecuación do número de membros do equipo de investigación de cada membro da agrupación (máximo 3 puntos).

2. Adecuación económico-financeira da agrupación ao desenvolvemento do proxecto: ata 7 puntos.

a) Solvencia financeira dos distintos membros da agrupación (máximo 5 puntos). Para acreditar esta solvencia cada membro da agrupación achegará unha declaración relativa ao volume de negocio anual ou ao seu patrimonio neto, ou ben a ratio entre activos e pasivos, no momento do peche do último exercicio económico para o que estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais. A inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas das Administracións Públicas acreditará as condicións de solvencia económica e financeira do empresario, agás proba en contrario.

b) Xustificación da necesidade e adecuación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto entre os diferentes socios (máximo 2 puntos).

3. Avaliación da agrupación do proxecto: ata 30 puntos.

a) Capacidade técnica de cada un dos membros da agrupación para a realización do proxecto: antecedentes de proxectos financiados en convocatorias competitivas, complementariedade dos diferentes membros da agrupación e equilibrio (máximo 10 puntos).

b) Estrutura organizativa do proxecto e mecanismos de xestión e seguimento (capacidade de adaptación ante posibles cambios que poidan producirse no desenvolvemento do proxecto) (máximo 5 puntos).

c) Colaboración con universidades, organismos de investigación, centros hospitalarios, centros tecnolóxicos e organismos científicos con recoñecemento internacional (máximo 15 puntos). Os proxectos en que todos os partícipes subcontraten con estes organismos parte da actividade de investigación valoraranse, como mínimo, con 5 puntos.

4. Mercado potencial dos resultados do proxecto: ata 12 puntos.

Analizarase a viabilidade económica do proxecto, en termos de rendibilidade esperada, a través dun estudo económico definido para a comercialización dos resultados de investigación acadados, que figurará na memoria do proxecto. Terase en conta:

a) A dimensión do mercado potencial e a estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (máximo 6 puntos).

b) A xeración e explotación de patentes e apertura de novos mercados (máximo 3 puntos).

c) A capacidade da agrupación para explotar os resultados que se xeren (máximo 3 puntos).

5. Capacidade de internacionalización dos resultados do proxecto: ata 6 puntos.

Terase en conta a capacidade da agrupación para a apertura de mercados internacionais.

6. Impacto socioeconómico do proxecto: ata 20 puntos.

a) Consonancia e adecuación do proxecto aos retos contidos na RIS3 Galicia (máximo 7 puntos).

b) Repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 3 puntos).

c) Xeración de emprego (máximo 6 puntos). Terase en conta o número, a duración e a porcentaxe de dedicación dos novos contratos. Para a asignación desta puntuación terase en conta a seguinte fórmula: número de horas totais dedicadas ao proxecto dividido entre 1.720 (número de horas máximo anual). O resultado será a puntuación obtida nesta letra c).

d) Outros aspectos (ata 4 puntos):

1. Igualdade de xénero (participación equilibrada de mulleres no equipo humano do proxecto) (máximo 2 puntos).

2. Implicacións ambientais do proxecto: redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético (economía baixa en carbono) (máximo 2 puntos).

De cada proxecto faranse dúas avaliacións realizadas por asesores científicos externos. O xestor técnico da Axencia Galega de Innovación ao cal se encomende o proxecto realizará un informe sobre a idoneidade da solicitude presentada.

No caso de que a diferenza entre as puntuacións das avaliacións externas sexa inferior a 10 puntos, a nota final corresponderá á media aritmética das dúas avaliacións. De existir unha discrepancia de 10 puntos ou máis, entre as dúas avaliacións externas, o xestor técnico poderá corrixir dita puntuación e esta quedará esta sempre comprendida entre as notas inferior ou superior outorgadas polos asesores científicos externos.

Será requisito necesario para ser subvencionado acadar un mínimo de 50 puntos.

Artigo 31. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 32. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) O título do proxecto e as entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada agrupación e a repartición para cada un dos membros da agrupación.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda para a operación, no cal deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución de indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no artigo 35 destas bases.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

g) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo deste prazo.

h) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe do investimento subvencionable establecido nestas bases.

5. Tal e como se recolle no artigo 26 desta resolución, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 33. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión e débese obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no proxecto.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se cumpre os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

Non obstante, en relación coa determinación do beneficiario, si se poderá autorizar o cambio dunha entidade integrante da agrupación por outra debido á súa situación de insolvencia ou doutras circunstancias económicas que lle impidan afrontar o proxecto, sempre que se motiven suficientemente estas circunstancias, a nova entidade cumpra os requisitos establecidos para ser beneficiaria e os demais establecidos na convocatoria e se comprometa a manter a actividade obxecto da axuda. O líder da agrupación en ningún caso poderá ser substituído dada a súa función de dirección e coordinación do proxecto. A autorización requirirá informe técnico dalgún dos avaliadores iniciais do proxecto en que se constate a idoneidade do novo beneficiario para garantir a viabilidade do proxecto e que, polo menos, ten unhas condicións equivalentes ao membro da agrupación substituído. Para realizar este informe técnico deberán aplicarse os mesmos criterios que se tiveron en conta para avaliar inicialmente a solicitude.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución das anualidades concedidas, cun límite do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, aumentando proporcionalmente o resto das anualidades orzadas. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 1 de outubro da primeira anualidade afectada.

5. A solicitude de modificación debe formulala o líder da agrupación e nela expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 34. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao anexo IV desta orde, aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O director da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos dos artigos 42.1, 90 e 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 35. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 75 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento dos proxectos aprobados. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

h) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na súa páxina web e mantela actualizada. Na web deberán figurar como mínimo os membros do consorcio, os obxectivos do proxecto e os principais avances do proxecto, que deberán divulgarse ano a ano. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación». Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

i) Realizar un evento de difusión ao comezo do proxecto para explicar os seus obxectivos e outro á súa finalización para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. Nos dous eventos poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Axencia Galega de Innovación ao proxecto.

l) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación.

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición no seu sitio da internet do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio, un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación para o proxecto, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Para o resto de persoal dedicado ao proxecto, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder nos mesmos termos.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, ou dous no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a un 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, o órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

n) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deben ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

ñ) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

2. Ademais de estas obrigas, o líder ten as de transferir a cada entidade beneficiaria os fondos que lle correspondan segundo a repartición establecida pola Axencia Galega de Innovación e achegarlle a esta os xustificantes das transferencias bancarias realizadas nos prazos sinalados no artigo 37 desta resolución.

Artigo 36. Xustificación da subvención

1. A xustificación deberá facerse en formato papel utilizando os formularios normalizados dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es). A entrega da documentación xustificativa de todos os socios deberá realizala o líder do proxecto.

2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2016

Segunda anualidade

Desde o 1 de decembro de 2016 ata o 30 de novembro de 2017

Terceira anualidade

Desde o 1 de decembro de 2017 ata o 30 de novembro de 2018

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade

Ata o 15 de decembro de 2016

Segunda anualidade

Ata o 15 de decembro de 2017

Terceira anualidade

Ata o 15 de decembro de 2018

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es) e cómpre presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a orde establecida nas instrucións.

Artigo 37. Documentación xustificativa económica

O líder deberá presentar un resumo global de execución para a totalidade do proxecto e unha carpeta separada por cada un dos membros da agrupación, en que conste:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas, utilizando o formulario publicado na páxina web e, de ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desoutras axudas, segundo o modelo do anexo VII.

b) Un resumo da execución do proxecto en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

c) De ser o caso, indicación por concepto subvencionable, das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada, seguindo o modelo do informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia.

d) Documentación xustificativa do investimento: orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

e) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento que deberán ser o emisor da factura e o beneficiario da axuda, respectivamente, o número e o importe total da factura satisfeito, así como o concepto a que se refiren. De non estar acreditado o pagamento íntegro mediante estes documentos, o gasto non será subvencionable en ningunha medida.

No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto a que corresponden.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, acompañarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento corresponde coas ditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados consonte o establecido nos parágrafos anteriores.

f) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto, deberá achegarse:

1. Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, que consistirá nunha relación detallada por traballador do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, grupo de cotización polo que está contratado, titulación, número de horas dedicadas ao proxecto. Nesta certificación deberá figurar a sinatura do traballador e do responsable do proxecto.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

3. Informe de vida laboral de cada unha das empresas integrantes da agrupación referida á data de finalización do prazo de xustificación. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia dos seus contratos.

4. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas acompañaranse dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

g) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipamento e contratación de servizos ou subministracións, iguale ou supere os 18.000 euros. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa deberá achegarse unha memoria xustificativa.

h) Declaración asinada polo representante legal, de cada membro da agrupación, en que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da empresa e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

i) No caso de alugamento ou leasing será necesario achegar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

l) No caso de subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Orixinal ou copia compulsada da factura emitida pola entidade subcontratada ao beneficiario en que se especifique claramente o título do proxecto financiado. No caso de que sexan varias as facturas, todas elas deberán estar desagregadas e especificar o título do proxecto financiado.

2. Xustificantes de pagamento da factura da subcontratación.

3. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no proxecto.

Artigo 38. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas será única para todos os membros da agrupación e responsabilidade do líder, e constará:

a) Informe técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

b) Memoria libre sobre a evolución do proxecto en que deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 35.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse acompañados dunha copia en formato pdf e en soporte electrónico (memoria USB).

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 39. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

2. O pagamento efectuarase ao líder que representa a agrupación de empresas que participarán no proxecto, que se responsabilizará da transferencia a cada entidade beneficiaria dos fondos que lle correspondan segundo a repartición establecida pola Axencia Galega de Innovación, debendo distribuír o importe da axuda cobrada a cada unha das empresas que integran a agrupación, no prazo de 15 días desde que se faga efectivo cada un dos pagamentos da axuda. Así mesmo, unha vez efectuada a dita redistribución deberá achegarse á Axencia Galega de Innovación, no prazo de 15 días seguintes a que estas se efectúen, os xustificantes das transferencias bancarias realizadas. O incumprimento desta obriga por parte do líder será causa de reintegro da axuda.

3. Antes de proceder ao pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención, sendo obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación. Tras esta visita efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) negativo se non se acadan as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso deberá cuantificarse a porcentaxe de incumprimento de cada empresa participante da agrupación.

Artigo 40. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día das súas obrigacións coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social. No caso de que algún dos membros da agrupación non se atopase ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social, o pagamento que se efectúe ao líder minorarase no importe da axuda que lle correspondese cobrar ao membro da agrupación que non se atope ao día, sen que o pagamento ao resto dos membros da agrupación quede afectado.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 41. Causas de reintegro

Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para o cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 35 da presente resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) O incumprimento polo líder da súa obriga de transferir en prazo a cada entidade beneficiaria os fondos que lle correspondan.

i) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 42. Graduación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes.

2. Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente e a subvención minorarase proporcionalmente.

3. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) No suposto de que o custo total do proxecto finalmente xustificado sexa inferior ao orzamento mínimo subvencionable (500.000 €) reducirase a intensidade da axuda a cada un dos membros da agrupación aplicando o seguinte factor de corrección: Fc= 1-X2/2500, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por cada un dos membros da agrupación sobre o custo que lle foi concedido.

b) Se o custo xustificado finalmente por algunha entidade beneficiaria é inferior a 75.000 € tamén se reducirá a intensidade da axuda aplicando o factor de corrección Fc=1-X2/2500, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por este beneficiario sobre o custo que lle foi concedido.

c) Se o custo xustificado finalmente na partida de subcontratación é inferior á contía concedida nesta partida reducirase a intensidade da axuda aplicando o mesmo factor de corrección: Fc=1-X2/2500, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

d) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación é inferior á contía concedida nesta partida reducirase a intensidade da axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc=1-X2/2500, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

e) Se se incumpre a obriga de dar publicidade ao financiamento do proxecto consonte o establecido no artigo 32.f) e h) desta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,05.

f) Se se incumpren as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. Nos casos de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase na última anualidade, e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

4. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

Artigo 43. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 41 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007. Se o líder do proxecto aínda non tivese distribuído a axuda a cada un dos membros da agrupación, o procedemento de reintegro dirixirase contra o líder como representante da agrupación e contra o membro ou membros da agrupación que teñan incorrido nas causas de reintegro. Se consta no expediente que xa ten distribuído a axuda, o procedemento de reintegro dirixirase unicamente contra o/os beneficiario/s que teñan incorrido na causa de reintegro.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 44. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O computo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 45. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar en calquera momento, aos beneficiarios, as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerá o reintegro da subvención concedida. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia Galega, no marco dos seus plans de inspección poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar o líder, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante, DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 75 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 46. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 47. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o director da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992.

Artigo 48. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Supletoriamente, seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2015

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf
IN852Ag.pdf

ANEXO V
Índice da memoria técnica

1. Contido tecnolóxico do proxecto (extensión recomendada 20-25 páxinas) incluíndo:

1.1. Obxectivos (máximo 8 páxinas):

– Obxectivos xerais e técnicos do proxecto.

– Antecedentes e estado da arte nacional e internacional. Xustificación da novidade que supón respecto a estes antecedentes.

– Xustificación da necesidade de abordar o proxecto.

– Posibles proxectos futuros que poderían derivarse

1.2. Descrición técnica (máximo 8 páxinas):

– Descrición do plan de traballo.

a) Identificación e descrición das principais fases/actividades técnicas do proxecto (paquetes de traballo con tarefas e subtarefas asociadas), indicando para cada unha os seus obxectivos científico-técnicos específicos, as entidades participantes, os resultados esperados e o seu orzamento.

Nota: de cara a garantir unha axeitada xestión do proxecto non se recomenda a definición dun número elevado de fases (ex. máis de 6).

b) Cronograma das fases/actividades previstas (Gantt, PERT). Metodoloxía de execución das distintas tarefas e subtarefas descritas, indicando a súa interrelación.

– Descrición da capacidade técnica dos membros do equipo tendo en conta os seus CV.

– Outros: como por exemplo aspectos relacionados coa propiedade industrial e/ou intelectual, tanto desde a perspectiva de base tecnolóxica de partida necesaria para o desenvolvemento do proxecto como de xeración de novas patentes ou modelos de utilidade derivados deste.

1.3. Orzamento e adecuación económico-financeira da agrupación ao desenvolvemento do proxecto (máximo 4 páxinas por membro):

– Xustificación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto entre os diferentes membros:

– Descrición dos aparellos e equipos de investigación que se van adquirir, dos materiais, das subcontratacións e doutro tipo de colaboracións técnicas, así como dos custos de persoal e de xestión (só no caso do coordinador), xustificando a súa necesidade.

– Xustificación da solvencia financeira de cada membro da agrupación para asumir a execución do seu orzamento no proxecto.

2. Descrición da agrupación (máximo 10 páxinas e 3 por membro):

2.1. Descrición de cada un dos diferentes membros da agrupación indicando para cada un:

– Breve historial da entidade.

– Capacidade industrial e comercial da empresa: medios produtivos dispoñibles, produtos / servizos que comercializa e breve descrición da súa organización comercial e do seu posicionamento no mercado.

– Medios materiais e instalacións de I+D que utilizará no proxecto.

– Relación de proxectos de I+D relacionados levados a cabo previamente pola empresa e cuxos resultados son útiles para o desenvolvemento das tarefas do proxecto que se solicita.

2.2. Xustificación da complementariedade dos distintos membros para a execución das diversas fases/actividades do proxecto.

2.3. descrición da estrutura organizativa do proxecto. mecanismos de control e seguimento do desenvolvemento das actividades de cada membro. plan de continxencias.

3. Mercado potencial do proxecto (máximo 8 páxinas):

Analizarase a viabilidade económica do proxecto, en termos de rendibilidade esperada, a través da descrición do mercado potencial e do plan de negocio definido para a comercialización dos resultados de investigación acadados. Incluirase:

– Definición dos novos produtos, procesos ou servizos resultantes do proxecto, indicando a súa adecuación ás necesidades do mercado detectadas e as principais diferenzas respecto á competencia.

– Análise dos mercados potencias.

– Descrición da estratexia de comercialización dos produtos ou servizos obtidos. Xustificación da adecuación dos membros da agrupación para a explotación comercial do proxecto.

No plan de negocio poderá incluírse a conta de resultados do proxecto e indicadores do tipo VAN (valor actual neto), TIR (taxa interna de retorno) ou saldo de tesouraría acumulado do proxecto.

4. Capacidade de internacionalización (máximo 8 páxinas e 2 páxinas por membro):

Debendo incluírse:

– Descrición da presenza das empresas participantes en mercados internacionais. Indicar para cada membro: volume de exportacións e os posibles acordos comerciais internacionais de que dispoña.

– Xustificación do impacto potencial do proxecto en mercados internacionais.

– Descrición da experiencia previa dos membros da agrupación en programas internacionais de cooperación en I+D, así como perspectivas futuras de participación neles.

5. Impacto socioeconómico do proxecto:

– Xustificación da contribución do proxecto ao desenvolvemento de áreas estratéxicas para Galicia.

– Xustificación da repercusión do proxecto na actividade empresarial galega, contribución ao fortalecemento do tecido empresarial en Galicia. Capacidade de arrastre ou mobilización do investimento privado.

– Impacto do proxecto en termos de creación de emprego, especialmente emprego cualificado

– Participación equilibrada de mulleres no desenvolvemento do proxecto.

– Implicacións ambientais do proxecto.

ANEXO VI

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización
intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vencelladas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. (Valorización-Mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, e artéllanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vencellados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das peme, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura. (Acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade do produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña. (Biomasa e Enerxías Mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipamentos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as que se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos coma o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. (Modernización Sectores Primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo a nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. (TIC-Turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e artellánse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que, desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade, permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE), orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. (Diversificación Sectores Tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e artellaranse arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vencelladas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo nos eidos vencellados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «fábrica do futuro» e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. (Competitividade Sector Industrial).

Para iso se definen como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que entrañan, por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, ao igual que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE). (Economía do Coñecemento: [TIC e TFE]).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia senón tamén como elemento tractor debido á súa compoñente transversal.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo

Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal. (Envellecemento Activo).

As actividades principais vencelladas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente axeitado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo ás demandas tecnolóxicas do ecosistema sociosanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vencellados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional ao redor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. (Alimentación e Nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e artellaranse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada arredor da nutrición, os alimentos funcionais, nutracéuticos, da alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, dos hábitos de vida saudable vencellados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa comunidade.