Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51893

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o exercicio orzamentario 2016, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do programa nacional de reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego (2014-2016) do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecuen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo no ámbito local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xeraren novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Así, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións como instrumento a través do cal se ofrece aos demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade dos traballadores desempregados a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia, concentrando as obras e servizos que se desenvolverán, e, por tanto, as contratacións nuns sectores potencialmente xeradores de emprego como son os priorizados no texto articulado, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores nestes ámbitos.

Mantense o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia comporta a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Continúanse primando neste exercicio aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, manténdose igualmente a posibilidade de que os concellos que presentasen as correspondentes solicitudes realicen contratacións á conta das futuras resolucións de concesión unha vez autorizadas polas respectivas xefaturas territoriais.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas, e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, e a concesión da subvención queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución, ao existir crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2015.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.0 (2015 00 489), por un importe global de 1.300.000 euros, contida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Porén, estes créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social (procedemento TR351A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 09.41.322A.460.0 CP 2015 00 489 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, polo importe global de 1.300.000 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde estará supeditada á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.0 (código de proxecto 2015 00 489), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Para os efectos do disposto no artigo 25.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos

1. As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a porcentaxe mínima de persoas traballadoras desempregadas que se vaian ocupar na realización da obra ou servizo sexa do 75 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

e) Que sexan proxectos que consideren profesións que favorezan a inserción laboral.

f) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolveran a prestación dos servizos non supere os tres meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, de ata o 50 por cento, a dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses.

2. No caso das solicitudes conxuntas, cando non se acredite a realización conxunta da obra ou servizo e supoñan actuacións independentes en cada entidade local, as citadas solicitudes quedarán excluídas, de acordo co apartado 2.4 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 2.700 €.

Para o grupo de cotización 2: 2.200 €.

Para o grupo de cotización 3: 2.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 1.900 €.

Para o grupo de cotización 5: 1.800 €.

Para o grupo de cotización 6: 1.700 €.

Para o grupo de cotización 7: 1.600 €.

Para o grupo de cotización 8: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 9: 1.500 €.

Para o grupo de cotización 10: 1.500 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. A contía da subvención reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables, o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp).

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. As entidades solicitantes deberán presentar unha solicitude por cada obra ou servizo que se vaia desenvolver.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 2 do artigo 8, a poderá identificar a entidade solicitante como información accesible de xeito que a correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada polo solicitante:

a) Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante. No caso de que se autorice a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.

b) Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención (se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega).

c) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o exixa, así como descrición da vinculación dos programas de cooperación solicitados coa estrutura do paro do ámbito territorial, cos colectivos a que van dirixidos e cos recursos e potencialidades da zona, apuntando os aspectos positivos que, previsiblemente, terá a posta en práctica dos programas no desenvolvemento económico e social do territorio, redactada polo ou pola axente de emprego e desenvolvemento local da entidade local, se o hai.

d) Certificación do secretario ou secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

– A aprobación da solicitude de subvención.

– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

– As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

e) Cando unha mesma entidade solicite máis dunha obra ou servizo, será suficiente coa presentación da documentación xeral coa primeira solicitude.

f) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas económicas e acgegas dos concellos agrupados, de acordo co número 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a) e b) do punto anterior coinciden cos orixinais e que se pon á disposición da Administración actuante para achegalos cando lle sexan requiridos.

3. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Economía, Emprego e Industria/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 10. Procedemento

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Economía Social da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación, non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión de conformidade co informe da Comisión de Valoración.

Para estes efectos, a Comisión de Valoración estará composta pola persoa responsable do Servizo de Emprego e Economía Social que a presidirá e, como vogais, dúas persoas adscritas ao citado servizo, realizando unha delas as funcións de secretaría.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

4. De entre as obras e servizos que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgarlle as correspondentes subvencións, dándolles preferencia aos proxectos que:

a) Sendo de maior interese xeral e social, se realicen preferentemente nalgunha das seguintes actividades:

• Ata 30 puntos, cando se trate de obras ou servizos relacionados con protección civil e a seguridade das persoas e bens. Cando os proxectos correspondan a servizos de salvamento e socorrismo, incrementaranse 20 puntos.

• Ata 20 puntos, cando se trate de servizos personalizados de carácter cotián, tales como: prestación de axuda a domicilio para persoas con discapacidade e/ou maiores, axuda a familias e persoas con dificultade e/ou con desarraigamento social, coidado de nenos e nenas, escolas infantís e ludotecas.

• Ata 15 puntos, cando se trate de obras ou servizos relacionados coa utilidade colectiva, tales como: mantemento e revalorización de zonas públicas e conservación ambiental, xestión de augas, xestión de residuos, protección e mantemento de zonas e espazos naturais, así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

• Ata 10 puntos, cando se trate de servizos de ocio ou culturais, tales como: promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual; e cando se trate de servizos destinados a actividades relacionados coa innovación e as novas tecnoloxías.

• Ata 5 puntos, cando se trate doutros que redunden en beneficio da comunidade.

b) Aos proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables. Ata 10 puntos.

c) Aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral en exercicios anteriores. Entenderase como «inserción laboral» aquela que supoña a contratación das persoas traballadoras que participaron en obras ou servizos aprobados nos 4 exercicios anteriores ou a súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social durante polo menos seis meses, nos dous anos seguintes á finalización da obra ou servizo subvencionado. Ata 15 puntos.

d) Que se axusten ás características das persoas demandantes de emprego do territorio e teñan en conta, se é o caso, os seus itinerarios de inserción. Ata 10 puntos.

e) Que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conte coa participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio, ou xurdan por iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente. Ata 10 puntos.

f) Que establezan servizos dirixidos as persoas mozas e ás mulleres, tendentes a favorecer a súa participación social e laboral. Ata 10 puntos.

g) Que consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil. Ata 10 puntos.

h) Que teñan por obxecto o establecemento ou desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo da cidade ou outras medidas municipais de conciliación de promoción autonómica que cumpran as previsións establecidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e no Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento. Ata 5 puntos.

i) Que vaian dirixidos á contratación de persoas traballadoras desempregadas pertencentes a algún dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral. Ata 10 puntos. Cando vaian dirixidos á contratación de mulleres, a dita puntuación incrementarase en 5 puntos.

j) Aos proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto. Ata 10 puntos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 145 puntos, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria, e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

6. A puntuación final das solicitudes de obras ou servizos presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local incrementarase ata un 30 % de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola presentación da solicitude conxunta, cando vaia acompañada dunha memoria explicativa da realización e o financiamento conxunto da actuación, incrementarase nun 10 %.

b) En función do número de concellos asociados ou da poboación beneficiaria ou destinataria das obras ou servizos, poderá incrementarse ata un 10 %.

c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata nun 10 %.

7. No caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35 %.

8. O órgano instrutor poderá modificar á baixa o número máximo de persoas traballadoras que se vaian subvencionar, segundo entenda xustificado adecuadamente o obxecto e necesidade do proxecto, así como as funcións que van levar a cabo as persoas traballadoras e o número de persoas e colectivos beneficiarios en cada caso concreto.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da respectiva xefatura territorial, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

4. A determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia que reúnan os requisitos para percibilo, previsto na Orde do 2 de maio de 2006 pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia (DOG núm. 89, do 10 de maio), realizarase, se é o caso, mediante resolución complementaria da persoa responsable da respectiva xefatura territorial.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos e polos ou polas que se outorgue a subvención deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e estaren dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada dispoñible para o emprego.

2. Os traballadores e as traballadoras que foran contratados, por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2015 pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito de colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, en materia de políticas activas de emprego, para a contratación de persoas traballadoras desempregadas, non poderán ser contratados con cargo ás axudas previstas nesta orde.

3. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores e as traballadoras que se necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir os traballadores e as traballadoras que se contratarán para o desempeño adecuado das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO–, de conformidade cos seguintes principios xerais:

a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no número 5 ou se trate de favorecer aos colectivos enumerados neste.

b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.

c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.

d) As entidades locais deberán presentar as ofertas cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ofertado.

4. Unha vezecibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dúas nin superior a dez. A remisión de novos candidatos só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia dos remitidos.

5. Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral e, se é o caso, aqueles que teñan previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, tales como:

a) Mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia.

b) Menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.

c) Persoas paradas de longa duración.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tivesen dereito.

f) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.

g) Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.

6. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade solicitante e logo de autorización expresa da persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar a mulleres vítimas de violencia e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, condición que se acreditará mediante as correspondentes certificacións ou informes elaborados por traballadores sociais, se é o caso. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste punto deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos números 1 e 2 deste artigo.

7. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.

Artigo 13. Contratación dos traballadores e das traballadoras

1. Efectuada a selección dos traballadores e das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2016.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao dito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de 5 traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática CONTRAT@, deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarias destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á revogación das axudas de conformidade co disposto no artigo 18.

Artigo 14. Contratación anticipada

1. Unha vez presentada a correspondente solicitude cada entidade local, para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas pola respectiva xefatura territorial.

2. Para poderen acollerse a esta modalidade de contratación anticipada os concellos, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte da respectiva xefatura territorial indicando, cando proceda, a obra ou o servizo en que desenvolverán o seu traballo as persoas contratadas baixo esta modalidade.

3. O proceso de selección e contratación dos desempregados e das desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 12 e 13, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.

4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación de traballadores e traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do secretario ou órgano competente da entidade local beneficiaria, en que conste:

• A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

• As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 17.1.a).

f) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención debidamente asinados.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

2. O aboamento da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das traballadoras contratadas beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia farase efectivo unha vez comprobado que reúnen os requisitos para acceder a el e ditada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola respectiva intervención.

3. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

f) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

i) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e que se publica na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, que farán constar a colaboración da consellería. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

Artigo 17. Seguimento

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de Emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizada a execución destas a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas.

• Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada ou cotexada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

• Copias compulsadas ou cotexadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e modelo TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (transferencias bancarias) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), unha vez se dispoña destes.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 17.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: reintegro do 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 17.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 17.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 17.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nas persoas responsables das xefaturas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda

Mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria