Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52371

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación e funcionamento de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, englobando as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

No ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario teñen unha importante relevancia na procura do desenvolvemento rural as accións de programación, coordinación e impulso da innovación e investigación e da innovación tecnolóxica, así como as accións de formación, información e transferencia tecnolóxica ao sector, e a adopción dos resultados da investigación agroforestal e agroalimentaria.

Dacordo co Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) para o período de programación 2014-2020, dentro da Medida 16 promóvense axudas destinadas á cooperación para a innovación que se expoñen como unha iniciativa transversal dentro do novo período de programación.

A submedida 16.1 orienta a consolidación en Galicia dos elementos estruturais da Asociación Europea de Innovación (AEI) en materia de sostibilidade e produtividade agraria, establecendo o esquema instrumental básico de financiamento, apoio e funcionamento das iniciativas de innovación ao amparo do programa de desenvolvemento rural para o período 2014-2020. Dentro desta submedida está incluída a creación de grupos operativos, que definan, elaboren e busquen socios para os proxectos innovadores consistentes e ben estruturados.

As operacións incluídas nesta submedida terán efecto directo sobre a área focal 6B (promover o desenvolvemento local nas zonas rurais),eao mesmo tempo terán efectos secundarios sobre as áreas focais 2B (facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados, e en particular o relevo xeracional); 5B (uso máiseficiente da enerxía na agricultura e a transformación de produtos agrarios e 5C (facilitar a subministración e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, refugallos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía).

A presente orde financiará a creación e funcionamento. de grupos operativos, vinculados á posta en marcha de proxectos pilotos para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agrario, forestal e da cadea alimentaria. Os grupos operativos que se constituirán como principal vehículo para cumprir cos obxectivos da AEI terán como misión definir un proxecto concreto mediante o cal se intentará resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade determinada nos sectores agroalimentario e forestal.

O artigo 1, 1.1, da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice en unha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3, 3.3, estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas da Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para o apoio á creación de grupos operativos (GO) da Asociación Europea de Innovación conforme o artigo 35.1.c) e os artigos 56 e 57 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

2. Así mesmo, convocar para o ano 2016 as axudas a iniciativa de creación de grupos operativos para gastos destinados á definición, elaboración e busca de socios para proxectos innovadores, de acordo coas bases reguladores sinaladas no punto anterior.

Artigo 2. Beneficiarios das axudas

1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións as persoas físicas ou xurídicas tales como:agricultores, gandeiros, silvicultores e as organizacións representativas destes; investigadores, persoas que desenvolvan por conta propia a súa actividade no eido do medio rural; empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal e as súas organizacións representativas; cooperativas agrarias e as súas asociacións e outras entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sostibilidade dos recursos naturais e do clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais.

2. O solicitante presentará a solicitude de axuda para a definición, elaboración e busca de socios co fin da constitución dun grupo operativo para a elaboración dun proxecto innovador en materia de sostibilidade e produtividade agrícola no marco da Asociación Europea de Innovación (AEI) .

3. Solo serán elixibles aquelas solicitudes de carácter autonómico que presenten un proxecto a desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia destinado a resolver un problema existente no sector agrario, forestal ou agroalimentario galego.

Artigo 3. Definicións

1. Asociación europea da Innovación (AEI): é o marco onde atopan acomodo as iniciativas de innovación en materia de sostibilidade e produtividade agraria. A estrutura instrumental da AEI articúlase arredor da rede europea que fai posible a conexión de grupos operativos, servizos de asesoramento e investigadores. Os seus obxectivos defínense no artigo 55.1 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro de 2013.

2. Grupo operativo: agrupación constituída como principal vehículo, orientado á identificación de problemas concretos ou oportunidades nos sectores agroalimentario e forestal, a partir dos que se xeran iniciativas innovadoras que dean resposta e solucións a esas dificultades ou oportunidades detectadas, sempre no ámbito dos obxectivos da AEI. O grupo operativo estará formado por un mínimo de dous actores interesados.

3. Iniciativa do proxecto de innovación: entenderase como a cooperación entre diversos axentes para a elaboración dun proxecto que contribúa a estimular actividades innovadoras mediante o fomento de coñecementos e a divulgación da información.

4. Axente de innovación: persoa física ou xurídica coa que pode contar un grupo operativo, que busca e pon en contacto os actores idóneos para levar a cabo un proxecto innovador, sen ter, necesariamente, que estar involucrado tecnicamente. O axente de innovación pode ser unha entidade integrada dentro do grupo operativo ou ben unha persoa ou entidade contratada por este.

Artigo 4. Grupo operativo

1. Os grupos operativos terán ámbito autonómico e estarán formados polo menos por dous dosmembros sinalados no artigo 2.1 e contarán con procedementos internos que garantan a transparencia no seu funcionamento, a toma de decisións e eviten conflitos de intereses.

2. O solicitante da axuda e membro do grupo operativo actuará como representante e coordinador,easumirá a xestión económica do proxecto e a plena responsabilidade fronte á Administración para os efectos de pagos, reembolsos e recuperacións.

3. A relación entre os socios quedará reflectida nun convenio de colaboración no que se comprometan a permanecer no grupo durante o período de creación, deseño e redacción do proxecto, o dito documento porase á disposición da Administración.

4. Os grupos operativos deberán difundir os resultados de seus proxectos polas vías que consideren oportunas e obrigatoriamente a través da rede da Asociación Europea de Innovación (AEI), que ten como obxectivo os recollidos no artigo 55 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) .

5. Os grupos operativos presentarán unha soa iniciativa do proxecto de innovación que se vai desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia, destinado a resolver un problema existente no sector agrario, forestal e agroalimentario.

Artigo 5. Requisitos das iniciativas dos proxectos de innovación

1. Os proxectos, para cuxa execución se pretendese constituír o grupo operativo, deben fomentar a cooperación e a innovación nas áreas prioritarias de actuación que se detallan:

a) Xestión sostible dos recursos naturais.

1º. Sistemas de produción agro-silvopastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados. Centrados na áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandería de vacún, ovino e cabrún; pastos, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).

2º. Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sostible de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o medio, en concreto no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.

3º. Xestión dos recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sostibles e eficiente na rega de cultivos, control de canais e prevención de inundacións.

4º. Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrientes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais pola agricultura galega.

5º. Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.

6º. Mitigación do cambio climático en explotacións agrarias para fomentar o paso a unha economía baixa en carbono, lograr mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitar o uso de fontes renovables de enerxía.

7º. Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sostibles e con reducido impacto ambiental.

b). Sistemas agrarios de produción.

1º. Aumento da sostibilidade e competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúese o desenvolvemento e obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.

2º. Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto á súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, malas herbas e axentes patóxenos.

3º. Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sostible en sanidade vexetal.

4º. Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.

5º. Mellora da competitividade e sostibilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (gran e forraxe) para a alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos.

6º. Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sostibilidade dos sistemas de produción agraria.

7º. Mellora e extensión de métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sostibilidade e seguridade da produción alimentaria.

c) Cadea agroalimentaria.

1º. Tecnoloxías para asegurar e mellorar a seguridade, a calidade e a autenticidade na cadea alimentaria.

2º. Medida da pegada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.

3º. Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.

d) Bioeconomía.

1º. Custos de produción dos sistemas de produción agraria aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.

2º. Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sostible.

3º. Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sostibilidade e competitividade da agricultura galega.

4º. Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidos especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias, como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.

e) Aplicación das TIC ao sector.

f) Outras iniciativas enmarcadas dentro da produtividade, sostibilidade e innovación agrícola, forestal e agroalimentaria.

2. Non será financiable ningunha iniciativa do proxecto de innovación que implique unhaactividade de investigación básica para a súa execución.

Artigo 6. Convenio de colaboración

É o documento vinculante que conterá como mínimo os puntos que se sinalan a continuación e será asinado por todos os membros do grupo operativo, e no caso de que o membro sexa persoa xurídica será ratificado polo órgano de decisión.

1. Datos identificativos dos membros integrantes do grupo operativo: nome, enderezo, teléfono,correo electrónico e persoa de contacto.

2. Obxecto do acordo, que terá como contido formalizar as relacións entre os membros, o funcionamento interno e a designación do coordinador do grupo operativo.

3. Datos da idea do proxecto innovador que se vai a realizar incluíndo polo menos título, finalidade, sector ou subsector no que se vai desenvolver e os resultados esperados.

4. Contribucións dos membros ao grupo operativo e ás actividades asignadas a cada un.

5. Os membros do grupo operativo acordarán que o coordinador do grupo regule as actividades conxuntas e estea autorizado a representar as partes nas relacións con terceiras persoas no relativo ás actividades conxuntas do grupo.

6. Dereitos e obrigas dos membros.

7. Responsabilidade dos membros.

8. Confidencialidade. Cada membro comprométese a protexer toda a información obtida deste acordo ou relacionada con este e mantela de forma confidencial.

9. Duración, vixencia, modificación e remate do acordo.

Artigo 7. Axente de innovación

1. Os grupos operativos poderán contar, para a preparación da iniciativa do proxecto, cun axente de innovación, que é a persoa física ou xurídica que fai os labores de apoio ao grupo operativo nas seguintes actividades, entre outras:

a) Busca e posta en contacto dos actores idóneos para levar a cabo o proxecto.

b) Procura de información e financiamento do proxecto.

c) Realización de estudos e análises de partida.

d) Definir e concretar a idea do proxecto de innovación inicialmente formulada polo grupo operativo.

e) Preparación, redacción e solicitude da iniciativa do proxecto de innovación para a concorrencia do grupo operativo á convocatoria da axuda.

2. A figura do axente de innovación poderá ser unha entidade integrada dentro do grupo operativo ou ben unha persoa ou entidade contratada polo grupo operativo. No caso de contratar o servizo cunha entidade externa ao grupo operativo, o axente de innovación non terá a condición de membro do grupo operativo epolo tanto de beneficiario.

Artigo 8. Contía das axudas

A intensidade subvencionada acadará o 100 % dos gastos subvencionables da constitución do grupo operativo, ata unha contía máxima de axuda de 6.000 €.

Artigo 9. Financiamento das axudas

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 12.20.561A.770.1 por un valor total de 342.253,00 euros.

2. A concesión de subvencións imputadas ao exercicio correspondente ao ano 2016 está condicionada á existencia de dotación económica suficiente en cada momento.

3. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22, 5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 10. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas a proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do Tratado, concederanse ao amparo do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1). Neste caso, o importe total das axudas de minimis que poderán recibir as entidades solicitantes non superará o importe de 200.000 € nun período de tres anos. Para comprobar o cumprimento deste requisito, os solicitantes incluídos neste suposto deberán presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais no momento de presentar a solicitude e cando se solicite o pagamento da axuda, tal e como se indica nos artigos 14 e 23, respectivamente, da presente orde.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outras axudas que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido, en relación coa concorrencia doutras axudas amparadas no réxime de minimis e, en relación coa incompatibilidade desta axuda con calquera outra cofinanciada con fondos europeos, no artigo 35.9 do Regulamento (CE) nº 1305/2013, sen que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o orzamento solicitado.

Artigo 12. Gastos subvencionables

1. As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos, efectuados posteriormente a presentación da solicitude da axuda, que estean directamente relacionados co orzamento de constitución do grupo operativo, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan:

a) Gastos de viaxe ereunións para asistir a reunións do grupo operativo.

b) Accións formativas que posibiliten a captación de membros do grupo operativo, vinculadas aos obxectivos propostos polo grupo.

c) Elaboración e redacción do plan empresarial que analice a viabilidade do proxecto.

d) Custo da contratación dos servizos do axente de innovación.

e) Estudios preparativos vinculadosa temática do proxecto do grupo operativo.

2. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, polo tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

Artigo 13. Gastos non subvencionables

1. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data depresentación da solicitude.

Artigo 14. Requisitos dos solicitantes

1. A persoa física ou a entidadesolicitante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) No caso de entidade, posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención da subvención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

d) No caso de persoa física, demostrará a súa actividade profesional no sector agrícola ou forestal.

e) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os membros comprometeranse a permanecer no grupo operativo durante o período de creación do grupo, deseño e redacción do proxecto innovador.

Artigo 15. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e presentaranse pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no apartado 1 do artigo 2, artigo 5 e no artigo 9 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistrosestablecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 16. Documentación que cómpre presentar

1. Anexo I. A solicitude da axuda cos datos de identificación da iniciativa do proxecto, datos da persoa ou entidade solicitante, que asumirá a xestión económica do proxecto e a plena responsabilidade fronte á Administración para os efectos de pagos, reembolsos e recuperacións .

2. Memoria descritiva da iniciativa do proxecto de innovación que se vai desenvolver,de acordo co modelo do anexo II.

3. Plan de actuación e cronograma da constitución do grupo operativo (anexo II, apartado 1.6).

4. Plan de divulgación de resultados (anexo II, apartado 1.7).

5. Modelo de acordo de colaboración entre as entidadesparticipantes.

6. Relación de proxectos de I+D+I no sector agrario, forestal ou agroalimentario e/ou experiencia temática na iniciativa do proxecto da entidade solicitante, onde se detallen como mínimo, breve descrición da acción, data de realización, orde de convocatoria e publicación e participantes.

7. Outra documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Cando se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia compulsada do DNI, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. Se se trata dunha persoa xurídica deberá achegar a copia do NIF só no caso de denegar expresamente as súa consulta.

c) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante nos que apareza recollido o seu obxecto social.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez días hábiles proceda a corrixir as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Órgano responsable da tramitación

A unidade responsable da instrución dos expedientes das axudas contempladas nesta orde será o Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Artigo 18. Tramitación

1. A avaliación das solicitudes será realizada por unha comisión que aplicará os criterios expostos no artigo 19. A dita comisión actuará como órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal, ou a persoa en que delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, nomeado polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados polo mesmo director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural.

A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, derecoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os proxectos solicitados.

Artigo 19. Criterios de avaliación

1. Para a avaliación e ordenación en orde decrecente das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

a) A iniciativa de cooperación encadrada segundo as áreas temáticas recollidas no artigo 5 (22 puntos valoración máxima).

1º. Xestión sostible dos recursos naturais (22 puntos).

2º. Sistemas agrarios de produción (20 puntos).

3º. Cadea agroalimentaria (5 puntos).

4º. Bioeconomía (5 puntos).

5º. Aplicación das TIC nos sectores (10 puntos).

b) A solicitude presentada por unha entidade que teña as súa sede social nun dos concellosdas zonas desfavorecidos, definidas na medida 13 do PDR 2014-2020 (20 puntos).

c) Segundo a natureza do solicitante ( 38 valoración máxima).

1º. Tipo de entidade solicitante (máximo 21 puntos):

i) Produtores agrarios ou forestais, cooperativas de 1º grao e empresas pertencentes ao sector agrario ou forestal (21 puntos).

ii) Cooperativas de 2º grao ou superior, asociacións de cooperativas, asociacións representativas de agricultores, gandeiros e do sector forestal (15 puntos).

iii) Consello regulador de produtos de calidade diferenciada (10 puntos).

iv) Entidades que demostren intereses no fomento da competitividade da agricultura, na sostibilidade de recursos naturais e clima ou desenvolvemento das economías e comunidades rurais (5 puntos).

2º. Experiencia e capacidade de xestión da entidade solicitante de axuda para a constitución do grupo operativo de innovación (máximo 17 puntos):

i) Experiencia da persoa ou entidade solicitante (incluído o seu persoal) de traballos profesionais de temática similar á iniciativa do proxecto (1 punto por experiencia temática ata un máximo de 10 puntos).

ii) Por participar en proxectos de I+D+I no sector agrario ou forestal da persoa ou entidade solicitante ou do seu persoal (1 punto por proxecto ata un máximo de 7 puntos).

2. A puntuación máxima teórica que pode acadar unha solicitude é de 80 puntos, que será a suma das diversas puntuacións obtidas no punto 1 do presente artigo. No caso de xurdir empate entre 2 ou máis solicitantes, empregarase como criterio dirimente a solicitude que presente maior puntuación no punto 1.c, de persistir o empate terase en conta a puntuación acadada no punto 1.a, e, por último, se segue habendo empate a puntuación do punto 1.b.

3. Serán excluídas as solicitudes que na valoración realizada conforme os criterios sinalados no punto 1 do presente artigo non acaden unha puntuación mínima do 30 % da valoración máxima que é posible acadar.

Artigo 20. Resolución e notificacións

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, acompañada dunha relación dos proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación dos proxectos que se consideran non financiables.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 16, submedida 16.1, e tamén da obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecidas no anexo III do regulamento (UE) 808/2014 da Comisión, de 17 de xullo de 2014.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de tres meses contados a partir da publicación da presente convocatoria. De non mediar resolución expresa no devandito prazo as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das actividades obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo directorxeral de Ordenación e Produción Forestal por delegación da conselleira do Medio Rural logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado comunicará expresamente a súa renuncia ou aceptación á subvención transcorridos dez días desde a notificación desta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal por delegación da conselleira ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1º. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pago para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

2º. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) núm. 809/2014.

3º. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.

Artigo 24. Pagamento das subvencións

1. O coordinador do grupo operativo xustificará a subvención, coa data límite do 1 de xuño de 2016, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario.

2. As solicitudes de pagos (anexo III) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, acompañados dos seguintes documentos:

a) Anexo VII Memoria cos datos da iniciativa do proxecto de innovación que se van desenvolver cuberta en tódolos seus apartados.

b) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

c) Xustificante de exención do IVE emitida pola AEAT, no caso que sexa soportado polo beneficiario.

1º. Considérase admisible o pago en metálico nos seguintes supostos e condicións:

i) Con carácter excepcional, admitiranse pagos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros, neste caso o pago xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pago empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pago. Esta certificación acompañará a factura preceptiva.

ii) Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pago a factura asinada e selada polo provedor na que figure a expresión «recibín en metálico».

iii) As excepcións contempladas nos apartados anteriores non serán aplicables aos pagos efectuados directamente pola Administración a provedores, que deberán xustificarse mediante a achega dalgún dos documentos indicados no apartado b) deste artigo.

c) Convenio de colaboración das entidades participantes do grupo operativo que conteña como mínimo os puntos que se recollen no artigo 3.

d) No caso de gastos de viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto (anexo VI).

3. Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, agás cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

4. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar, virá determinada pola aplicación de criterios de graduación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 25. Control

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Ademais do seguimento baseado nos informes finais recibidos, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá facer un seguimento técnico do proxecto mediante a presenza in situ do persoal técnico nomeado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións propostas, así como o plan de traballo previsto en cada etapa do proxecto e os datos e resultados derivados do proxecto.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, o órgano pagador do Feader, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas contempladas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello no que refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

4. A contía da subvención que se pagará calcularase con base no que resulte subvencionable durante os controis administrativos da xustificación e a solicitude de pago presentada polo beneficiario.

O organismo competente examinará a solicitude de pago presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pago.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

c) No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa solicitude de pago supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada despois dos controis, reducirase a axuda a percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os dous importes, pero no irá mais alá da retirada total da axuda. Non obstante, non se aplicarán sancións cando o beneficiario poda demostrar a satisfación da autoridade competente que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a autoridade competente adquira doutro modo a convicción de que o beneficiario non é responsable.

Artigo 26. Recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 27. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo seralles aplicable o procedemento de reintegro de acordo co Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión.

Artigo 28. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvenciónpola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 29. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2997, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) núm. 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de DesenvolvementoRural (Feader) e polo que se deroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello, e Regulamento Delegado (UE) núm. 807/2014 da Comisión do 11 de marzo de 2014 que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias.

Artigo 30. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderase exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es.

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014–2020 aprobado por Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa.

Disposición adicional segunda. Formularios

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase ao directorxeral de Ordenación e Produción Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file