Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52552

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de decembro de 2015 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2016.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, define o marisqueo como o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou desde embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixido de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.

En consonancia co anteriormente exposto, o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, modificado polo Decreto 237/2002, do 11 de xullo establece que a extracción de marisco e algas estará suxeita ao Plan Xeral de Explotación Marisqueira aprobado con carácter anual pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (hoxe en día Consellería do Mar).

Nesta orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

O mecanismo de elaboración do Plan xeral permite ás entidades asociativas do sector a participación activa na xestión dos recursos marisqueiros mediante a presentación de plans de explotación para as autorizacións e para as zonas de libre marisqueo nas que procuran unha mellora da explotación con respecto ás normas xerais de libre marisqueo. Adquiren especial relevancia as actividades de semicultivo e rexeneración, control e vixilancia que prevén os plans de explotación, elemento fundamental para a recuperación e mellora das zonas produtivas.

Sen prexuízo do exposto, a administración, require os informes técnicos sobre os aspectos esenciais e, se procede, introduce as melloras necesarias, co fin de asegurar unha explotación sostible dos recursos pesqueiros e acadar unha maior rendibilidade económica.

Cando se dean circunstancias de forza maior que dificulten ou impidan o desenvolvemento previsto do plan de xestión, as xefaturas territoriais, competentes para autorizar a actividade extractiva, poderán adaptar as medidas de xestión co obxecto de optimizar o rendemento biolóxico e económico dos bancos marisqueiros.

A orde regula, así mesmo, e como medida para unha mellor conservación, os períodos autorizados para a extracción dos diferentes crustáceos, tendo en conta os datos científicos dispoñibles.

As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. De igual xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

Para o ano 2016, as entidades asociativas do sector, no ámbito dos plans de explotación marisqueira, poden reservar zonas nas que os titulares de licenzas marítimas de pesca recreativa podan capturar ata 50 poliquetos ao día, sempre que non interfiran coa actividade marisqueira.

As entidades asociativas titulares de plans de explotación, poderán levar a cabo o control destas actuacións, no marco das operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies que están a realizar.

As zonas reservadas polas entidades para esta actividade estarán publicadas na páxina web http://www.xunta.es.mar, e poderán ser actualizadas durante este ano.

Polo tanto, examinados os plans de explotación remitidos polas entidades, consultadas estas na elaboración das normas relativas ás zonas de libre marisqueo, vistos os informes emitidos polos técnicos desta consellería, e de conformidade co disposto no Decreto 423/1993, do 17 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar o conxunto de normas e orientacións destinadas á regular e programar a extracción do marisco e a recolección das algas para o ano 2016.

2. Tamén é obxecto desta orde regular as solicitudes e prazos para:

a) A presentación dos plans experimentais para os anos 2016.

b) A presentación dos plans de explotación marisqueira para o ano 2017.

Artigo 2. Plans de explotación en autorizacións marisqueiras

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para as zonas de autorización, presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro A. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. A explotación das autorizacións marisqueiras para as que non se presentaron plans de explotación ou para aquelas nas que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto no artigo 4 para as zonas de libre marisqueo.

Artigo 3. Plans específicos de explotación para as zonas de libre marisqueo

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para as zonas de libre marisqueo, presentados polas entidades asociativas do sector que se relacionan no cadro B. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. A explotación das zonas para as que non se presentaron plans específicos de explotación ou para aquelas nas que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto no artigo 4 para as zonas de libre marisqueo.

3. Se non existe acordo de reparto da zona de traballo entre os sectores de marisqueo a pé e desde embarcación, as zonas dos dous sectores quedarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar máxima escorada.

Artigo 4. Zonas de libre marisqueo para o ano 2016

1. Como norma xeral, autorízase a extracción de moluscos nas zonas de libre marisqueo, non suxeitas a plan específico, desde o 4 de xaneiro ao 31 de marzo e desde o 3 de outubro ao 30 de decembro.

2. As cotas máximas de captura para as zonas de libre marisqueo serán as recollidas no cadro C. As cotas máximas de captura poderán ser aumentadas ou diminuídas pola dirección xeral competente en materia de marisqueo dependendo do estado do recurso.

3. Exceptúanse do exposto nos apartados 1 e 2 anteriores a ría de Arousa (bancos sublitorais). Así, nos bancos denominados Lombos do Ulla, O Boído e Cabío así como aquelas outras zonas de libre marisqueo na ría de Arousa a actividade desenvolverase conforme ás resolucións ditadas pola dirección xeral competente en materia de marisqueo, tendo en conta os informes técnicos.

4. Para traballar con rastro de vieira ou voandeira (para voandeira, zamburiña, ostra e rabioso) nas zonas de libre marisqueo remitirase a solicitude á dirección xeral competente en materia de marisqueo, cunha anticipación mínima de 10 días á data de inicio da extracción, especificando a relación de embarcacións, especie obxecto de explotación e zonas de traballo, de conformidade co disposto o artigo 155 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. As zonas de traballo dos sectores de marisqueo a pé e desde embarcación nas zonas de libre marisqueo, estarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar máxima escorada.

Artigo 5. Percebe (Pollicipes pollicipes)

Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016 para a extracción de percebe, presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro D. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

Artigo 6. Outros crustáceos

Os períodos autorizados no ano 2016 para a extracción das especies de crustáceos establécense no cadro E.

Artigo 7. Equinodermos

Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para a extracción de equinodermos, presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro F. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

Artigo 8. Solénidos (navalla/longueirón/longueirón vello)

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para a extracción de solénidos presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro G. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Cando a extracción da navalla/longueirón/longueirón vello se vaia realizar con mergullo con subministro de aire desde superficie, será necesario que as entidades titulares dos plans presenten con cada solicitude de apertura mensual, un plan de control que permita avaliar os medios e medidas empregadas para garantir o control do esforzo pesqueiro en cada momento e poñerlle límite, de ser o caso.

A autorización de apertura mensual queda supeditada á adecuación e efectividade das medidas de control propostas.

Artigo 9. Peneira

Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para a extracción de peneira, presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro H. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias

Artigo 10. Algas

Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para a extracción de algas, presentados polas entidades asociativas do sector e empresas que se relacionan no cadro I. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

Artigo 11. Anemones

Apróbanse os plans de explotación para o ano 2016, para a extracción de anemones presentados polas entidades asociativas do sector que se relacionan no cadro J. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 14 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu, defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano. San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico sxt.mar@xunta.es.

Artigo 14. O desenvolvemento dos plans de explotación aprobados para o ano 2016

1. As entidades titulares de plans de explotación aprobados dirixirán as solicitudes para o desenvolvemento da actividade ás xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Mar.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Os formularios normalizados aos que se refire o apartado anterior correspóndense co anexo IV, para os plans nas autorizacións marisqueiras, e co anexo III, para o resto dos plans de explotación.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Xunto á solicitude, achegaranse os datos de explotación do mes anterior necesarios para o seguimento e xestión dos bancos, de acordo coas indicacións dos técnicos da consellería responsables de informar a solicitude.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros previstos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Non será necesaria a achega destes datos sempre e cando estean dispoñibles na páxina de seguimento técnico habilitada para a consulta desta información.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. As xefaturas territoriais, de acordo co previsto no plan de explotación, ditarán resolución autorizando ou denegando a extracción, expresando as datas concretas da actividade e demais normas necesarias para o desenvolvemento do plan de explotación.

A falta de resolución expresa determinará a autorización presunta da actividade sempre que a solicitude se presentase cunha anticipación mínima de 15 días á data de inicio da actividade; doutra forma considerarase desestimada.

Artigo 15. Adaptación das medidas de xestión durante o desenvolvemento do plan

1. As medidas de xestión aprobadas poderán ser adaptadas, mediante orde da consellería, cando se produzan circunstancias de forza maior ou debidamente xustificadas que dificultan ou impidan o desenvolvemento previsto do plan de xestión. Entre estas circunstancias estarían, entre outras, os episodios de biotoxinas, a mortalidade dos recursos ou cambios imprevistos na clasificación das zonas de produción.

2. A Consellería do Mar poderá autorizar a adaptación das medidas dos plans de xestión co obxecto de optimizar o rendemento biolóxico e económico dos bancos marisqueiros.

3. A Consellería do Mar, coas autorizacións mensuais da actividade, poderá adaptar as medidas de xestión ás anteditas circunstancias cando exista:

a) Solicitude motivada da entidade titular do plan de xestión avalada por informe do seu técnico.

b) Informe favorable sobre o estado dos recursos emitido polos técnicos da consellería.

c) Informe favorable de servizo competente en materia de marisqueo.

Artigo 16. As solicitudes e o prazo para a presentación dos plans experimentais para o ano 2016

1. A Consellería do Mar poderá aprobar plans experimentais para o uso de útiles, equipos e técnicas para o marisqueo a pé, o marisqueo desde embarcación e recursos específicos, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

2. As entidades asociativas do sector dirixirán as súas solicitudes á dirección xeral competente en materia de marisqueo, cunha anticipación mínima de dous meses á data prevista para o inicio da actividade.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. O formulario normalizado ao que se refire o apartado anterior correspóndese co anexo II desta orde. Xunto co formulario debe presentarse o plan experimental.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros previstos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 17. Emenda da solicitude

1. A dirección xeral competente en materia de marisqueo, como órgano responsable da tramitación da solicitude, comprobará que reúnen todos os requisitos. En caso contrario, requiriráselles ás entidades para que, nun prazo de 10 días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar a solicitude do plan experimental. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo 1 a aquelas solicitudes que non conteñan como mínimo os aspectos que se indican a continuación, que poderán ser inadmitidas, logo da correspondente resolución:

a) Xustificación e obxectivos do plan experimental.

b) Obxectivos de explotación.

c) Avaliación do recurso realizada e/ou valoracións realizadas sobre o uso e as características dos útiles, equipos e técnicas para o marisqueo.

d) Plan de extracción e comercialización:

e) Plan financeiro.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución das solicitudes presentadas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes de conformidade co disposto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. As solicitudes e prazo para a presentación dos plans de explotación para o ano 2017

1. As entidades asociativas do sector, dirixirán as solicitudes á dirección xeral competente en materia de marisqueo antes do 1 de novembro de 2016.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O formulario normalizado ao que se refire o apartado anterior correspóndese co anexo I desta orde. Xunto co formulario debe presentarse o plan de explotación.

As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade. No suposto de que a solicitude sexa para un plan conxunto, cada entidade deberá presentar unha solicitude asinada polo seu representante legal ou ben constará o acordo de delegación expresa de nomeamento do representante.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros previstos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 20. Emenda da solicitude

1. As xefaturas territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude, comprobarán que reúnen todos os requisitos. En caso contrario, requiriráselles ás entidades para que, nun prazo de 10 días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo 1 a aquelas solicitudes que non conteñan como mínimo os aspectos que se indican a continuación, que poderán ser inadmitidas, logo da correspondente resolución:

a) Obxectivos de explotación.

b) Avaliación do recurso.

c) Plan de extracción e comercialización.

d) Plan financeiro.

Artigo 21. Aprobación

Os plans de explotación serán aprobados mediante orde da Consellería do Mar, con anterioridade ao inicio do ano.

Disposición adicional primeira. Rastros remolcados

Os rastros remolcados definidos na sección cuarta do capítulo IV do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, só poderán capturar especies acompañantes nunha porcentaxe inferior ao 10 % do peso total das especies obxectivo, sempre e cando non estean sometidas a un plan de xestión aprobado pola Consellería do Mar, cumpran os tamaños mínimos e non estean en veda.

Disposición adicional segunda. Ampliación do número de embarcacións coa modalidade de marisqueo con vara

En virtude do disposto na disposición adicional terceira da Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, e durante a vixencia desta orde, naqueles plans de explotación nos que os datos resultantes do seguimento da explotación, a situación social do sector e os estudos sobre o estado dos recursos así o permitan, poderase incrementar o número de embarcacións coa modalidade de marisqueo con vara, sen prexuízo das limitacións e condicións establecidas para cada un dos plans de explotación.

O incremento dos participantes aprobados nos plans de explotación de marisqueo con vara realizarase segundo a resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro do 22 de outubro de 2013 pola que se aproba o baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión, e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión.

Disposición adicional terceira. Permisos de explotación

Segundo o disposto no artigo 2.1 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, a extracción de marisco e a recolección de algas en augas da Comunidade Autónoma de Galicia só poderá ser exercida polas persoas e embarcacións que estean en posesión do preceptivo permiso de explotación, e non serán recoñecidas como válidas aquelas autorizacións emitidas polas propias entidades.

Disposición adicional cuarta. A extracción de marisco nas vésperas de festivos

Con carácter xeral, autorízase a extracción de marisco nas vésperas de festivos durante todo o ano 2016, sempre e cando o estado dos recursos o permita.

Disposición adicional quinta. Prohibición para extraer mexillón silvestre

Prohíbese durante todo o ano a extracción de mexillón silvestre en todo o litoral galego, agás resolución expresa da dirección xeral competente en materia de marisqueo.

Disposición adicional sexta. O emprego do mergullo nos plans de explotación

Segundo a Orde do 23 de abril de 1999, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional, modificada pola Orde do 13 de xuño de 2001, a aprobación dos plans con arte ou modalidade mergullo implica a autorización para realizar o mergullo nas zonas e períodos de vixencia daqueles, segundo as resolucións de apertura que sexan ditadas pola xefatura territorial, sen prexuízo da correspondente aprobación para efectos de seguranza, outorgada pola autoridade marítima correspondente, de acordo co establecido na Orde do 14 de outubro de 1997, do Ministerio de Fomento, que establece as normas de seguranza para o exercicio de actividades subacuáticas.

Disposición adicional sétima. Zonas de extracción de poliquetos por titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie

Dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira poden contemplarse zonas para que os titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie podan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva.

Na páxina web http://www.xunta.es.mar publicaranse as zonas que as entidades asociativas do sector titulares de plans de explotación marisqueira, de ser o caso, reservarán para a extracción de poliquetos para pesca marítima de recreo en superficie.

Disposición derradeira primeira. Consulta dos plans de explotación

Os plans de explotación presentados polas entidades que serviron de base para esta orde estarán dispoñibles nos servizos centrais, xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Mar, así como na sede das entidades responsables destes.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase á persoa titular da dirección xeral competente en materia de marisqueo para o desenvolvemento desta orde e que, co obxecto da mellora da xestión dos recursos e na procura dunha explotación sostible destes, adopte as medidas de xestión necesarias en función do estado dos recursos e dos informes emitidos polos técnicos.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file