Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52644

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria anticipada de subvencións para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, para o ano 2016, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas, calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) é un ente de dereito público creado especificamente mediante a Lei 3/1999, do 11 de marzo, que presta soporte á consellería competente en materia enerxética, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións, co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos.

Tratase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4- favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, na prioridade de inversión 1- fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables, e no obxectivo específico 2- aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogas e biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020, referido a medidas de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica. O financiamento da convocatoria correspondese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 %.

O uso térmico da biomasa pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade, e por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara a futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de equipamentos térmicos de biomasa e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto de estas bases e apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipos térmicos que utilicen biomasa como combustible.

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e ao Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).

3. As axudas recollidas nesta bases reguladoras , a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas as condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen animo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas as condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese as que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.b).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 22 destas bases. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 3. Financiamento

1 As subvencións que se concedan imputaranse as seguintes aplicacións orzamentarias:

Medida: fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento de biomasa

Beneficiarios

Aplicación orzamentaria

Importe

Administración pública autonómica

09.A2.733A.714.2

562.999,97

Administración pública local

09.A2.733A.760.5

1.570.473,78

Empresas e autónomos

09.A2.733A.770.5

2.844.631,66

Entidades sen ánimo de lucro

09.A2.733A.781.1

445.320,59

Total

5.423.426,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgún dos epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fora o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 15 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento da subvención queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As Entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) A administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) As entidades sen ánimo de lucro.

d) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu artigo 1.2, entre as que figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello , de 11 de decembro de 2013.

b) As empresas que operan na produción primaria de produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda este supeditada a que unha partigo ou a totalidade da mesma repercútese ós produtos primarios

3. As Empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Se as empresas non tivesen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma.

5. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, a máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivera declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. As empresas en crises, excepto cando se trate de rexímenes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

8. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os accesorios principais do mesmo (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes , extracción cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custe do sistema de alimentación do combustible.

e) O custe de montaxe e conexionado.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, apartado 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes considerarase subvencionable.

En todo caso aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de prorrata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración Tributaria ou documentación acreditativa da prorrata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por esixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os que se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

d) As obras de mantemento.

e) As conducións de distribución interior do calor e os equipos emisores, salvo cando estes sexan partigo activa do circuíto de xeración térmica

f) O proxecto de enxeñería nin a obra civil nin os gastos de legalización.

g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.

i) Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Normas específicas

1. Co obxectivo de garantir ao máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao medio ambiente.

A tal efecto, no caso que fose necesario, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, de 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) respecto a instalacións de biomasa térmica, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE sobre biomasa térmica.

2. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

Tipoloxía

Tipo de equipo xerador

Rango de potencias

Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipo existente que non sexa de biomasa

50

B1

Caldeiras sen sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible

V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300- 5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250 – 2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310 – (P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible

con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335 – (P/4)

P > 440 kW

225

P: potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW).

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.

Tendo en conta que na presente convocatoria refírese as que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III do Regulamento (UE) núm. 651/2014 como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.b), para as tipoloxías B establecese como redución, pola inversión equivalente menos respectuosa co medio natural, un rateo de 70 €/KW, que minoraría os rateos da táboa anterior. Para as tipoloxías A, a redución será dun 20 % sobre os rateos da táboa anterior

Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.

Para o resto dos conceptos subvencionables o importe destes apartados poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

75 %

Sector público autonómico

75 %

Entidades Xurídicas sen ánimo de lucro(que no realicen actividade económica)

50 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais.

45 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 200.000 € e por solicitante de 1.000.000 €.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes , contado desde o 15 de xaneiro de 2016.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web do Inega, www.inega.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

4. A documentación complementaria indicada no artigo 9 destas bases presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente a efectos informativos.

5. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir mais información, o Inega pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981541500 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.es.

Artigo 9. Documentación complementaria da solicitude

1. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria que se describe a continuación:

a) Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade dos mesmos durante un período mínimo de cinco anos que permitan concretar a situación da finca ou inmoble sobre o terreo (copia simple do título de propiedade, Certificado Catastral, contrato de arrendamento ou cesión de uso mais documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente).

b) Memoria técnica da actuación, que incluirá como mínimo:

1. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.es) e unha memoria técnica na que se describirá, de forma detallada, os sistemas de caldeira, os compoñentes principais da instalación térmica e do sistema de alimentación de combustible e unha xustificación do calor útil demandado.

2. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea na que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Croques ou planos nos que se localicen os equipamentos na edificación.

3. Folla de características da caldeira utilizada.

4. No caso de que esta caldeira non se atope na base de datos do Inega, declaración de conformidade da caldeira segundo a normativa vixente.

c) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.

d) Sempre que o custe elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar no que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario acreditar as 3 ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

No caso das administracións públicas, procederá a tramitación prevista no do Real Decreto Lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, así como na normativa autonómica que resulte de aplicación aos procedementos de contratación pública que tramiten.

e) As empresas, xunto coa solicitude presentaran a documentación prevista nos apartados a e b deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

No suposto de que quen presente a solicitude se defina como profesional autónomo a presentación da solicitude autorizará ao órgano xestor para solicitar o certificado da AEAT en que se indique os epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) en que figure dado de alta. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar o certificado que acredite o epígrafe no que está dado de alta.

Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalación consumidoras de enerxía, ademais deberán achegar:

1. Unha copia do contrato de servizos enerxéticos no que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

2. constancia por escrito da autorización e coñecemento por partigo do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

No caso de empresas de servizos enerxéticos o que debe estar situado no territorio da comunidade autónoma de Galicia son os centros de consumo.

O pagamento dos servizos que prestan ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso con visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE de 5 de abril sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e aos efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos, aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grado de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se base, xa sexa en partigo ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custes enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

f) As entidades sen ánimo de lucro, xunto coa solicitude presentaran a documentación prevista nos apartados a, b deste artigo e ademais deberán aportar a documentación que acredite a representación con que se actúa.

g) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

h) A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvencións polo persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinadas no artigo 9, salvo que os documentos esixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data, nº de expediente e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará na súa páxina web oficial (www.inega.es) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 11. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feder e polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros,...).

2. Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 12. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven de dito procedemento.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e se achegan todos os documentos esixidos polas Bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizarase a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 26.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades delas dependentes. De maneira que, cando existindo constancia da posta a disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda a o seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A notificación do requirimento de emenda practicarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no que se lle indica a posta a súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

3. A documentación á que se refire a emenda presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es) acudindo a aplicación informática habilitada para estas axudas. Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6.- Recibida a acta cos resultados de valoración das solicitudes presentadas emitida pola Comisión de valoración, elevará a correspondente proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Comisión de valoración

1. Será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director do departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan dabondo para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que foran admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. Características técnicas dos principais equipos (ata 60 puntos)

a) Prestacións segundo as características do equipo xerador (ata 35 puntos)

Valorarase tecnicamente distintas características do equipo xerador: o tipo de fogar, o illamento do fogar, as características do queimador do equipo térmico, a regulación e control da caldeira e o sistema de canalización do fluído térmico

b) Calidade enerxética do combustible empregado polo equipo (ata 10 puntos)

Este apartado valorarase tendo en conta o combustible utilizado:

– Pellet 10 puntos.

– Estelas 6 puntos.

– Leña 3 puntos.

– Residuos forestais e outros tipos de biomasa 1 punto.

c) Sistema de limpeza automática do intercambiador (10 puntos).

2. Grao de utilización da instalación (ata 25 puntos).

a) Grao de utilización da instalación segundo o uso e a demanda (ata 20 puntos).

Tendo en conta o uso enerxético e a demanda da instalación avaliarase o seu grao de utilización considerando o calor útil demandado e a capacidade de xeración da instalación.

b) Grao de autonomía do almacenamento de biomasa na instalación (ata 5 puntos).

Este apartado avaliarase tendo en conta os seguintes criterios:

– Volume do silo con alimentación automática superior a 1000 litros: 5 puntos.

– Volume do silo con alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros: 3 puntos.

– Volume do silo con alimentación automática inferior a 250 litros: 1 punto.

– Silo ou sistema de almacenamento da biomasa sen alimentación automática: 0 puntos.

3. Rateo investimento/potencia da instalación (ata 15 puntos). Avaliarase en relación aos rateos de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo bases. Outórgase 0 puntos aos proxectos cuxo rateo inversión/potencia supere un 120 % do custe máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxo rateo sexa inferior ao 80 % do custe máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

Os empates que, no seu caso, se produzan derimiranse aplicando os criterios na orden que a continuación se expón:

1. Maior puntuación obtida no apartado «características técnicas dos principais equipos».

2. Maior puntuación obtida no apartado «grao de utilización da instalación».

3. Maior puntuación obtida no apartado «rateo investimento/potencia da instalación».

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 14.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde o día seguinte ó da data de publicación da convocatoria destas axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG) .

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, estarase ao sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas, desde a páxina web do Inega (www.inega.es).

Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluírase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, o seu título e data de publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).

5. En todo caso, deberá notificarse ao beneficiario un documento no que se establecen as condicións da axuda para a operación, no que deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

– Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que esixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

– Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axudaplan financeiro e o calendario de execución.

– Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pago da axuda.

– Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do Anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no artigo 20. g destas bases.

– Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

– Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase ao beneficiario da data de comezo dese prazo

– Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Instituto Enerxético de Galicia no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no apartado seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar, por medios electrónicos a través da aplicación informática, a modificación mediante instancia dirixida ao director do Inega acompañada da documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cunha antelación mínima dun (1) mes á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar aos termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

3. Aqueles beneficiarios destas axudas que na data máxima de remate e xustificación das actuacións prevista no artigo 23 non renunciaron expresamente a ela e non executaron nin xustificaron o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada ao Inega, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuasen polo Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario someterase as verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos apartados 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm.1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013) así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

No contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación no que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así coma cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, apartado 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

1º En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación.

2º Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará ao público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio de internet, en caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Inega, da Xunta de Galicia e da Unión; b) colocando polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Inega, da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada dun edificio.

O Inega facilitarán modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) O s beneficiarios estarán obrigados a manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro deste convenio, de acordo ao disposto no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013.

Artigo 23. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2016.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es) .

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvención de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación algunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. Igual requirimento se efectuará por partigo do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos : Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a Lei correspondan.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Achegaranse copias dixitalizadas da seguinte documentación:

a) Conta xustificativa composta de:

1º Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado haberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención) e en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario, a subcontratación estará limitada polo disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, debendo concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a pertinente autorización por partigo da dirección do Inega.

2º Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), no que conste o número da factura obxecto de pago, a identificación da persoa que realiza o pago, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pago, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pago do efecto, etc.) na que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, recibí asinado e selado polo provedor no que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobro.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, a efectos de data de pago, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ó provedor.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior a data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 22.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos contemplados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pago se xustifique mediante varios documentos de pago, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pago.

b) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración da Comunidade Autónoma, deberá achegar estas certificacións.

c) No caso da Administracións Autonómica e as entidades dela dependentes, caso de ser beneficiarias, presentarán unha certificación expedida polo órgano competente, na que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública.

Así mesmo achegarán unha copia completa-preferiblemente escaneada, ou ben en soporte papel- da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que puideran efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos oportunos

d) No caso da Administración Local a certificación ten que estar expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a e facer referencia a aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención e na que se faga constar, como mínimo , de forma detallada:

1º O cumprimento da finalidade da subvención.

2º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2 b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Así mesmo as administracións públicas achegarán unha copia completa- Preferiblemente escaneada, ou ben en soporte papel- da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que puideran efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

e) Os concellos, para os proxectos de investimentos promovidos polos mesmos, deberán aportar o acordo do órgano municipal competente de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 198.5 da Lei 9/2002, de 30 de decembro de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural .

f) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

g) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 20.g en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII apartado 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013.

h) Certificado no que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado por técnico competente. Tamén se presentará unha declaración responsable de haber presentado a solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, sempre que sexa obrigatorio para a posta en servizo da instalación.

i) Naqueles proxectos de potencia superior aos 70 kW e que o requiran achegarase o correspondente certificado de dirección de obra e nestes casos o proxecto técnico da instalación executada. A data deste certificado deberá de estar comprendida, igualmente, dentro do reiterado período de execución das inversións .

Artigo 26. Pago das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado concesión de subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.es.

A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, que é o órgano responsable da administración e custodia da base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do afectado.

Artigo 28. Xestión informática das axudas

Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática- accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 29. Perdida do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobro total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas Bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os intereses de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobro da subvención e para facer efectiva a devolución á que se refire o apartado anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, se entenderá que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial:Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 20.g) destas bases.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Artigo 30. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Cuentas Europeo e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013), que xa foron mencionadas na letra c) do artigo 20 das bases.

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder ao FSE ea o Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013).

2. Procederase en todos os casos á comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración coma polo beneficiario.

Artigo 33. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 34. Remisión normativa.

1. Na medida en que as subvencións concedidas ao amparo destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014)

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca e se derroga o Regulamento (CE) no 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia