Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2016 Páx. 1248

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos Premios de Artesanía de Galicia 2016.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúe á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, consciente da importancia social, patrimonial e económica da artesanía galega, aposta por un sector artesán forte e capaz de adaptarse ás novas tendencias, motivo polo cal elaborou o Plan de artesanía de Galicia 2014-2016, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento dunha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade do sector.

En Galicia, as actividades artesanais supoñen unha grande reserva desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao mesmo tempo que actúan como fío condutor que posibilita a continuidade da nosa identidade e da nosa cultura.

O Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da Consellería en materia de artesanía.

De acordo co anteriormente exposto e de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, a Dirección Xeral de Comercio resolve publicar as bases reguladoras dos Premios de Artesanía de Galicia 2016 convocados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que figuran no anexo.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2015

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio

ANEXO
Bases reguladoras dos Premios de Artesanía de Galicia 2016

Primeira. Convocatoria

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, convoca os Premios Artesanía de Galicia 2016.

O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Segunda. Modalidades

Establécense as seguintes modalidades:

Premio Artesanía de Galicia 2016.

Premio Traxectoria.

Premio Bolsa Eloy Gesto.

1. Premio Artesanía de Galicia 2016.

Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no seu desenvolvemento.

2. Premio Traxectoria.

Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dun/dunha artesán/á galego/a. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida do/a candidato/a, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto.

Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais.

Terceira. Participantes

1. Premio Artesanía de Galicia 2016.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa un artesán ou artesá rexistrados como tales, de acordo coa Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, e co Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. Premio Traxectoria.

Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos.

Os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas serán as encargadas de facer a presentación das candidaturas desta categoría.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto.

Artesáns/ás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cunha idade máxima de 40 anos en 2015.

Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa un artesán ou artesá rexistrado como tal e que acadase unha idade máxima de 40 anos en 2015.

Cuarta. Documentación requirida

1. Premio Artesanía de Galicia 2016.

A) Sobre pechado en que figurará o título da proposta e que conterá a seguinte documentación:

Proposta da candidatura de acordo co modelo do anexo I. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

Documentación acreditativa de que a persoa candidata se atopa ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

Fotocopia do documento nacional de identidade.

Currículo do/a artesán/á ou do obradoiro.

Declaración asinada de que o proxecto presentado pertence ao solicitante e non foi presentado a outros concursos nin publicado con anterioridade.

B) Sobre pechado en que figurará o título da proposta e conterá a seguinte documentación:

En soporte dixital un dossier que conteña:

Ficha técnica do proxecto que inclúa o nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.

Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato jpg cunha resolución de 300 dpi.

Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

C) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

O número máximo de obras por participante será de dúas. Asemade, os autores que desexen participar con máis dunha obra deberán cubrir toda a documentación por obra presentada.

A peza que se propón como candidata ao premio non poderá estar asinada nin conter distintivos que a identifiquen cunha marca ou cunha autoría determinada.

2. Premio Traxectoria.

Sobre pechado en que figurará o nome da persoa candidata e que conterá a seguinte documentación:

En papel:

Proposta da candidatura de acordo co modelo do anexo III. É obrigatorio que leve a sinatura do/a representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.

En soporte dixital:

Memoria de presentación cun mínimo de 15 imaxes en formato jpg cunha resolución de 300 dpi do traballo e currículo da persoa candidata e na cal se sinalen as razóns por que se propón ao premio.

3. Premio Bolsa Eloy Gesto.

Sobre pechado en que figurará o nome e que conteña:

En papel:

Proposta da candidatura de acordo co modelo do anexo II. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

Documentación acreditativa de que a persoa candidata se atopa ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

Fotocopia do documento nacional de identidade.

Currículo do/a artesán/á ou do obradoiro.

En soporte dixital un dossier que conteña:

Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola cal considera que a súa candidatura debe de ser elixida como gañadora nesta categoría.

Quinta. Premios

A dotación dos premios será a seguinte:

Premio Artesanía de Galicia 2016:

Dotación de 6.000 € e trofeo acreditativo.

A persoa gañadora cederá á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño a propiedade da obra premiada. No caso de que as características do produto gañador impidan a súa cesión, substituirase por documentación gráfica ou visual deste.

Premio Traxectoria:

Sen dotación económica e trofeo acreditativo.

Premio Bolsa Eloy Gesto:

Bolsa de formación de 3.000 € e diploma acreditativo.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data da súa concesión.

Sexta. Xurado

Constituirase un xurado cuxos membros serán nomeados pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio, competente en materia de artesanía, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de 5 vogais.

Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio no eido da artesanía, do deseño e do comercio e a secretaría recaerá na persoa xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, con voz pero sen voto.

A composición do xurado farase pública 30 días antes da resolución dos premios na páxina web www.artesaniadegalicia.xunta.es

No seu funcionamento, o xurado aterase ao seguinte:

a) A deliberación do xurado será secreta e a súa decisión inapelable.

b) O xurado proporá nas súas deliberacións unha única persoa gañadora para cada unha das categorías. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do/a presidente/a. No momento das votacións só se terán en conta os votos emitidos polos membros presentes, xa que non se admitirá a delegación do voto.

c) O xurado poderá facer mencións honoríficas sen dotación económica a aquelas persoas candidatas que desexen destacar nalgún aspecto.

d) O xurado poderá propoñer declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen os méritos necesarios para acadar o galardón.

e) O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non determinados nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

f) O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Sétima. Presentación dos traballos e documentación

A documentación e a peza, de ser o caso, deberanse presentar nas oficinas da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e débese de consultar previamente no correo electrónico centro.artesania@xunta.es o enderezo e o horario de apertura desta. Cando a candidatura se remita por correo, o solicitante deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos (será requisito indispensable que se trate dunha oficina de Correos prestadora do servizo postal universal) e anunciar á Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño a remisión da candidatura mediante fax (881 99 91 70) ou telegrama no mesmo día. Sen a concorrencia de ambos os dous requisitos non será admitida a proposta se é recibida pola Fundación con posterioridade á data en que remata o prazo sinalado no seguinte punto das presentes bases.

Transcorridos, porén, os dez días naturais seguintes á indicada data sen se recibir a proposta de candidatura, esta non será admitida en ningún caso.

De acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no caso de que a solicitude e a documentación non reúnan os requisitos exixidos nestas bases, requirirase á persoa solicitante que a complete no prazo de 10 días coa advertencia de que, transcorridos eses días sen que se achegue a documentación, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución expresa.

Oitava. Prazo de presentación

O prazo de presentación de candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 30 de maio de 2016 e remata ás 15.00 horas do 14 de xuño de 2016.

Novena. Publicidade das propostas e dos premios

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño fará publicidade das persoas galardoadas e dos finalistas coa merecida notoriedade nos medios que considere máis axeitados dadas as características dos premios.

Décima. Resolución

O xurado efectuará a proposta de resolución, á cal lle deberá incorporar o contido da avaliación realizada por este.

O órgano competente para ditar a resolución definitiva do procedemento é a Xerencia da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. A resolución que adxudique o premio notificarase aos premiados mediante correo certificado con aviso de recepción e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño poderá suspender unha convocatoria anual cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento do proceso de convocatoria e a concesión do premio.

Décimo primeira. Entrega de premios

A entrega dos premios realizarase nun acto público convocado para tal efecto, ao cal se dará a publicidade e a transcendencia axeitadas.

Décimo segunda. Compatibilidade do premio

Estes premios serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente de calquera Administración, ente público ou privado, galego, estatal ou europeo, ou organismos internacionais, que se puider outorgar ao beneficiario despois da concesión do presente galardón.

Décima terceira. Recuperación das pezas presentadas

Os autores que desexen recuperar as pezas presentadas deberán recollelas persoalmente na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. As obras que non se recollan pasados 40 días desde a publicación das persoas gañadoras na páxina web www.artesaniadegalicia.xunta.es pasarán a ser propiedade da fundación, xa que se entenderá que as persoas candidatas renuncian aos seus dereitos de propiedade sobre elas.

Décima cuarta. Aceptación das bases

A participación neste concurso supón a plena aceptación das bases cuxa interpretación corresponde ao xurado.

Décima quinta. Protección de datos

Os datos persoais dos participantes incorporaranse a un ficheiro responsabilidade da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño coa finalidade de xestionar a súa participación nos premios.

Os gañadores autorizan expresamente que o seu nome e apelidos sexan publicados co fin de promocionar os premios e referenciar a obra gañadora.

En calquera caso, os participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndose á sede da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

ANEXO I
(Modelo de solicitude de participación)

missing image file
missing image file

ANEXO II
(Modelo de solicitude de participación)

missing image file

ANEXO III