Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2016 Páx. 2711

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatística, e do corpo de xestión da Xunta de Galicia, escala técnica de estatísticos.

O artigo 89 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galicia polo persoal funcionario de carreira.

O artigo 14.2. d) do mesmo texto legal atribúe á persoa titular da consellería competente en materia de función pública a competencia para convocar e resolver os concursos de provisión de postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita competencia foi delegada na Dirección Xeral da Función Pública mediante a Orde do 8 de xullo de 2013 (DOG núm. 136, do 18 de xullo).

Existindo na relación de postos de traballo vacantes dotadas orzamentariamente e cuxa provisión se considera necesaria, esta consellería, en uso das competencias que ten atribuídas, logo de negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal, resolve convocar concurso de traslados para a provisión dos postos de traballo vacantes que se especifican no anexo I desta orde, de conformidade coas seguintes bases:

I. Requisitos para a participación.

1. Poderán participar neste concurso:

a) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia, unha vez transcorridos dous anos desde que accedesen ao posto que veñan desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación caso en que non se exixirá permanencia.

b) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia en situación de excedencia voluntaria por interese particular, unha vez transcorrido o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público.

d) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia en situación de excedencia por violencia de xénero.

2. Están obrigados a participar neste concurso:

a) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia adscritos/as provisionalmente por reingreso ao servizo activo ou rehabilitación da condición de funcionario de carreira.

b) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia, que se encontren á disposición do/da conselleiro/a ou adscritos/as provisionalmente por remoción dun posto de libre designación.

c) Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos da Administración da Xunta de Galicia que se encontren á disposición do/a conselleiro/a ou adscritos/as provisionalmente por supresión do posto que ocupasen con carácter definitivo, ou alteración do seu contido na relación de postos de traballo ou que fose removido/a dun posto provisto por concurso.

Os/as funcionarios/as comprendidos nas tres alíneas anteriores están obrigados a solicitar todos os postos que se oferten na localidade do último posto que ocupasen con carácter definitivo ou, á súa elección, da localidade do posto a que estean adscritos provisionalmente. O incumprimento destas obrigas determinará a declaración na situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia).

3. Non poderán participar neste concurso:

Os/as funcionarios/as das escalas superior e técnica de estatísticos suspensos en firme, mentres dure a suspensión.

II. Postos ofertados.

1. Os/as interesados/as poderán solicitar por orde de preferencia os postos relacionados no anexo I, sempre que reúnan as condicións exixidas nel.

2. Así mesmo, os/as funcionarios/as que o desexen poderán solicitar, no prazo especialmente habilitado para este efecto, os postos que poidan resultar vacantes a consecuencia da adxudicación dos postos ofertados no anexo I. A adxudicación dun posto a resultas está condicionada a que o solicitante non obteña ningún dos postos convocados no anexo I e a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.

Os/as funcionarios/as só poderán ser adxudicatarios/as dos postos para cuxo desempeño reúnan os requisitos establecidos na correspondente relación de postos de traballo.

3. Os/as interesados/as en participar na convocatoria deberán posuír os requisitos especificados no anexo I desta resolución para desempeñar a vacante a que pretenden acceder.

III. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

1. Antigüidade (servizos prestados nas administracións públicas):

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como funcionario/a: 0,15 puntos.

A puntuación máxima na base III.1 será de 5,5 puntos.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

2. Grao persoal recoñecido.

Polo nivel 16 de grao recoñecido: 1,9 puntos.

Por cada unidade de nivel que exceda de 16: 0,15 puntos.

A puntuación máxima na base III.3 será de 4 puntos.

No suposto en que os/as funcionarios/as non teñan recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 16 computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis da escala a que pertenza o/a funcionario/a.

3. Traballo desenvolvido, tempo transcorrido desde o último posto obtido con carácter definitivo e medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

3.1. Traballo desenvolvido:

3.1.1. Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a nos distintos grupos.

3.1.2. A valoración efectuarase consonte os seguintes criterios:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,40 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado ata dous niveis: 0,30 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ao desempeñado: 0,20 puntos.

3.1.3. O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do/a funcionario/a.

3.2. Tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo:

3.2.1. Polo tempo transcorrido desde a última adxudicación dun posto con carácter definitivo na escala desde a que participa outorgaranse 0,15 puntos por cada ano ou fracción superior a 6 meses.

3.2.2. Exclúense da puntuación os dous anos de permanencia obrigatoria se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de concurso, e os dous primeiros anos se o último posto adxudicado con carácter definitivo se obtivo polo sistema de libre designación.

3.3. Medidas de conciliación e de igualdade de xénero:

3.3.1. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade. Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base IV.4.b).

3.3.2. Outorgaranse 0,5 puntos para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos en que estea matriculado un/unha ou máis fillos/as menores de doce anos, sempre que o/a solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade.

Esta circunstancia xustificarase documentalmente xunto coa solicitude de participación no concurso nos termos establecidos na base IV.5.

A puntuación das alíneas 3.3.1 e 3.3.2 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

3.3.3. Outorgaranse 0,01 puntos por mes ou fracción de mes aos/ás funcionarios/as que estean gozando ou gozasen nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes unha excedencia para o coidado de fillos/as ou familiares. Esta circunstancia apreciarase de oficio.

A puntuación da alínea 3.3.3 non poderá superar os 0,6 puntos.

A puntuación máxima da base III.3 será de 5,5 puntos.

4. Cursos de formación e perfeccionamento e titulación académica.

4.1. Cursos de formación.

4.1.1. Valorarase a asistencia aos cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estatística, Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Centro de Estudos Monetarios e Financeiros do Banco de España, outros organismos de estatística pública autonómicos, estatais e internacionais, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público Estatal de Emprego, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) sobre as seguintes materias:

a) Procedemento administrativo común.

b) Seguridade e saúde laboral.

c) Igualdade de xénero.

d) Atención ao cidadán.

e) Protección de datos de carácter persoal.

f) Metodoloxía, procedementos estatísticos organización e planificación estatística.

g) Macromagnitudes económicas, sistemas contables e análises sectoriais e territoriais.

h) Indicadores para a planificación, avaliación e seguimento das políticas públicas.

i) Informática: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos, sistemas de información xeográfica, aplicacións ofimáticas e outras ferramentas informáticas relacionadas co tratamento estatístico de datos.

j) Xefe/a de sección para os postos aos que se opta de xefe/a de sección.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea, organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas. A puntuación máxima por coñecemento de idiomas será de 1 punto.

Os cursos valoraranse conforme aos seguinte criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,20 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,40 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima da base III.4.1 será de 3 puntos.

4.2. Titulación académica.

– Diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente: 0,60 puntos.

– Licenciado universitario, enxeñeiro, arquitecto, grao ou equivalente: 0,80 puntos.

– Título de doutor: 1 punto.

A puntuación máxima da base III.4.2. será de 1 punto.

Valorarase unha soa titulación académica, sempre que sexa distinta á requirida para o ingreso ao corpo desde o que se concurse, e sexa de igual ou superior nivel académico.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte con carácter xeral e válidas para todos os efectos, sempre que se indique expresamente a disposición en que se establece a equivalencia e o BOE en que se publica.

A puntuación máxima da base III.4 será de 4 puntos.

5. Grao de coñecemento do idioma galego.

a) Curso de Celga 3 ou equivalente: 0,75 puntos.

b) Curso de Celga 4 ou equivalente: 1,50 puntos.

c) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclos superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

d) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refire á acreditación do coñecemento do galego, aos cursos, estudos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia de Política Lingüística.

O coñecemento do idioma galego só será obxecto de valoración nesta epígrafe.

A puntuación máxima da base III.5 será de 3 puntos.

6. Polo grupo a que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos:

– Subgrupo A1: 3 puntos.

– Subgrupo A2: 2 puntos.

7. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas determinarase pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

Todos os méritos recollidos na base III computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes desta base.

De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 29 de xaneiro do 2015 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro). En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

8. A puntuación mínima para poder adxudicar os postos que se ofertan nesta convocatoria é a que para cada un deles se especifica no anexo I.

IV. Solicitudes de participación e documentación que se lle debe xuntar.

1. As solicitudes para tomar parte neste concurso dirixiranse ao director xeral da Función Pública da Consellería de Facenda. O modelo de solicitude estará á disposición de todos/as os/as que desexen participar no concurso no portal web da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal). Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as aspirantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla e, posteriormente, validalos e confirmalos.

Cada aspirante a participar no concurso de traslados poderá presentar unha única solicitude.

A solicitude deberá presentarse desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o día 11 de febreiro de 2016, nos rexistros xerais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Na instancia faranse constar, por orde de preferencia, as vacantes incluídas no anexo I para as que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño. No caso de non estaren interesados en ningún dos postos relacionados, farán constar os seus datos persoais e administrativos para os efectos de poder solicitar posteriormente os postos vacantes a resultas.

3. Os/as funcionarios/as con algunha discapacidade poderán pedir na súa solicitude a adaptación do posto ou postos de traballo solicitados. Á solicitude deberase xuntar un informe, expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuído o posto ou os postos solicitados (artigo 10 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro).

4. Para os efectos previstos na base III.3.3.1, os/as funcionarios/as que non teñan destino definitivo na mesma localidade que o seu cónxuxe ou parella de feito e que soliciten postos relacionados no anexo I ou teñan previsto solicitar na fase de resultas postos situados nesta última, deberán achegar xunto coa solicitude de participación:

a) Certificado de matrimonio ou acreditación de ser parella de feito.

b.1) Administracións públicas:

Certificado expedido polo/a xefe/a de persoal do centro directivo onde o cónxuxe ou parella de feito preste servizos no cal conste que este/a é empregado/a público/a, o posto que ocupa e a localidade onde o posto radique (anexo II).

b.2) Empresas privadas:

Certificado de vida laboral e contrato de traballo por conta allea en vigor cun mínimo de tres meses de antelación á data de finalización do prazo de presentación de instancias.

b.3) Autónomos.

Certificado de vida laboral e documento de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social con efectos dun mínimo de tres meses de antelación á data de finalización do prazo de presentación de instancias.

5. Para os efectos previstos na base III.3.3.2, os/as funcionarios/as que non teñan destino definitivo na mesma localidade en que radique o centro de estudos dos/das fillos/as menores de doce anos e que soliciten postos relacionados no anexo I ou teñan previsto solicitar na fase de resultas postos situados nesta última, deberán achegar xunto coa solicitude de participación:

a) Certificado de nacemento do/da fillo/a menor de 12 anos ou fotocopia compulsada do libro de familia.

b) Certificado acreditativo da matrícula durante o curso escolar 2015/2016.

6. No suposto de estaren interesados/as nos postos dunha mesma localidade que se anuncian neste concurso dous/dúas funcionarios/as, poderán condicionar a súa petición por razóns de convivencia familiar ao feito de que ambos/as os/as dous/dúas obteñan destino neste concurso e na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anuladas as peticións efectuadas por ambos/as os/as dous/dúas. Os/as concursantes que se acollan a esta petición condicional deberán facelo constar na súa solicitude e xuntar unha fotocopia da petición do/da outro/a.

7. As solicitudes vincularán os/as solicitantes unha vez finalizado o prazo de presentación destas.

Poderase renunciar a participar no concurso nos vinte días seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da lista definitiva de admitidos e excluídos. Unha vez transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha renuncia á participación agás erro manifesto do solicitante apreciado pola Administración.

8. Todo o proceso correspondente a este concurso poderá consultarse a través do portal web oficial da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal).

V. Solicitudes de participación na fase de resultas.

O día 24 de febreiro de 2016 publicarase no portal web da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal) a relación de postos cuxo sistema de provisión fose o concurso e que estivesen ocupados con carácter definitivo polos/as concursantes que formalizaron electronicamente solicitude de participación optando a postos relacionados no anexo I.

Os/as funcionarios/as que previamente presentaron instancia de participación no concurso poderán solicitar os ditos postos utilizando o modelo que estará á súa disposición no portal web da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal). Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, os/as aspirantes deberán cubrir todos os datos que aparecen en pantalla, e posteriormente, validalos e confirmalos.

A solicitude deberá presentarse ata o día 8 de marzo de 2016, nos rexistros xerais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes vincularán os/as solicitantes unha vez finalizado o seu prazo de presentación.

Lémbrase que, consonte o establecido na base II.2, a adxudicación dun posto a resultas está condicionada a que o solicitante non obteña ningún dos postos convocados no anexo I e a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.

VI. Xustificación da posesión de méritos e requisitos.

1. Os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias, isto é, o día 11 de febreiro de 2016.

2. O procedemento para a xustificación dos méritos e requisitos será o seguinte:

A Dirección Xeral da Función Pública remitiralles aos/ás participantes no concurso de traslados unha clave para consultar os datos que figuran no seu expediente no Rexistro Central de Persoal (RCP). Este envío efectuarase ao teléfono móbil ou correo electrónico sinalado polo/pola interesado/a na solicitude de participación no concurso.

Se, chegado o día 24 de febreiro, algún/algunha interesado/a non recibiu a clave, a partir do día seguinte poderá dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública mediante fax e solicitar o seu envío con indicación do número do teléfono móbil ou enderezo de correo electrónico achegando copia da solicitude en que conste a presentación desta en calquera dos lugares consignados na base IV.1.

Do 1 de marzo ata o 11 de marzo de 2016 actuarán do seguinte xeito:

No suposto de estar conforme cos datos consultados, o/a interesado/a os validará asinando o impreso de conformidade que encontrará no portal web sinalado e o remitirá á Dirección Xeral da Función Pública.

No suposto de desconformidade con algún dos datos porque se considere que son erróneos ou están incompletos, o/a interesado/a deberá formalizar o impreso de emenda que encontrará no portal web. Este documento deberá ser presentado nas unidades que a seguir se relacionan:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou ente público instrumental.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais, funcionarios/as responsables da área de persoal das xefaturas territoriais, delegacións ou ente público instrumental respectivo.

O/a interesado/a xuntará a documentación xustificativa das modificacións que propón para que as unidades sinaladas emitan certificación segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral da Función Pública, validando, de estimalo procedente, as correccións realizadas.

O prazo para expedir esta certificación será do 1 de marzo ata o 18 de marzo de 2016.

Unha vez expedida a certificación, o/a interesado/a deberá asinala e remitila á Dirección Xeral da Función Pública. No caso de que a certificación non se emitise en prazo por causas alleas ao/á concursante, este/a presentará xustificación documental de tela solicitado oportunamente. A certificación, ou a xustificación de tela solicitado, deberá presentase ata o día 30 de marzo de 2016.

3. Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou na certificación serán os que teña en conta a comisión de valoración do concurso para a adxudicación dos postos de traballo solicitados. Calquera dato omitido polo/pola interesado/a non poderá ser invocado por este/a para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

4. Calquera impreso de conformidade ou certificación que non reúna os requisitos ou que fose enviado polo/a interesado/a fóra do prazo establecido terase por non presentado, agás no suposto establecido no último parágrafo da alínea 2.

VII. Listaxe de admitidos e excluídos.

1. Expirados os prazos de presentación de instancias de participación no concurso e de solicitudes de postos a resultas, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na cal se declararán aprobadas as listas de admitidos/as e excluídos/as con indicación do lugar en que estarán á disposición dos/das interesados/as.

2. Os/as excluídos/as disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición dos/das interesados/as no portal web da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal), e deberá presentarse no Rexistro Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VIII. Comisión de valoración.

1. A valoración dos méritos alegados polos/as concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada pola comisión de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, coa composición establecida nel. Esta comisión terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e será nomeada polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

2. A comisión poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores, para aquelas tarefas que o requiran, e o órgano convocante procederá ao seu nomeamento.

3. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá, en todo caso, sobre o/a concursante que obtivese maior puntuación conforme o baremo establecido na base III, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base III.7.

4. Unha vez efectuada a proposta de valoración provisional dos méritos farase pública no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

Contra a dita resolución os/as concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de dez días hábiles que se contarán a partir do seguinte ao da publicación.

As reclamacións dirixiranse a Dirección Xeral da Función Pública e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas xefaturas territoriais, nas oficinas comarcais da dita consellería, ou nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O formulario de reclamación estará á disposición dos interesados no portal web da Xunta de Galicia (http://funcionpublica.xunta.gal).

5. Examinadas e resoltas pola comisión as reclamacións presentadas, elevarase proposta definitiva de resolución do concurso.

A convocatoria resolverase por resolución do director xeral da Función Pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na cal figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas contra a valoración provisional de méritos entenderanse implícitas na devandita resolución.

IX. Adxudicación de destinos.

1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, casos en que poderán optar entre os postos adxudicados, estando obrigados a comunicar por escrito a opción realizada á Dirección Xeral da Función Pública no prazo de tres días.

2. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.

X. Toma de posesión.

A toma de posesión en todos os postos adxudicados como consecuencia da realización do presente concurso efectuarase a partir da data que se faga constar na resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 24 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

XI. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta mesma dirección xeral, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Posto

Código do posto

Nv.

Grupos

Corpo/escala

Adm. púb.

Denominación do posto

Cons.

Comp. específico

Centro directivo

Centro destino

Conc.

Titulacións requiridas

Formación específica

Observacións

(1)

1

FC.A01.00.000.15770.004

20

A1

Xeral (escala estatística)

AXG

Posto base grupo A

FC

6.083,52

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

5.500

2

FC.A01.00.000.15770.006

20

A1

Xeral (escala estatística)

AXG

Posto base grupo A

FC

6.083,52

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

5.500

3

FC.A01.00.000.15770.007

20

A1

Xeral (escala estatística)

AXG

Posto base grupo A

FC

6.083,52

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

5.500

4

FC.A01.00.000.15770.008

20

A1

Xeral (escala estatística)

AXG

Posto base grupo A

FC

6.083,52

Instituto Galego de Estatística

Instituto Galego de Estatística

15770

5.500

5

FC.A01.00.002.15770.003

25

A1A2

Xeral (escala estatística)

AXG

Sección de Síntese, Análise e Difusión II

FC

10.093,56

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Síntese, Análise e Difusión

15770

3.900

6

FC.A01.00.003.15770.002

25

A1A2

Xeral (escala estatística)

AXG

Sección de Produción Estatística

FC

10.093,56

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Produción Estatística

15770

3.900

7

FC.A01.00.003.15770.041

25

A1A2

Xeral (escala estatística)

AXG

Sección de Traballos de Campo

FC

10.093,56

Instituto Galego de Estatística

S. X. de Produción Estatística

15770

3.900

Código

Concello

15770

Santiago de Compostela

Código

Administración

AXG

Adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia.

missing image file