Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 27 de xaneiro de 2016 Páx. 2978

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2016 pola que se efectúa unha convocatoria para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tras o seguimento dun curso de preparación na modalidade de teleformación.

De acordo co previsto na Orde do 29 de abril de 2014 pola que se habilita e autoriza á Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, e dentro das actuacións e obxectivos do Plan de inclusión dixital de Galicia, anúnciase a convocatoria dun curso de preparación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que se desenvolverá de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

Obter a certificación galega de competencias dixitais, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, trala adquisición, mediante un curso de preparación na modalidade de teleformación, das capacidades que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia e a súa posterior avaliación a través da correspondente proba presencial.

Segunda. Destinatarios

Persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes do remate do prazo de inscrición.

Terceira. Organización do curso

1. Número de prazas: 180.

2. Duración: 12 semanas (190 horas lectivas).

3. Modalidade: teleformación titorizada a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

4. Datas de realización: dentro do primeiro semestre do ano 2016.

Cuarta. Contido

1. No curso desenvolveranse os seguintes temas:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas).

• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 horas).

• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas).

• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas).

• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas).

2. O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2 Manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo poden consultarse no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE nº 109, do 7 de maio).

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

1. As persoas que desexen participar no curso convocado nesta resolución deberán inscribirse na páxina web de CeMIT (http://cemit.xunta.es).

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

3. O prazo para a inscrición será de cinco (5) días naturais a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse a través da internet ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Unha vez que remate o prazo de inscrición e aplicados os criterios de selección que se recollen na base sexta, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.es), así como un número adecuado de reservas.

5. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar no prazo de cinco (5) días naturais desde a data da súa publicación a taxa de dez (10) euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

6. Unha vez finalizado o prazo para que as persoas admitidas aboen os dereitos de exame, e no caso de existiren prazas libres, chamarase da lista de espera ata cubrir todas as vacantes.

Sexta. Criterios de selección

1. As 180 prazas dispoñibles asignaranse correlativamente por orde alfabética entre as persoas preinscritas en tempo e forma aplicando o resultado dun sorteo público que se realizará unha vez que remate o prazo de inscrición. O lugar e a data de realización publicitarase na páxina web de CeMIT (http://cemit.xunta.es).

2. No sorteo extraeranse dúas letras do abecedario que determinarán, correlativamente, a primeira e a segunda letra do primeiro apelido. As dúas extraccións levaranse a cabo con todas as letras.

3. A orde de prelación comezará pola persoa solicitante cuxo primeiro apelido comece coas dúas letras extraídas, e, se non houbese ningunha, continuarase pola seguinte persoa solicitante por orde alfabética pasando de ZZ a AA.

4. En caso de coincidencia no primeiro apelido entre varias persoas solicitantes, acudirase como criterio de desempate ao segundo apelido e nome, por orde alfabética. Cando os apelidos vaian precedidos de preposicións, conxuncións ou artigos, estes non serán tidos en conta.

5. As persoas que resulten seleccionadas poderán comunicar a súa renuncia a participar no desenvolvemento da actividade con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo formacion-cemit@xunta.es

Sétima. Contía das taxas de exame

1. Segundo o anexo 1 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro), o importe da taxa para inscribirse nas probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática será de dez (10) euros.

2. Para a liquidación das taxas de exame deberán acceder preferiblemente por vía electrónica á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia
(www.conselleriadefacenda.es), e seguindo a ruta: Oficina Virtual Tributaria→Servizos de acceso libre→Entrar na Oficina Virtual→Taxas, prezos, multas e sancións→Pagamento telemático de taxas e prezos→Iniciar

Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería: 04 - Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Servizo: 024 - Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega)

Delegación: 13 - Servizos centrais

Taxa: 304202 - Avaliación da unidade de competencia

Obxecto: certificación galega de competencias dixitais en ofimática

Tamén poderán optar por cubrir o impreso de autoliquidación que se lles facilitará ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia.

3. O xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, así como calquera documentación complementaria deberá presentarse electronicamente no enderezo formacion-cemit@xunta.es, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Oitava. Probas de avaliación presencial

1. As persoas que completen a totalidade do curso de preparación dentro do prazo establecido poderán optar voluntariamente á proba da avaliación final convocada pola Amtega, a través da rede CeMIT, para acreditar as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática co fin de obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, tal e como se recolle no artigo 6.1 do Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a dita certificación.

O acceso aos contidos ou o seguimento deste curso de preparación por teleformación non outorga dereito á expedición de ningún tipo de certificación.

2. A proba presencial celebrarase en Santiago de Compostela e, polo menos, nunha aula CeMIT de cada provincia segundo a dispoñibilidade e datas que se establezan na posterior convocatoria que será publicada na plataforma de teleformación da rede CeMIT
(http://cemit.xunta.es/ema), xunto coas condicións de realización e demais características da dita proba.

Novena. Facultades da Amtega

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das probas de avaliación. Así mesmo, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. Modificar o desenvolvemento e contido das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

3. Expedir a certificación galega de competencias dixitais en ofimática a todas aquelas persoas que superen a proba da avaliación final presencial, segundo o modelo normalizado aprobado pola Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro).

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2016

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia