Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2016 Páx. 5451

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

CORRECCIÓN de erros. Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Advertidos erros na Orde do 23 de decembro de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 247, do 29 de decembro, cómpre facer as oportunas correccións:

Na páxina 49229, engádese ao punto 1 do artigo 3 o seguinte: «Este requisito non será aplicable aos beneficiarios da submedida 6.3.».

Na páxina 49232, no artigo 7, onde di: «Para iso deberán presentar a licenza municipal, como máis tarde, antes da aprobación.», debe dicir: «Para iso deberán presentar a licenza municipal, como máis tarde, o 18 de setembro de 2016.».

Na páxina 49235, no quinto parágrafo do punto 3 do artigo 10, onde di: «Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que non supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do servizo territorial de explotacións agrarias correspondente.», debe dicir: «Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que simplemente supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do servizo territorial de explotacións agrarias correspondente.».

Na páxina 49242, o artigo 17 queda redactado como segue: «Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader. Serán informados tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. En particular, no caso de operacións non relacionadas con investimentos, que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 €, deberá colocar un panel con información acerca da operación (tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

Cando a operación dea lugar a investimentos, a colocación do panel será obrigatoria cando a axuda recibida sexa superior a 50.000 €.».

Na páxina 49245, na letra k) do punto 3 do artigo 20, onde di: «O IVE non será subvencionable, excepto cando sexa recuperable...», debe dicir: «O IVE non será subvencionable, excepto cando non sexa recuperable...».

Na páxina 49249, a letra i. do punto 2 do artigo 23 queda redactada como segue: «i. Cando o/a mozo/a se incorpore nunha explotación en que o titular sexa o seu cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, e constitúan unha sociedade entre si, sempre que a explotación proporcione polo menos unha RUT do 35 % da renda de referencia para cada un dos membros.».

Na páxina 49249, a letra ii. do punto 2 do artigo 23 queda redactado como segue: «ii. Cando se instale por integración como socio/a dunha entidade asociativa, que sexa resultado da fusión de, polo menos, dúas explotacións preexistentes en funcionamento, aínda que figure como socio/a partícipe o outro cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, sempre que a explotación resultante proporcione unha RUT do 35 % da renda de referencia para cada un dos membros.».

Na páxina 49255, a letra c) do punto 1 do artigo 29 queda dividida nas seguintes letras: «c) Os custos xerais vinculados aos gastos recollidos nas letras a) e b), tales como honorarios dos enxeñeiros que elaboren os proxectos de construción ou reforma, ou os estudos de viabilidade. C bis) Adquisición de patentes, marcas rexistradas.».

Na páxina 49257, no terceiro parágrafo do punto 3 do artigo 29, onde di: «A compra de dereitos de produción; plantas anuais e a súa plantación;...», debe dicir: «A compra de dereitos de produción; dereitos de axuda; licenzas e taxas administrativas; animais; plantas anuais e a súa plantación;...».

Na páxina 49257, o punto 5 do artigo 29, onde di: «O volume total do investimento máximo subvencionable para cada beneficiario será de 120.000€/UTA, cun máximo de 500.000 €, nun período de catro anos.», debe dicir: «O volume total do investimento máximo subvencionado para cada beneficiario será de 120.000 €/UTA, cun máximo de 500.000 €/explotación, nun período de catro anos, e deste investimento só se poderá destinar, como máximo, un 30 % para a adquisición de maquinaria.».

Na páxina 49260, no artigo 32, onde di: «10 % cando o beneficiario sexa un agricultor mozo ou que se tivese instalado durante os cinco anos anteriores á solicitude da axuda. Neste último caso, os solicitantes deben seguir sendo mozos na data da solicitude da axuda.», debe dicir: «10 % cando o beneficiario se instale como agricultor mozo ou que se tivese instalado durante os cinco anos anteriores á solicitude. Neste último caso, os solicitantes deben seguir sendo mozos na data da solicitude da axuda, e para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, polo menos o 50 % dos seus socios deberán ser mozos que se instalen ou se instalasen durante eses últimos cinco anos.».

Na páxina 49261, no artigo 32, onde di: «10 % no caso de investimentos relacionados con operacións en medidas agroambientais ou agricultura ecolóxica.», debe dicir: «10 % no caso de que o investimento estea relacionado con operacións en agricultura ecolóxica.».

Na páxina 49263, na letra h) do punto 1 do artigo 35, onde di: «Plan de empresarial, onde se xustificará a viabilidade económica da explotación, de acordo co establecido no anexo V.», debe dicir: «Plan empresarial, onde se xustificará a viabilidade económica da explotación, co contido mínimo establecido no anexo V.».

Na páxina 49264, a letra c) do punto 1 do artigo 36, onde di: «c) Explotación con orientación produtiva principal hortícola ou frutícola: 5 puntos.», debe dicir: «c) Explotación con orientación produtiva principal hortoflorícola ou frutícola: 5 puntos.».

Na páxina 49278, no segundo parágrafo do anexo V, onde di: «...dentro dos nove meses seguintes á data de resolución de concesión da axuda.», debe dicir: «...dentro dos nove meses seguintes á notificación da concesión da axuda.».

Na páxina 49278, no terceiro parágrafo do anexo V, onde di: «...de acordo co artigo 24, letra e),...», debe dicir: «...de acordo co artigo 24, letra d),...».