Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2016 Páx. 8041

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código do procedemento IN541A).

O emprendemento de novas actividades de carácter industrial é fundamental para o desenvolvemento e a consolidación do tecido empresarial galego. Non obstante, os novos emprendedores encóntranse con moitas dificultades ao inicio da súa actividade, que fan fracasar o proxecto en moitas ocasións.

Os viveiros industriais de empresas, entendidos como espazos físicos para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, nos cales se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado, son un apoio moi importante para os novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade e contribúen ao éxito final do proxecto.

Dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria considera necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos que fomenten a creación de novas empresas de carácter industrial.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á convocatoria destas axudas para o ano 2016.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para incentivar a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2016.

Artigo 2. Crédito orzamentario

As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe
en euros

09.20.732A.760.1

Axudas para a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia

1.000.000,00

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado IN541A, que se publica como anexo II a esta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco (5) meses.

Artigo 6. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só se poderán practicar cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes a efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. No suposto de imposibilidade de realizar a notificación por medios electrónicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito, non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN541A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería ( http://ceei.xunta.gal ).

b) Nos teléfonos 981 95 71 86 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas
en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberanse desenvolver ao longo do ano 2016.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais implantados no seu termo municipal.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas. Enténdese por viveiro industrial de empresas, para os efectos desta orde, un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial no cal se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

2. O concello debe ser titular das naves industriais que conforman o viveiro industrial de empresas.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán, para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gastos subvencionables cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

7. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se contabilizase o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 240.000,00 euros por solicitude.

As intensidades de axuda poderán ser inferiores ás sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso, ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude desta orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexa de tal contía que, illadas ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por concello.

3. Xunto coas solicitudes deberase achegar a seguinte documentación:

3.1. Documento acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

3.2. NIF da entidade solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

3.3. Documento acreditativo da titularidade do concello sobre as naves xa existentes que van conformar o viveiro industrial de empresas.

3.4. Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

3.5. Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver.

3.6. Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

3.7. Orzamento desagregado dos gastos.

3.8. Planos da actuación a escala adecuada.

3.9. Programa de acollemento de empresas (segundo se detalla no artigo 7).

3.10. Declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía, para cada concello potencialmente beneficiario (anexo II).

3.11. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

3.12. Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

4. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a compulsa da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A documentación complementaria presentada de forma presencial incluirá orixinais ou copias compulsadas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Programa de acollemento de empresas

O programa de acollemento de empresas establece as condicións para o acollemento temporal das empresas no viveiro industrial. Nel débense especificar, polo menos, as seguintes circunstancias:

1. Modelo de xestión do viveiro. Os posibles modelos de xestión serán:

a) Xestión directa polo concello. O xestor será o concello, que fará uso para iso dos seus propios medios e asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

b) Xestión indirecta polo concello. O concello delegará a xestión nun terceiro mediante a subcontratación dos servizos precisos, pero asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

c) Xestión por terceiros. O xestor será un terceiro e adquirirá a súa condición por concurso público ou concesión administrativa, asumindo os resultados da explotación do viveiro.

2. Descrición do viveiro industrial (número e superficie das naves para a implantación de novas empresas, número e superficie das naves dedicadas a servizos comúns).

3. Relación dos servizos comúns que se prestan. Nesta relación ten que figurar polo menos o asesoramento empresarial.

4. Normas de uso dos espazos cedidos a cada empresa e dos espazos comúns.

5. Cotas que deberán pagar as empresas acollidas.

6. Duración do acollemento: as empresas poderán estar acollidas no viveiro industrial por un período máximo de 12 meses, prorrogable por outros 12 máis logo de acordo por escrito do xestor do viveiro e da empresa.

7. Descrición dos requisitos para ser acollido no viveiro:

a) Poderanse acoller no viveiro empresas aínda non constituídas pero que prevexan facelo no prazo máximo de tres meses desde a resolución de acollemento no viveiro, ou empresas constituídas hai menos de 6 meses desde a data de solicitude de acollemento.

b) As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no concello titular do viveiro.

c) As empresas deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial.

d) As empresas deberán presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica.

8. Procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial:

a) O procedemento de selección deberá ser desenvolvido polo xestor do viveiro.

b) Deberase convocar un primeiro procedemento de selección entre xaneiro e xuño de 2017.

c) A resolución do primeiro procedemento de selección será anterior á data límite do 31 de outubro de 2017.

d) O procedemento de selección terá carácter público.

e) Deberanse recoller exclusivamente criterios de selección obxectivos.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 9. Órgano competente

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións e correspóndelle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir para o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Administración Industrial ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou un funcionario designado por eles.

c) Secretario: o xefe do Servizo de Administración Industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Enerxía e Minas.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 12. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables; ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva e estableceranse os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

– Ata 500.000 m2 (10 puntos).

– Máis de 500.000 m2 (7 puntos).

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

– Ata 300 empresas (10 puntos).

– Máis de 300 empresas (7 puntos).

3. Poboación do concello en que se atopa o parque empresarial:

– Menos de 10.000 habitantes (6 puntos).

– Entre 10.000 e 20.000 habitantes (4 puntos).

– Máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

4. Maior superficie das naves para a implantación de novas empresas. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos).

5. Maior superficie das naves para a prestación de servizos comúns. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos).

6. Maior custo subvencionable. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos).

7. Modelo de xestión do viveiro:

– Xestión directa polo concello (10 puntos).

– Xestión indirecta polo concello (7 puntos).

– Xestión por terceiros (4 puntos).

Avaliaranse coa mínima puntuación aquelas epígrafes que non queden xustificadas adecuadamente na memoria do proxecto presentada.

Artigo 13. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que derive do disposto no artigo 9.4, e unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará ao conselleiro.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha lista de espera para seren atendidos, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro; na Lei 11/2007, do 22 de xuño, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG, os beneficiarios poderán ser remitidos a consultar información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario e deberanse cumprir os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A modificación débese solicitar cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, xustificando motivadamente a causa da renuncia.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinan a concesión e o gozo da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recollen o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 22 desta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lles dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

Artigo 19. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, que estará suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, se debe observar o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobraren a subvención, os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2016 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, a seguinte documentación:

1.1. Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

1.2. Orixinal ou copia cotexada das facturas das actuacións realizadas, así como xustificante de pagamento destas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.3. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor).

1.4. Certificado da Secretaría ou Intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

1.5. Informe técnico no cal se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por técnico municipal.

1.6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

1.7. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou os informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 21. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente e manterase constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderanse realizar pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 23. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deberán, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

– Non comunicar á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

– Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

– Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

– Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

– Cando non se convocase e resolvese nos prazos establecidos no artigo 7 o primeiro procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

5. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file