Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2016 Páx. 8758

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2016 pola que se convoca o primeiro curso para a obtención do título de experto en criminoloxía viaria.

A Academia Galega de Seguridade Pública, coa intención de seguir ampliando a súa oferta formativa e centrándose nas materias que lle son propias cun carácter eminentemente práctico e coa vocación de conseguir unha mellor atención ao cidadán e unha maior satisfacción dos seus xestores a través da formación e da innovación, convoca a través desta resolución o primeiro curso do título de experto en criminoloxía viaria, de 130 horas lectivas.

Este título de experto nace coa intención de dar unha formación máis global sobre delincuencia viaria, tocando aspectos non só xurídicos, senón tamén criminolóxicos, psicolóxicos e sociais vinculados a esta materia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2016 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convoca a través desta resolución o primeiro curso do título de experto en criminoloxía viaria, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos e contido

Obxectivos: forma parte da programación necesaria para a obtención do título de experto en criminoloxía viaria.

Contido do curso:

1. Criminoloxía do tráfico (20 horas).

2. Aspectos xurídicos da delincuencia viaria (10 horas) o día 19 de abril, das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.00 horas.

3. O proceso penal dos delitos contra a seguridade viaria (10 horas) o día 26 de abril, das 9.30 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.00 horas.

4. Investigación de sinistros viarios (20 horas) o día 4 de abril, das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 21.00 horas e o día 5 de abril, das 9.00 ás 14.00 horas.

5. Psicoloxía do tráfico (10 horas) o día 19 de xuño, das 9.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas.

O 20 % das horas do curso desenvolverase en liña, como parte complementaria da formación do alumno en cada materia.

Ao final de cada materia realizarase un exame, e será precisa para a superación do curso, ter aprobados todos os exames realizados.

Segunda. Destinatarios/as

Este curso está dirixido ao persoal da seguridade pública que traballa en Galicia (Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica e Garda Civil) titulados en Criminoloxía, ou que a cursen na actualidade ou con coñecementos na materia, tendo en conta o seu contido teórico, tamén poderán acceder a el todos aqueles que formen parte de unidades vinculadas ao tema obxecto de estudo, a seguridade viaria, en particular, aqueles que pertenzan a unidades/seccións de atestados, tráfico, deberán acreditar estes coñecementos e/ou formación documentalmente.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao servizo de formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia de forma inmediata, en caso de non facelo, serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte ao que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma (nin asistencia, nin aproveitamento) deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Datas: as que figuran no contido da base primeira.

Cuarta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp ( http://agasp.xunta.es ), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar neste curso manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. En caso de encontrarse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico ( formacion.agasp@xunta.es ) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutro curso durante un ano desde que se detecte este feito.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios de selección específicos desta acción formativa veñen indicados na base segunda desta convocatoria.

En caso de quedar prazas vacantes, os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Sempre que cumpran os requisitos exixidos en relación á formación, experiencia e coñecementos na materia, terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean a gozar ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran os requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número axeitado de reservas con, polo menos, 10 días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de 10 días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e de mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídas por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo iso de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp resérvase o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a axeitada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo, sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da Policía Local do concello en que traballe a persoa responsable deste.

En caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos destes e que se tivo coñecemento con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que se convoquen polo servizo de formación en Seguridade Pública da Agasp e nas que a persoa figurase como posible destinataria destas, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, podendo realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas supoñerá a perda do dereito á expedición do diploma, en caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o servizo de formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior, en todo caso, para poder valorar esta posibilidade, non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada dará lugar, non só á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado deberá asistir ao curso co uniforme regulamentario, en caso de non o facer e non mediar a oportuna causa xustificativa, a Agasp resérvase o dereito a expulsar o/a alumno/a do curso.

3. O alumnado, en ningún caso, estará en posesión da arma regulamentaria dentro da Agasp, nin a portará en calquera actividade lectiva, extra-lectiva ou complementaria organizada (agás nas prácticas e cursos de tiro, para as cales deberán cumprir de forma estrita as normas e instrucións que se impartan ao respecto).

Sexta. Certificación

Para poder superar o curso, o alumnado deberá superar un exame presencial que se levará a cabo nas datas que se establezan.

Sétima. Desenvolvemento do curso

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

A Estrada, 26 de febreiro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública