Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2016 Páx. 8994

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convocan os Premios do Deporte Galego do ano 2015.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece entre as competencias da Administración autonómica a de realizar as convocatorias de ámbito autonómico para o outorgamento de premios ou distincións e outras actuacións de fomento do deporte (artigo 5.1, letra e).

Conforme esta habilitación normativa e competencial, a Secretaría Xeral para o Deporte establece, con esta resolución, os Premios do Deporte Galego do ano 2015, que recoñecerán publicamente os máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e categorías

Convócanse os Premios do Deporte Galego do ano 2015, que serán concedidos nas seguintes categorías:

1. Premio á mellor deportista feminina.

2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade.

3. Premio ao mellor deportista masculino.

4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade.

5. Premio ao mellor equipo feminino.

6. Premio ao mellor equipo masculino.

7. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.

8. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.

9. Premio ao/á mellor adestrador/a.

10. Premio ao/á mellor árbitro/a-xuíz/a.

11. Premio ao mellor labor informativo.

12. Premio ao mellor evento deportivo.

13. Premio ao patrocinio deportivo.

14. Premio deportista revelación.

15. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

17. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

Xunto con estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.

Artigo 2. Presentación de candidaturas

1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.

2. Poderán formular propostas as asociacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, a través do anexo que se xunta a esta resolución e que se dirixirá á Secretaría Xeral para o Deporte, xunto coa documentación e información que acredite os méritos que concorren nos candidatos. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución ou do resultado do xurado.

3. A documentación dirixirase á Secretaría Xeral para o Deporte mediante a súa presentación por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 3. Xurado

O xurado cualificador estará presidido polo secretario xeral para o Deporte e serán vogais: o titular da Subdirección Xeral de Plans e Programas, o presidente da Ufedega, os xefes de servizo provinciais de Deportes, o xefe de Deportes da CRTVG e outros tres vogais designados polo presidente do xurado entre o persoal ao servizo da Secretaría Xeral para o Deporte ou da Fundación Deporte Galego. Actuará como secretario un funcionario designado polo secretario xeral para o Deporte de entre os que están ao servizo desta secretaría xeral, que terá entre outras funcións a de recibir, clasificar e ordenar a documentación que deba someterse á consideración do xurado. O secretario do xurado terá voz pero non voto nas reunións do xurado.

O acordo do xurado polo que se outorguen os diferentes premios será publicado na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

A actividade do xurado non será retribuída.

Artigo 4. Entrega dos premios

Os Premios do Deporte Galego do ano 2015 serán entregados de forma solemne nun acto público en que se lles fará entrega aos galardoados dun trofeo e dun diploma acreditativo do premio que lles corresponda.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2016

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Modelo de proposta de candidatura aos Premios do Deporte
Galego do ano 2015

Don/Dona _____________________________________ con NIF_________________

tfno. __________________ e enderezo electrónico ______________________________

en calidade de ___________________________________________________________

da entidade _____________________________________________________________

con NIF _____________________, PROPOÑO, na categoría (conforme as indicadas no artigo 1) ________________________________________________________________

a (nome da persoa/entidade) ________________________________________________

con enderezo ____________________________________________________________

tfno. __________________ e enderezo electrónico ______________________________

con base nos seguintes méritos______________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

_______________________________________________________________________

Sinatura da persoa ou representante da entidade que fai a proposta:

_________________________, _____ de ______________ de 2016

Secretario xeral para o Deporte