Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11200

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2016 pola que se convoca o Curso monográfico sobre rexeneración democrática e institucional.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase o Curso monográfico sobre rexeneración democrática e institucional, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

– Abordar, desde unha perspectiva interdisciplinar, os desafíos aos cales deben facer fronte as institucións públicas para favorecer a rexeneración democrática.

– Promover o debate acerca da transparencia, a participación, o control da actividade pública por parte da cidadanía, a rendición de contas e a prevención e loita contra a corrupción.

– Reflexionar acerca dos principios e valores que fundamentan a actuación dos poderes públicos.

– Analizar aquelas accións que se deben acometer para mellorar a calidade democrática das institucións e darlles unha resposta satisfactoria ás demandas da cidadanía.

– Pór de manifesto o papel da xustiza na rexeneración democrática, destacando a importancia da independencia xudicial.

– Debater acerca do labor que lles corresponde aos medios de comunicación na rexeneración democrática e institucional.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Rexeneración ou estancamento.

• A política en tempos de indignación.

• O papel dos medios de comunicación na rexeneración democrática.

• Independencia xudicial e rexeneración democrática.

• Transparencia e rexeneración democrática.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 12 e 13 de abril de 2016.

Horario: 12 de abril, mañá e tarde; 13 de abril, mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do 11 de abril de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización deste curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública