Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11501

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural da pintura mural obra de Urbano Lugrís González, na rúa Real da Coruña.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 214, do 8 de novembro) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992).

Como consecuencia da solicitude de declaración de ben de interese cultural realizada pola Asociación Cultural O Mural, tendo en conta os informes emitidos tanto polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coma polo Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela, tomando en consideración que todos eles resultan favorables á tramitación e consideran que a obra de Urbano Lugrís González, localizada na rúa Real da Coruña, debe considerarse de valor sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia.

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a pintura mural obra de Urbano Lugrís González, na rúa Real da Coruña, descrita no anexo 1 desta resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.

O expediente debe resolverse no prazo máximo de vinte meses, desde a data desta resolución. No caso de que non se acade a declaración no devandito prazo, producirase a caducidade do expediente se dentro dos sesenta días seguintes o Consello da Xunta non aproba o correspondente decreto de declaración ou se algunha persoa solicita o arquivamento das actuacións.

Segundo. Notificarlles esta resolución ás persoas propietarias, ao Concello da Coruña, e ás demais persoas interesadas.

Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Quinto. Ordenar ao Servizo de Planeamento e Inventario que anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que lla comunique ao Rexistro Xeral do Estado de Bens de Interese Cultural.

Sexto. Solicitar o informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña segundo establece o artigo 6 do Decreto 430/1991, do 30 de decembro, que deberá ser emitido no prazo máximo de tres meses.

Sétimo. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto o recollido no capítulo I «Réxime de protección e conservación» do título II «Réxime xeral de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia», e na sección primeira e na subsección primeira da sección segunda do capítulo II «Protección dos bens de interese cultural» do mesmo título, dada a súa natureza e as características do seu soporte, e que se resume no anexo 2 desta resolución, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO 1
Descrición do ben

Título: mural pintado por Urbano Lugrís González no número 74-76 da rúa Real da Coruña.

Descrición: a temática da obra é unha paisaxe onírica e figurativa da península da Coruña, cun primeiro plano da cidade e coa presenza de elementos icónicos e representativos como a torre de Hércules, o castelo de Santo Antón, a cidade vella ou os desaparecidos muíños de vento de Monte Alto. As figuras dispóñense en diferentes secuencias marcadas pola composición horizontal, compoñendo volumes xeométricos, construcións metafóricas e a profusión de elementos mariñeiros. O mural é unha obra paradigmática do seu autor, resultado do momento da súa plenitude artística, singular polas súas dimensións e repleto dos seus elementos identificables máis característicos. Aínda que o mural non se conserva na súa totalidade, pode apreciarse coas suficientes condicións de integridade e os seus motivos manteñen as súas características compositivas e comunicativas intactas.

a) Técnica: témpera.

b) Materia: pintura acrílica sobre enlucido de xeso.

c) Medidas: 902x235 cm.

Datos históricos e artísticos.

a) Autor: Urbano Lugrís González (A Coruña 1908 - Vigo 1973).

b) Escola: galega. Surrealismo.

c) Época: c. 1950-1959.

d) Outros datos: a paisaxe foi pintada para o salón de baile dunha sala de festas da rúa Real, actividade en que Urbano Lugrís foi prolífico e recoñecido. O panel inicial cubría a altura da planta e unha entreplanta. O local posteriormente acolleu a sede na cidade do Banco Hispano-Suizo e o Banco de Vizcaya, aínda que cun cambio na distribución de disposición de plantas que afectou a súa altura. Finalmente, desde o ano 1997, integrou a decoración do Caffé Vecchio, que dispuxo a súa distribución realzando a localización do mural, aínda que perdendo o seu contexto orixinal.

Todas as persoas propietarias ou xestoras do local amosaron ao longo do tempo o coidado e a preocupación pola súa preservación que permitiu a súa conservación nunhas boas condicións xerais e cos seus valores intactos.

Urbano Lugrís González naceu e medrou nun ambiente familiar artístico, fillo de Manuel Lugrís Freire, membro fundador da Real Academia Galega, da cal sería presidente, e do consello de redacción de A Nosa Terra, e de Purificación González Varela, pianista; e sobriño de Urbano González Varela, ilustrador de La Voz de Galicia e pintor de estilo romántico. En 1930 trasládase a Madrid, despois de abandonar os seus estudos, onde convive coa bohemia e a vangarda. Traballou nas Misiones Pedagógicas e no teatro La Barraca, e foi voluntario no exército republicano durante a Guerra Civil.

En 1954 fundou na Coruña a revista Atlántida con Mariano Tudela e José Mª de Labra, na cal realizou artigos, poesía e ilustracións, mentres que traballaba por encargo. Morreu en 1973 en Vigo, onde se trasladara 10 anos antes ao morrer a súa muller Paula Vadillo.

Urbano Lugrís González destacou, entre outras facetas, polos seus murais e os seus traballos, como este, en tabernas, salas de baile ou casas de comidas. Desta forma, a súa obra asóciase dunha forma directa, e sen intérpretes, a un público que incorporou os seus motivos e a súa expresividade ao ideario propio dunha identidade galega, bohemia, mariñeira, metafórica, lúdica, poética, nostálxica...

Na obra conviven harmonicamente a imaxinación e o recordo, o traballo minucioso e preciso do debuxo, a selección de motivos figurativos, a forza con que se canaliza a expresión do mar, verdadeiro motivo central dun amplo panorama mediante a representación suspendida dun tempo indeterminado e permanente. Todo este imaxinario reprodúcese mediante un silencio estático, como un retrato completo do seu universo, elevando os seus valores artísticos incuestionables, moi escasos en Galicia no que se refire a pinturas murais do século XX, para converter o mural nun recurso sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia.

Estado de conservación.

a) Condición: o estado global do mural é estable no estrutural e na policromía, aínda que está afectado por condicións de humidade, fisuras e perdas de policromía puntuais. Aínda que non se realizou unha análise sistemática da súa composición e técnicas, existen evidencias de afeccións puntuais e deterioración dos materiais orixinais empregados, seguramente de escasa calidade, que producen un maior risco da estabilidade polícroma na parte inferior.

b) Partes que faltan: nos anos 60 do século XX, e por mor do establecemento de oficinas bancarias no local onde se asenta este mural, eliminouse a súa parte superior que correspondería cunha entreplanta, aínda que non se ten testemuño de que tal perda afectase significativamente a expresividade dos motivos representados. Da parte que se conserva na actualidade, poden apreciarse lagoas puntuais de pequeno tamaño no terzo inferior do mural, ligadas á súa posición máis exposta ao uso.

c) Restauracións realizadas: non se documentaron actuacións específicas de restauración, ben que os xestores do espazo cando o local estaba destinado a cafetaría informaron que en varias ocasións repintaron puntualmente as fallas que son recoñecibles na actualidade.

Localización.

Tabique que trasdosa a medianeira noroeste do local en planta baixa do número 74-76 da rúa Real da Coruña. 15001 A Coruña.

Observacións.

Pola perda de contexto da súa localización, polas condicións necesarias para a súa conservación, e co fin de evitar os riscos derivados das situacións descritas, ademais dos que derivan da propia vulnerabilidade da técnica de execución, das características do seu soporte e que se poden comprobar pola analoxía doutros traballos do autor, na tramitación do expediente avaliarase a viabilidade e, se é o caso, a conveniencia do seu traslado a unha localización máis oportuna en que se aseguren as adecuadas medidas de conservación, se eviten as condicións que producen a súa deterioración e que se poida facilitar a súa visita pública.

En calquera caso, e posto que os valores culturais do mural están ligados tamén á súa apreciación e á sociedade para a cal é parte da súa memoria e identidade, un eventual traslado debería condicionarse ao ámbito xeográfico en que se creou e se recoñeceu durante máis de sesenta anos.

ANEXO 2
Réxime de protección e salvagarda provisional

Réxime de protección.

A incoación para declarar ben de interese cultural a pintura mural obra de Urbano Lugrís González localizada na planta baixa do edificio da rúa Real 74-76 na Coruña determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 10.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera cambio de uso que poida afectar o ben tamén deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (artigo 33 da LPCG), da mesma forma que calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 37 a 39 da LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Deber de conservación: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre o mural están obrigados a conservalo, coidalo e protexelo debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración (artigo 25 da LPCG).

– Acceso: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre o ben facilitaranlle o acceso, con fins de inspección, á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e o acceso dos investigadores, logo de solicitude motivada (artigo 26 da LPCG).

– Visita pública: os propietarios, posuidores e demais titulares deberán facilitar a visita pública a estes nas condicións establecidas na normativa vixente. Para a súa concreción, durante a tramitación do expediente avaliaranse as condicións que resulten máis efectivas e compatibles cos seus valores e características indicadas nas observacións do anexo 1 desta resolución (artigo 26 da LPCG e 13 da LPHE).

– Transmisión: toda pretensión de alleamento ou venda que afecte o ben deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar (artigo 27 da LPCG e 38 da LPHE).

– Expropiación: o incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente (artigo 31 da LPCG).

– Desprazamento: un inmoble é inseparable do seu contorno e non se poderá proceder ao seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social, logo de informe favorable da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e co informe favorable de polo menos dúas das institucións consultivas previstas nesta lei (artigo 36 e 51 da LPCG). Cómpre indicar que na documentación que conforma o expediente se avanzou a oportunidade de prever esta necesidade, polo que o seu traslado podería ser autorizado co fin de mellorar as condicións de conservación e facilitar o acceso e visita pública se así se determina como consecuencia do procedemento e segundo os trámites ditos.

Difusión dos valores culturais.

Estímase necesario, como recomendan os informes que conforman o expediente, que co obxecto de mellorar o coñecemento e a difusión dos valores da obra e do seu autor se complemente o estudo e a documentación sobre as condicións do encargo, as circunstancias, sensibilidades e inquedanzas que propiciaron a súa creación e o contexto concreto da obra do autor no seu momento, e ofrecelo ao público dunha forma comprensible.

ANEXO 3
Fotografía

Imaxe xeral do mural

missing image file