Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 4 de abril de 2016 Páx. 11904

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2016 pola que se convocan para o ano 2016 as subvencións para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

O 27 de outubro de 2015 asinouse o acordo específico para o financiamento da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago no seo da Comisión Bilateral de Vivenda do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, aprobado polo Real decreto 233/2013, do 5 de abril (en diante, Plan estatal 2013-2016).

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, determina os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e dá directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. De conformidade co previsto no seu artigo 13, mediante a Orde do 22 de decembro de 2015 da Consellería de Infraestruturas e Vivenda establécense as bases reguladoras das subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, dirixidas especificamente a financiar actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas.

A ARI dos Camiños de Santiago é a única área desta natureza xestionada directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Para participar nesta convocatoria de axudas, cuxa concesión se realizará en réxime de concorrencia non competitiva, é necesario dispor da cualificación definitiva da actuación.

Esta convocatoria axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 22 de decembro de 2015, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publicada no Diario Oficial de Galicia número 246, do 28 de decembro.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago para a anualidade de 2016.

2. Estas subvencións están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago de Compostela e que conten coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación 08.80.451A.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por un importe de 2.700.000 €.

2. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado no convenio de colaboración asinado o 5 de setembro de 2015 entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean en posesión da correspondente cualificación definitiva.

2. Cando as persoas beneficiarias sexan persoas físicas, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.

3. Para o caso de que a persoa beneficiaria sexa unha comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as, os requisitos sinalados nos números anteriores deberanos cumprir por todos os seus membros.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa solicitante.

5. Para a tramitación destas solicitudes terase en conta a documentación xa presentada polas persoas solicitantes nas súas solicitudes de cualificación provisional e definitiva.

Quinto. Contía das subvencións

De acordo co artigo 13 das bases reguladoras, a contía máxima das axudas non poderá exceder o 35 % do custo subvencionable da actuación reflectido na cualificación definitiva e cun importe máximo de 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.

Sexto. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, salvo que xa estean en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Sétimo. Solicitudes de subvención

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, á cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.es/chave365 ).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o cal se pode utilizar o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve para o suposto de non ter autorizado a súa consulta; deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

7. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitada ou concedida algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude, relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e os documentos que se achegan son correctos.

Oitavo. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe en nome da persoa propietaria única do edificio.

c) Certificado da persoa que exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, en que se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do Programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI dos Camiños de Santiago como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II.

d) Relación das persoas propietarias das vivendas e locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación, conforme o anexo III. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos/as en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e outorgaranse as seguintes autorizacións:

1. Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberá presentar a copia do DNI ou NIE.

2. Autorización para obter por vía telemática as acreditacións relativas ao cumprimento das súas obrigas tributarias e de non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración Estatal Tributaria, a Seguridade Social e a Comunidade Autónoma de Galicia. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberanse presentar as copias dos certificados acreditativos destas circunstancias.

Noveno. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e terminará co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 30 de novembro de 2016.

Décimo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A instrución do procedemento e a formulación da proposta de concesión da subvención corresponde ás áreas provinciais do IGVS onde se atope o edificio ou vivenda obxecto da actuación de rehabilitación. A resolución de concesión será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo primeiro. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo segundo. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra estas resolucións poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo terceiro. Xustificación e pagamento das subvencións

1. De conformidade co artigo 18 das bases, a resolución da cualificación definitiva da actuación de rehabilitación terá a consideración de memoria de actuación e memoria económica, para os efectos do previsto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada para o efecto pola persoa beneficiaria.

Décimo cuarto. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De acordo co artigo 19 das bases, as persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e as demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de propietarios/as e agrupacións de comunidades de propietarios/as, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe desta como o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

3. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as.

Décimo quinto. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Décimo sexto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a rehabilitacion.igvs@xunta.es .

Décimo sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file