Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 13 de abril de 2016 Páx. 13286

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración autonómica que ten atribuídas as competencias en materia do patrimonio cultural. Dentro destas competencias, correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio moble, museos e coleccións visitables. Son as súas funcións a protección, o inventario, a restauración e a difusión do patrimonio cultural, así como o coidado, a dotación, a instalación e a promoción de museos.

Para impulsar a formación do futuro persoal técnico en materia de museos e posibilitar a dita aprendizaxe, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca bolsas de formación que contribúan, na medida das posibilidades orzamentarias, a ampliar esta formación.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico, polo que é preciso poñer un límite no desfrute das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posible, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras da concesión destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia así como nas normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria do programa 2016 de bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego en museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. O persoal bolseiro realizará a súa actividade en diversos museos propios e xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Serán tutelados, dirixidos e coordinados polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica, que serán impartidas por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas os/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1.a) Solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble:

– Licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:

• Historia ou Antropoloxía.

• Historia da Arte.

• Arqueoloxía.

b) Solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia:

– Diplomatura universitaria en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou equivalente, nas especialidades de:

• Arqueoloxía.

• Pintura ou Escultura.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.

3. Non ter desfrutado, con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria, de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e catro meses (24) das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para inventario, catalogación e restauración de fondos de patrimonio moble.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a formación en materia de patrimonio moble galego.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para unha bolsa como máximo.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de oito (8), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria. Das oito prazas convocadas, farase unha reserva de dúas (2) prazas destinadas exclusivamente a licenciados/as universitarios/as nas materias de Historia da Arte e Historia cun mínimo, para as/os licenciados/as en Historia, de 100 créditos nas materias de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia Antiga, que rematasen a súa licenciatura no ano 2010 ou posteriores.

2. As bolsas terán unha duración máxima de seis (6) meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de acordo co centro de destino.

3. O importe de cada bolsa será de cinco mil setecentos cincuenta euros (5.750 €).

4. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.21.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe total de corenta e seis mil euros (46.000 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, 1.944,32 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.21.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2016 máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

Se é o caso, farase unha modificación orzamentaria para adecuar esta previsión ao gasto real. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

6. As bolsas poderán ser prorrogadas automaticamente ata outros seis (6) meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazo

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse, conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria, por calquera das seguintes vías:

As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou do representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o seu representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Documentación que hai que presentar:

a) Solicitude segundo o modelo que figura como anexo I na convocatoria.

b) Copia compulsada do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

c) Copia compulsada do certificado de superación do curso de iniciación á lingua galega ou do Celga 3 cando non sexa expedido pola Xunta de Galicia e, no caso de ser expedido por esta, só no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só se contabilizarán aqueles méritos dos cales se achegue proba documental.

4. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderalles exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou copia compulsada dos méritos alegados, que se deberán presentar nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento.

5. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

6. A presentación das solicitudes comporta a autorización expresa a favor da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados nos termos previstos polo artigo 4.2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Ás solicitudes das persoas interesadas deberanse achegar os documentos ou as informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa solicitante ou ao seu representante a presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Titulación académica.

1) Título universitario: 1 punto.

2) Especialización:

– Cursos de doutoramento relacionados coa especialidade do campo a que se opta: 2,5 puntos.

– Cursos de posgrao, de especialización e másteres relacionados coa especialidade do campo a que se opta, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais cunha duración mínima de 30 créditos: 3 puntos.

b) Expediente.

Expediente académico do/a solicitante cunha valoración máxima de catro (4) puntos.

c) Formación complementaria.

1) Cursos relacionados coa especialidade do campo a que se opta, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais:

– Por cursos con acreditación expresa entre 10 e 25 horas de duración: 0,10 puntos, ata un máximo de 0,80 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa entre 25 e 40 horas de duración: 0,20 puntos, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos con acreditación expresa de 40 horas ou máis de duración: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa de 60 horas ou máis de duración: 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

– Por cursos con acreditación expresa de 100 horas ou máis de duración: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,80 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

2) Congresos, xornadas e seminarios relacionados coa especialidade do campo a que se opta:

– Asistencia a congresos, xornadas e seminarios: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

3) Cursos de informática:

– Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de 40 horas ou máis: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de informática aplicada aos museos: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

4) Cursos de fotografía:

– Por cursos de fotografía en xeral con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

– Por cursos de fotografía en xeral con acreditación expresa de 40 horas ou máis: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

Aos cursos e congresos non específicos que se acrediten, correspondentes aos números 1) e 2), terase que xuntar o seu correspondente programa.

Artigo 7. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non presentar toda a documentación requirida, poderáselles reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o cal se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fan, se terán por desistidos da súa solicitude de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada por unha comisión técnica composta polo titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, que a presidirá, e na cal actuarán como vogais dous técnicos do Servizo de Museos. Exercerá as funcións de secretaria a titular do Servizo de Museos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle á titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural nomear un suplente. A comisión elaborará o informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións presentadas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, conforme o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Resolución e recursos

1. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevaralle o informe, xunto coa proposta de resolución definitiva, ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas. Poderán ser designados, ademais, os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se poida formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. Esa resolución, así como os actos que se lles deban notificar de forma conxunta a todos os interesados, e en particular os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais, e noutros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da data da súa notificación aos interesados, ou recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

Artigo 9. Publicidade

1. A resolución farase pública, para os efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais.

Así mesmo, e para os efectos simplemente informativos, esta resolución publicarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das bolsas concedidas que superen individualmente os tres mil euros (3.000 €).

4. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figura na convocatoria.

5. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo sxt.cultura.educacion@xunta.es

Artigo 11. Aceptación das bolsas

1. O persoal bolseiro que resulte adxudicatario dunha das bolsas convocadas elixirá o seu destino por orde de puntuación.

Non obstante, para aqueles centros que xa contaran con persoal bolseiro na convocatoria anterior, terá preferencia o persoal bolseiro que estivese destinados neles.

2. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que se poidan producir.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes ao da publicación da resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nos dos seus departamentos territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 12. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, unha vez que o persoal bolseiro presentase a documentación fixada no artigo 13.d).

2. Aos/ás adxudicatarios/as das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13. Obrigas do persoal bolseiro

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, o persoal bolseiro seleccionado queda obrigado a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

Non obstante, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar un aprazamento de ata un máximo de quince (15) días naturais na incorporación á bolsa, que se concederá por petición expresa do/da interesado/a e por causas debidamente xustificadas e acreditadas.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados/as de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas da dirección do museo e dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente aos servizos técnicos coordinadores un informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa correspondente ás actividades desenvolvidas durante o tempo de desfrute da bolsa.

e) Presentar, antes do primeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Así mesmo, antes do primeiro pagamento deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 14. Desenvolvemento das bolsas

1. Poderase autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do persoal bolseiro ao destino adxudicado, por un prazo máximo de quince días naturais, por petición da persoa interesada, logo do informe favorable da dirección do museo correspondente.

2. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar a interrupción temporal do desfrute da bolsa no caso de interrupcións motivadas por enfermidade ou accidente, risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade, debidamente acreditadas. A dotación da bolsa será do 100 % e o período ininterrompido poderase engadir á data prevista para a finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan e, en todo caso, nas interrupcións por maternidade.

3. O pagamento da dotación económica da bolsa proporcional á duración do período de interrupción procederá só se é recuperado e sempre que sexa posible dentro do exercicio orzamentario e as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

4. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e da entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

5. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

6. Para a utilización do material e da información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o persoal bolseiro deberá contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do centro onde estivo destinado.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 16. Renuncias, revogación e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os/as bolseiros/as poderalle propor á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicaranse a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa vixente que resulte de aplicación. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a directora xeral do Patrimonio Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file