Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 15136

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2016 pola que se lles oferta ás empresas editoras que participen como entidades colaboradoras na Orde do 1 de marzo 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada aos concellos de Galicia para dotar de novidades editoriais en galego, en formato físico, as bibliotecas ou axencias de lectura pública de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2015-2016.

Antecedentes.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3 establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, xunto co Decreto 198/2010, de 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas súas entidades dependentes, fan ver a necesidade de poñer en marcha un novo sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde coa nova realidade dos servizos públicos.

Esta é a razón da posta en marcha do novo sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a imediatez da subministración do material bibliográfico ás entidades solicitantes.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Condicións para a inscrición na plataforma

Para que as empresas editoras participen como entidades colaboradoras segundo o artigo 9.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Orde do 1 de marzo de 2016, deben cumprir os seguintes requisitos:

– Inscribirse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 1 de outubro de 2016, na plataforma dixital novidadeseditoriais.xunta.gal, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para o obxecto de presentar as súas ofertas editoriais, que se poidan adquirir tras a pertinente solicitude desde os concellos de Galicia titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura.

– A entidade debe ter a condición de editora e no imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro o carácter fundamentalmente editorial da empresa.

– Deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos que regulamentariamente se determinen, segundo o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, cumprir cos restantes requisitos establecidos no propio artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Datos da conta bancaria que sexa da titularidade da empresa solicitante e onde desexa que se lle ingrese o crédito cedido.

Se a entidade colaboradora, durante o do período de adquisición de novidades editoriais, que se estenderá ata o 1 de outubro de 2016, non cumpre co establecido nos requisitos mencionados, a Secretaría Xeral de Cultura anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

Segundo. Requisitos das novidades editoriais

As novidades editoriais ofertadas polas empresas editoras presentadas na plataforma dixital deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Publicacións en lingua galega en formato impreso.

– Novidades editoriais, cunha primeira edición editada entre o 1 de xaneiro de 2015 ata o 1 de outubro de 2016.

– Publicacións que non superen os 70 € (IVE incluído) de prezo de venda ao público.

– Que non sexan libros de texto.

Terceiro. Obrigas das empresas editoras

1. As novidades editoriais que se presenten dentro deste programa deben estar dispoñibles na plataforma dixital, ou ben como publicacións xa editadas ou como futuras que, unha vez publicadas, a entidade editora deberá cambiala de estado na plataforma dixital; en ambos os dous casos deben estar publicadas dentro do período que se sinala.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo do Libro e Publicacións, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados.

2. A través da plataforma dixital realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado polo concello, e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo os custos. O pedido deberá ser enviado e recibido o antes posible, sen que poida superar un prazo máximo de quince (15) días naturais.

3. Atenderanse tamén as restantes obrigas derivadas dos artigos 12 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Pagamento

A Secretaría Xeral de Cultura será a encargada de tramitar o pagamento ás editorias que entregaron os libros solicitados polos beneficiarios, unha vez realizada a xustificación a que fai referencia o artigo 18 da Orde do 1 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención destinada a concellos de Galicia para a dotación de novidades editoriais.

Segundo o artigo 17 da orde antes mencionada:

«O concello beneficiario cederá os dereitos de cobramento da subvención en favor de cada editorial á cal lle solicite libros a través da plataforma dixital novidadeseditoriais.xunta.gal

O importe dos dereitos de cobramento debe coincidir coa suma do prezo dos libros subministrados.

Esta cesión realizarase mediante o modelo establecido como anexo II nesta convocatoria.

A Secretaría Xeral de Cultura será a encargada de aceptar as cesións de cobramento a cada editorial, unha vez que os concellos xustifiquen a subvención concedida segundo o establecido no artigo seguinte, e a propia Secretaría Xeral de Cultura declare o cumprimento.

A Intervención Delegada da Consellería tomará razón de todas as cesións de crédito a que dea lugar esta convocatoria».

Polo que a entidade colaboradora deberá aceptar a cesión de crédito realizada polo concello beneficiario da subvención mencionada.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria