Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 29 de agosto de 2016 Páx. 38208

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2016 pola que se establece o procedemento de avaliación de incumprimentos das normas reguladoras da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

O Decreto 107/2015, do 9 de xullo, sobre a distribución de competencias na aplicación e control das normas da condicionalidade na Comunidade Autónoma de Galicia, precisa os órganos competentes para desenvolver as funcións de control do cumprimento das normas da condicionalidade, así como a súa coordinación. No artigo 3 establece as funcións do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en relación coa condicionalidade incluíndo, entre outras, o cálculo das penalizacións dos importes das axudas a que é de aplicación a condicionalidade e o establecemento con carácter anual do plan de controis da condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia. O artigo 5 refírese á comisión de seguimento que, presidida pola persoa titular da Dirección do Fogga, ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións de control da condicionalidade.

Doutra banda, cada ano, mediante orde da Consellería do Medio Rural, regúlase a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Nesa orde anual establécense para a Comunidade Autónoma de Galicia as boas condicións agrarias e ambientais da terra e os requisitos legais de xestión que se deberán cumprir en conformidade co Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciben pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

A citada orde faculta a persoa titular da Dirección do Fogga, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a súa execución.

De acordo co exposto e para establecer o procedemento de avaliación de incumprimentos das normas reguladoras da condicionalidade,

RESOLVO:

Primeiro. Aplicación de penalizacións

En virtude do artigo 97.1 do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) núm. 352/78, (CE) núm. 165/94, (CE) núm. 2799/98, (CE) núm. 814/2000, (CE) núm. 1290/2005 e (CE) núm. 485/2008 do Consello, cando un beneficiario dos pagamentos suxeitos á condicionalidade indicados no artigo 1 do Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, non respecte as normas da condicionalidade en calquera momento dun ano natural determinado, impoñeráselle unha penalización se o incumprimento é o resultado dunha acción ou omisión directamente imputable ao beneficiario que presentou a solicitude de axuda ou a solicitude de pagamento no devandito ano natural e, cando o incumprimento estea relacionado coa actividade agraria do beneficiario e/ou afecte a superficie da súa explotación.

O parágrafo anterior aplicarase, para o caso dos beneficiarios da axuda á reestruturación e á reconversión da viña, cando se produciu o incumprimento en calquera momento durante un período de tres anos a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte ao ano natural en que se produciu o primeiro pagamento, e para o caso dos beneficiarios dos programas de apoio á colleita en verde, en calquera momento durante un ano para partir do 1 de xaneiro do ano seguinte ao ano natural en que se produciu o devandito pagamento.

Conforme o número 2 do artigo 97 do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, nos casos en que a terra se transfira durante o/os ano/s natural/is de que se trate, o parágrafo primeiro tamén será aplicable cando o incumprimento en cuestión se poida atribuír directamente á persoa a quen se transferiu a terra de cultivo ou á que a transferiu. Non obstante o anterior, se a persoa a que se pode atribuír directamente o incumprimento presentou unha solicitude de axuda ou unha solicitude de pagamento nos ano/s natural/is citados, a penalización aplicarase aos importes totais dos pagamentos (directos, do sector vitivinícola e primas anuais), concedidos ou por conceder á devandita persoa, en lugar de aplicarse ao total dos pagamentos concedidos ou por conceder ao beneficiario que declarou a parcela en cuestión na súa solicitude.

Tal e como establece o artigo 73.4 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, a penalización aplicarase mediante a redución ou exclusión do importe total dos pagamentos suxeitos á condicionalidade que se concederon ou vaian concederse ao devandito beneficiario:

a) Como consecuencia das solicitudes de axuda ou as solicitudes de pagamento que presentase ou vaia presentar no transcurso do ano en que se descubriu o caso de incumprimento.

b) Respecto de solicitudes ao abeiro dos réximes de axuda no sector vitivinícola conforme os artigos 46 e 47 do Regulamento (UE) núm. 1308/2013 e respecto da prima á arrinca e á reestruturación e reconversión da viña, segundo o disposto nos artigos 85 unvicies e 103 septvicies do Regulamento (CE) núm. 1234/2007.

O importe correspondente dividirase por tres nos casos da axuda á reestruturación e reconversión da viña.

Segundo. Avaliación dos incumprimentos

Para a avaliación dos incumprimentos constatados terase en conta a súa gravidade, alcance, persistencia e reiteración, tal e como establece o artigo 99 do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

2.1. Gravidade, alcance, persistencia.

Establécense os seguintes niveis para cada un dos parámetros de gravidade, alcance e persistencia dun incumprimento, definidos no artigo 38 do Regulamento delegado (UE) núm. 640/214 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

a) Gravidade.

Para cada un dos requisitos/normas baixo control clasificarase a gravidade dos incumprimentos segundo os seguintes niveis:

A: leve.

B: grave.

C: moi grave.

O nivel de gravidade dos incumprimentos relativos á identificación e rexistro do gando bovino e ovino-caprino determinarase, se for o caso, sobre a mostra inspeccionada.

b) Alcance.

Dependendo de se as consecuencias do incumprimento afectan unicamente a explotación ou transcenden fóra dela, o alcance avaliarase segundo os seguintes niveis:

A: só explotación.

B: repercusións fóra da explotación.

Para algúns casos e salvo que a visita derive dun feito constatado, a valoración do alcance poderá ser modificada se se dispón, unha vez realizado o control, de información adicional que confirme que hai repercusións fóra da explotación debidas ao incumprimento.

c) Persistencia.

Para cada un dos requisitos/normas baixo control clasificarase a persistencia dos incumprimentos segundo os seguintes niveis:

A: se non existen efectos ou duran menos dun ano.

B: se existen efectos emendables que duran máis dun ano.

C: se non son emendables (os efectos condicionan o potencial produtivo da zona afectada).

Para cada requisito/norma incumprido, obterase unha valoración tendo en conta os niveis antes establecidos para os parámetros de gravidade, alcance e persistencia. Esta valoración farase seguindo as directrices establecidas para cada requisito/norma na circular de coordinación do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) en vigor para cada ano de solicitude (dispoñible no enderezo http://www.fega.es/). A correspondencia entre as valoracións de cada requisito/norma e as porcentaxes de redución aplicables será a indicada na citada circular de coordinación. As porcentaxes de redución aplicables estarán entre o 1 % e o 5 %, sendo preferente o 3 %.

2.2. Reiteración.

Cando se descubra un incumprimento reiterado (segundo a definición recollida no artigo 38.1 do Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo), a porcentaxe fixada, en función da súa valoración, no ano en que se detecte a primeira reiteración para o correspondente requisito/norma multiplicarase por tres.

En caso de máis reiteracións, o factor de multiplicación de tres aplicarase cada vez ao resultado da redución fixada en relación co incumprimento do requisito/norma repetido anterior. Con todo, a redución máxima non excederá o 15 % do importe global dos pagamentos.

Unha vez alcanzada a porcentaxe máxima do 15 %, o organismo pagador informará o beneficiario correspondente de que, se volvese a descubrirse o mesmo incumprimento, se consideraría que actuou intencionadamente para efecto da aplicación de reducións e exclusións.

2.3. Intencionalidade.

Considerarase incumprimento intencionado a alteración ou manipulación de calquera tipo de rexistro obrigatorio, manipulación fraudulenta dos sistemas de identificación animal, así como a falsificación de facturas, autorizacións ou outro tipo de documentos acreditativos, a manipulación de alimentos en mal estado para modificar o seu aspecto, ocultar á autoridade competente ou sacrificar animais sospeitosos de padeceren enfermidades contaxiosas transmisibles aos humanos e as situacións que evidencien a existencia dalgún tipo de maltrato dos animais.

Ademais, calquera situación que induza a autoridade competente a sospeitar que se pode tratar dunha actuación deliberada será obxecto de análise para determinar se esta foi intencionada ou non.

En caso de que o beneficiario cometese intencionadamente o incumprimento constatado (segundo a definición recollida no número 5 do artigo 38 do Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo), a redución do importe correspondente será, como norma xeral, do 20 %, aínda que o organismo pagador, baseándose na avaliación do incumprimento presentada polo organismo especializado de control, poderá decidir ou ben reducir esta porcentaxe ata un mínimo do 15 % ou ben o aumentar ata un máximo do 100 %. Todo iso en virtude do establecido no artigo 40 do Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo.

Sobre a base do artigo 75 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, en caso de incumprimentos intencionados de alcance, gravidade ou persistencia extremos, ademais da penalización imposta, o beneficiario será excluído de todos os pagamentos suxeitos á condicionalidade no ano natural seguinte.

Terceiro. Cálculo das penalizacións

No caso de incumprimentos dalgún requisito/norma, o Fogga calculará a porcentaxe de redución que se aplicará ás axudas suxeitas á condicionalidade. O cálculo farase coa metodoloxía establecida na circular de coordinación do Fega en vigor para cada ano de solicitude.

En relación coa aplicación do sistema de alerta rápida, no anexo desta resolución relaciónanse os incumprimentos dos requisitos/normas que terán a consideración de incumprimentos que entrañan riscos directos para a saúde pública ou a sanidade animal (e as súas excepcións) así como os incumprimentos en que non é posible adoptar unha medida correctora. Estes incumprimentos non poderán considerarse de alerta rápida.

Cuarto. Normativa de aplicación

En todo o non previsto nesta resolución deberá respectarse a normativa comunitaria de aplicación e estatal de transposición e, entre outras, a circular de coordinación do Fega en vigor para cada ano de solicitude.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO
Requisitos cuxo incumprimento entraña un risco directo para a saúde
pública ou a sanidade animal ou non se poden corrixir

Ámbito

Requisito

Requisito legal de xestión
en que se engloba

Benestar animal

Requisitos que entrañan un risco para a saúde:

121. Que o gandeiro ten rexistro de tratamentos médicos e este rexistro (ou as receitas que xustifican os tratamentos, sempre e cando estas conteñan a información mínima requirida no Real decreto 1749/1998) se mantén cinco anos como mínimo.

Requisitos que non se poden corrixir:

105. Acredítase que antes de efectuar a redución dos dentes se adoptaron medidas para corrixir as condicións ambientais ou os sistemas de xestión e evitar que os porcos mordan o rabo ou outras conductas irregulares; no caso dos leitóns, a redución dos dentes no se efectúa de xeito rutineiro, se non unicamente cando existan probas de que se produciron lesións dos tetos das porcas ou as orellas e rabos doutros porcos. Realízao antes do 7º día de vida por un veterinario ou persoal debidamente formado e en condicións hixiénicas.

106. Acredítase que antes de rabenar se adoptaron as medidas para corrixir as condicións ambientais ou os sistemas de xestión e evitar que os porcos mordan o rabo ou outras conductas irregulares. A rabena non se efectúa de xeito rutineiro. Se se realiza nos sete primeiros días de vida, faino un veterinario ou outra persoa debidademente formada, en condicións hixiénicas. Tras ese lapso de tempo, só pode realizala un veterinario con anestesia e analxesia prolongada.

107. A castración dos machos efectúaa con medios que non sexan de desgarramento de tecidos, un veterinario ou persoa debidamente formada, en condicións hixiénicas e, se se realiza despois do 7º día de vida, lévaa a cabo un veterinario con anestesia e analxesia prolongada.

RLX 13 Directiva 98/58/CE do Consello, do 20 de xullo de 1998, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras

Saúde pública, sanidade animal e fitosanidade

Todos os requisitos entrañan un risco directo agás os seguintes:

55. Que o libro ou rexistros da explotación están correctamente cumpridos e os datos son acordes cos animais presentes na explotación, e que se conservan durante, polo menos, tres anos.

57. Que os animais están identificados segundo establece a normativa.

58. Que os animais bovinos presentes na explotación están correctamente identificados de forma individual.

59. Que o libro ou rexistros da explotación está correctamente cubertos e os datos de rexistro individual dos animais son acordes cos animais presentes na explotación, e que se conservan durante, polo menos, tres anos.

61. Que para cada animal da
explotación existe un documento de identificación, e que os datos contidos nos DIB son acordes cos dos animais presentes na explotación.

63. Que os animais están identificados segundo establece a normativa.

64. Que os rexistros da explotación están correctamente cubertos e os datos son acordes cos animais presentes na explotación, e que se conservan durante, ao menos, tres anos.

RLX6 Directiva 2008/71/CE do Consello, do 15 de xullo de
2008, relativa á identificación
e ao rexistro de porcos.

Regulamento (CE)
núm. 1760/2000 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo de 2000, que establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos produtos a base de carne de vacún.

RLX 8 Regulamento (CE)
núm. 21/2004 do Consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

Ámbito de medio ambiente, cambio climático e boas condicións agrícolas
da terra

Requisitos/normas que non se poden corrixir:

8. Respéctase, se for o caso, o resto dos requisitos relativos ás condicións de aplicación de fertilizantes a terras próximas a cursos de auga establecidos no Código de boas prácticas agrarias ou outra normativa que ao respecto dispoña a C.A.

13. En parcelas agrícolas de secaño que se sementen con cultivos herbáceos de inverno, non se labra con veso entre a data de recolección da colleita anterior e o 1 de agosto.

20. Non se queiman restrollos en todo o ámbito nacional, salvo que, por razóns fitosanitarias, a queima estea autorizada pola autoridade compente; neste caso estará condicionada ao cumprimento das normas establecidas en materia de prevención de incendios e, en particular, as relativas á largura mínima dunha franxa perimetral cando os terreos estremen con terreos forestais.

21. Cando se eliminen restos de colleita de cultivos herbáceos e de poda de cultivos leñosos, se realice, se for o caso, consonte a normativa establecida.

23. O agricultor non levantou edificacións nin levou a cabo modificacións de camiños sen autorización da Administración cando sexa preceptiva.

27. Non se alteraron as particularidades topográficas ou elementos da paisaxe seguintes, salvo no caso de contar con autorización expresa da autoridade competente:

– Sebes de largura de ata 10 m.

– Árbores illadas e en regos.

– Árbores en grupos que ocupen unha superficie máxima de 0,3 ha.

– Lindes dunha largura de ata 10 metros.

– Pozas, lagoas, estanques e bebedoiros naturais de ata un máximo de 0,1 ha. Non se consideran os depósitos de cemento ou plástico.

– Illas e enclaves de vexetación natural ou rocha: ata un máximo de 0,1 ha.

– Socalcos dunha largura en proxección horizontal de ata 10 metros.

– Cando a C.A. o determine, muradellas, pequenas construccións tales como muras de pedra seca, antigos pombais ou outros elementos de arquitectura tradicional que poden servir de abeiro para a flora e a fauna.