Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46929

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta, do 3 de agosto de 2017, polo que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo, situado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Galfor, Eólica, S.L. (expediente LU-11/136-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta, do 3 de agosto de 2017, polo que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo, situado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 3 de agosto de 2017, polo que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo, situado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Galfor Eólica, S.L. (LU-11/136-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Galfor Eólica, S.L. en relación coa autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Canedo (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados, ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010, para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro) admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 13,5 MW e promovido por Galfor Eólica, S.L. (en diante, o promotor).

Segundo. O 24.6.2011 o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. O 10.11.2011 o promotor solicitou unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, nun desprazamento do parque eólico.

Cuarto. O 8.3.2012 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou as modificacións de proxecto do parque eólico.

Quinto. O 19.6.2012 para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, o promotor presentou o proxecto de execución, o proxecto sectorial, o estudo de impacto ambiental do parque eólico e a relación de bens e dereitos afectados actualizados, nos cales se recollen as modificacións autorizadas o 8.3.2012 pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Sexto. O 23.8.2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en diante, a Xefatura Territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Sétimo. O 14.9.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial informou que non existe ningún dereito mineiro afectado pola poligonal do parque eólico.

Oitavo. Mediante a Resolución do 21 de setembro de 2012, da Xefatura Territorial, semetéronse a información pública, para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Lugo e no xornal El Progreso, todos eles do 31.10.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Alfoz e Mondoñedo), da Xefatura Territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Figueiras, representada por Leonardo Eiroá Rivas, presentou dúas alegacións co seguinte contido:

1. Na primeira delas, presentada o 8.11.2012, manifesta que non existe xustificación da necesidade do inicio dun proceso de declaración de utilidade pública, posto que na documentación exposta a información pública non se xustifican os motivos polos cales non foi posible chegar a un acordo que evite o inicio do mencionado proceso e a posible expropiación dos bens e dereitos afectados, tal e como establece o artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. A xuízo dos alegantes, a Consellería de Economía e Industria non poderá conceder a declaración de utilidade pública ao proxecto. Por último, solicitan que se teñan en conta as alegacións presentadas e sexan considerados como parte interesada para os efectos de futuras notificacións, información e audiencia.

2. Na segunda alegación, presentada o 22.11.2012, expón que existe un erro na atribución da titularidade dunha parcela incluída na relación de bens e dereitos afectados, posto que actualmente esta parcela está dividida entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Figueiras e a Comunidade de Veciños de Couboeira. Así mesmo, xunta documentación acreditativa e solicita que se rectifique a titularidade do terreo.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo, Retegal e Retevisión I, S.A.

Décimo. O 10.10.2012 Retegal emitiu condicionado técnico onde propoñía o desprazamento dos aeroxeradores CAN 02 e CAN 03, por afectar estes a rede da mencionada entidade. O 22.11.2012 o promotor achegou a súa resposta. Posteriormente, o 9.4.2013 o promotor achegou unha nova resposta en que propoñía dúas posicións alternativas para os aeroxeradores mencionados no condicionado de Retegal. O 24.5.2013 Retegal emitiu un novo condicionado técnico en que establecía que malia non observar obstrucións directas nos sinais de televisión da TDT, se unha vez executado o parque eólico as houbese, o promotor deberá adoptar as medidas axeitadas para restablecer a calidade e a correcta recepción dos sinais da TDT, o que se lle trasladou ao promotor, que achegou a súa resposta o 20.6.2013.

Décimo primeiro. O 22.10.2012 Retevisión I, S.A. emitiu o condicionado técnico ao respecto do parque eólico. O 4.12.2012 o promotor aceptou as consideracións efectuadas pola mencionada entidade.

Décimo segundo. O 26.4.2013 e o 14.11.2012 a Xefatura Territorial reiterou a solicitude de informe, feita o 24.9.2012, ao Concello de Mondoñedo.

Décimo terceiro. O 25.6.2013 a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 2.7.2014 o promotor achegou a addenda ao estudo de impacto ambiental.

Décimo quinto. O 6.10.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto do parque eólico. Estas modificacións veñen motivadas polo condicionado técnico emitido por Retegal o 10.10.2012 e polas consideracións efectuadas polo Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. As ditas modificacións consisten, de forma xeral, no desprazamento de dous aeroxeradores e da torre meteorolóxica.

Décimo sexto. O 3.11.2014 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 26, do 9 de febreiro).

Décimo sétimo. O 2.10.2015, para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, o promotor presentou o proxecto de execución, o proxecto sectorial e a relación de bens e dereitos afectados actualizados, nos cales se recollen as modificacións autorizadas o 6.10.2014 pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Décimo oitavo. O 4.11.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificoulles ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto.

Décimo noveno. O 11.12.2015 a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Vixésimo. O 21.12.2015 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo primeiro. O 7.6.2017 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co Proxecto de execución do parque eólico Canedo. Setembro de 2015.

Vixésimo segundo. O 19.6.2017 o Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio: na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con data 19.6.2017 o Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais emitiu informe favorable sobre a construción do parque eólico aceptando a medida compensatoria proposta polo promotor en abril de 2017.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, indicadas no antecedente de feito oitavo, visto o seu contido e a resposta efectuada polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– En relación coa primeira delas, débese indicar que na relación de bens e dereitos afectados actualizada, presentada o 2.10.2015, o promotor manifestou que realizara os correspondentes contactos e xestións cos titulares dos bens e dereitos afectados polo proxecto, coa finalidade prevista no artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pero que o resultado obtido fora negativo, o que non permitiu acadar acordos coas persoas interesadas. Non obstante, manifesta a súa vontade de continuar, ata o último momento do procedemento, traballando e desenvolvendo as actuacións necesarias para acadar estes acordos.

– Respecto á segunda alegación, tomouse razón dos datos relativos á titularidade da parcela e incorporouse ao expediente a documentación achegada.

De acordo con todo o que antecede, e en exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Canedo situado nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Galfor Eólica, S.L., cunha potencia de 13,5 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao Proxecto de execución do parque eólico Canedo. Setembro de 2015, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado número 1.898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Galfor Eólica, S.L.

Domicilio social: Parque Empresarial Alvedro, r/ E-8, 15180 Culleredo (A Coruña).

Denominación: parque eólico Canedo.

Potencia instalada: 13,5 MW.

Produción estimada: 43.755 MWh/ano.

Concellos afectados: Alfoz e Mondoñedo (Lugo).

Orzamento de execución material: 10.408.700,59 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

ED50 Fuso 29

ETRS89 Fuso 29

UTM-X

UTM-Y

UTM-X

UTM-Y

1

630.050

4.816.900

629.925,13

4.816.686,50

2

631.000

4.815.300

630.875,15

4.815.086,51

3

628.400

4.815.300

628.275,14

4.815.086,51

Coordenadas de localización dos aeroxeradores e da torre meteorolóxica:

Aeroxerador

Datum ED50 Fuso 29

ETRS89 Fuso 29

UTM-X

UTM-Y

UTM-X

UTM-Y

C1

629.785

4.816.364

629.660,14

4.816.150,50

C2

629.807

4.816.100

629.682,14

4.815.886,50

C3

630.276

4.815.807

630.151,14

4.815.593,50

Torre meteorolóxica

630.081

4.816.078

629.956,14

4.815.864,50

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores Gamesa G10X de 4.500 kW de potencia nominal unitaria, 150 m de altura de buxa e 150 m de diámetro de rotor.

– 3 centros de transformación de 5.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, Dyn11, instalados individualmente no interior da torre de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 117,5 m de altura, equipadas con anemómetros, viraventos, medidores de temperatura e de presión e logger rexistrador.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal e en canalización entubada, para interconexión entre centros de transformación 0,69/20 kV.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Galfor Eólica, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 208.174,01 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por medio deste acordo se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galfor Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 109.619 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para inscribir a instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Galfor Eólica, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de cinco meses contados a partir da obtención de todas as licenzas e permisos.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e nas demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 3.11.2014 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital que lle resulten de aplicación.

10. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

12. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 38 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.