Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2018 Páx. 17161

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2018 pola que se convoca un curso de actuación normativa en materia de arbitraxe de consumo para persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 5 de outubro de 2017 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de actuación normativa en materia de arbitraxe de consumo.

RESOLVO:

Convocar un curso de actuación normativa en materia de arbitraxe de consumo que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoalparticipante

Empregados/as públicos/as e persoal laboral do IGCC que forme parte dun colexio arbitral ou que tramite reclamacións en materia de consumo.

Segunda. Desenvolvemento da actividade de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para esta actividade se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; en caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

Empregados/as públicos/as e persoal laboral do IGCC que forme parte dun colexio arbitral ou que tramite reclamacións en materia de consumo.

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde o día seguinte ao da súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima dos tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236 do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Faltas de asistencia nas actividades presenciais:

Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o IGCC poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o IGCC reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o IGCC garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18013

Actuación normativa en materia de arbitraxe de consumo

1. Obxectivos.

Posibilitar que o persoal do IGCC que forma parte dos colexios arbitrais coñeza as últimas novidades lexislativas que afectan as distintas materias que son obxecto da arbitraxe de consumo para os efectos de cumprir coas exixencias previstas na Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo.

2. Destinatarios/as.

Persoal funcionario e laboral do IGCC que forme parte dun colexio arbitral ou que tramite reclamacións en materia de consumo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12.00 horas.

Edicións: 1.

Datas: 13 e 20 de abril e 4 de maio de 2018.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, núm. 2-4.

Prazas: 20.

4. Contido.

– Módulo 1: O novo marco normativa da arbitraxe de consumo derivado da entrada en vigor da Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo.

– Módulo 2: Estrutura e composición dos colexios arbitrais. Funcións e competencias do presidente. A dirección da arbitraxe. Funcións e competencias dos vogais. A arbitraxe en dereito e en equidade. Funcións do secretario. As comunicacións telemáticas. Os convenios arbitrais.

– Módulo 3: Estudo de casos prácticos e xurisprudencia.