Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 9 de maio de 2018 Páx. 23815

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/9-0).

Logo de examinar o expediente instruído a petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 1.12.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2014/27-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 11.1.2017 e no Boletín Oficial da provincia do 28.12.2016.

Segundo. O 28.4.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou ante esta dirección xeral, para a súa aprobación, o proxecto de execución titulado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo)». Neste proxecto de execución situouse a instalación da planta de GNL nunha parcela diferente á prevista no que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

Segundo o disposto no proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG), de xeito resumido, as actuacións que se realizarán son as seguintes:

• A rede de distribución ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela de referencia catastral 27018A1981002090000PQ e situada ao norte do núcleo urbano (polígono 181, parcela 209, lugar de Barreiras, A Fonsagrada), desde onde discorrerá enterrada pola zona de calzada ou beirarrúa ata o camiño de Xestoso. Desde este punto, a rede discorre cara ao sur, ata a rúa Burón, e continúa por esta rúa ata o cruzamento coa rúa Rois da Peña, onde a rede se divide en varios ramais e se distribúe polas distintas rúas do núcleo urbano. A súa lonxitude será de 3.439 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diversos diámetros (160, 110, 90 e 63 mm) e dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 0,4 bar.

• A planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 10 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 183 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 0,4 bar.

Terceiro. O 11.10.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a planta satélite de almacenamento e a rede de distribución de GNL á Fonsagrada (Lugo) (expediente IN627A 2017/9-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.12.2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 4.12.2017 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 26.12.2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Fonsagrada desde o 19 de outubro ata o 16 de novembro do 2017.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 17.10.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello da Fonsagrada, Begasa, Telefónica de España, S.A., Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e a Dirección Xeral de Patrimonio, pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionamento técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación eléctrica proxectada, que deu a súa conformidade.

A Dirección Xeral de Patrimonio e Telefónica de España, S.A. non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración, e en consecuencia, enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto, sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lle corresponda outorgar.

Quinto. O 5.2.2018 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., no cal se emite informe favorable ao proxecto e considera que non existen inconvenientes para a súa autorización.

Sexto. O 30.1.2018 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cambio de denominación social a Nedgia Galicia, S.A.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Outorgar a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para a instalación da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo).

• Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 0,4 bar para subministración á Fonsagrada (Lugo)», asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG), coa referencia GDP41117040012; e no que figura un orzamento de 284.385,52 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos, coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os desenvolven, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Una vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitida após as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas