Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2013

Medallas de Ouro 2013

MANUEL CEFERINO DÍAZ DÍAZ

O Saviñao-Lugo, 1947 – Santiago de Compostela, 2012

Político galego

Estuda como alumno libre o Bacharelato Elemental, despois fai o Bacharelato Superior en Lugo e licénciase na Universidade de Santiago de Compostela, na primeira promoción da carreira de Ciencias Económicas e Empresariais.

A súa vida desenvólvese entre a docencia e a política. Desde 1973 ata 2000 imparte clases de Economía Aplicada na universidade santiaguesa. Representante do galeguismo dentro do socialismo galego, os seus primeiros pasos políticos dáos durante a Transición, como membro do Partido Socialista Galego (PSG), organización que lideraba Xosé Manuel Beiras, con grande influencia en círculos intelectuais e estudantís.

O fracaso nas primeiras eleccións democráticas lévao, en 1978, a trasladar o seu proxecto político ao PSG (PSdeG-PSOE). Participa activamente nas negociacións para a elaboración e posterior reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Elixido deputado autonómico varias lexislaturas, desde as primeiras eleccións galegas de 1981, ocupa diversos postos, desde portavoz parlamentario ata presidente de diversas comisións. En 2000 é elixido deputado ao Congreso.

Manuel Ceferino Díaz Díaz publica diversos libros, tanto sobre a súa experiencia política coma investigacións no ámbito da economía galega, en especial referidas ao sector agrario.

FUNDACIÓN PENZOL

Entidade cultural privada sen ánimo de lucro

Fermín-Penzol Labandera (1901-1981), rexistrador da propiedade e bibliófilo, dedícase desde novo a recompilar calquera tipo de documento referido á historia e lingua galegas.

Durante máis de corenta anos reúne un valioso fondo documental composto por folletos, libros, documentos, periódicos e revistas, cartas e material manuscrito.

Co obxectivo de preservar este legado e crear un centro de estudos especializado en temática galega, en 1963 Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, fundadores á súa vez da Editorial Galaxia, deciden crear a Fundación Penzol.

Considerada unha das maiores coleccións referidas a temas e asuntos galegos, enriqueceuse co paso dos anos con numerosas e variadas achegas, o que fai dela un centro de consulta imprescindible para os investigadores da realidade histórica e da actualidade de Galicia, nas súas máis diversas manifestacións.

Situada na actualidade na Casa da Cultura de Vigo, os seus fondos están compostos por uns 44.000 títulos de manuais impresos, desde o século XV; uns 2.370 títulos de publicacións periódicas; 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX; preto de 300 diplomas en pergamiño datados desde o século XII ata o XVII; 75 pezas de cartografía histórica con numerosos exemplares do XVII e 120 metros lineais de documentos de arquivo.

A Fundación Penzol, cuxo padroado reúne importantes personalidades e institucións da cultura galega, ademais dos labores bibliotecarios e arquivísticos, desenvolve actividades formativas, de divulgación e de cooperación cultural.

ORGANIZACIÓN NACIONAL DE CEGOS ESPAÑOIS (O.N.C.E.).

Organización de atención a persoas discapacitadas

A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) créase en 1938, ao unirse varias asociacións de cegos xa existentes, co obxectivo de que estas persoas puidesen vivir dun traballo e non dependesen dunha pensión. Inicialmente a súa actividade dedícase á mellora da calidade de vida de cegos e deficientes visuais.

A organización conta co recoñecemento e a protección do Estado, que a autoriza para a venda do coñecido cupón da ONCE, unha lotaría con que se financia a entidade. O primeiro sorteo celebrouse o 8 de maio de 1939.

Desde esta inicial dedicación aos invidentes, a ONCE foi ampliando o seu campo de actividade ao conxunto de persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

Así, en 1988, crea a Fundación ONCE para a cooperación e inclusión Social das persoas con discapacidade. En 1998 dá un paso máis, coa Fundación ONCE para a atención ás persoas cegas de América Latina (FOAL), e en 2007 constitúe a Fundación ONCE para a Atención de Persoas con Xordocegueira (FOAPS).

No ámbito internacional, xunto a outras organizacións do mundo da discapacidade, consegue en 2006 que se aprobe a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

O labor da ONCE tivo especial incidencia na dignificación das persoas con algunha discapacidade, tanto a través da asistencia e prestación de servizos, coma da formación e capacitación, e da inserción laboral. O modelo inclusivo da ONCE é hoxe en día referente internacional.

Entre as múltiples distincións con que se recoñeceu a ONCE, ademais da Medalla de Ouro de Galicia, figuran o Premio Príncipe de Asturias da Concordia e a Orde Paralímpica.

Discursos