Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.145

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

O artigo 45 da Constitución recoñece o dereito de todos a gozar dun medio ambiente adecuado ó desenvolvemento da persoa e o deber de conservalo, así como a obriga dos poderes públicos de velaren pola utilización racional dos recursos naturais para promoveren e melloraren a calidade de vida e defenderen e restauraren o medio ambiente apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27, recoñécelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva para aproba-las normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución, e atribúelle, noutros preceptos, competencias diversas en relación con diferentes ámbitos relacionados co medio ambiente, como son a ordenación do territorio e a sanidade, ou sectores do medio físico, como o solo e a auga, e actividades como a pesca e os vertidos industriais contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ó litoral galego.

As especiais características do país galego e a inexistencia dunha lei básica xeral estatal de medio ambiente, unidas a unha crecente preocupación social sobre a materia, fan adecuada a promulgación dunha norma adicional de protección autonómica, que á súa vez posibilite a aplicación das esixencias ambientais da CEE ás peculiaridades da Comunidade Autónoma galega, lle dea unha mínima coherencia á regulación sectorial existente co fin de facilita-la súa aplicación e efectividade dentro dun modelo integrador e, no marco da lexislación básica do Estado, permita establecer e realizar unha política ambiental orientada á defensa, protección e restauración dos valores ambientais propios da nosa Comunidade.

Esta regulación baséase nos principios de prevención, de avaliación de impacto ambiental, de efectos ambientais e incidencia ambiental, de información pública, obxectiva, permanente e completa como base dunha efectiva participación cidadá que posibilite o establecemento dun pacto ambiental na defensa destes valores colectivos, de nivel de acción adecuada complementado coa subsidiariedade e colaboración das instancias autonómica e local e de coordinación e unidade de acción mediante o adecuado deseño da Administración ambiental no ámbito autonómico.

Aínda que as técnicas que permitan a aplicación dos anteriores principios deben apoiarse na investigación científica e técnica e de aí a necesidade de institucionaliza-los contactos entre a Administración ambiental e a comunidade científica e técnica, fomentando unha máis estreita e continua relación coa Universidade e cos centros de investigación, esta consideración deberá tamén aplicárselles a sectores sociais directamente implicados na protección dos valores ecolóxicos, para que a Administración

teña coñecemento inmediato e permanente destas inquietudes e tamén adopte as medidas máis axeitadas para solucionalas.

A necesaria modificación nas pautas de comportamento, nun maior respecto ó medio, ten que fundamentarse principalmente na educación ambiental a tódolos niveis dentro dunha formación permanente da propia personalidade, espertando nela unha nova conciencia ecolóxica e unha nova orde de valores que debe respectar, co fin de poderlles transmitir ás futuras xeracións este patrimonio común. Malia isto, para as conductas manifestamente insolidarias terá que establecer unha regulación de ilícito ambiental completa e efectiva, facilitando o réxime das inspeccións e dotando os seus axentes da autoridade necesaria para o cumprimento dos seus fins, unificando as garderías e policías existentes dentro da necesaria unidade de acción, establecendo un réxime de contravencións e sancións completo, idóneo para os fins previstos e suficiente en conexión cos procedementos sancionadores establecidos nas regulacións sectoriais.

Desta forma, a través dunha norma adicional de protección autonómica e no marco dunha necesaria lexislación básica, estaráselles a dar cumprimento ó artigo 45 da Constitución e ás esixencias ambientais derivadas do ingreso de España na CEE dentro do ámbito da nosa autonomía.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de protección ambiental de Galicia.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1.- Obxecto.

A presente lei ten como obxecto o establecemento das normas que, no ámbito da competencia da Comunidade Autónoma, configuran o sistema de defensa, protección, conservación e restauración, se é o caso, do medio ambiente en Galicia e aseguran unha utilización racional dos recursos naturais.

Artigo 2.- Principios e obxectivos.

Os principios que inspiran a presente lei e que lle servirán de marco a todo o desenvolvemento normativo ulterior de protección ambiental son:

a) De clasificación das actividades de acordo coa súa incidencia ambiental, co fin de evitar e corrixir, dentro do procedemento de autorización previa e da subseguinte vixilancia e control, os efectos negativos que estas poden ter no medio ambiente.

b) De prevención, compatibilizando a defensa dos valores ambientais co desenvolvemento económico e co progreso técnico.

c) De utilización racional e de defensa dos recursos naturais e da paisaxe, que constitúen o patrimonio natural de Galicia, co obxecto de que a súa utilización se realice de maneira racional, orientada ó aproveitamento sostido, ó mantemento da diversidade xenética e á conservación da capacidade de retroalimentación e rexeneración do ecosistema, evitando en todo momento os danos irreversibles ó equilibrio ecolóxico e contribuíndo á protección da saúde humana e á conservación das especies.

d) De promoción da investigación científica e tecnolóxica, orientando a acción investigadora á reciclaxe e recuperación dos residuos, á protección do medio ambiente, á loita contra a contaminación e á defensa da calidade dos distintos sectores que integran o medio natural e humano.

e) De promoción da educación ambiental, en tódolos niveis educativos, e da concienciación cidadá, en tódolos sectores sociais, para unha eficaz defensa dos valores ambientais, co fin de que, de acordo cunha información obxectiva, completa e actual, poida participa-la totalidade da poboación na defensa do seu medio ambiente.

f) De coordinación, tanto no que fai referencia ás distintas administracións e regulacións, xa sexan sectoriais, xa de actividades con incidencia ambiental, coma ós seus compoñentes, co fin de asegura-la súa coherencia, de maneira que se facilite a súa aplicación e xestión administrativa, co obxecto de potenciar e axiliza-la actividade administrativa.

g) De subsidiariedade, co fin de garanti-la actuación dos concellos para que afronten os seus problemas ambientais e para asegura-lo exercicio efectivo da disciplina ambiental; co dito obxecto fomentaranse as fórmulas consorciais entre municipios, de acordo coa Lei de bases de réxime local, para a solución dos problemas ambientais comúns.

h) De corrección do ilícito ambiental mediante un efectivo réxime sancionador que sirva para corrixi-las conductas manifestamente insolidarias e atentatorias ó ben común que é o medio ambiente.

i) De publicidade, participación e transparencia administrativa, polo que as actuacións sobre medio ambiente se basearán no libre acceso do público a unha información obxectiva, fiable e concreta, que sirva como base para unha efectiva participación dos sectores sociais implicados.

j) De pacto ambiental, como actuación encamiñada a obter acordos, tanto no establecemento de medidas preventivas e correctoras coma, sobre todo, en situacións con formulacións ambientais conflictivas que afecten sectores sociais e económicos, nas que, mediante unha estratexia adecuada, se acade a compatibilización das medidas correctoras coa viabilidade das empresas a través de innovacións tecnolóxicas nos procesos de fabricación e nos sistemas de eliminación de axentes contaminantes, tendo presente que a Administración non poderá acepta-la pervivencia de situacións que produzan agresións ou deterioración grave do medio ambiente.

k) De integración dos requisitos de protección do medio ambiente nas políticas económicas, industriais, agrarias e sociais.

l) De fomento das actuacións dirixidas a rexenera-las deterioracións e degradacións producidas no medio ambiente.

Artigo 3.- Mandato xeral.

A presente lei obrigará, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, a toda persoa, natural ou xurídica, pública ou privada, que proxecte realizar ou efectivamente realice calquera actividade susceptible de producir unha deterioración no medio ambiente.

Artigo 4.- Ámbito de protección.

Para os efectos da presente lei, considérase que son elementos que se teñen que protexer: o medio natural constituído pola poboación, a fauna, a flora, a diversidade xenética, o solo, o subsolo, a auga, o aire, o clima e a paisaxe, así como a inter-relación entre os elementos antes mencionados, os recursos naturais e culturais, incluído o patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, en canto poden ser obxecto de contaminación e deterioración por causas ambientais.

Título II

Técnicas e medidas de defensa

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 5.- Clasificación do grao de protección e autorización de actividades.

1. Para os efectos do disposto nos artigos 2.a) e 4, tódolos proxectos, obras e actividades que fosen susceptibles de afecta-lo medio ambiente deberán obter unha autorización, e o seu outorgamento derivará dun previo procedemento que determinará o órgano da Administración ambiental, segundo a clasificación do grao de protección aplicable a eles.

2. A clasificación do grao de protección para determina-lo procedernento poderá ser:

a) De avaliación do impacto ambiental.

b) De avaliación dos efectos ambientais.

e) De avaliación da incidencia ambiental.

3. Por avaliación entenderase a actividade do órgano ambiental competente que teña por obxecto determina-la compatibilidade dun proxecto, obra ou actividade co medio ambiente e, se é o caso, as medidas correctoras que cómpre incluír no proxecto e/ou no seu desenvolvemento.

4. A autorización será un requisito previo, preceptivo e vinculante, en canto ás medidas correctoras. En ningún caso poderá outorgarse licencia de apertura ou actividade sen a previa obtención da autorización correspondente.

5. Os particulares poderán solicitar, por escrito e xuntando a documentación pertinente que coiden precisa, información previa sobre o réxime que segundo a clasificación se lle ten que aplicar a un determinado proxecto, obra ou actividade.

6. Cando a autorización impoña a adopción de medidas correctoras, o órgano administrativo ó que lle corresponda o seu outorgamento poderá esixi-la prestación dunha fianza que cubra a reparación dos posibles danos e o posible custo da restauración.

Artigo 6.- Aplicación a actividades en funcionamento.

As técnicas e medidas de defensa previstas nesta lei poderánselles aplicar a actividades que se estean realizando ou xa realizadas, co obxecto de comproba-los posibles efectos nocivos destas no medio ambiente e sinala-las medidas correctoras e a determinación e esixencia de responsabilidade, se é o caso.

Capítulo II

Da avaliación de impacto ambiental

Artigo 7.- Ámbito.

Quedan sometidos á avaliación de impacto ambiental os proxectos, as obras e mailas actividades que se inclúen na normativa comunitaria, na lexislación básica estatal e na de ámbito autonómico.

Artigo 8.- Procedemento.

A Xunta de Galicia elaborará un catálogo das actividades suxeitas ó trámite de avaliación e regulará por decreto o procedemento para declara-la devandita avaliación.

Artigo 9.- Efectos da declaración de impacto.

A declaración de impacto será de carácter vinculante para o órgano de competencia substantiva se a declaración fose negativa ou impuxese medidas correctoras.

Capítulo III

Da avaliación de efectos ambientais

Artigo 10.- Ámbito.

Serán sometidos a avaliación de efectos ambientais tódolos proxectos, obras e actividades que se relacionen na lexislación sectorial e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 11.- Actividades suxeitas e procedemento.

As actividades suxeitas ó trámite de avaliación de efectos ambientais e o procedemento para a súa declaración determinaranse por decreto da Xunta de Galicia.

Artigo 12.- Efectos.

A declaración de efectos ambientais terá carácter vinculante para o órgano de competencia substantiva se a declaración fose negativa ou impuxese medidas correctoras.

Capítulo IV

Da avaliación de incidencia ambiental

Artigo 13.- Ámbito.

Están sometidas ó procedemento de previa avaliación de incidencia ambiental tódalas actividades que figuren no nomenclátor que ó respecto se aprobe por decreto da Xunta de Galicia, así como aqueloutras que, non estando incluídas nel, merezan a consideración de molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, de acordo coas seguintes definicións:

a) Molestas: as que constitúan unha perturbación polos ruídos ou vibracións, ou que produzan manifesta incomodidade polos fumes, gases, olores, néboas, pos en suspensión ou substancias que eliminen.

b) Insalubres: as que dean lugar a desprendemento ou evacuación de productos que poidan resultar directa ou indirectamente prexudiciais para a saúde humana.

c) Nocivas: as que polas mesmas causas lle poidan ocasionar danos á riqueza agrícola, forestal, pecuaria, faunística ou piscícola.

d) Perigosas: as que teñan por obxecto fabricar, manipular, transportar, expender, almacenar ou eliminar productos susceptibles de orixinaren riscos graves por explosións, combustións, radiacións ou outros de análoga natureza para as persoas ou, os bens, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 14.- Actividades suxeitas e procedemento.

As actividades suxeitas ó trámite de avaliación de incidencia ambiental e o seu procedemento regularanse por decreto da Xunta de Galicia.

Artigo 15.- Delegación.

1. Sen prexuízo de que a competencia para a avaliación de incidencia ambiental lle corresponde á Administración autonómica, esta poderá delega-lo exercicio dela nos concellos, logo de solicitude destes.

2. Como presuposto para outorga-la delegación esixirase que o Concello acredite dispoñer de medios técnicos, persoais e materiais suficientes para o exercicio da competencia delegada.

Artigo 16.- Contido e publicidade do acordo.

1. O acordo no que se outorgue a delegación terá os seguintes contidos mínimos:

a) Determinación das competencias que se delegan.

b) Data do comezo da delegación.

c) Condicións que se teñen que seguir para a instrucción e resolución dos expedientes.

d) Control que do exercicio da delegación reserve para si a Administración autonómica.

2. O acordo de delegación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17.- Facultades autonómicas en supostos de delegación.

1. A Administración autonómica poderá establecer instruccións técnicas de carácter xeral relativas ó exercicio das competencias delegadas, solicitar en todo momento información sobre a xestión ambiental do Concello e formula-los requirimentos pertinentes para a corrección das deficiencias observadas.

2. A Administración autonómica poderá revoga-la delegación conferida, que deberá estar motivada e se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18.- Deber de información.

Os concellos informarán á Administración autonómica das peticións sometidas ó réxime de avaliación de incidencia ambiental nas que interveñan, así como das licencias outorgadas en cada caso.

Artigo 19.- Efectos.

O dictame de avaliación de incidencia ambiental terá efectos vinculantes para a autoridade municipal que debe outorga-la licencia cando fose negativa ou impuxese medidas correctoras que non estivesen no proxecto e na memoria que lle xunten á solicitude.

Capítulo V

Outras medidas de protección ambiental

Artigo 20.- Réxime de rexistros, catálogos e inventarios.

1. A Administración autonómica redactará inventarios dos distintos espacios, sectores ambientais e ecosistemas que haxa que protexer, entre eles a paisaxe, como fase previa a unha catalogación deles, que os dotará dun estatuto xurídico de protección axeitado ás características singulares do espacio, sector ou ecosistema.

2. Os inventarios e catálogos serán abertos, e regulamentariamente determinaranse os contidos obrigatorios mínimos das distintas regulacións e réximes de protección, así como do procedemento de revisión e modificación, co fin de mantelos permanentemente actualizados.

Artigo 21.- Conexión cos instrumentos de planeamento.

1. Nos instrumentos de planeamento urbanístico de carácter xeral, plans xerais de ordenación urbana e normas subsidiarias deberase ter en conta a defensa do medio ambiente e dos recursos naturais. Para este fin determinaranse regulamentariamente as medidas ou condicións tipo de protección da natureza e da paisaxe, así como da calidade ambiental, que deberán incorporarse ó planeamento.

2. Non constituirá causa suficiente para modifica-la clasificación orixinal dun solo como non urbanizable de protección especial o feito de que o terreo ou espacio sufrise calquera clase de agresión que afectase as causas ou os motivos que xustificaron a súa clasificación.

Artigo 22.- Educación ambiental.

1. A educación ambiental estará orientada á formación dos cidadáns, especialmente dos máis novos, nunha maior aproximación e respecto á natureza, cun enfoque interdisciplinario, abranguendo o conxunto dos niveis educativos e con carácter eminentemente práctico, que fomente a necesaria conciencia ecolóxica na defensa do medio.

2. O órgano da Administración ambiental correspondente promoverá, en conexión cos demais órganos competentes da Administración autonómica e os medios de comunicación de titularidade pública, a educación e formación ambiental que responda ós anteriores criterios, así como o uso didáctico-recreativo da natureza, a orientación dos mozos cara a profesións novas, desaparecidas ou minusvaloradas no mercado de traballo, prestándolles unha especial atención ó medio rural e ós pequenos municipios, fomentando as escolas-taller ambientais, as aulas e os centros de interpretación da natureza e calquera outra institución que facilite a devandita formación integrada,

Artigo 23.- Investigación.

1. A Administración autonómica potenciará a investigación sobre problemas ambientais e as vías de traballo e colaboración nesta materia, principalmente a través do Plan galego de investigación e desenvolvemento e dos seus organismos executores.

2. En especial, esta asistencia científica e técnica orientarase á elaboración de estudios básicos da contaminación e do medio físico, ó establecemento de laboratorios homologados, á determinación da tecnoloxía máis adecuada en cada momento para o medio ambiente, ó asesoramento no establecemento de redes de control, programas, medidas estándares de calidade e métodos de análise, entre outros.

Artigo 24.- Información e participación cidadá.

1. As actuacións sobre o medio ambiente en Galicia basearanse no libre acceso do público a unha información obxectiva, fiable e completa, ademais da especial relativa a determinados expedientes sobre asuntos concretos, como base dunha efectiva participación dos sectores sociais implicados e os concellos.

Non obstante, en casos xustificados, debidamente motivados, e de acordo co dereito comunitario e demais lexislación vixente, poderánselle establecer restriccións á dita transparencia informativa por razóns de defensa, confidencialidade da información, segredo industrial, respecto da intimidade ou outras análogas.

2. Daráselles especial relevancia ós trámites de información pública, facilitando a presentación de alegacións, suxestións e propostas alternativas.

Artigo 25.-Pacto ambiental.

1. A acción administrativa nesta materia estará orientada á consecución dun pacto ambiental para as situacións máis conflictivas, así como para acometer aquelas que poidan mellora-la imaxe pública das empresas a través dos instrumentos de parti

cipación dispositiva destas e dos cidadáns na defensa do medio, podéndose estender a estratexias e accións de carácter local ou comarcal.

2. Este pacto ambiental, que se formulará cos sectores sociais implicados, constará dos seguintes contidos mínimos: obxectivos que se pretenden conseguir, inconvenientes das medidas propostas, compensación, medidas que se van adoptar e prazo para realizalas.

3. En aplicación do pacto ambiental, establecerase un sistema de ecoxestión e ecoauditoría que permita a participación voluntaria das empresas que desenvolvan actividades industriais para a avaliación e mellora dos resultados das súas actividades industriais en relación co medio ambiente e a facilitación da correspondente información ó público.

O obxectivo do sistema será promove-la mellora continua dos resultados das actividades industriais en relación co medio ambiente mediante:

a) O establecemento e a aplicación, por parte das empresas, de políticas, programas e sistemas de xestión medioambientais en relación cos seus centros de producción.

b) A avaliación sistemática, obxectiva e periódica do rendemento dos devanditos elementos.

c) A información ó público acerca do comportamento en materia de medio ambiente.

Este sistema aplicarase sen prexuízo das actuais normas e dos requisitos técnicos autonómicos, estatais e comunitarios en materia de controles medioambientais, e sen mingua das obrigas a que están suxeitas as empresas en virtude das devanditas normas e requisitos.

O Goberno promulgará a normativa que cree e desenvolva a ecoxestión e a ecoauditoría, no marco da lexislación da Unión Europea e da estatal.

Artigo 26

En aplicación deste principio institúese a ecoetiqueta ou etiqueta ecolóxica como mecanismo voluntario de participación das empresas e dos cidadáns na protección do medio ambiente a través da selección de productos comerciais por criterios ecolóxicos no proceso de utilización dos recursos naturais, a súa fabricación, comercialización, consumo e abandono, respecto do cal a Xunta promulgará a normativa correspondente, axeitada á normativa xeral e comunitaria.

Título III

Administración ambiental

Artigo 27.- Administración ambiental.

1. A Administración ambiental estará constituída por aqueles órganos da Administración con competencias na materia desta lei.

2. A Administración ambiental terá como obxectivo exerce-las competencias que lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia, e entre elas:

a) Velar polo cumprimento das normas medioambientais.

b) Desenvolver actuacións públicas en relación coa protección, conservación, mellora e restauración do medio ambiente.

c) Levar a cabo as accións precisas para a utilización racional dos recursos naturais.

d) Asegurar e mellora-la calidade ambiental.

e) En xeral, as demais que en relación co medio ambiente se deriven desta lei.

3. A súa organización, composición, funcións e competencias desenvolveranse regulamentariamente de acordo cos principios de integración e coordinación de xestión, eficacia e autonomía.

Artigo 28.- Consello Galego de Medio Ambiente.

1. Co fin de cumpri-lo principio de participación pública e de establecer unha canle de participación dos estamentos interesados da sociedade galega e da súa comunidade científica, créase, como órgano consultivo da Administración ambiental, o Consello Galego de Medio Ambiente.

2. A súa organización, composición, funcionamento e réxime xurídico, así como o carácter dos seus informes, determinaranse regulamentariamente.

Título IV

Disciplina ambiental

Capítulo I

Inspección e vixilancia

Artigo 29.- Órganos de inspección.

1. Sen prexuízo das específicas funcións inspectoras que lles correspondan a órganos sectoriais competentes nos termos que regulamentariamente se determinen, no ámbito da Administración autonómica corresponderalle o exercicio da función de control e vixilancia a unha inspección ambiental única, coordinada polo órgano da Administración ambiental que regulamentariamente se determine. Para o dito exercicio poderá servirse do persoal adecuado dos órganos que teñan a competencia substantiva.

2. A Administración local desenvolverá a súa propia inspección de cara ó correcto exercicio da súa competencia no marco da presente lei e demais reguladoras do réxime local.

Non obstante, cando a Administración local se considere imposibilitada para o exercicio da competencia de inspección, esta poderá solicitarlle á Administración autonómica o auxilio en tal función.

Artigo 30.- Inspección ambiental.

1. A inspección ambiental ten como función, no marco da defensa e protección do medio ambiente

de Galicia, a execución do control e vixilancia das actividades e instalacións de calquera tipo que fosen susceptibles de afectalo negativamente.

2. Os funcionarios que exerzan a inspección ambiental da Comunidade Autónoma gozarán no exercicio das súas funcións da consideración de axentes da autoridade, estando facultados para accederen, sen previo aviso e logo de seren identificados, ás instalacións nas que se desenvolvan as actividades obxecto desta lei.

3. As demais policías ou garderías municipais ou estatais están obrigadas a prestaren un auxilio administrativo nas funcións de inspección recoñecidas nesta lei

Artigo 31.- Clases de inspección.

As inspeccións poden ser:

a) Previas ó outorgamento dunha autorización ou licencia.

b) En virtude de denuncia.

c) As que poidan acordarse de oficio durante o funcionamento dunha actividade.

Artigo 32.- Comprobación.

1. As inspeccións que se realicen para vixia-lo cumprimento desta lei adoptarán as medidas necesarias para asegura-lo bo resultado delas, na forma que regulamentariamente se determine.

2. As actas de inspección que se levanten nos ditos termos gozarán da presunción de veracidade respecto dos feitos que nela se declaren probados.

3. As prescricións anteriores enténdense sen prexuízo das establecidas para determinadas inspección, tanto pola lexislación básica estatal coma pola regulación autonómica.

4. Regulamentariamente establecerase o procedemento da inspección e o seu alcance, contido e efectos.

Capítulo II

Infraccións e sancións

Artigo 33.- Infraccións.

Constituirán infracción ambiental, para os efectos desta lei e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A iniciación ou realización de proxectos, obras ou actividades sen obte-la previa autorización ou a licencia, cando se trate de actividades sometidas a este trámite.

b) A descarga no medio ambiente, ben sexa nas augas marítimas ou continentais, solo ou subsolo e atmosfera, de productos ou substancias, en estado sólido, líquido ou gasoso, ou de formas de enerxía, mesmo sonoras, que constitúan un risco obxectivamente verificable para a saúde humana e os recursos naturais, supoñan unha deterioración ou degradación das condicións ambientais ou afecten negativamente o equilibrio ecolóxico en xeral. Non terán a consideración de infracción os vertidos ou as emisións

en cantidades ou condicións expresamente autorizados conforme a normativa aplicable en cada caso.

e) A explotación indebida, o abuso ou a destrucción dos recursos naturais, entendendo que esta se produce cando se realice contravindo os termos da autorización ou das normas que a regulan.

d) A ocultación de datos ou o seu falseamento, total ou parcial, no procedemento de obtención da autorización ou licencia.

e) A transgresión ou o incumprimento das condicións impostas na autorización ou licencia, ou o incumprimento das ordes de clausura ou de aplicación de medidas correctoras ou restauradoras do medio.

f) A negativa ou resistencia a facilitar datos que sexan requiridos e a obstrucción ó labor inspector da Administración.

g) O incumprirnento das medidas cautelares previstas nesta lei.

h) En xeral, o incumprimento dos requisitos, obrigas e prohibicións establecidos nesta lei e na normativa que a desenvolva.

Artigo 34.- Clasificación das infraccións.

1. As infraccións ambientais reguladas no artigo anterior clasificaranse en moi graves, graves e leves.

2. Considéranse infraccións leves os incumprimentos dos requisitos, obrigas ou prohibicións establecidos nesta lei, agás cando, de acordo cos apartados seguintes, constitúan infraccións graves ou moi graves.

3. Considéranse infraccións graves as sinaladas coas letras desde o a) ata o g) do artigo anterior.

4. Considéranse infraccións moi graves:

a) As sinaladas nos apartados a), b), e) e e) do artigo anterior, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

-malicia ou intencionalidade;

-custo económico da restauración superior ós 10.000.000 de pesetas;

-irreversibilidade do dano causado;

-repercusión grave ou significativa na saúde das persoas ou. especies, ou grave deterioración nos recursos naturais;

-cando o dano afecte recursos únicos, escasos ou protexidos;

-cando o dano afecte gravemente os ciclos vitais e os ecosistemas básicos.

b) As sinaladas nos apartados d), e), f) e g) do artigo anterior, en caso de reincidencia.

5. A reincidencia en dúas infraccións leves ou graves levará consigo a aplicación do grao inmediatamente superior. Entenderase que existe reincidencia cando se cometan dúas faltas graves no período de dous anos ou leves no de seis meses.

Artigo 35.- Sancións.

1. As infraccións en materia ambiental contempladas nesta lei serán sancionadas segundo a súa gravidade:

a) Infraccións leves: con multa de ata 1.000.000 de pesetas.

b) Infraccións graves: con multa entre 1.000.001 e 10.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: con multa entre 10.000.001 e 50.000.000 de pesetas.

2. As multas poderán levar aparellado, simultaneamente:

a) En casos de infracción grave, o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade, total ou parcial, por un prazo non superior a dous anos. No caso de que se impoñan medidas correctoras, o pechamento subsistirá ata que estas se cumpran.

No caso de seren inviables as aludidas medidas correctoras, poderá decidirse a clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade.

b) En casos de infracción moi grave:

a) O pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade, total ou parcial, por un prazo non superior a catro anos e, en todo caso, ata a adopción das medidas correctoras.

b )A clausura definitiva, total ou parcial, do establecemento ou da actividade.

3. As sancióna que supoñan a suspensión de actividades ou o pechamento de establecementos deberán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 36.- Prescrición.

As infraccións ás que se refire a presente lei prescribirán nos seguintes prazos, contados desde a comisión do feito ou desde a detección do dano ambiental, se este non fose inmediato:

a) Seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Dous anos, no caso de infraccións graves.

c) Catro anos, no caso de infraccións moi graves.

Artigo 37.- Aplicación das sancións.

1. A aplicación das sancións efectuarase atendendo á súa repercusión no medio ambiente e nos recursos naturais, ó custo de restitución, ó risco e á transcendencia, polo que respecta á saúde das persoas, e, nos recursos ambientais, ás circunstancias do responsable, ó grao de malicia ou intencionalidade, ós beneficios obtidos coa agresión, á irreversibilidade do dano ou da deterioración producida á calidade do recurso ou á capacidade de retroalimentación e rexeneración do ecosistema e á reincidencia.

2. No suposto de sanción que implique o pechamento do establecemento ou a suspensión da actividade computarase, na sanción definitiva, o tempo que estivese pechado ou suspendido como medida cautelar.

Artigo 38.- Compatibilidade de sancións.

Cando un mesmo feito resulte sancionable consonte esta lei e outras de protección ambiental que lle corresponda aplicar á Administración autonómica, resolveranse os expedientes sancionadores correspondentes impoñendo unicamente a sanción máis elevada das que resulten.

Capítulo III

Responsabilidade e suspensión de actividades

Artigo 39.- Suxeito responsable.

1. Para os efectos desta lei, terán a consideración de responsables das infraccións ambientais previstas nela:

a) As persoas que directamente realicen a actividade infractora ou, se é o caso, as que ordenen a devandita actividade, cando o executor teña obriga de cumpri-la dita orde.

b) As persoas que, de acordo cos estatutos ou coa escritura social, sexan titulares ou promotoras da actividade ou do proxecto do que se derive a infracción.

2. Cando concorra en varias persoas a autoría da infracción ou cando a deterioración ambiental estea ocasionada por unha acumulación de infraccións e non fose posible determina-lo grao de participación efectiva de cada unha delas, a responsabilidade será solidaria.

3. Nos casos en que a infracción sexa imputable a unha Administración pública, esta someterase ás regras xerais e de carácter disciplinario aplicables á Administración e ós seus axentes e funcionarios.

Artigo 40.- Suspensión de actividades non autorizadas.

Toda actividade que comezase a realizarse sen autorización ou licencia, ou incumprindo manifestamente as condicións establecidas, cando tales trámites estivesen impostos pola lexislación vixente, será suspendida na súa execución por requirimento do órgano da Administración ambiental competente, sen prexuício de esixi-las responsabilidades ás que por iso houbese lugar.

Artigo 41.- Medidas cautelares no procedemento sancionador.

1. Naqueles casos en que exista risco grave ou inminente para o medio ambiente, o órgano competente para a incoación do expediente poderá ordenar motivadamente, ó tempo que acorda a apertura do expediente, a suspensión inmediata da actividade ou calquera outra medida cautelar necesaria, sen prexuízo da iniciación do expediente de disciplina ambiental que, en todo caso, proceda.

2. A adopción das medidas cautelares previstas no apartado anterior levarase a cabo, logo de audiencia do interesado, nun prazo de cinco días, agás nos casos que esixan unha actuación inmediata.

3. A Administración autonómica e a municipal comunicaranse mutuamente as medidas cautelares que adoptasen.

Artigo 42.- Restauración do medio e indemnización.

1. Sen prexuízo da sanción que en cada caso proceda, o infractor deberá repara-lo dano causado. A reparación e a reposición dos bens terán como finalidade logra-la restauración do medio ambiente ó seu estado anterior á comisión da infracción. O órgano correspondente da Administración competente para impoñe-la sanción serao para esixi-la restauración.

2. Se o infractor non procedese a repara-lo dano causado no prazo que se lle sinale, a Administración que impuxo a sanción procederá á imposición de multas coercitivas sucesivas de ata 500.000 pesetas cada unha ou, se é o caso, a realiza-la execución subsidiaria nos termos do artigo 98 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. En calquera caso, o promotor do proxecto ou titular da actividade causa da infracción deberá indemnizar polos danos e perdas ocasionados. A valoración destes faraa a Administración, logo de taxación contradictoria cando o citado responsable non lle dese a súa conformidade a aquela.

4. A utilización dos recursos xerados polas sancións que impoña a Administración deberán destinarse integramente a accións destinadas á mellora do medio ambiente.

Artigo 43.- Responsabilidade penal e administrativa.

1. No suposto de que a infracción puidese ser constitutiva de delicto ou falta, a Administración que instrúe o expediente daralle traslado á xurisdicción competente, quedando en suspenso a actuación sancionadora en vía administrativa. Non obstante, a vía penal non paralizará o expediente que se incoase para a restauración e, se é o caso, a indemnización dos danos e perdas a que fai referencia o artigo 42 da presente lei.

2. Se a resolución xudicial fose absolutoria, a Administración proseguirá as actuacións para, se procedese, impoñe-la sanción administrativa correspondente.

Capítulo IV

Procedemento

Artigo 44.- Remisión normativa.

O procedemento sancionador por incumprimento das obrigas establecidas nesta lei rexerase polo establecido no capítulo II do título IX da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 45.- Competencia.

1. A incoación e a instrucción de expedientes sancionadores polas infraccións a que se refire o artigo 32 correspóndenlle:

a) Ó órgano autonómico ou municipal, se é o caso, que tivese atribuída a competencia por razón da materia para outorga-la autorización.

b) Ó órgano municipal competente, pola falta de licencia de exercicio da actividade.

2. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores a que fai referencia o apartado 1.a) anterior, instruídos polo órgano administrativo que, para os efectos desta lei, teña atribuída a consideración de órgano ambiental substantivo, corresponderalle:

a) En faltas leves, ó titular do centro directivo competente por razón da materia.

b) En faltas graves, ó conselleiro do ramo.

c) En faltas moi graves, ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 46.- Vía de constrinximento.

Tanto o importe das sancións e indemnizacións coma o custo da execución subsidiaria poderanlles ser esixibles pola vía de constrinximento ós infractores. Cando proceda a execución subsidiaria, o órgano que deba realiza-la execución valorará o custo das actuacións que deban realizarse, e o seu importe será esixido cautelarmente conforme o artigo 98 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 47.- Recursos contra resolucións sancionadoras.

1. As resolucións dos alcaldes, que deberán comunicárselle ó órgano correspondente da Administración autonómica no prazo de quince días, poñen fin á vía administrativa.

2. As resolucións do órgano correspondente da Administración ambiental autonómica seranlles comunicadas ós alcaldes do termo municipal no que recaia a sanción, dentro do prazo de quince días, e terán o seguinte réxime:

a) No caso de infraccións leves, poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o conselleiro do ramo.

b) No caso de infraccións graves e moi graves, poñerán fin á vía administrativa.

Artigo 48.- Incumprimento de medidas cautelares.

Se as medidas cautelares ou de sanción, agás a multa, non fosen executadas pola autoridade municipal que as impuxese, o órgano correspondente da Administración autonómica poderá, logo de requirimento e audiencia ó Concello e ó interesado, adopta-las medidas cautelares pertinentes para a salvagarda do medio ambiente.

Artigo 49.- Resolucións municipais non axustables a dereito.

Cando o órgano competente da Administración autonómica considere que un acto ou acordo municipal infrinxe o ordenamento xurídico en materia de medio ambiente, poderá proceder de acordo coas previsións e os requisitos establecidos no artigo 65 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Disposición adicional primeira

A excepción das que nesta lei teñan establecido outro prazo distinto, no prazo de un ano, contado desde a entrada en vigor da presente lei, deberanse aproba-las normas regulamentarias que a desenvolvan.

Disposición adicional segunda

A Xunta de Galicia poderá actualiza-la contía das multas para adecuala ás variacións do custo da vida, de acordo co índice xeral de precios ó consumo.

Disposición adicional terceira

No prazo de dous anos, os concellos de Galicia deberán proceder a adapta-las súas ordenanzas ambientais ó disposto nesta lei e nas disposicións que a desenvolvan.

Disposición adicional cuarta

Polas autorizacións administrativas a que se refire esta lei, serán esixibles as taxas correspondentes de acordo coa lexislación reguladora.

Disposición transitoria primeira

Os expedientes iniciados antes da entrada en vigor da presente lei tramitaranse e resolveranse de conformidade coas normas vixentes na súa iniciación, tendo en conta os criterios establecidos nela.

Disposición transitoria segunda

Mentres non se aproben as normas regulamentarias de desenvolvemento desta lei, continúan en vigor:

O Decreto 2.414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

O Decreto 327/1991, do 20 de outubro, de avaliación dos efectos ambientais de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual e superior rango, se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións regulamentarias precisas para o cumprimento desta lei.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente