Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de xaneiro de 1995 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, con domicilio en Gomeán (Lugo).

Supostos de feito.-

1.-Que Margarita Pérez Herraiz, na súa condición de presidenta do padroado da fundación, en escrito do 20 de outubro de 1994, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o día 7 de outubro de 1994, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Manuel Julio Reigada Montoto, co número dous mil catrocentos noventa e seis do seu protocolo, por Margarita Pérez Herraiz, María Isabel Valiela Pérez e José Antonio Valiela Pérez. Con data do 26 de decembro de 1994 outorgouse escritura de rectificación da anterior ante o mesmo notario e polos membros comparecentes.

3.-Que, segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é o recordo e homenaxe permanentes á persoa e máis á obra de José Antonio Valiela, continuando o camiño por el emprendido no seu afán de conseguir un sistema sanitario público e de prestacións sociais baseados en criterios de equidade, eficiencia e calidade, tendo sempre como referente a súa vocación e o seu compromiso con Galicia.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído por Margarita Pérez Herraiz como presidenta, José Antonio Valiela Pérez como secretario e María Isabel Valiela Pérez como vicepresidenta e tesoureira.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consllería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.-

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de xaneiro de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública