Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 05 de xuño de 1996 Páx. 5.447

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espacio natural das Fragas do Eume.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, establece a necesidade de adecua-la xestión dos espacios naturais protexidos e das especies que se van protexer ós principios inspiradores dela, para o cal se fai preciso a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acada-los obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sostido e desfrute público destes espacios.

O artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a

protección, conservación e mellora dos espacios naturais e das especies e elementos singulares de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención.

O procedemento de elaboración do Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) das Fragas do Eume incluíu os trámites de audiencia ós interesados, información pública mediante publicación no DOG e consulta dos intereses sociais, concellos e institucións afectados.

Por estas razóns, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De acordo co establecido no título II da Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, apróbase o Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) das Fragas do Eume nos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, como instrumento de ordenación dos recursos naturais do espacio natural.

Artigo 2º

O espacio natural obxecto de ordenación ocupa unha superficie de 9.125,65 hectáreas e ten como límites os que se detallan no anexo I e se describen no anexo II deste decreto.

Artigo 3º

Para facer compatible no espacio natural das Fragas do Eume a conservación e uso sostido dos recursos naturais coas distintas actividades que se desenvolven nel, clasifícase o territorio nas seguintes categorías:

Zona de reserva natural

Ocupa unha superficie total de 330,47 hectáreas. Comprende as áreas de maior valor ecolóxico e posúe elementos ou valores xeolóxicos, zoolóxicos e botánicos raros, ameazados, singulares ou catalogados que configuran enclaves de alta fraxilidade e moi baixa capacidade de admisión de impactos. O seu destino principal é a conservación e restauración dos valores naturais. A este respecto, as normas zonais de regulación de usos e aproveitamentos establecen:

-Promove-las actividades encamiñadas á súa preservación e conservación.

-Restrinxi-la intervención humana nas comunidades vexetais e animais, co obxecto de permiti-la súa evolución natural.

-Prohibi-la construcción de infraestructuras, agás as necesarias para cumpri-los obxectivos de conservación que se establecen.

Zona de Fragas

Ocupa unha superficie total de 3.253,39 hectáreas. Está constituída polas superficies ocupadas por bosques seriais antigos ou antropizados. Posúe un alto valor natural, pero as súas características de fraxilidade e capacidade de admisión de impactos permiten garanti-la persistencia do recurso mediante un aproveitamento ordenado del. As normas zonais de regulación de usos e aproveitamentos establecen a tal fin:

-Calquera plantación debe realizarse con especies seriais, quedando prohibida a introducción de especies exóticas e non seriais.

-A apertura de pistas ou vías de saca quedará suxeita á autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-O aproveitamento forestal quedará suxeito ás condicións que sinale a citada consellería, en tanto non se substancie o programa sectorial de ordenación e desenvolvemento da actividade forestal.

Zona de repoboacións

Ocupa unha superficie total de 1.016,66 hectáreas. Inclúe as superficies ocupadas maioritariamente con especies forestais non seriais. Entre as súas utilidades están priorizadas as de índole productiva, ó estaren constituídas de xeito principal por piñeirais e eucaliptais. Para a presente zona as normas zonais de regulación de usos e aproveitamentos establecen:

-Conservaranse os bosques e bosquetes de especies seriais.

-A implantación das repoboacións forestais terá en conta criterios de conservación de solos.

-En áreas con pendentes superiores ó 35% só se autorizarán aproveitamentos forestais que non produzan riscos para a conservación dos solos.

-As infraestructuras de explotación, en especial as pistas e vías de saca, axustaranse ó que dispoña a consellería e construiranse atendendo a criterios de incidencia mínima sobre o solo e a paisaxe.

-Os aproveitamentos forestais garantirán a persistencia da masa forestal, podendo fixa-la consellería condicións de índole facultativa en tanto non se elabore un prego de condicións para aproveitamentos forestais.

Zona de mato e pasto

Esténdese sobre superficies que ocupan un total de 3.248,64 hectáreas. Comprende aquelas extensións ocupadas por mato ou pasto que representan un estado intermedio da serie de vexetación climática dominante na área fitoxeográfica. Esta zona ten gran valor estratéxico de conservación, xa que por unha parte posúe valores ambientais importantes en función da existencia duns recursos naturais

singulares e por outra contribúe ó sustento da gandería existente. As normas zonais de regulación de usos e aproveitamentos para a presente zona establecen:

-A implantación de praderías sobre mato quedará suxeita a autorización da consellería.

-As novas plantacións forestais non seriais precisarán de autorización da consellería.

-As superficies de mato ou pasto incluídas en montes catalogados ou propiedade da Comunidad Autónoma de Galicia serán xestionadas con criterios de protección, tendendo a incrementar e restaura-los bosques atlánticos naquelas estacións nas que sexan posibles.

Zona agropecuaria

Atópase fragmentada en pequenas unidades que suman un total de 870,35 hectáreas. Nas ditas unidades as utilidades obtidas son netamente agrarias ou gandeiras. Posúe unha única norma zonal de regulación de uso e aproveitamento que establece a orientación xeral dirixida á promoción e desenvolvemento da economía rural a través dos respectivos plans e programas de acción sectorial, primándose as accións respectuosas co medio ambiente e a participación nos obxectivos de promoción e desenvolvemento do sistema rural, posta en valor dos seus recursos e potencialidades, fomentando accións encamiñadas á creación de emprego, incremento do valor engadido final e mellora da calidade de vida xeral en concordancia coa conservación da zona.

Zona de rede fluvial

As masas de auga existentes na superficie de aplicación do plan ocupan un total de 406,14 hectáreas. As normas zonais de regulación de usos e aproveitamentos establecen:

-Quedarán suxeitas a autorización da consellería as accións que teñan como obxectivo o aproveitamento forestal da ripisilva.

-O seu aproveitamento piscícola regularase, con carácter xeral, polas condicións que establezan as ordes xerais de vedas, que terán carácter complementario e subsidiario das que se dicten a través de programas de acción sectorial.

-Toda actuación ou actividade terá en conta os obxectivos dictados para a área e precisará autorización da consellería.

-As actividades deportivas e de recreo que se desenvolvan en augas continentais precisarán de autorización.

Artigo 4º

Establécense as seguintes normas xerais para o desenvolvemento de actividades en toda a área de aplicación do PORN:

-A creación de infraestructuras e equipamentos, a actividade extractiva de recursos e mineira, a actividade industrial e calquera outra de singular incidencia na zona, quedarán sometidas ás restriccións

impostas no presente decreto e nos instrumentos de desenvolvemento e execución do plan, de acordo co nivel de incidencia e repercusión ambiental que produzan. Nos restantes casos, estarán suxeitas ó informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Queda prohibido o abandono de residuos sólidos en lugares non autorizados.

-Quedan prohibidos os vertidos de calquera índole que poidan supoñer riscos de contaminación das augas superficiais e profundas.

-Prohíbese en todo o ámbito do espacio natural os vertidos de productos tóxicos e perigosos.

-Quedan prohibidas as acampadas fóra dos lugares destinados a este fin.

-Prohíbese a circulación con vehículos de motor fóra das estradas e pistas forestais, agás para os traballos da explotación e mantemento e o acceso dos propietarios ós seus predios.

-Queda prohibido facer lume fóra dos lugares e épocas sinalados para este fin.

-A instalación de sinalización publicitaria esixirá autorización da consellería.

Artigo 5º

Todas aquelas actuacións que produzan unha alteración física ou unha perda dos valores naturais, culturais, científicos ou educativos da área de aplicación do presente plan, someteranse ó procedemento de avaliación de impacto ambiental regulado polo Decreto 442/1990, do 13 de setembro.

Artigo 6º

Os terreos incluídos na área de aplicación do plan deberán te-la seguinte clasificación para os efectos urbanísticos de acordo co disposto nas normas subsidiarias e complementarias da provincia da Coruña:

1. Zonas de reserva natural, zona de fraga e zona de rede fluvial: deberán ter a consideración de solo non urbanizable de protección de espacios naturais.

2. Zona de mato e pasto, zona de repoboacións, zona agropecuaria: deberán te-la consideración de solo non urbanizable de protección agropecuaria.

3. Os núcleos rurais rexeranse polas respectivas normativas urbanísticas municipais.

4. Os terreos clasificados polo planeamento municipal na actualidade como solo urbanizable quedan exentos das determinacións deste plan.

Disposición transitoria

A teor do disposto no artigo 5 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, o presente plan de ordenación dos recursos naturais prevalece sobre

calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física, que deberán adaptarse a aquel no prazo dun ano, contado desde o día seguinte ó da publicación deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO II

Perímetro definido a escala 1:10.000, por cuadrículas UTM, identificando para cada tramo o accidente xeográfico ou infraestructura tomada como referencia.

De norte a sur e de oeste a leste, o perímetro é o seguinte:

Concello de Cabanas

Parroquia de Sta. Cruz do Salto. Coordenadas UTM 48-09, 5-70.

Marcan o límite oeste do espacio natural e a liña divisoria dos concellos de Pontedeume ó sur e Cabanas ó norte.

A liña perimetral do espacio natural do Eume discorre de sur a norte, de coordenadas 48-09, 5-70 a 48-10, 5-70 pola liña de máxima pendente, para continuar pola estrada de Cabanas ás Pontes do p.q. 5 ó p.q. 6, a partir do cal discorre por unha pista

ata o nucleo poblacional da Lagoa. Outra entidade encóntrase situada na parroquia de Soaserra (Sta. Olaia).

A partir do dito núcleo, a liña perimetral do parque discorre polas entidades de Os Durás, Os Lamas, A Igrexa, e Xabariz ata o límite co termo municipal da Capela.

O marco de coordenadas UTM estendeuse ó longo da citada 48-10 ata recuar no punto 5-70 á 48-9.

Concello da Capela

Unicamente comprende, parcialmente, a parroquia de Santiago da Capela.

Perimetrando as superficies de maior pendente, practicamente perimetradas pola curva de nivel 340.

Cruza a estrada das Neves a Ventureira, cruzamento a partir do cal o contorno do parque se superpón

á estrada secundaria que une a anterior co núcleo de Ribeira pasando por Os Paces.

Na súa exterior e optimizando o contorno en función da retícula UTM o desprazamento é sobre a 48-09, entre a 5-74 e a 5-77, punto no cal recúa á coordenada 48-08 á altura da aldea dos Paces e discorre sobre ela ata a 5-78, punto no cal gaña norte ata a 48-10.

Os límites que marcan o final do termo municipal da Capela quedan claramente definidos pola achega ó espacio natural do predio de titularidade pública denominado Fontardeón da Capela que comparte co termo municipal das Pontes de García Rodríguez.

Os límites exteriores do citado predio público son: 48-08, 5-78; 48-10, 5-78; 48-10, 5-79; 48-11, 5-79; 48-11, 5-80; 48-10, 5-80; 48-10, 5-81; 48-09, 5-81; 48-09, 5-82.

Concello das Pontes de García Rodríguez

48-09, 5-82.

Desde o final do Fontardeón da Capela, parcialmente en terras da parroquia de San Pedro do Eume.

O perímetro do espacio natural discorre polos núcleos de Lamela (perpendicular á estrada do núcleo de Pedreira ó encoro do Eume), Bouza, e Cuz seguindo das coordenadas 48-09, 5-82 ás 48-06, 5-82.

Une o último dos núcleos citados coa entidade Fragalma á altura das coordenadas 48-06, 5-84, enlaza co lugar de Paipaz, delimitado exteriormente polo punto 48-05, 5-84 e discorre ata o sitio de Cadabás no 48-05, 5-85 para a continuación inicia-lo seu discorrer en superficies da parroquia de Faeira á cal se incorpora pola estrada comarcal que une o último dos lugares citados co seu veciño Cruz de Raso.

Enlaza con Terba e Venade, novamente tomando de límite a estrada de Pazo a Faeira da cal atravesa o río de Rebardelle. Este río limita coa última parroquia das Pontes, Bermui.

Os límites UTM deste último tramo defínense como segue: 48-05, 5-85; 48-06, 5-85; 48-06, 5-88.

A superficie do espacio natural do Eume comprendida na parroquia de Bermui estendese desde o río de Rebardille ata cruza-la cola do río Eume. O contorno percorre os núcleos poboacionais de Cordal, Ermida e San Antonio.

O seu límite UTM exterior defínese: 48-06, 5-88; 48-05, 5-88; 48-05, 5-91.

Concello de Monfero

Desde o río Eume, no punto de confluencia dos termos municipais das Pontes de García Rodríguez e Monfero co límite provincial de Lugo, o perímetro do parque discorre sobre a citada delimitación provincial, incorporando os predios de titularidade pública denominados: Marco da Curra, Cordal da Loba, da parroquia do Alto de Xestoso.

Os límites exteriores en coordenadas UTM son: 48-05, 5-91; 47-98, 5-91; 47-98, 5-90; 47-97, 5-90; 47-97, 5-87.

A liña perimetral apártase da división provincial para continuar pola estrada N-640 a partir do p.q. 32 ata o p.q. 30, punto no cal o trazado do parque se axusta ó bordo interior dos citados predios públicos, quedando delimitado polas coordenadas: 47-97, 5-87; 47-99, 5-87; 47-99, 5-88; 48-01, 5-88; 48-01, 5-89; 48-02, 5-89; 48-02, 5-87.

A partir do rego Burro Muñiz, a liña do parque percorre os núcleos de Rebordochao, O Igrexario, A Espadana, Bidueiro, Escoitadoira, Vilachá, Portapena, Caulfe e O Ferro, núcleo este último a partir do cal o límite discorre pola estrada comarcal, ata o río Frei Bermui e a parroquia do Val de Xestoso, coas coordenadas exteriores seguintes: 48-02, 5-87; 47-99, 5-87; 47-99, 5-86; 47-98, 5-86; 47-98, 5-85; 47-99, 5-85.

Na citada parroquia do termo municpal de Monfero, o seu bordo exterior encóntrase en terreos de titularidade pública, correspondente ós predios de Cistierna e Penafesa de San Pedro.

Os límites UTM exteriores correspóndense coas seguintes coordenadas: 47-99, 5-85; 47-99, 5-84; 47-98, 5-84; 47-98, 5-83; 47-97, 5-83; 47-97, 5-81; 47-98, 5-8; 47-98, 5-80.

Na parroquia de San Fiz de Monfero, novamente, o límite encóntrase en terreos públicos, constituídos polos predios de Penacavada, Marola, Os Cerqueiros, A Fraga de Teixeiro, A Fraga de Cerqueiros e Penafes de S. Fiz ou Marola Grande.

Finalizando o perímetro deles enlaza co núcleo de San Xoán de Arco e discorre pola pista forestal ata a Ermida de Santo André limitando coa parroquia de San Xurxo de Queixeiro.

No lugar de Cortizos, o próximo núcleo que marca o linde é a aldea do Rodeiro. As coordenadas UTM nas que se desenvolven son: 47-98, 5-80; 48-03, 5-80; 48-03, 4-79; 48-02, 5-77; 48-04, 5-77; 48-04, 5-76.

Desde a citada aldea do Rodeiro e en superficies de San Xurxo de Queixeiro, o límite do espacio natural identifícase coa curva de nivel 400 marcando a diferencia entre territorios practicamente chans e con pendente superior ó 40% onde se sitúan as fragas. Cruza no seu percorrido os núcleos de Vilafail e Viñas, para entrar en territorio da parroquia de Taboada.

O seu percorrido queda encadrado na retícula UTM: 48-04, 5-76; 48-04, 5-73.

O límite xeográfico do perímetro do espacio natural do Eume en terras da parroquia de Taboada, paralelo á estrada de Pontedeume a Monfero, percorrendo os núcleos Lombo, Carreiras, Penedos, Casanova e Currás, ata cruzar un arroio que marca o límite de termos municipais dando paso á parroquia de Ombre no concello de Pontedeume.

No dito punto o límite xeográfico vén definido pola curva de nivel 300 que marca, unha vez máis, a diferencia entre terreos chans e o interior, constituído polas fragas que caen sobre o río Eume nas ladeiras do monte do Gato.

O límite no seu percorrido a cota 300 acúrtase, discorrendo entre dous muíños.

As coordenadas UTM delimitan no seu exterior o citado percorrido: 48-06, 5-73; 48-06, 5-72; 48-07, 5-72; 48-07, 5-70.

Enlazando co inicio da descrición perimetral no punto definido polas coordenadas 48-09, 5-70 cruzando o río Eume a poucos metros da súa desembocadura que marca o límite co termo municipal de Cabanas.

9604012