Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 04 de xullo de 1996 Páx. 6.584

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de xuño de 1996 pola que se establecen requisitos para a acreditación de laboratorios oficiais de vehículos históricos e a catalogación dos ditos vehículos.

O R.D. 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de vehículos históricos, contén as disposicións de carácter xeral en materia de vehículos históricos.

Entre os requisitos esixibles para que un vehículo teña a consideración de histórico, a mencionada norma fai referencia á previa inspección nun laboratorio oficial acreditado polo órgano competente da Comunidade Autónoma e a resolución favorable de catalogación do vehículo como histórico, dictada polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

Para darlle cumprimento ó disposto no citado R.D. faise necesario defini-los requisitos esixibles ás entidades ou organismos que se acrediten como laboratorios de vehículos antigos na Comunidade Autónoma galega.

Así mesmo, e co obxecto de facilitarlle ó administrado os trámites para a catalogación dun vehículo como histórico, faise preciso defini-la documentación que hai que achegar e o procedemento que hai que seguir.

En virtude do exposto e de acordo coas competencias que me foron transferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Actuación dos laboratorios acreditados para vehículos históricos.

A actuación dos laboratorios acreditados para vehículos históricos terá por obxecto inspecciona-los vehículos que se pretendan catalogar como históricos e emitir dictame acerca da autenticidade do vehículo, características técnicas, exencións e condicións técnicas que o vehículo debe cumprir nas inspeccións periódicas, frecuencia destas e posibles limitacións á circulación.

Artigo 2º.-Requisitos.

Os requisitos que deberán cumpri-las entidades ou organismos para ser acreditados como laboratorios de vehículos antigos serán os seguintes:

a) Estar vinculados a centros oficiais de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia, nos que se impartan materias relacionadas coa técnica do automóbil.

Os seus estatutos non conterán ningunha disposición contraria ó disposto na presente orde.

b) Non ter ningún tipo de participación, nin estar participado por, entidades que están relacionadas coa industria do automóbil.

c) A entidade ou organismo, os seus directivos e o persoal encargado das operacións de verificación

e control non poderán intervir directamente, nin como representantes, intermediarios ou axentes, no proxecto, construcción, comercialización, subministración, instalación ou mantemento dos automóbiles que está autorizado a verificar como laboratorio oficial acreditado.

d) Ter cuberta a responsabilidade civil que puidese derivarse da súa actuación mediante a oportuna póliza de seguros, por unha contía mínima de 10.000.000 de ptas., con cláusula de actualización anual segundo o índice de prezos ó consumo do Instituto Nacional de Estatística.

e) Como responsable técnico do laboratorio deberá existir un técnico titulado de grado superior ou medio e persoal auxiliar suficiente para o normal desenvolvemento da actividade.

f) Dispor dunha base de datos, coa seguinte información:

1. Do 90% de vehículos censados polos clubs de vehículos históricos de Galicia.

2. Dos vehículos fabricados no ámbito da CEE desde 1970.

No prazo de dous anos obterá información técnica acerca dos vehículos fabricados en España desde o inicio do automóbil, e no prazo de 4 anos da producción mundial desde o inicio do automóbil.

g) Dispor dun producto de actuación, que defina con precisión a metodoloxía que se vai seguir para a inspección dos vehículos e a táboa de tarifas que se van aplicar, aprobado pola Dirección Xeral de Industria.

h) Contar coas instalacións, equipos e elementos suficientes para efectua-las inspeccións dos vehículos.

i) Dispor dos medios informáticos que permitan unha xestión eficaz da base de datos propia e a conexión vía módem e fax a outras bases de datos.

Artigo 3º.-Solicitude de acreditación como laboratorio para vehículos históricos.

As entidades que pretenden obter acreditación para actuar como laboratorio de vehículos históricos deberán presentar unha solicitude ante a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, acompañada de documentación suficiente que permita acredita-lo cumprimento de todos e cada un dos requisitos establecidos no artigo anterior.

A Dirección Xeral de Industria emitirá a resolución que proceda, no prazo de dous meses.

A acreditación terá unha validez de dous anos, e poderase prorrogar por iguais prazos sempre que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos.

Contra a resolución da Dirección Xeral de Industria poderá interporse recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio.

Artigo 4º.-Obrigas dos laboratorios oficiais de vehículos históricos.

Os laboratorios oficiais de vehículos históricos estarán obrigados a mante-las condicións de ido

neidade cos que foran autorizados, así como a informar de forma inmediata á Dirección Xeral de Industria de calquera cambio que afecte ás citadas condicións.

Artigo 5º.-Control da actuación dos laboratorios oficiais de vehículos históricos.

P control da correcta actuación dos laboratorios oficiais de vehículos históricos corresponde á Dirección Xeral de Industria.

Non obstante o anterior, os laboratorios oficiais de vehículos históricos serán responsables por eles mesmos dos seus dictámenes e actuacións.

A Dirección Xeral de Industria controlará a actuación dos laboratorios oficiais de vehículos históricos a través dos libros de rexistro e demais documentación relativa ás inspeccións efectuadas ou mediante a inspección dos propios vehículos xa inspeccionados polos laboratorios.

Para os efectos de facilita-lo dito control, os laboratorios oficiais de vehículos históricos remitirán anualmente unha memoria das actuacións realizadas, situación económica, formación de persoal, melloras en xestión e calquera outra relativa tanto á organización como a calquera outra actividade do laboratorio, así como suxestións para unha mellor actuación.

Artigo 6º.-Réxime sancionador.

O incumprimento dos requisitos e as obrigas que nesta norma se establecen para os laboratorios oficiais de vehículos históricos dará lugar a que, logo de instrucción do expediente se acorde a suspensión temporal da autorización, e en consecuencia, se ordene a suspensión de actividades por un período de tempo entre un e seis meses, prazo durante o cal carecerá de efectividade calquer certificación, informe ou dictame que emita. Se se aprecia que o incumprimento carece de importancia, poderase apercibir ó laboratorio para que proceda a rectifica-las actuacións a que deran lugar ou requerilo para que presente cantos datos e informes lle sexan solicitados no prazo que se determine.

A reincidencia en incumprimento dos requisitos e obrigas que impliquen suspensión de actividades poderá ser causa de revogación da acreditación, logo de instrucción de expediente.

O órgano competente para incoar e resolve-los expedientes a que fai referencia este artigo será a Dirección Xeral de Industria.

Artigo 7º.-Solicitude de catalogación dun vehículo como histórico.

As persoas físicas ou xurídicas interesadas en obte-la catalogación dun vehículo como histórico deberán solicitar inspección do vehículo no laboratorio oficial correspondente, acompañada dos documentos nos que se funde o seu dereito, entre os que figurará necesariamente:

1. Toda a documentación no seu poder que acredite e defina as características técnicas do vehículo. A falta da dita documentación, certificado do fabricante, ou no seu defecto, dun club ou entidade,

relacionado con vehículos históricos e legalmente establecido, o cal acreditará as características e autenticidade do vehículo.

As certificacións emitidas por asociacións estranxeiras, deberán ser confirmadas por clubs ou entidades españolas.

2. Se é o caso, acreditación documental da declaración de bens de interese cultural ou de estar incluído no inventario xeral de bens mobles do patrimonio histórico español, se é o seu caso, informe do órgano competente.

3. Se o vehículo estivese matriculado anteriormente en España, deberán presentarse así mesmo, fotocopia cotexada do certificado de características técnicas do vehículo, do permiso de circulación ou, no seu defecto, certificación de tal cincunstancia, espedida pola Xefatura Provincial de Tráfico correspondente.

4. Informe do fabricante, entidades ou clubs que se refire o apartado 1 deste artigo, que expresará a razón pola que podería procederse á catalogación do vehículo como histórico, precisando os motivos que deben considerarse como determinantes para a dita catalogación.

Este informe irá acompañado da documentación que acredite o alegado nel mesmo.

Non se precisará informe cando se trate de vehículos incluídos no inventario xeral de bens mobles do patrimonio histórico español ou declarados bens de interese cultural.

No mencionado informe incluiranse as limitacións á circulación do vehículo que se consideran necesarias por razóns técnicas, así como aquelas condicións ou requisitos que non deben ser esixidos na inspección técnica.

5. Ficha reducida de características técnicas, emitida polo fabricante, entidade o club a que se refire o apartado 1 deste artigo, confeccionada segundo o establecido na lexislación vixente sobre a homologación de tipo de vehículos.

Esta ficha incluirá igualmente número de chassis, datas de fabricación e de primeira matriculación, se fosen coñecidas, e irá acompañada de fotografias en cor dos catro lados do vehículo.

No suposto de que o vehículo non teña gravado o número de chassis, o laboratorio oficial, logo das comprobacións legalmente establecidas, procederá a troquelar un número de identificación que constará nun rexistro único aberto polo laboratorio e habilitado pola Dirección Xeral de Industria para tal efecto.

Artígo 8º.- Actuación do laboratorio oficial de vehículos históricos.

O vehículo que se pretenda catalogar como histórico deberá ser presentado no laboratorio oficial de vehículos históricos o día que este sinale, para a súa inspección previa.

O laboratorio oficial de vehículos históricos, unha vez examinado o vehículo e a documentación presentada, emitirá un informe sobre a autenticidade do vehículo, as súas características técnicas, exencións e condicións técnicas que o vehículo debe

de cumprir nas inspeccións periódicas, frecuencia destas e posibles limitacións que deberían imporse á súa circulación.

O laboratorio oficial de vehículos históricos dará coñecemento do informe emitido ó interesado, que disporá do prazo dun mes para efectua-las alegacións que considere oportunas.

Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, no prazo dun mes, o laboratorio, remitirá o expediente completo, á Dirección Xeral de Industria, que emitirá a resolución que corresponda no prazo de dous meses, contados desde a recepción deste.

Contra dita resolución poderá interporse recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizase a Dirección Xeral de Industria para adopta-las medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5055