Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 21 de novembro de 1996 Páx. 10.468

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, na sección terceira do capítulo V do seu título II, regula a actividade da acuicultura na zona marítima. Por outra banda o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, no seu título II, capítulo I, regula de maneira específica as bateas.

Existe, sen embargo, na actualidade en Galicia, un importante número de artefactos flotantes, dedicados a distintos tipos de cultivo: mexillón, ostra, vieira e, nos últimos anos, gaiolas para peixes. Ó mesmo tempo, convén destaca-la existencia de novos cultivos, actualmente en fase de experimentación e que nun futuro próximo terán un importante desenvolvemento e expansión en Galicia.

De entre todos estes cultivos, unicamente no caso do mexillón existe algún tipo de normativa autonómica específica, en especial polo que se refire a dimensións dos artefactos e as características das instalacións, mentres que os viveiros dedicados a outras especies carecen de regulación expresa. Sinalar ó mesmo tempo que a tramitación administrativa das concesións e autorizacións por parte da Comunidade Autónoma, se acolle aínda á normativa estatal de aplicación supletoria.

A actividade de cultivo de viveiros e a súa evolución fai necesario aborda-lo dito desenvolvemento desde unha perspectiva organizativa polo que respecta ó uso do espacio marítimo, tanto no que se refire ás técnicas de cultivo como á relación existente entre os ditos cultivos e as demais actividades levadas a cabo no dominio público marítimo-terrestre.

Por outra banda, a alta densidade dos cultivos flotantes existentes en augas interiores de Galicia, fai imprescindible dictar normas para asegurar que os ditos cultivos non suporán un prexuízo para outras actividades nin sobre todo para si mesmos.

Por todo iso, a regulación das dimensións, características e outras circunstancias dos viveiros, é absolutamente necesaria co obxecto de:

a) Garantir un reparto máis equitativo dos recursos naturais, evitando na medida do posible que uns viveiros prexudiquen os outros, e

b) Evita-la deterioración do medio ambiente.

Para os efectos do establecido no presente decreto, as condicións de partida dos polígonos de cultivo, a súa situación xeográfica, número e situación dos

puntos de ancoraxe, será a prevista nos acordos de reordenación de polígonos de viveiros flotantes de cultivos mariños regulado polo Decreto 197/1986, do 12 de xuño (DOG nº 127 do 2 de xullo) e polo Decreto 423/1993, do 17 de decembro, anteriormente citado.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, oídas as organizacións representativas do sector, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbase o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, do que se insire o seu texto a continuación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados todas as disposicións de igual ou inferior categoría, no que se opoñan o disposto no presente decreto, e en particular queda derrogado o capítulo I Bateas, do título II Cultivos Mariños do Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 1994) polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar aquelas normas que sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte da ó súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia

Capítulo I

Disposición xerais

Artigo 1º.-Definicións.

Para os efectos do presente regulamento, enténdese por:

Viveiro: instalación ou artefacto flotante, a medias augas, de fondo ou de armazón fixo o fondo, que soporta os elementos necesarios para realizar un cultivo mariño.

Batea: viveiro formado por un engradado do que penden cordas, cables, cestos u outros elementos para o cultivo de especies mariñas.

Gaiola: viveiro no que por medio de rede ou rexilla se reteñen especies mariñas para o seu cultivo.

Liña de cultivo: viveiro formado por unha corda ou cable madre fixado mediante mortos e boias ó que se poderán suxeitar cordas secundarias, e realizar sobre elas cultivos de especies mariñas.

Polígono de cultivo: área delimitada na zona marítima para a instalación de viveiros.

Cuadrícula: área definida dentro dun polígono de cultivo para a instalación dun viveiro.

Punto de ancoraxe: punto que sinala o centro da cuadrícula definido por unhas coordenadas.

Dominio público do título habilitante: superficie do mar ocupada polo viveiro proxectada verticalmente baixo o auga ata onde sexa autorizado o cultivo e que inclúe ademais a superficie de fondo ocupada polos puntos de apoio ou ancoraxe do viveiro no fondo mariño.

Cambio de sistema: renovación total ou parcial da estructura dun viveiro.

Cultivo en mar aberto: o realizado en instalacións sitos por fóra das liñas do anexo I do Decreto 369/1994, do 2 de decembro, que modifica parcialmente o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

Reinstalación de moluscos: a operación que consiste en trasladar moluscos bivalvos a zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de contaminantes de orixe microbiano.

Reparqueo de moluscos: a operación que consiste en trasladar moluscos bivalvos a zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de toxinas.

Capítulo II

Títulos administrativos habilitantes

Artigo 2º.-Obriga.

1. De conformidade co disposto no artigo 10 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, o exercicio por toda persoa física ou xurídica das actividades de cultivos mariños require unha concesión administrativa previa, outorgado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. A carencia da concesión administrativa preiva determinará a ilegalidade da instalación ou explotación. Por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura regularase o procedemento para levar para cabo a súa retirada.

Artigo 3º.-Canon.

A Xunta de Galicia poderá establecer un canon de explotación que será aboado polos titulares dos viveiros.

Artigo 4º.-Seguro.

1. De conformidade co disposto no artigo 65.1º e na disposición transitoria primeira, apartado 2, da Lei de Pesca de Galicia antes citada, os concesionarios deberan dispoñer antes do 1 de xuño de 1998 dun seguro que cubra os danos que poidan experimenta-lo viveiro e as perdas na producción causadas por catástrofes naturais, así como a responsabilidade por danos a terceiros.

2. En caso de incumprimento do sinalado no apartado anterior, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá proceder, según os casos, de acordo co disposto na Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Sección primeira

Das concesións

Artigo 5º.-Concurso.

De conformidade co disposto no artigo 61 de Lei 6/1993, de 11 de maio, de pesca de Galicia, os puntos de ancoraxe de nova creación ou vacantes serán ofertados en concurso público por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e cos criterios sinalados no citado artigo.

Na convocatoria do concurso público para outorga-los puntos de ancoraxe farase constar a polo menos:

a) Número e situación dos puntos de ancoraxe libres ofertados.

b) Tipo de viveiros que se vai instalar.

c) Especie ou especies que se van cultivar en cada un deles.

d) Producción máxima autorizada.

e) Cualificación profesional esixida có director da explotación.

f) Baremo polo que se rexerá o concurso.

Artigo 6º.-Solicitudes.

Para poder accede-lo concurso público, os solicitantes deberán presentar alomenos a seguinte documentación:

a) Solicitude normalizada.

b) Características do viveiro.

c) Plan de explotación que incluirá, como mínimo, os seguintes puntos:

-Metodoloxía do proceso de cultivo.

-Forma de obtención da semente ou alevins.

-Plan de extracción.

-Medios técnicos que se van empregar.

-Calendario de producción previsto durante o período abarcado polo titulo administrativo habilitante.

-Plan financeiro.

-Comercialización.

d) Cadro de persoal previsto para levar a cabo a explotación e a súa cualificación profesional.

Artigo 7º.-Outorgamento e posta en explotación.

1. O outorgamento das concesións ofertadas realizarase de acordo cos criterios xerais de preferencia que, para tal efecto, establece o artigo 61.2º da Lei 6/1993, de pesca de Galicia.

2. Resolto o concurso, o outorgamento da concesión será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. O viveiro debera ser posto en explotación no prazo máximo dun ano a partir da data de publicación da orde, nos termos e condicións que sinala o titulo concesional.

4. Excepcionalmente a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá ampliar este prazo ata un máximo dun ano, previa solicitude do interesado, cando por causas non imputables a el, e debidamente xustificadas, non poida levar a efecto a posta en explotación.

Artigo 8º.-Acta de ancoraxe e ocupación.

A ancoraxe dos viveiros realizarase baixo a supervisión da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e levantarán os servicios técnicos o acta correspondente de ancoraxe e ocupación.

Artigo 9.- Cambios de ubicación.

A petición do titular e previa solicitude de informe ás organizacións do sector, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá dispoñer o traslado do viveiro a outra cuadrícula vacante, sendo este publicado no Diario Oficial de Galicia, manténdose os prazos, dereitos e obrigas do anterior emprazamento.

Artigo 10º.-Transmisión da titularidade.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autoriza-la transmisión da concesión con carácter indivisible nos seguintes supostos:

1. No caso de falecemento do concesionario, os seus habentes causa deberán comunicarlle o feito á administración concedente no prazo de tres meses e poderán subrogarse nos dereitos e obrigas de aquel no prazo dun ano. Transcorrido este último prazo sen manifestación expresa, entenderase que renuncian á concesión. Todo iso se prexuício dos dereitos hereditarios que legalmente lles corresponden; especialmente en canto a prazos en materia de aceptación da herdanza, para acepta-la ou repudiala, pura o simplemente, o a beneficio de inventario y para o dereito a deliberar.

2. Nas transmisións «inter vivos» favorecerase que cada titular posúa un número de viveiros tal que propicie que se rendibilicen o máximo tanto as instalacións como os medios dos que dispoña.

A transmisión «inter vivos» poderá ser autorizada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura sempre e cando se dean as seguintes circunstancias, favorecendo con iso a integración económica e social do sector.

a) Que o concesionario acredite a algunha das seguintes condicións:

-Imposibilidade de continuar coa explotación por razóns de enfermidade, xubilación u outras semellantes.

-Que transcorrese un mínimo de cinco anos desde a publicación da correspondente orde de outorgamento da concesión.

b) Que o posible novo titular reúna, que en calquer caso terá que encontrarse integrado nunha asociación do sector, reúna algunha das seguintes condicións:

-Dedicarse profesionalmente á acuicultura.

-Posuír medios adecuados e suficientes para a explotación do viveiro.

3. A constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións debera ser autorizada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

4. Nos supostos de adxudicación da concesión mediante remate xudicial o notarial, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá proceder o seu rescate nos termos legalmente previstos.

5. O outorgamento do cambio de titularidade publicarase no Diario Oficial de Galicia por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 11º.-Permuta dos puntos de ancoraxe.

1. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá, previa solicitude dos concesionarios afectados e tralo correspondente informe técnico, autoriza-la permuta de puntos de ancoraxe sempre e cando se favoreza o desenrolo económico e social do sector.

2. Os viveiros afectados pola permuta deberán adaptarse ás condicións especiais do polígono de destino, si as houbese.

3. A autorización da permuta dos puntos de ancoraxe publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Efecto subrogatorio da transmisión.

Nos casos descritos nos artigos 10 e 11, o novo concesionario subrogase no prazo, dereitos e obrigas do anterior.

Artigo 13º.-Prórrogas.

1. O concesionario que desexe continuar coa explotación do viveiro, deberá solitar na Consellería

de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a prórroga do título administrativo habilitante no prazo de 60 días anteriores o vencemento da concesión.

2. O outorgamento ou denegación da prórroga seralle comunicado ó interesado.

Artigo 14º.-Extinción.

Ademais do disposto nos apartados a) a j) do artigo 72 da Lei de pesca de Galicia, as concesións extinguiranse, polas seguintes causas:

1. Polo incumprimento das normas de extracción no que se refire o peche temporal de zonas ou subzonas.

2. Por incumprimento das normas de comercialización en relación coa clasificación das zonas de producción.

3. Pola non remisión reiterada de datos de producción á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, previo requerimento para o efecto.

4. Por falla de pagamento do canon cando o seu importe non poda facerse efectivo pola via de constrinximento.

5. Por non retirada do viveiro cando este non reúna as condicións mínimas de seguridade e a dita circunstancia fose debidamente comunicada pola Administración.

6. No caso de falecemento do concesionario, por transcurso do prazo dun ano sen que se produza a notificación sinalada no artigo 10º.

7. Por rescate cando procedese por reordenación de polígonos o, no seu caso, cando se produza unha adxudicación por remate xudicial o notarial.

Sección segunda

Das autorizacións experimentais

Artigo 15º.-Outorgamento.

1. De acordo co disposto no artigo 64.1º da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autorizar con carácter experimental o cultivo de especies ou instalación de viveiros non previstos no presente regulamento.

2. O outorgamento das autorizacións experimentais corresponderalle ó director xeral de Marisqueo e Acuicultura previa solicitude presentada por parte do interesado.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das autorizacións experimentais deberan:

a) Actuar con suxeición estricta as normas que rexen a autorización.

b) Presentarlle anualmente á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura informes científicos asinados polo técnico competente, relativos os resultados das experiencias realizadas.

Artigo 17º.-Réxime da autorización.

1. A ancoraxe dos viveiros amparados por estas autorizacións realizarase de conformidade có disposto no artigo 8º do presente regulamento.

2. A Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura de acordo co previsto no artigo 64.1º da Lei 6/1993 poderá prorroga-las, previa solicitude do interesado presentada no prazo dos 60 días anteriores ó remate da vixencia da autorización.

3. As autorizacións experimentais non serán transmisibles «inter vivos».

Artigo 18º.-Revogación.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá revoga-las autorizacións experimentais antes de remataren os prazos previstos no título habilitante polas seguintes causas:

1. O incumprimento por parte do beneficiario das normas que rexen a autorización.

2. A adxudicación, mediante concurso público, dos puntos de ancoraxe afectados.

3. As previstas no artigo 72 da Lei de pesca de Galicia e no artigo 14º do presente regulamento.

Sección terceira

Disposicións comúns

Artigo 19º.-Establecemento de novos polígonos de cultivo.

De acordo co disposto no artigo 6.d) da Lei de pesca de Galicia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer novos polígonos de cultivo.

Artigo 20º.-Revisión e reordenación de polígonos de cultivo.

1. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá realizar a revisión e/ou reordenación dos polígonos de cultivos sempre que a súa finalidade persiga a consecución de, polo menos, algún dos seguintes obxectivos:

-Modificación dos polígonos, por causas de interese xeral.

-Supresión dos polígonos existentes.

-Revisión da situación administrativa das concesións.

-Revisión da distribución dos viveiros no interior dos polígonos.

2. O procedemento de revisión e reordenación será o regulado no capítulo II do título II do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

3. A revisión e reordenación levarase a cabo dentro do contexto da planificación integral de usos do litoral, e se procurará que calquera modificación dos polígonos e dos títulos administrativos habi

litantes se faga sen lesional-os intereses de terceiros.

4. Cando, a consecuencia da revisión e/ou reordenación de polígonos se producise unha disminución do número de puntos e concesións preexistentes, poderá procederse ó rescate das correspondentes concesións.

Artigo 21º.-Zonas de reserva.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer polígonos ou zonas de polígonos dedicados exclusivamente a:

a) A reinstalación de moluscos, que deberán estar situados en zonas de augas salubres. Neles non se poderán realizar labores de cultivo, e estarán separados dos polígonos de cultivo de moluscos por unha distancia mínima de 300 m.

b) O reparqueo de moluscos, co obxecto de minorar os efectos das biotoxinas. Nos ditos polígonos ou zonas non se poderán realizar labores de cultivo.

c) O cultivo de determinadas especies, sempre que existan para iso razóns biolóxicas relacionadas coa producción, a calidade, ou o estado zoosanitario de ditas especies.

Capítulo III

Dos viveiros: punto de ancoraxe, instalacións, medidas técnicas

Sección primeira

Disposicións comúns

Artigo 22º.-Ubicación.

A cada concesión corresponderanlle os puntos de ancoraxe necesarios para a correcta localización dos viveiros.

Artigo 23º.-Rexistro.

O titular do viveiro levará un libro-rexistro que estará permanentemente a disposición da autoridade competente para a súa inspección.

Por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura establecerase o contido material obligatorio dos libros-rexistro de viveiros.

Artigo 24º.-Identificación.

Os viveiros deberán estar identificados mediante unha placa, coas características que determinará a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A sinalización e balizamento de polígonos e/ou viveiros realizarase de acordo coa normativa estatal e internacional vixente na materia.

Nos viveiros situados fóra do polígono, a instalación e mantemento a que se refire o parágrafo anterior será por conta dos titulares.

Artigo 25º.-Puntos de ancoraxe.

Os propietarios dos viveiros instalados adoptarán tódalas medidas necesarias para asegura-la súa ancoraxe, sendo responsables dos danos que pola

súa neglixencia poidan producirse a outros concesionarios.

Artigo 26º.-Cambios de sistema.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autorizar cambios de sistema despois da solicitude por parte do concesionario. Antes de outorga-la autorización, acordarase a constitución dunha fianza ou aval bancario, en función do custo do cambio de sistema proposto e nos termos que se establezan nas disposicións de desenvolvemento do presente regulamento.

Artigo 27º.-Reparación.

Cando un viveiro non reúna as condicións mínimas de seguridade esixibles, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura comunicaralle ó titular a perigosidade que aquel representa, así como a necesidade de reparación inmediata e o prazo para levala a efecto.

De non realiza-la reparación no prazo sinalado, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá acorda-la súa retirada por conta do titular.

Artigo 28º.-Zonas de reparación.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá determina-las zonas nas que se realicen as labouras de reparación, cambio de sistema ou despezamento dos viveiros, despois da consulta ós organismos con competencias na materia.

Artigo 29º.-Cambio de cultivo.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a petición do titular, poderá concede-lo cambio de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos.

No caso de cultivos poliespecíficos, a densidade de cultivo para cada especie será establecida no título habilitante. En todo caso respectaranse as disposicións do presente regulamento.

Artigo 30º.-Traslado de especies.

O traslado de especies dun viveiro a outro deberá ser autorizado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 31º.-Datos estatísticos.

Os concesionarios estarán obrigados a lle remitir á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura tódolos datos estatísticos que periodicamente ou en cada caso concreto lles sexan requiridos.

Artigo 32º.-Residuos.

Os residuos procedentes da labra, manipulación e eviscerado das diferentes especies sometidas ó cultivo non poderán ser tiradas ó mar.

O incumprimento do disposto no parágrafo anterior constitúe unha infracción tipificada na Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Sección segunda

Bateas

Artigo 33º.-Superficie artefactos.

A superficie das bateas será como máximo de 550 m e o seu lado maior non poderá supera-los 27 m.

Artigo 34º.-Ancoraxe.

1. As bateas só poderán ser ancoradas en puntos onde a profundidade mínima sexa superior a:

-10 m no caso de viveiro de mexillón

-7 m para viveiros de ostras, ameixas e pectínidos.

Excepcionalmente, sempre que medien circunstancias hidrográficas favorables e a bioloxía da especie e a rendibilidade da explotación o permitan, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, despois de informa-las organizacións do sector, poderá autorizar ou determina-la ancoraxe de bateas en lugares onde a profundidade mínima sexa igual ou superior á metade da establecida no presente artigo.

2. Ancoraranse a un ou a dous mortos. No primeiro caso as características da cadea serán tales que permitan o normal aliñamento da batea, non podendo, en ningún dos dous casos, superar artefacto e tren de ancoraxe, os límites da cuadrícula asignada.

3. Como norma xeral, tódalas bateas dun polígono se ancorarán do mesmo modo.

Artigo 35º.-Mexillón: cordas de engorde.

1. A lonxitude máxima do total de corda de engorde de mexillón por batea, o número máximo de cordas de engorde, a súa densidade das mesmas, así como a súa lonxitude, serán determinadas por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, despois da consulta co sector, segundo as características dos diferentes polígonos de cultivo, debendo ser uniformes para tódalas bateas dun mesmo polígono.

2. As cordas de engorde uniranse ás bateas por medio da rabiza, quedando libre un dos seus extremos. A rabiza terá como máximo 5 metros de lonxitude a contados desde o engradado, non poderá ter palillos, e debera diferenciarse claramente da corda de engorde.

Artigo 36º.-Mexillón: abastecemento de semente en cordas colectoras.

1. Poderán colocarse cordas colectoras de semente de mexillón sempre que o número total de cordas da batea non supere a densidade e número máximo a que se refire o artigo anterior.

2. Independentemente do recollido no punto anterior, no período que vai desde ó 1 de abril ata ó 30 de setembro, autorízase a colocación de cordas colectoras de semente de mexillón en bateas de maneira que o número de cordas non supere as cen respecto ó máximo que lle corresponda á dita

batea. Unha vez rematado este período o número de cordas axustarase ó que lle corresponda á batea.

3. As cordas colectoras, que terán libre un dos seus extremos, non poderán ter máis de cinco metro de lonxitude contados a partir da superficie do mar. Cada unha delas deberá estar claramente identificada mediante unha marca de color vermella intensa, na súa parte superior, dunha lonxitude mínima de 30 cm que a diferencie perfectamente das cordas de engorde.

Artigo 37º.-Mexillón: abastecemento de semente en banco natural.

1. Os concesionarios das bateas dedicados ó cultivo de mexillón que desexen abastecerse de semente de banco natural deberán solicitárllelo ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura indicando datas, lugares e cantidades propostas para a extracción.

2.-Os delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderán autoriza-las ditas extraccións, sempre que o estado dos recursos o permita, indicando:

-Zonas de extracción con precisión dos límites delas.

-Período de extracción, que debe estar comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril.

-Cantidades máximas que se poden extraer en cada zona.

3.-Os concesionarios de bateas ou as súas asociacións poderán subscribir acordos coas confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores, para proceder por parte destas á extracción da semente de mexillón nas rochas do litoral. Estes acordos serán trasladados á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura co obxecto de expedi-las habilitacións correspondentes.

4.-Unha vez recollida a semente, os recolledores eliminarán, mediante rasquetas, tódolos organismos fixados na zona traballada co fin de aumenta-lo rendemento delas.

5.-Prohíbese a extracción de semente os sábados, domingos e festivos.

Artigo 38º.-Ostras, pectínidos, ameixas: cordas de engorde.

Nas bateas de ostra e pectínidos, cando a suxeición sexa directa sobre a corda de engorde, permitirase un máximo de 6 cordas por metro cadrado útil sen supera-las 3.000 cordas. Para o cultivo en cestos, tanto destas especies como de ameixas, permitirase un máximo de 4 cordas por metro cadrado útil, sen supera-las 2.000.

As cordas de engorde uniranse á batea por medio da rabiza, quedando libre un dos seus extremos e a súa lonxitude será igual ou inferior a 7 metros. Cada unha delas levará unha rabiza non superior a 3 metros na que non se pode realizar cultivo.

No caso dos pectínidos, a lonxitude máxima da rabiza será de 6 metros.

Sección terceira

Gaiolas

Artigo 39º.-Volume máximo do cultivo.

1. Con carácter xeral, a ocupación da gaiola ou conxunto de gaiolas, incluídas as auxiliares, será como máximo de 2.500 m e 12.500 m de cultivo por cuadrícula.

2. Con independencia do establecido no apartado anterior, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, poderá limita-la capacidade máxima de producción de cada instalación.

Artigo 40º.-Ancoraxe.

As gaiolas só poderán ser ancoradas en puntos nos que a súa profundidade sexa, alomenos, igual ó dobre da profundidade útil de cultivo.

Excepcionalmente, sempre que medien circunstancias hidrográficas favorables e a bioloxía da especie e a rendibilidade da explotación o permitan, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, despois da informa-las organizacións do sector, poderá autorizar ou determina-la ancoraxe de gaiolas en profundidades menores das establecidas no presente artigo.

As gaiolas de peixes fixaranse ó fondo, non podendo nin estas nin o tren de ancoraxe supera-los límites da cuadrícula asignada.

Artigo 41º.-Distancias entre instalacións.

Co fin de previr posibles prexuízos para a producción, a calidade das augas e as especies mariñas, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer distancias mínimas entre instalacións.

Sección cuarto

Liñas de cultivo

Artigo 42º.-Liñas de cultivo.

As liñas de cultivo dedicaranse ó cultivo de moluscos ou algas mariñas, podéndose ancorar en polígonos ou como instalacións en mar aberto, séndolles de aplicación neste caso o establecido na sección 5ª deste regulamento.

Artigo 43º.-Ancoraxe.

1. As liñas de cultivo só poderán ser ancoradas en puntos nos que a profundidade mínima sexa superior a:

-10 m no caso de cultivo de mexillón

-7 m no caso de cultivos de ostras, ameixas, pectínidos e algas.

Excepcionalmente, sempre que medien circunstancias hidrográficas favorables e a bioloxía da especie e a rendibilidade da explotación o permitan, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

despois de informa-las organizacións do sector, poderá autorizar ou determina-la ancoraxe de liñas de cultivo en lugares onde a profundidade mínima sexa igual ou superior á metade da establecida no presente artigo.

2. As liñas de cultivo poderán ser simples, dobres ou múltiples, podéndose instalar en superficie, entre augas ou sobre o fondo. En calquera caso, a área ocupada polas liñas estará sinalizada mediante un mínimo de catro boias de non menos de 0,5 m, sitas nos vértices da área e provistas dun mastro con bandeira da letra O (amarela e vermella), cunha altura total non inferior ós dous metros sobre a superficie da auga.

3. O tren de ancoraxe das liñas de cultivo non superará os límites da súa cuadrícula.

Artigo 44º.-Mexillón: cordas de engorde.

A lonxitude máxima total de corda de engorde de mexillón por liña, o número máximo de cordas de engorde, a densidade delas, así como a súa lonxitude será determinada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, despois da consulta co sector, segundo as características dos diferentes polígonos de cultivo, debendo ser uniformes para tódalas liñas dun mesmo polígono.

Artigo 45º.-Mexillón: abastecemento de semente.

Para a colocación de cordas colectoras ou abastecemento de semente de banco natural, serán de aplicación os artigos 36º e 37º do presente regulamento.

Artigo 46º.-Ostras, pectínidos, ameixas: cordas de engorde.

Nas liñas de cultivo de ostra e pectínidos, cando a suxeición sexa directa sobre a corda de engorde, permitirase un máximo de 3.000 cordas, sendo a lonxitude máxima destas de 7 m, non podendo colocar máis de 6 cordas de engorde por cada metro de corda nai.

Para o cultivo en cestos, tanto destas especies como de ameixas, permitirase un máximo de 4 cordas por cada metro de corda nai, sen supera-las 2.000.

Artigo 47º.-Cultivo de algas.

Se as liñas de cultivo se destinasen ó cultivo de algas e este se desenvolvese directamente sobre a corda nai, a lonxitude total desta non deberá exceder de 4.000 metros por cuadrícula. A separación entre cordas non será inferior a 1 m.

Sección quinta

Dos viveiros en mar aberto

Artigo 48º.-Viveiros en mar aberto.

Poderá cultivarse en viveiros en mar aberto calquera especie mariña susceptible de adaptarse e responder ás técnicas e peculiares condicións deste tipo de cultivo.

Artigo 49º.-Condicións de cultivo.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer limitacións ó volume e/ou dimensións das instalacións, distancias mínimas entre elas e capacidades máximas de producción, co fin de previr posibles prexuízos para a producción, a calidade das augas e as especies mariñas. Non obstante, mentres non teña lugar esta regulación, estas limitacións explicitaranse no título habilitante.

Artigo 50º.-Ancoraxe.

Os puntos de ancoraxe onde se vaian situar estas instalacións non interferirán na navegación regular nin nas faenas de pesca artesanal ou litoral.

Disposición adicional

Nos casos de viveiros destinados ó cultivo de bivalvos que resulten afectados de maneira persistente por biotoxinas, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá, de maneira excepcional, establecer exencións temporais segundo o disposto nos artigos 35º, 38º, 44º e 46 do presente regulamento.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. En relación co disposto nos artigos 33º e 39º do presente regulamento, establécese un prazo improrrogable de 6 meses para legaliza-las características dos viveiros cando estas difiran das establecidas no correspondente título habilitante, pero se encontren dentro do previsto no presente regulamento.

2. Para o caso de que excedan do recollido nos referidos artigos, establécese un prazo igualmente improrrogable dun ano para acomodarse ás dimensións previstas nos ditos artigos.

Segunda.

En relación co disposto no artigo 38º establécese un prazo transitorio de 12 meses.

Terceira.

Os prazos a que se refiren as anteriores disposicións contaranse a partir da entrada en vigor deste regulamento.

Cuarta.

En tanto non se desenvolva regulamentariamente o disposto nos artigos 35.1º e 44º, establécese unha lonxitude máxima do total de corda de engorde para mexillón, tanto en batea como para liña, de 6.000 m. O número máximo de cordas de engorde para ámbolos tipos de viveiro será de 500 cordas e a súa lonxitude máxima de 12 m.

96-8427